DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Xoves, 29 de setembro de 2005 Páx. 16.151

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 26 de setembro de 2005 pola que se modifica a do 22 de decembro de 2004 pola que se establecen as normas para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola.

Na tramitación das axudas ás entidades colaboradoras de pesca para o fomento da riqueza piscícola, recollidas na orde da Consellería de Medio Ambiente do 22 de decembro do pasado ano (DOG nº 254, do 31 de decembro) producíronse retrasos, non imputables directamente aos beneficiarios destas, que poden dificultar a xustificación dos investimentos, á que se refire o artigo 19º da disposición citada, polo que se fai necesario proceder a unha ampliación do prazo establecido nel, para facilitar o cumprimento da dita obriga polos beneficiarios destas axudas.

En virtude do anterior e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Dáselle nova redacción ao artigo 19º da orde da Consellería de Medio Ambiente do 22 de decembro do pasado ano (DOG nº 254, do 31 de decembro), que quedará redactado como segue:

«Artigo 19º.-Prazo de xustificación dos investimentos.

Con carácter xeral e salvo que a resolución de concesión da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate dos investimentos e do pagamento de conceptos correspondentes a eles, deberá realizarse antes do 1 de novembro de 2005».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2005.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible