DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 28 de setembro de 2005 Páx. 16.089

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 505/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo.

O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, creando a Consellería de Vivenda e Solo. Á súa vez o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

O presente decreto ten por finalidade establecer a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo, adecuando esta ás necesidades reais da política de vivenda e solo da Xunta de Galicia.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo, logo do informe das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de setembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Vivenda e Solo é o órgano da Administración da comunidade autónoma ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de política de vivenda, favorecendo o acceso dos cidadáns ao dereito, constitucionalmente garantido, dunha vivenda digna e adecuada. Así mesmo, correspóndelle a dirección da política en materia de patrimonio arquitectónico, habitabilidade e calidade da vivenda e a de creación dos instrumentos que a garantan, en particular a creación de solo residencial e de equipamentos acorde coas necesidades de asentamento da poboación. Complementariamente correspóndelle á consellería, a través dos seus órganos, dentro do marco da normativa de ordenación do territorio e a urbanística, o establecemento da política de solos de carácter produtivo, tales como o industrial, o comercial ou tecnolóxico, e en xeral, os que incidan na mellora da habitabilidade do territorio da comunidade autónoma, baseando aquela no principio de sostibilidade, en colaboración coa

política de solos sectoriais específicos desenvolta por outros departamentos ou administracións en Galicia.

En particular correspóndenlle á consellería as seguintes funcións:

a) Elaborar ou aprobar, de ser o caso, as normas polas que se establece a política da Xunta de Galicia en materia de vivenda e solo.

b) Representar a posición da Xunta de Galicia nos órganos de representación, comisións, comités e foros, tanto nacionais como internacionais, que teñan competencia en materia de vivenda e solo, así como colaborar nestas materias con outros entes territoriais situados fóra da comunidade autónoma, sen prexuízo das competencias que en materia de relacións institucionais lle correspondan á Vicepre

sidencia da Igualdade e do Benestar, e da regulación que lle corresponda a outros órganos.

c) As relacións con outros órganos, estatais, autonómicos ou locais para a execución da política de vivenda.

d) Elaborar ou aprobar, se é o caso, os plans autonómicos en materia de vivenda e solo, así como o desenvolvemento e a execución dos plans estatais en materia de vivenda e solo.

e) Executar os anteriores plans, mediante accións directas ou no exercicio da súa competencia xeral de fomento, a través dos diferentes órganos ou entes que en cada caso correspondan.

f) A elaboración de programas e establecemento de accións que promovan a innovación e a calidade da vivenda e dos procesos de edificación e urbanización para acadar estándares de calidade baixo os principios de sostibilidade, aforro e uso de enerxías renovables.

g) O establecemento e desenvolvemento das medidas relativas á aplicación e complementación do Código Técnico da Edificación.

h) O establecemento de medidas e programas que incentiven o desenvolvemento sostible, a promoción e xestión inmobiliaria, e a competitividade do sector, en colaboración cos axentes da edificación.

i) A elaboración das estratexias de acción directa ou fomento para a renovación e recuperación urbana nos centros históricos ou noutros tecidos urbanos degradados que permitan a súa recuperación.

j) A implantación das medidas para a recuperación e rehabilitación de núcleos e vivendas rurais, co fin de revitalizar os asentamentos de poboación e evitar o despoboamento do medio rural, na procura da posta en valor dun patrimonio arquitectónico da comunidade.

k) A realización de análises e proxectos de investigación sobre a problemática da vivenda e o solo, que sexan necesarios para o establecemento da súa política.

l) Elaborar ou aprobar, de ser o caso, os plans plurianuais de vivenda e solo establecendo a programación da construción de vivendas de promoción pública. As previsións para a vivenda urbana referiranse á construción de novas vivendas, á rehabilitación do parque existente, á recuperación e protección dos cascos históricos e ao novo crecemento.

m) O establecemento das medidas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, para garantir a existencia de solo residencial con destino a construción de vivendas pola iniciativa privada, así como a actuación nestes solos coa finalidade de poñer á disposición da demanda solo a prezos reducidos.

n) O establecemento das directrices ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para a adquisición de solo e a súa urbanización, así como para a construción e rehabilitación de vivendas de promoción pública.

o) A xestión e fomento do réxime de alugueiro como forma de acceso á vivenda.

p) A implantación de políticas integradoras encarriladas á erradicación do chabolismo e a infravivenda, sen prexuízo das que lle correspondan ao departamento en materia de igualdade e do benestar.

q) A análise e pulo de novas tecnoloxías aplicadas á construción de vivendas, no que respecta a materiais e sistemas construtivos.

r) O fomento das medidas que garantan a calidade dos procesos de edificación. O control e inspección dos axentes que interveñen no aseguramento da calidade da vivenda, así como a acreditación control e inspección das entidades e laboratorios de control de calidade.

s) As competencias de desenvolvemento normativo e as autorizacións en materia de habitabilidade, segundo o disposto no Decreto 311/1992, do 12 de novembro.

t) O establecemento dunha política de creación e fomento de solos de caracter produtivo, sen prexuízo das competencias da Consellería de Innovación e Industria ou de actuacións sectoriais específicas planificadas ou promovidas por outros departamentos ou administracións, particularmente mediante a promoción de parques empresariais, a implantación de axudas para a mellora do solo existente e a regulación das determinacións técnicas da urbanización e edificación do solo empresarial.

u) A elaboración de estratexias de acción directa e fomento, en colaboración cos concellos e outras administracións, na política de relocalizacións industriais que posibiliten a rexeneración de áreas urbanas degradadas e áreas de interese natural a preservar ou recuperar; e estratexias igualmente conducentes á propia recuperación e desenvolvemento dos sectores industriais afectados se é o caso.

v) elaboración de estratexias para a disposición de solos daquelas operacións de desenvolvemento integral que xustificadamente se establezan nos planeamentos municipais ou nas políticas comarcais e nos instrumentos de ordenación do territorio de calquera ámbito.

w) A elaboración de estratexias que permitan o desenvolvemento de políticas de vivenda nas que o solo, como soporte material de actividade da cidade, sexa unha peza articuladora de usos e espazos territoriais e intermodalidades de carácter integral.

x) A sinatura de convenios coa Administración estatal, autonómica ou local para a execución das anteriores políticas. Así mesmo asinar convenios con entidades sen ánimo de lucro, e persoas naturais e xurídicas, co fin de colaborar no establecemento de medidas relacionadas coas competencias do departamento.

y) O exercicio de calquera outra función técnica, material ou xurídica que, en relación coas materias da súa competencia, se lle encomenden no marco do presente decreto ou das normas que o desenvolvan ou complementen.

As anteriores competencias e funcións desenvolveranse de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

Artigo 2º

2.1. A Consellería de Vivenda e Solo, baixo a superior dirección do seu titular, terá a seguinte estrutura orgánica:

I. O conselleiro.

II. A Secretaría Xeral.

III. A Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.

IV. Os organismos e entes adscritos.

V. As delegacións provinciais.

2.2. Adscríbese á Consellería de Vivenda e Solo, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en adiante IGVS), creado pola Lei 3/1988, do 27 de abril, constituído como organismo autónomo de carácter comercial e financeiro.

I. O conselleiro.

Artigo 3º

O conselleiro é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente.

Correspóndelle ao conselleiro a presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, segundo o establecido na Lei 3/1988, do 27 de abril.

II. A Secretaría Xeral.

Artigo 4º

4.1. A Secretaría Xeral exercerá as funcións e competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como aquelas que lle sexan delegadas polo titular da consellería.

4.2. Baixo a dependencia da secretaría existirá unha vicesecretaría, con nivel orgánico de subdirección xeral, como órgano de apoio técnico, xurídico e orzamentario coas seguintes funcións:

a) A elaboración por requirimento do secretario xeral, dos estudos e propostas de actuación relativos á estruturación, planificación, organización de métodos de traballo dos procedementos administrativos e da xestión da consellería.

b) O estudo e preparación, por mandato do secretario xeral, dos expedientes que teñan que elevarse ao Consello da Xunta e ás comisións de secretarios xerais.

c) A preparación e custodia das disposicións legais, a súa remisión ao Diario Oficial de Galicia e a elaboración das compilacións e refundicións das normas emanadas da consellería.

d) Propoñer as accións relativas ao réxime interno dos servizos, a súa inspección e canto afecte ao seu funcionamento interno.

e) A dirección da xestión do persoal e réxime interior.

f) A coordinación da contratación da consellería.

g) A dirección dos asuntos relativos ao apoio xurídico e informatización da consellería.

h) A coordinación na elaboración do anteproxecto de orzamento da consellería, a súa execución e modificación, se é o caso.

i) A substitución do secretario xeral nos casos de ausencia ou enfermidade.

j) En xeral, cantos asuntos lle sexan encargados polo secretario xeral, por razón da súa competencia.

A Vicesecretaría Xeral contará coas seguintes unidades:

4.2.1. Servizo de Persoal, coas funcións de ordenación, a xestión e a administración ordinaria dos recursos humanos da consellería e dos seus organismos, o seguimento e control do rexistro do persoal e as funcións relativas a coordinación administrativa, rexistro, arquivo e información.

4.2.2. Servizo de Contratación, coas funcións de coordinación e seguimento da contratación da consellería, servindo de apoio ao órgano de contratación, elaborará os pregos de cláusulas, os expedientes de contratación, vixiará e xestionará a súa execución, así mesmo encargarase da preparación e execución dos convenios da consellería.

4.2.3. Servizo de Orzamentos coas funcións de elaboración do orzamento da consellería, o control da execución económica, a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias e a execución dos gastos que se lle encomenden.

4.2.4. Servizo Técnico Xurídico coas funcións de estudo e preparación dos anteproxectos e proxectos de disposicións xurídicas emanados dos distintos centros directivos da consellería, elaboración de compilacións normativas, o estudo, tramitación e proposta de resolución dos recursos que se presenten contra os actos e resolucións da consellería, a proposta de resolución dos expedientes sancionadores, a elaboración de estudos e informes xurídicos encargados pola Secretaría Xeral, e en xeral, a prestación de apoio xurídico á Secretaría Xeral.

4.2.5. Servizo de Informática coas funcións de asesoría técnica, proposta, coordinación e execución dos plans de informatización da consellería, incluíndo a administración de sistemas, a atención e formación de usuarios, a proposta de novos desenvolvementos e o mantemento dos existentes, a definición e cumprimento das políticas de seguridade e protección de datos e a selección dos materiais e produtos para a implantación de tecnoloxías.

4.3. Dependendo organicamente da Secretaría Xeral, con nivel orgánico de Subdirección Xeral, existirán as seguintes unidades:

a) Asesoría Xurídica.

b) Intervención Delegada.

III. A Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.

Artigo 5º

Correspóndelle á Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda a dirección e coordinación das actuacións que sexan competencia da consellería en materia de calidade da edificación, habitabilidade, rehabilitación e recuperación do patrimonio arquitectónico, exercendo especialmente as seguintes funcións:

a) O fomento da rehabilitación, recuperación e renovación dos centros históricos, dos tecidos urbanos degradados, das áreas de rehabilitación, do medio rural e das vivendas e edificacións que se sitúen nestes ámbitos, mediante o establecemento e xestión de todo tipo de axudas.

b) A xestión das axudas do plan cuadrienal e as complementarias e propias da comunidade autónoma, con excepción das de aluguer que serán xestionadas pola Secretaría Xeral.

c) A actuación directa na rehabilitación e recuperación de cascos históricos e núcleos rurais.

d) A elaboración de ámbitos de actuación urbana.

e) As actividades de cooperación internacional en materia de habitabilidade, sostibilidade, rehabilitación e renovación.

f) O apoio aos axentes intervenientes nos procesos de rehabilitación.

g) A regulación normativa e o establecemento de estándares de habitabilidade das vivendas no marco das demandas actuais de confort e eficiencia enerxética.

h) A proposta de implantación do Código Técnico da Edificación e a súa complementación adaptada ás características da edificación en Galicia.

i) O establecemento de estándares técnicos, e en xeral, a acreditación das recomendacións que se establezan no relativo a materiais, procesos e sistemas construtivos.

j) A acreditación de entidades de control de calidade, así como laboratorios de calidade en materia de edificación.

k) Aqueloutras medidas que garantan tecnicamente a protección dos adquirentes e usuarios de vivendas.

l) Aqueloutras que no marco das competencias da consellería sexan encomendadas á dirección xeral, así como as que lle atribúa a normativa de desenvolvemento.

Artigo 6º

A Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda estrutúrase nas seguintes unidades administrativas:

6.1. Subdirección Xeral de Rehabilitación e Fomento, que xestionará as funcións establecidas nos parágrafos a), b), c), d), e) e f) do artigo anterior.

Contará cos seguintes servizos:

6.1.1. Servizo de Rehabilitación e Renovación Urbana, coas funcións de coordinar e xestionar as accións directas para a rehabilitación e recuperación dos cascos históricos ou espazos degradados, propoñendo as medidas que lle deban ser encomendadas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, xestionar as axudas directas a promotores e propietarios para a rehabilitación de vivendas en contornos urbanos, xestionar os convenios con concellos para ser declarados como área de rehabilitación así como vixiar a súa execución, e en xeral, cantas funcións sexan encomendadas pola dirección xeral relativas a esta competencia.

6.1.2. Servizo de Apoio á Rehabilitación Privada, coas funcións de xestionar as axudas relativas á rehabilitación e reconstrución rural, ás infravivendas no medio rural, á loita contra o chabolismo e calquera outra de ámbito non urbano.

6.1.3. Servizo de Subvencións, coas funcións de planificación, programación e coordinación da xestión descentralizada das axudas estatais para as vivendas con protección pública e outras vivendas protexidas, tanto aos promotores como aos adquirentes, e a xestión do pagamento das subvencións e a súa xustificación ao ministerio correspondente. A xestión do réxime propio de axudas complementarias ás do Estado, e das axudas propias en materia de fomento da promoción da nova construción e do acceso á vivenda.

6.2. Subdirección Xeral de Habitabilidade e Calidade da Edificación, que xestionará as funcións establecidas nos parágrafos g), h), i), j) e k) do artigo anterior.

Contará cos seguintes servizos:

6.2.1. Servizo de Calidade da Edificación, cuxas funcións consistirán na elaboración de disposicións técnicas en materia de control de calidade, certificados técnicos de conformidade, a acreditación de laboratorios, entidades técnicas de control, procesos de edificación e materiais, así como cantas funcións en relación coa mesma materia lle sexan encomendadas polos órganos da consellería ou as disposición en materia de calidade.

6.2.2. Servizo de Arquitectura e Habitabilidade, cuxas funcións consistirán na elaboración de normativa técnica das vivendas, especialmente no relativo ao código técnico da edificación, o estudo e a proposta de disposicións relativas aos materiais, técnicas e procesos de aforro enerxético e edificación sostible, a regulamentación das normas en materia de habitabilidade e a inspección da súa aplicación.

IV. Os organismos e entes adscritos.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Artigo 7º

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é un organismo autónomo adscrito á Consellería de Vivenda e Solo, ao que lle corresponden, baixo a superior dirección do conselleiro, a realización das funcións

encomendadas na súa lei de creación, configurándose como mecanismo instrumental das xestións encomendadas pola consellería.

Mediante decreto establecerase a estrutura orgánica do organismo e o sinalamento de competencias e funcións específicas en desenvolvemento da Lei 3/1988, de creación del.

V. As delegacións provinciais.

Artigo 8º

En cada unha das provincias da comunidade autónoma existirá unha delegación da consellería na que se integrarán todas as unidades de carácter provincial ou territorial, situadas no seu ámbito.

Artigo 9º

Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado, que terá, ademais das competencias e funcións previstas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, as derivadas da desconcentración efectuada en virtude do Decreto 87/1990, do 15 de febreiro.

Do delegado provincial dependerán todos os servizos, unidades ou centros da consellería que estean no ámbito da súa competencia territorial. O delegado provincial da consellería éo tamén do Instituto Galego da Vivenda e Solo, correspondéndolle a dirección no ámbito provincial das funcións que lle competen que se exercitarán a través das áreas provinciais do instituto.

Artigo 10º

Para o cumprimento dos seus cometidos, a delegación provincial contará coas seguintes unidades con rango de servizo:

10.1. Secretaría Provincial, baixo a autoridade e supervisión do delegado, correspóndelle o exercicio das funcións relativas ao réxime interior, a tramitación administrativa, xestión de persoal; información ao público; elaboración do anteproxecto de orzamentos da delegación; a administración, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen, se é o caso; elaboración de estatísticas dos demais servizos da delegación provincial, sen prexuízo das competencias que de acordo coa Lei 9/1988, do 10 de xullo, modificada pola Lei 7/1993, do 24 de maio, de estatística de Galicia, lle correspondan ao Instituto Galego de Estatística; e, en xeral, prestarlle asesoramento e asistencia técnica e administrativa ao delegado e substituílo nos casos de enfermidade, ausencia e vacante.

10.2. Servizo de Fomento e Calidade da Vivenda, ao que lle corresponden as funcións de tramitación das subvencións, se é o caso, mediante a oportuna desconcentración dos créditos, as autorizacións e cualificacións de vivendas con algún tipo de protección pública, os visados de contratos de vivenda de promoción privada e as funcións que en relación coas materias xestionadas pola Dirección Xeral de Fomento e Calidade lle sexan desconcentradas.

10.3. A Área Provincial do IGVS integrarase na delegación provincial coas funcións e competencias que lle asigne o decreto de estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Disposición adicional

As competencias atribuídas no presente decreto ás direccións xerais en materia de contratación, considéranse conferidas sen prexuízo daquelas que foron obxecto de desconcentración nos delegados provinciais en virtude do Decreto 87/1990, do 15 de febreiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira da Vivenda e Solo para ditar normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de setembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo