DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 28 de setembro de 2005 Páx. 16.093

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 506/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

O Instituto Galego de vivenda e Solo (en adiante IGVS) foi creado pola Lei 3/1988, do 27 de abril. O Decreto 70/1997, do 14 de marzo, establecía a súa estrutura orgánica. Este decreto foi obxecto dunha modificación, operada polo Decreto 258/1999, do 17 de setembro.

Como consecuencia da publicación do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, creando a Consellería de Vivenda e Solo, e do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, que fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, faise preciso aprobar o decreto de estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo.

As anteriores normas realizan a adscrición do organismo á Consellería de Vivenda e Solo. En atención ao exposto faise preciso modificar a estrutura orgánica do Instituto coa finalidade de adaptar a composición dos seus órganos non só á dependencia da nova consellería senón tamén á estrutura desta.

Aprovéitase a modificación organizativa para reforzar os servizos de xestión do solo, de xeito que a creación do solo de carácter produtivo e residencial se converta no eixe fundamental de acción do organismo, non só coa finalidade de abaratar a súa produción para conseguir unha menor repercusión no prezo da vivenda, senón tamén co fin de que os operadores económicos dispoñan de solo suficiente para dinamizar o territorio ou se poidan reasentar factores produtivos co gallo de recuperar valores

ambientais ou naturais, todo iso desde o principio do desenvolvemento equilibrado e sustentable.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo, logo do informe das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de setembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é un organismo autónomo de carácter comercial e financeiro, adscrito á Consellería de Vivenda e Solo, que exerce a súa superior dirección, ao que lle corresponde a realización das políticas de vivenda e solo, coa finalidade de acadar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto, e no marco dos principios reitores contidos no artigo 47 da constitución.

Artigo 2º

Para o desempeño das súas funcións, o Instituto terá a seguinte estrutura orgánica:

I. O Consello do Instituto.

II. O presidente.

III. A dirección xeral.

IV. O xerente do IGVS.

V. As direccións técnicas:

-A Dirección Técnica de Xestión Patrimonial.

-A Dirección Técnica de Construcións.

-A Dirección Técnica de Solo.

-A Dirección Técnica de Contabilidade, Tesouraría e Control Interno.

VI. As delegacións provinciais.

I. O Consello do Instituto.

Artigo 3º

O Consello é o órgano superior do Instituto ao que lle corresponde a alta dirección da súa actividade.

3.1. O Consello do Instituto está constituído por:

a) O presidente do Consello e do Instituto, que será o conselleiro de Vivenda e Solo.

b) Un vicepresidente, que será o secretario xeral da Consellería de Vivenda e Solo.

c) Os vogais, que serán:

-Un director xeral representante da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

-Un director xeral representante da Consellería de Economía e Facenda.

-O director xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

-O director xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.

-O director xeral do IGVS.

d) O secretario do Consello, que será o xerente do IGVS.

3.2. Competencias: correspóndelle ao Consello do Instituto:

a) A aprobación dos seus plans e programas de actuacións, por proposta do director xeral do IGVS.

b) A aprobación do anteproxecto de orzamento do Instituto, presentado polo seu director xeral.

c) O control da xestión do Instituto.

d) A constitución de comisións de estudo sobre aspectos específicos en materias da súa competencia e o deseño de plans de formación e divulgación no ámbito das competencias do Instituto.

e) A aprobación da proposta de creación de consorcios e sociedades anónimas ou de integración ou participación do Instituto nas xa constituídas, así como a aprobación da proposta de constitución de xerencias e de todo tipo de acordos coa iniciativa privada.

f) Cantos asuntos relacionados coa competencia do Instituto lle someta o seu presidente.

II. O presidente.

Artigo 4º

4.1. O presidente do IGVS será o conselleiro de Vivenda e Solo, quen desempeña a representación oficial deste.

4.2. Correspóndelle ao presidente do Instituto:

a) Convocar as reunións do Consello, sinalando lugar, día e hora da celebración, así como establecer a orde do día delas, por propia iniciativa ou cando así o solicite a metade máis un dos membros do Consello.

b) Presidir e dirixir as deliberacións do Consello.

c) Autorizar coa súa sinatura as actas das sesións do Consello do Instituto.

d) Someter á aprobación do Consello da Xunta o anteproxecto de orzamentos do Instituto e, se é o caso, os seus plans e programas.

e) Obrigar ao Instituto en todos os casos, de conformidade cos requisitos exixidos pola lexislación vixente, correspondéndolle, como órgano de contratación del, a facultade de celebrar contratos.

f) Calquera outra facultade que, en relación coas materias de competencia do Instituto, se lle atribúa regulamentariamente.

III. A Dirección Xeral.

Artigo 5º

5.1. O director xeral do Instituto é o seu órgano executivo. Será nomeado e destituído libremente polo Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Vivenda e Solo.

5.2. Correspóndelle ao director xeral do Instituto:

a) Asistir o presidente no exercicio das súas funcións.

b) Exercer, por delegación do presidente, a representación oficial do Instituto.

c) Executar os acordos do Consello do Instituto.

d) Executar os encargos e mandatos de xestión que lle sexan encomendados pola Consellería de Vivenda e Solo.

e) Dirixir e coordinar a xestión do Instituto.

f) Asinar, no caso de delegación do presidente e en nome do Instituto, os convenios e contratos sobre materias da súa competencia.

g) Elaborar o anteproxecto de orzamentos do Instituto, así como render as contas correspondentes.

h) Autorizar e dispoñer os créditos e dotacións, o recoñecemento das obrigas e a ordenación dos pagamentos do Instituto, dentro dos límites que lle correspondan.

i) Dirixir a preparación dos plans e programas do Instituto e presentalos ao Consello do Instituto para a súa aprobación.

j) Todas as facultades que lle delegue expresamente o presidente do Instituto ou lle sexan encomendadas polo Consello. Terá, así mesmo, como propias, todas as funcións e facultades non encomendadas pola lexislación vixente ao Consello ou ao presidente do Instituto.

IV. O xerente do IGVS.

Artigo 6º

6.1. O xerente do Instituto será nomeado polo Consello do Instituto por proposta do director xeral entre persoas con titulación superior. Cesará no seu cargo polo mesmo procedemento.

6.2. Correspóndelle ao xerente, baixo a dependencia do director do Instituto:

a) A coordinación de todos os servizos do Instituto, velando polo correcto funcionamento dos sistemas de información e control.

b) O apoio administrativo, xurídico, e técnico ao director xeral.

c) A certificación administrativa dos actos do IGVS.

6.3. O xerente asumirá, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade do director xeral do Instituto, as funcións ordinarias de despacho e sinatura nos asuntos de mero trámite e nos que con carácter ordinario lle sexan delegados.

6.4. Dependendo organicamente do xerente do IGVS, con nivel orgánico de Subdirección Xeral, existirá unha asesoría xurídica delegada da Asesoría Xurídica Xeral, que será exercida pola Asesoría Xurídica da Consellería.

Artigo 7º

Baixo a dependencia directa do xerente, existirán as seguintes unidades:

7.1. Servizo Técnico-Xurídico.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Estudar, coordinar e, se é o caso, elaborar os anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral emanados do Instituto, así como levar a cabo compilacións e refundicións da normativa propia.

b) Elaborar informes e ditames, estudar as propostas de resolución que sexan elaboradas polas distintas unidades do Instituto e as reclamacións e recursos que se produzan contra actos administrativos deste.

c) Tramitar as queixas que se formulen ante o Defensor do Pobo e Valedor do Pobo, así como as relacións administrativas cos xulgados e tribunais.

d) Coordinará a elaboración e, sé e o caso, elaborará e xestionará os convenios que deba asinar o Instituto.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados de acordo con estas funcións.

V. As direccións técnicas.

Artigo 8º

8.1. Os directores técnicos, con rango orgánico de subdirector xeral, serán nomeados polo presidente do Instituto, por proposta do director xeral deste.

8.2. As direccións técnicas do Instituto son as unidades orgánicas encargadas do estudo, tramitación e proposta de resolución dos asuntos de competencia do Instituto que se lles atribúan.

Artigo 9º

9.1. Á Dirección Técnica de Xestión Patrimonial correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A administración e xestión do patrimonio do Instituto correspondente a vivendas e locais comerciais así como a xestión das rendas dos bens deste.

b) A xestión dos ingresos que, relacionados coas competencias propias, lle correspondan á dirección técnica.

c) O desenvolvemento e execución das competencias que a Lei 3/1988 lle atribúe ao Instituto en materia financeira e en especial o endebedamento e a xestión de fianzas.

d) A tramitación, se é o caso, de convenios coas entidades financeiras para o financiamento hipotecario das promocións de vivenda publica.

e) A realización dos estudos precisos para un mellor coñecemento das necesidades no ámbito das súas competencias.

9.2. Dependendo do director técnico existirán as seguintes unidades:

9.2.1. Servizo de Xestión Financeira, coas seguintes funcións:

a) Realizar o seguimento dos créditos de investimentos do IGVS, tramitando o pagamento de xuros

e a subsidiación que derive dos convenios coas entidades financeiras como consecuencia da subrogación nos créditos dos adquirentes de vivendas, e a xestión das execucións hipotecarias que se produzan.

b) A revisión e control das contas de recadación ou, se é o caso, a xestión directa da recadación. Controlar as altas e baixas en facturación de locais, contribucións iniciais e IVE. O control da facturación e ingresos correspondentes a vivendas adxudicadas en segundas transmisións.

c) A revisión e a tramitación dos estudos económicos de valoración de vivendas para a súa aprobación.

d) O estudo, a proposta e a xestión de todas as actuacións encamiñadas á mellor administración do patrimonio de vivendas e locais comerciais do Instituto, como as amortizacións anticipadas, as poxas, etc.

9.2.2. Servizo de Administración, ao que lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión de asuntos referentes á facenda pública e, especificamente, a xestión do IVE no ámbito das vivendas de promoción pública e locais comerciais, así como a xestión do IBI e o resto dos tributos locais que gravan as vivendas.

b) A administración e xestión directa, ou mediante concertos, das fianzas legalmente establecidas nos supostos de arrendamento de vivendas e locais de negocio e contratos de subministración.

c) Xestionar as axudas aos adquirentes de vivendas de protección oficial de promoción pública.

9.2.3. Servizo de Inspección. Ao que lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) Planificar, dirixir, coordinar e, se é o caso, efectuar as inspeccións de ocupacións, usos e transmisións nas vivendas de promoción publica e locais propios do Instituto.

b) A inspección para verificar o cumprimento da normativa reguladora do uso e transmisión das vivendas con protección pública ou libres de promoción privada.

c) Propoñer as resolucións que procedan en relación coas denuncias efectuadas ou as inspeccións feitas.

d) Efectuar as inspeccións relativas a non-pagamentos de morosos e propoñer e tramitar, en coordinación coas xefaturas provinciais, os expedientes de resolución de contratos e desafiuzamentos.

Artigo 10º

10.1. Á Dirección Técnica de Construcións correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Executar os plans xerais e programas anuais detallados de promoción pública de vivenda, ben sexa en solo propio do Instituto ou ben mediante concursos de adquisición de vivendas xa rematadas

ou en fase de proxecto ou construción, por proposta da consellería.

b) Propoñer e elaborar plans xerais e programas anuais detallados de conservación do parque de vivendas de promoción pública e a xestión dos anteditos programas.

c) Elaborar os pregos de prescricións técnicas para a contratación das obras do Instituto, e supervisar e aprobar, se é o caso, os que lle sexan sometidos á súa consideración.

d) Controlar a execución dos programas de construción e o cumprimento dos prazos previstos nos proxectos de obras.

e) Supervisar os proxectos que lle sexan encomendados.

f) Coordinación do seguimento do control de calidade.

g) A xestión dos convenios para a promoción pública de vivendas.

h) A xestión da adquisición de vivendas, edificios e aloxamentos provisionais e actuacións de emerxencia en promoción pública de vivendas, por proposta da consellería.

i) A xestión das axudas que se establezan ás comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública.

10.2. A Dirección Técnica de Construcións estrutúrase nos seguintes servizos:

10.2.1. Servizo de Programación, Xestión de Investimentos e Apoio Administrativo: correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A análise dos investimentos en coordinación coa Dirección Técnica de Xestión Patrimonial, nos aspectos económico-financeiros.

b) Realizar a proposta de orzamento das obras de construción e conservación de vivendas e urbanizacións.

c) Supervisar os investimentos concluídos e realizar a proposta e reaxuste de anualidades en función do grao de avance das obras.

d) A xestión das certificacións e incidencias nas obras.

e) O seguimento e a xestión das obras realizadas en réxime concertado, das súas certificacións e das incidencias nelas.

f) A xestión administrativa dos asuntos de competencia da dirección técnica.

10.2.2. Oficina Técnica: correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Actuar como oficina de supervisión de proxectos da consellería e do IGVS coas funcións previstas na normativa de contratación pública.

b) Asesorar tecnicamente en materia de rehabilitación de vivendas na elaboración da documen

tación técnica e en cantas materias relacionadas coas súas funcións lle sexan formuladas pola consellería, garantindo o apoio técnico requirido por todos os seus centros directivos.

c) Elaborar os pregos de prescricións técnicas para a contratación de obra nova e adquisición de vivendas e locais en fase de proxecto ou construción, garantindo o seu axuste ás normas establecidas, e informar sobre os que sexan sometidos á súa consideración.

d) Realizar o plan de control de calidade para asegurar o cumprimento das normas establecidas, así como o control e, de ser o caso, a inspección da execución das obras para verificar o cumprimento da normativa reguladora da construción.

e) Realizar informes técnicos de avaliación de ofertas, a petición, se é o caso, das mesas de contratación e os órganos de contratación.

f) Dirixir obras de construción e reparación de vivendas de promoción pública.

g) Realizar estudos técnicos no ámbito da súa competencia.

h) Redactar os proxectos que lle sexan encomendados.

i) Supervisar ou recibir, se é o caso, as certificacións parciais e finais das obras do Instituto en execución directa ou concertada.

Artigo 11º

11.1. Á Dirección Técnica de Solo correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A planificación e programación das necesidades de solo e os estudos económico-financeiros correspondentes ás actuacións previstas.

b) A análise, segundo as prescricións do planeamento, de ámbitos de solo con destino a construción de vivendas protexidas tanto a escala metropolitana como comarcal ou municipal.

c) Propoñer as disposicións normativas precisas relativas ás competencias en materia de solo do Instituto.

d) A promoción e xestión do solo preciso para as finalidades do Instituto, e especificamente para a execución dos programas de construción de vivendas protexidas.

e) A promoción e xestión do solo de carácter produtivo, incluíndo o solo empresarial.

f) A xestión de convenios ou instrumentos xurídicos análogos con esta finalidade.

g) A formación dos correspondentes plans urbanísticos e proxectos, e a súa supervisión técnica coa asistencia que sexa precisa da Dirección Técnica de Construcións. A xestión dos ditos plans e proxectos técnicos urbanísticos cando os desenvolva directamente o Instituto, ou coa súa cooperación mediante calquera dos sistemas previstos na lexislación sobre urbanismo aplicable en Galicia.

h) A xestión e tramitación dos expedientes de expropiación oportunos para a consecución dos fins do Instituto.

i) A coordinación das Xestures e o seguimento dos convenios coas sociedades urbanísticas, sociedades ou empresas que teñan como finalidade a promoción e xestión do solo.

j) O establecemento de axudas en materia de solo.

k) Actuar como oficina de supervisión de proxectos nos proxectos relativos ás súas competencias.

11.2. A Dirección Técnica de Solo contará cos seguintes servizos:

11.2.1. Servizos de Adquisición, Alleamento e Cesión de Solo Residencial: correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Preparar as prescricións técnicas para os concursos de adquisición de solo e informar sobre as ofertas.

b) Xestionar a adquisición do solo residencial, mediante cesión gratuíta dos concellos, compra directa, permuta ou expropiación, así como supervisar os proxectos de expropiación presentados por empresas públicas participadas ou por particulares cando teñan o carácter de beneficiarios.

c) Preparar os convenios cos concellos para a creación de solo residencial.

d) Xestionar e coordinar as obras de urbanización para transformar o solo.

e) Xestionar os procedementos de alleamento de solo, así como as propostas de alleamento e cesión de solo a promotores públicos e privados.

f) A xestión dos tributos relativos os solos competencia da dirección técnica.

g) Calquera outra que se lle encomende en relación coas anteriores.

11.2.2. Servizo de Solo Empresarial: correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Programar as necesidades de solo produtivo, en coordinación con outros órganos da Xunta de Galicia.

b) Xestionar a adquisición do solo empresarial, por expropiación ou mutuo acordo.

c) Contratar e supervisar os plans e proxectos técnicos precisos para a promoción do solo, así como a xestión das obras de urbanización.

d) Xestionar o alleamento do solo empresarial.

e) Se é o caso, o establecemento e xestión de axudas para a renovación de infraestruturas en polígonos empresariais promovidos por promotores públicos e privados.

f) Calquera outra que se lle encomende en relación coas anteriores.

Artigo 12º

12.1. Á Dirección Técnica de Contabilidade Orzamentos, Tesouraría e Control Interno correspóndelle, sen prexuízo das competencias que en materia de control sexan exercidas pola Consellería de Economía e Facenda, a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, as seguintes funcións:

a) A supervisión e asesoramento da actividade económica do IGVS.

b) A subministración á dirección xeral da información da actividade económica do Instituto.

c) A colaboración coa dirección xeral e co xerente na planificación e programación da actividade económica, así como no proceso de orzamentación do Instituto, a súa execución, a distribución dos proxectos e financiamento. Así mesmo a coordinación da Tesouraría.

d) Coordinar os traballos de inventario do IGVS, os procedementos de actualización, así como a coordinación das unidades que teñan implicación no seu mantemento, todo iso sen prexuízo das funcións que corresponden ao xerente do IGVS e ao Servizo de Contabilidade no relativo á certificación dos bens que forman parte de aquel, e mais a anotación na contabilidade do Instituto. Así mesmo, remitirá, por solicitude da Consellería de Economía e Facenda, os datos precisos para a actualización do Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma.

e) A análise dos procedementos de gasto do IGVS, propoñendo as modificacións precisas para que se axusten aos principios de economicidade e axilidade que permitan unha maior eficacia para a xestión.

f) Coordinar as relacións cos órganos de control da Xunta de Galicia, o Consello de Contas ou o Tribunal de Cuentas.

g) A dirección da contabilidade do organismo.

h) A coordinación da Tesouraría e dos ingresos e pagamentos do organismo.

i) Calquera outra que se lle encomende en relación coas anteriores.

12.2. A Dirección Técnica de Contabilidade, Orzamentos, Tesouraría e Control Interno contará cos seguintes servizos:

12.2.1. Servizo de Contabilidade, Orzamentos e Tesouraría: correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Levar e desenvolver a contabilidade do Instituto.

b) Preparar e examinar as contas que debe render o Instituto perante o seu órgano de tutela, a Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou calquera outra rendición de contas preceptiva.

c) Velar polo cumprimento das obrigas formais coa administración tributaria.

d) Elaborar e subministrar a información contable que precisen os órganos de dirección do Instituto.

e) Preparar as posibles modificacións e adaptacións do Plan Xeral de Contabilidade Pública para o IGVS.

f) Elaborar o anteproxecto de orzamento do Instituto, efectuar o seguimento da execución deste orzamento e tramitar, cando sexa preciso, as oportunas modificacións daquel.

g) Realizar as accións propias da xestión da Tesouraría do Instituto, así como a materialización dos ingresos e pagamentos, o control dos saldos das contas correntes do IGVS, a recepción, custodia e devolución de depósitos que se constitúan ante o Instituto, e se é o caso, a xestión das funcións que lle corresponden ao IGVS en relación coa recadación executiva prevista na disposición adicional terceira da Lei 3/1988, de creación do Instituto.

12.2.2. Servizo de Control Interno: realizará, en colaboración coa Intervención Delegada do IGVS, as seguintes funcións:

a) Formular propostas de control preventivo do cumprimento da legalidade substantiva e formal nos procesos de xestión do gasto do IGVS.

b) Apoio ao control posterior do cumprimento das normas e directrices internas e externas na xestión das operacións do IGVS, así como do cumprimento dos principios de eficacia e economía na súa xestión.

c) Propostas de melloras, modificacións ou revisións dos procedementos de xestión económico-financeira do IGVS.

d) A revisión e supervisión dos procesos en que se concreta a actividade económica do organismo con carácter previo á aprobación pola dirección xeral.

e) Asesoramento ás unidades con competencia na xestión do gasto.

f) Mantemento de información continua relativa aos gastos

g) Calquera outra relativa ao control económico-financeiro que lle asigne a normativa de aplicación.

VI. As delegacións provinciais.

Artigo 13º

Os delegados provinciais do Instituto serán os da Consellería de Vivenda e Solo e, en tal calidade, corresponderalles a dirección no ámbito provincial respectivo das funcións competencia do Instituto.

No ámbito territorial respectivo, correspóndelles o exercicio das seguintes funcións:

a) Exercer a representación ordinaria do presidente do Instituto na respectiva provincia.

b) Impulsar a xestión e tramitación de expedientes administrativos nas materias do ámbito de competencia do Instituto.

c) A proposta, posta en práctica e control da execución de plans e programas de actuación do Instituto e a elaboración de estudos e informes de carácter xeral necesarios para estes efectos.

d) O asesoramento en todas as cuestións da súa competencia que lles sometan os órganos centrais do Instituto.

e) Elevar á dirección xeral o anteproxecto de orzamentos da delegación provincial, así como emitir informes sobre actuacións do Instituto no seu ámbito territorial.

f) O exercicio das competencias que, mediante os decretos 5/1987, do 14 de xaneiro, e 87 e 88/1990, ambos os dous do 15 de febreiro, resulten desconcentradas, así como calquera outra competencia ou atribución que as leis e demais disposicións xerais lles confiran ou lles sexan delegadas polo presidente, o Consello ou polo director xeral do Instituto.

g) Asinar en nome do Instituto todas as escrituras relativas á promoción pública de vivendas do IGVS e dos terreos, así como a cancelación de préstamos hipotecarios, se fose o caso, e os contratos de compravenda ou alugueiro de vivendas e locais.

Artigo 14º

Para o cumprimento das súas funcións, as delegacións provinciais contarán coa seguinte unidade con rango de xefatura de servizo:

14.1. Área provincial do IGVS: correspóndelle a cada área provincial o exercicio das seguintes funcións:

a) Dirixir a xestión de cantos asuntos en materia das competencias do IGVS teña atribuídos a delegación provincial, asegurando o cumprimento dos obxectivos do Instituto no seu ámbito.

b) Elaborar a información e estatísticas da delegación provincial.

c) Prestarlle asesoramento e asistencia técnica ó delegado provincial.

14.2. Cada área provincial contará cos seguintes servizos:

14.2.1. Servizo Xurídico Administrativo: este servizo desenvolverá as seguintes funcións:

a) Elaboración de informes e propostas sobre os recursos, reclamacións e solicitudes presentados ante a xefatura provincial.

b) Asistencia ás mesas de contratación.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en relación con estas funcións.

14.2.2. Servizo Técnico: correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Controlar e supervisar os proxectos de obra nova de promoción pública, promoción privada, conservación e rehabilitación, así como controlar a respectivas obras e redactar os proxectos que se lle encomenden.

b) Conformar as certificacións, revisións e liquidacións.

c) Dirixir a realización de estudos técnicos.

d) Elaborar informes técnicos para adquisición de solo, así como efectuar as valoracións correspondentes.

e) Realizar as inspeccións de obras que se lle encomenden.

Disposición transitoria

Única.-Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou contido das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das ditas unidades, autorízase a conselleira de Vivenda e Solo, a proposta do secretario xeral da consellería, para readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 70/1997, do 14 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Decreto 258/1999, do 17 de setembro, polo que se modificou aquel; así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Vivenda e Solo para ditar normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de setembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA