DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Xoves, 29 de setembro de 2005 Páx. 16.150

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 26 de setembro de 2005 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión de axudas para a mellora e modernización das estruturas de produción das explotacións agrarias convocadas pola Orde do 16 de decembro de 2004.

Pola Orde do 16 de decembro de 2004 convocáronse para o ano 2005 as axudas para a mellora e modernización das estruturas de produción das

explotacións agrarias (Diario Oficial de Galicia nº 247, do 22 de decembro). As bases reguladoras destas axudas establécense na orde desta consellería, do 7 de xuño de 2002 (Diario Oficial de Galicia nº 113, do 13 de xuño).

No artigo 12 da Orde do 16 de decembro de 2004, relativo ao financiamento destas axudas, detállase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para elas. Tendo en conta o elevado número e dimensión das solicitudes de axuda que se recibiron e a necesidade dun maior financiamento, cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente, coa finalidade de poder amparar as solicitudes de axuda presentadas polos agricultores e gandeiros da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran co establecido nas ordes desta consellería citadas anteriormente.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988 e o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Amplíase a dotación orzamentaria que se recolle na orde desta consellería, do 16 de decembro de 2004 (Diario Oficial de Galicia nº 247, do 22 de decembro), pola que se convocan para o ano 2005 as axudas para a mellora e modernización das estruturas de produción das explotacións agrarias, nun total de 14.500.000 euros, tal e como se especifica de seguido:

a) A aplicación orzamentaria 57.03.614-A.774.0 increméntase en seis millóns de euros (6.000.000 de A), para o ano corrente 2005.

b) A aplicación orzamentaria 57.03.614-A.777.3, increméntase en tres millóns quiñentos mil euros (3.500.000 de A) para o ano corrente 2005, e en cinco millóns de euros (5.000.000 A) para a anualidade do 2006.

Segundo.-Tamén se poderán utilizar outros remanentes adicionais que puidesen existir na mesma aplicación. En todo caso, a concesión da axuda para a mellora e modernización das estruturas de produción das explotacións agrarias estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Terceiro.-Esta modificación non afecta o prazo que se establece para a presentación de solicitudes de axuda na devandita Orde do 16 de decembro de 2004.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2005.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural