DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Xoves, 29 de setembro de 2005 Páx. 16.151

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2005, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Elaboradora de Cefalópodos, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Elaboradora de Cefalópodos, S.A. (código convenio 1503452), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 12-7-2005, complementado o 18-8-2005, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo comité de empresa o día 8-7-2005, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o depósito do citado acordo no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 8 de setembro de 2005.

María Debén Alfonso

Delegada provincial da Coruña

V Convenio colectivo de ámbito de empresa

Elaboradora de Cefalópodos, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo será de aplicación á totalidade dos traballadores e traballadoras que presten os seus servizos no centro de traballo da empresa, Elcesa, situada no polg. de Bergondo, así como os que ingresen na empresa, durante a súa vixencia.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Este convenio colectivo terá unha duración de tres anos, entrando en vigor o día 1 de xaneiro de 2005 ata o 31 de decembro de 2007, e durante a súa vixencia, non poderá ser afectado polo disposto en convenio de ámbito distinto, todo isto ao amparo de canto prevexa o artigo 84 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, que aprobou o Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Prórroga.

Ao cumprir a data do seu vencemento este convenio colectivo prorrogarase de ano en ano, de non mediar denuncia por calquera das partes, cunha antelación mínima dun mes antes da data do seu vencemento.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Todas as condicións contidas neste convenio establécense co carácter de mínimas. Os pactos actualmente existentes ou costumes máis beneficiosos sobre condicións serán respectados.

Artigo 5º.-Comisión paritaria do convenio.

Constitúese unha comisión paritaria, que cumprirá as seguintes funcións:

-Interpretación das cláusulas deste convenio.

-Aplicación do pactado e vixilancia do seu cumprimento.

-Mediación, arbitraxe e conciliación no caso de conflito colectivo, cando se solicite por instancia dun dos seus órganos.

-A comisión paritaria estará integrada por dous órganos, un en representación do sector social e outro en representación da empresa, cada un estará integrado por tres representantes pertencentes á comisión negociadora. Ambas as partes poderán ser asistidas por un asesor, con voz pero sen voto. Os acordos da comisión paritaria requirirán, validamente constituída, a asistencia á reunión de dous membros de cada unha das representacións.

Artigo 6º.-Horario de traballo e xornada.

A xornada de traballo fíxase en 40 horas semanais, aboándose como extraordinarias o exceso de horas traballadas coas recargas que se establezan neste convenio.

Esta xornada establecerase de luns a venres, a razón de oito horas diarias en xornada continua.

O persoal desfrutará dun descanso de trinta minutos no momento de menos afluencia de traballo, computándose este descanso como tempo de traballo efectivo.

O total anual de horas efectivas de traballo é de 1.826 horas, salvo que por lei de rango superior se modificase este cómputo.

Artigo 7º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias prestadas polo persoal masculino e feminino serán satisfeitas cunha recarga do 80% sobre o salario hora tipo ordinario que resulte da aplicación das retribucións fixadas no convenio.

Artigo 8º.-Premio por matrimonio.

Todo traballador/a que contraia matrimonio estando de alta na empresa, cunha antigüidade mínima de seis meses, percibirá un premio a cargo desta, consistente en 121 euros.

Artigo 9º.-Vacacións.

O descanso anual retribuído do persoal comprendido no presente convenio será de 30 días naturais a partir do primeiro ano de traballo, establecéndose a data para o seu desfrute de común acordo entre as partes (empresario e traballadores), coa participación do comité de empresa, confeccionándose a tal fin unha lista de vacacións que deberá estar exposta na empresa antes do 31 de marzo, fixándose no primeiro trimestre do ano, por orde de antigüidade e orde rotativa nos sucesivos anos, no caso de non haber acordo, 15 días serán sinalados polo empresario e outros 15 polo traballador.

O persoal que ingrese na empresa no transcurso do ano terá dereito á parte proporcional do tempo traballado; en todo caso respectarase o establecido no Estatuto dos traballadores.

Artigo 10º.-Día da patroa e festivos locais.

Establécese como día festivo non recuperable o día 16 de xullo, día da patroa a Virxe do Carme. Así mesmo, as festas locais rexeranse polos festivos locais da Coruña (martes de entroido e 7 de outubro Virxe do Rosario).

Artigo 11º.-Retribucións.

Serán de aplicación as establecidas na táboa anexa. Faise constar que o complemento de transporte sinalado na táboa anexa se percibirá aínda nos supostos de enfermidade ou accidente de traballo.

Artigo 12º.-Xornada nocturna.

Establécese un complemento de nocturnidade dun 25% sobre o salario para todos aqueles traballadores que realicen a súa xornada en horario nocturno. Enténdese por xornada nocturna a partir das 21.00 horas.

Artigo 13º.-Antigüidade.

O dereito por antigüidade consistirá en trienios e serán fixados na contía do 4% do salario deste convenio, sen limitacións no número deles.

O cómputo da antigüidade ao persoal dará comezo desde a data de ingreso na empresa, sexa cal sexa a categoría profesional que teña.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Cada unha das gratificacións do 25 de xullo e Nadal, consistirán nunha mensualidade dos salarios que se establecen neste convenio, a razón do salario base, complemento de transporte e antigüidade; estas gratificacións terán que ser aboadas o día 25 de xullo e a de decembro non máis tardar do día 22 dese mes.

Artigo 15º.-Gratificación extraordinaria de beneficios.

No mes de marzo aboarase unha paga denominada de beneficios, cunha contía de 30 días de salarios percibidos no ano natural anterior, a razón de salario base, complemento de transporte e antigüidade, computándose como tal o correspondente a enfermidade xustificada, permisos retribuídos e baixas por accidente de traballo. No caso de non ter permanecido na empresa durante o ano natural anterior, o seu importe reducirase, sendo proporcional ao tempo traballado nela.

Artigo 16º.-Licenzas con soldo.

Todo traballador ten dereito ás seguintes licenzas retribuídas:

a) Por matrimonio 16 días hábiles.

b) Por falecemento ou enfermidade grave do cónxuxe, ascendentes ou descendentes: 7 días hábiles.

Enténdense como tales os consanguíneos ou por afinidade, políticos, en caso de irmáns: 5 días hábiles.

c) Establécese unha licenza retribuída de 2 días en caso de enfermidade ou morte dos avós, fillos políticos, irmáns políticos ou tíos.

d) Por parto da esposa, 7 días naturais.

e) Establécese unha licenza retribuída en caso de acompañamento a probas ou recoñecementos médicos de fillos/as menores de 13 anos, sempre que o traballador sexa titor ou responsable deles e sen límite de idade se se trata de diminuídos físicos ou psíquicos.

f) Por cambio de domicilio: 1 día hábil.

g) Por bautizo, primeira comuñón e matrimonio de fillos/as: 1 día laborable.

h) Establécese un día de asuntos propios, condicionado a non ter estado máis de 60 días de incapacidade temporal nos 12 meses anteriores á data de desfrute. Será necesario pedilo cun mínimo de 24 horas de antelación para desfrutalo, a empresa concederá o permiso por orde temporal de petición, non podendo desfrutar máis de tres traballadores simultaneamente ese día. Poderá ser acumulado ao período vacacional, e descontado na mesma forma que as vacacións en caso de causar baixa na empresa.

Recoñécense os mesmos dereitos daqueles que derivan do matrimonio civil para as parellas de feito, entendéndose como cónxuxe a persoa que nese momento conviva co traballador/a.

Artigo 17º.-Persoal afectado.

Todo o persoal afectado por este convenio non poderá prestar máis servizos que os debidos á empresa para a que traballa, e a negativa do traballador a prestar servizos en empresas distinta á súa non será considerada como desobediencia para os efectos das causas de despedimento sinaladas na lei. Así

mesmo, ningún traballador poderá prestar servizos a outras empresas do sector distintas á súa. O incumprimento destas normas dará lugar a causa de despedimento disciplinario, de acordo co establecido na lexislación vixente.

Artigo 18º.-Seguridade no traballo.

A empresa estará obrigada a dotar o seu persoal de roupa de traballo adecuada ao ambiente e dadas as especiais circunstancias dos cometidos e funcións que realizan. Para estes efectos, facilitarase por parte da empresa a roupa necesaria de acordo coas peculiaridades de cada posto de traballo.

Artigo 19º.-Anticipos reintegrables.

A empresa estará obrigada a anticiparlles a todos aqueles traballadores que conten cunha antigüidade mínima de seis meses dentro dela, e así o soliciten, o importe dunha mensualidade de retribución, adianto este que será reintegrado polo traballador de forma fraccionada ou de entregas parciais, por períodos mensuais, quincenais ou semanais, segundo lle conveña ao traballador, non devengando xuro de ningún tipo este aprazamento no pagamento. A empresa non estará obrigada a aboar o mencionado adianto cando as peticións superen o 50% do cadro do persoal da empresa.

De todos modos, no caso de cesar na empresa o traballador, a suma que puidese ter pendente de saldar seralle descontada da liquidación que lle puidese corresponder, e de non asistirlle tal dereito estará obrigado a reintegrala de maneira inmediata.

Artigo 20º.-Realización de todas as manipulacións.

Os aprendices, empacadores, oficiais empacadores, encargados ou compradores realizarán todas as operacións de manipulación, entendéndose por tales as de rastrexo de caixas, carga e descarga, preparación e demais relacionadas co tratamento do peixe, coas limitacións que establece o Decreto do 26 de xullo de 1957.

Artigo 21º.-Traballo por axuste.

O traballo por axuste será aboado na conta que mutuamente acorden a empresa e os traballadores, pero en todo caso as tarefas deberán representar o mínimo das retribucións fixadas na táboa salarial, incrementada no 45% dela.

Artigo 22º.-Traballo de categoría superior.

O traballador que realice labores de categoría superior á que teña asignada percibirá o salario correspondente a aquela durante o tempo que dure esa situación, pero se se prolongase máis de catro meses, automaticamente adquirirá a categoría que realmente lle corresponde.

A categoría profesional de oficial empacador adquirirase de modo automático aos 6 anos de servizo na empresa. Ao traballador/a que se encontre en situación de incapacidade temporal (baixa por causa de enfermidade común), por un período superior a 6 meses consecutivos, non se lle computará o tempo

de baixa que exceda dos 6 meses, exceptuando as baixas por hospitalización e intervención cirúrxica.

Artigo 23º.-Clasificación profesional, definición de categorías.

A clasificación profesional ten un carácter meramente definitorio e enunciativo e non supón unha obriga para a empresa de dotar prazas de todos e cada un dos grupos e categorías profesionais, se as necesidades e volume da empresa non o requira.

O persoal de Elcesa clasificarase por razón das súas funcións nos seguintes grupos:

1. Persoal técnico titulado: titulado grao superior, biólogo, veterinario, titulado grao medio e encargado de laboratorio.

2. Persoal mercantil non titulado: encargado/a de establecemento, oficial empacador/a, fileteador/a, empacador/a, encargado/a de liña, encargado/a de almacén, oficial especialista, oficial carreteiro, comprador, carreteiro e condutor.

3. Persoal administrativo: oficial administrativo, contable, auxiliar administrativo, comercial, promotor de vendas, analista informático e aspirante.

Definición de categorías:

Encargado de liña: persoa que coordina os traballos específicos dunha produción, dependendo da subdirección de produción. En caso de non ter labor na súa liña habitual ou fose máis necesaria noutra liña de traballo poderá variar de posto de traballo.

Oficial especialista: persoa que está cualificada para calquera tipo de traballo, e que nun futuro pode exercer de encargado de liña. Está capacitado para realizar calquera tipo de traballo. O ascenso a esta categoría non está suxeita a tempo, sendo potestade da empresa o número e momento necesario para estes ascensos.

Oficial empacador/a: persoa con antigüidade e perfeccionamento no empaque, e que en puntas de produción pode variar de función e ser proposto para oficial especialista.

Fileteador/a: persoa especializada en filetear peixe, e que pode facer calquera tipo de traballo para poder pasar a oficial especialista.

Empacador/a: persoa que se encarga da elaboración e empacado do produto.

Encargado/a de almacén: persoa que se encarga da distribución, control, de todas as existencias do almacén, tanto conxelado como non.

Oficial carreteiro/a: persoa que co tempo ou experiencia adquirida, ten un grao de perfeccionamento nas súas funcións maior que o carreteiro. As súas funcións serán as do carreteiro, podendo adaptarse ás necesidades momentáneas en calquera outro posto.

Carreteiro/a: persoa capacitada para o uso de carretillas, que ademais do traballo habitual, faga o seu traballo coa carretilla.

Condutor/a: persoa que, polos seus permisos e destreza está autorizada para realizar os traballos de condución de camións.

Artigo 24º.-Política de ascensos.

a) Os ascensos dentro do sistema de clasificación profesional produciranse conforme o que se estableza en convenio no seu defecto, en acordo colectivo entre a empresa e os representantes dos traballadores. En todo caso os ascensos produciranse tendo en conta a formación, méritos, antigüidade na empresa, así como as facultades organizativas do empresario.

b) Os criterios de ascenso na empresa acomodaranse a regras comúns para os traballadores dun e outro sexo.

Artigo 25º.-Asemblea sindical da empresa.

Recoñéceselles o dereito de reunión dentro da empresa aos traballadores desta afectados polo presente convenio, fóra da xornada laboral ou inmediatamente ao rematar esta.

Os traballadores non poderán ser despedidos ou sancionados por estar afiliados a un sindicato.

Nos casos en que o traballador sexa representante sindical ou delegado de persoal, recibirá as licenzas necesarias para o normal desenvolvemento da súa actividade sindical de acordo coa lexislación vixente; en todo caso a empresa terá dereito a pedir xustificantes das licenzas conseguidas.

Artigo 26º.-Enfermidade ou accidente.

Todos os traballadores suxeitos ao presente convenio que se encontren en situación de baixa por enfermidade ou accidente percibirán, con cargo á empresa, a compensación económica necesaria co fin de que percibirán o 100% do seu salario real durante un máximo de 12 meses.

Así mesmo, os períodos de enfermidade ou accidente non se terán en conta para deducir dos períodos de vacacións.

Artigo 27º.-Táboa de salarios.

Fíxanse como mínimas as retribucións que figuran na táboa anexa, sendo o incremento para o ano 2005 dun 2,50% e o complemento de transporte quedará fixado en 74,90 euros por mes, para todas as categorías que se farán efectivos desde o 1 de xaneiro de 2005. Para os anos 2006 e 2007 o incremento salarial será o IPC previsto polo Goberno para eses anos máis o 0,75 puntos porcentuais.

Para o ano 2007 establécese un 0,25% máis sobre esta cantidade condicionada á baixada do absentismo nun 10% sobre o número de xornadas totais afectadas en anos consecutivos.

Artigo 28º.-Xubilación.

a) Os traballadores/as que teñan o necesario período de carencia e cumpran a idade establecida para causar dereito á xubilación normal (65 anos na actualidade), deberán xubilarse obrigatoriamente a fin de que a empresa poida facilitar novo emprego.

b) O persoal con 10 anos de antigüidade como mínimo na empresa que se xubile durante a vixencia deste convenio poderá solicitar que se lle conceda un premio de xubilación nas condicións e contía que a continuación se especifican:

-Xubilación voluntaria aos 60 anos: 3.006 euros.

-Xubilación voluntaria aos 61 anos: 2.405 euros.

-Xubilación voluntaria aos 62 anos: 2.104 euros.

-Xubilación voluntaria aos 63 anos: 1.804 euros.

-Xubilación voluntaria aos 64 anos: 1.503 euros.

Para a súa percepción deberá solicitarse no prazo de tres meses desde o cumprimento da idade correspondente. Se cumprindo os 64 anos de idade e seis meses máis, o traballador non solicitase a xubilación, perderá o dereito a este complemento.

Á vista de cada solicitude concreta, a dirección decidirá discrecionalmente, logo do informe dos representantes dos traballadores.

Unha vez fixada a contía do premio, a empresa poderá fraccionar o pagamento durante un máximo de 12 meses.

Artigo 29º.-Revisión salarial.

Para o ano 2005 garántese o IPC real máis 0,75% dese ano. Esta revisión aplicaríase con efectos do día 1 de xaneiro de 2005 e aboarase no primeiro trimestre do ano 2006, servindo de base os novos salarios así establecidos para determinar os correspondentes ao ano 2006.

Para o ano 2006 garántese o IPC real máis 0,75% dese ano. Esta revisión aplicaríase con efectos do día 1 de xaneiro de 2006, e aboarase no primeiro trimestre do ano 2007 servindo de base os novos salarios así establecidos para determinar os correspondentes ao ano 2007. Para o ano 2007 garántese o IPC real máis o 0,75% e aboarase no primeiro trimestre do ano 2008, servindo de base os novos salarios así establecidos para determinar os correspondentes ao ano 2008.

Artigo 30º.-Complemento de frío.

Establécese un complemento de 100 euros mensuais para os carreteiros que realicen a súa tarefa habitual en cámaras frigoríficas.

Artigo 31º.-Complemento de quendas.

Establécese un complemento de 30 euros mensuais para os traballadores/as, que a petición da empresa teñan que cambiar a súa quenda, ou realicen a súa xornada de traballo en réxime de quendas rotativas.

Artigo 32º.-Complemento de asistencia.

Establécese un complemento de asistencia por día completo traballado para todo o persoal. A contía deste complemento será de 50 euros ao mes, en proporción aos días efectivamente traballados en xornada completa.

O complemento de asistencia pérdese na súa totalidade polas seguintes causas.

Tres ou máis faltas de puntualidade (chegar tarde máis de 5 minutos), nun mes.

Artigo 33º.-Seguro de invalidez e morte.

A empresa contratará un seguro de invalidez colectivo permanente total ou de morte por accidente durante as 24 horas do día, domingos e festivos, para todo o persoal afectado por este convenio, coas seguintes indemnizacións:

-Por morte : 18.031 euros.

-Por invalidez permanente total ou absoluta: 21.035 euros.

-Esta póliza entrará en vigor o mesmo día do asinamento do convenio.

Disposición adicional

Primeira.-Contratos temporais.

En todo o referente á contratación temporal aterase ao disposto no convenio colectivo estatal de conservas, semiconservas e salgas de peixes e mariscos.

ANEXO

Táboa provisional de salarios 2005 (euros)

Categoría profesionalSalario

base

Complem.

transporte

Total

mensual

Total anual

* Grupo primeiro

Persoal técnico titulado

Titulado grao superior849,5174,90924,4113.866,15
Biólogo849,5174,90924,4113.866,15
Veterinario849,5174,90924,4113.866,15
Titulado grao medio745,9474,90820,8412.312,60
Encargado laboratorio745,9474,90820,8412.312,60

* Grupo segundo

Persoal mercantil non titulado

Encargado establecemento745,9474,90820,8412.312,60
Oficial empacador/a683,1574,90758,0511.370,75
Fileteador/a683,1574,90758,0511.370,75
Empacador/a657,0874,90731,9810.979,70
Encargado de liña738,1574,90813,0512.195,75
Encargado de almacén745,9474,90820,8412.312,60
Oficial especialista713,1574,90788,0511.820,75
Oficial carreteiro713,1574,90788,0511.820,75
Comprador745,9474,90820,8412.312,60
Carreteiro683,1574,90758,0511.370,75
Condutor683,1574,90758,0511.370,75

* Grupo terceiro

Persoal administrativo

Oficial administrativo657,3674,90732,2610.983,90
Contable657,3674,90732,2610.983,90
Auxiliar administrativo623,0974,90697,9910.469,85
Comercial623,0974,90697,9910.469,85
Promotor vendas623,0974,90697,9910.469,85
Analista informático623,0974,90697,9910.469,85
Aspirante564,8774,90639,779.596,55

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA