DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 27 de setembro de 2005 Páx. 16.041

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 9 de agosto de 2005 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Coruña (A Coruña) no ámbito da Real Fábrica de Tabacos. (Expediente AC-03019).

1. O planeamento urbanístico vixente no municipio da Coruña é o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente polo concello o 19 de outubro de 1998 (desde agora PXOM).

2. O obxecto da presente modificación é o cambio de cualificación urbanística dos terreos, que ocupan un total de 33.490 m, da antiga Real Fábrica de Tabacos da Coruña co fin de posibilitar a construción de 41.330 m de uso residencial-comercial, (400 vivendas e baixos comerciais), así como recuperar o edificio da dita fábrica para uso institucional (23.844 m de construción).

A modificación proposta supón un proceso integral de reforma da área de actuación, sendo de aplicación o réxime do solo urbano non consolidado previsto no artigo 12 b) da vixente Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (DOG números 252 e 254, do 31 de decembro de 2002 e de 2004, respectivamente) (desde agora LOUGA).

3. De conformidade co disposto na dita disposición transitoria primeira 1 g) da LOUGA, as alteracións do planeamento vixente á entrada en vigor desta lei deben axustarse ao disposto nela, polo que, consonte o sinalado no seu artigo 93.4º, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación. Nese aspecto, cómpre ter en conta, entre outros, os seguintes particulares:

a) Terminada a fase de elaboración da modificación, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello someteu o expediente a informe preceptivo (artigo 85.1º da LOUGA) da Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda, emitíndose o 5 de novembro de 2003 con sinalamento de observacións ao proxecto daquela presentado, e que se ten por cumprido co contido do actual documento aprobado provisionalmente.

b) De seguido, o Pleno da Corporación, en sesión do 1 de decembro de 2003, acordou a aprobación inicial da modificación, que posteriormente foi sometida a información pública, polo prazo dun mes, mediante anuncios publicados nos xornais La Voz de Galicia e El Ideal Gallego, os días 18 e 19 de decembro dese ano, así como no número 244 do Diario Oficial de Galicia correspondente ao 17 do citado mes de decembro, presentándose varias alegacións.

Posteriormente, e logo de que o 21 de decembro de 2004 o concello ditase un decreto polo que se subscribiu un convenio urbanístico coa sociedade Altadis, S.A., e de que o expediente fose sometido de novo a información pública, polo prazo dun mes, mediante anuncios publicados nos xornais La Voz de Galicia e El Ideal Gallego, os días 28 e 29 de decembro de 2004, así como no número 254 do Diario Oficial de Galicia correspondente ao 31 do citado mes de decembro, presentándose varias alegacións, foi aprobado provisionalmente polo concello o 9 de xuño de 2005.

c) Figura no expediente o informe municipal conxunto, do 23 de maio de 2005, asinado polo asesor técnico, o arquitecto adxunto de planeamento, o arquitecto de planeamento e a adxunta de xestión do solo e patrimonio.

d) Así mesmo, o expediente foi completado co informe, do 13 de maio de 2005, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, emitido en sentido favorable con condicións.

4. De conformidade co disposto nos artigos 89 e 93 da LOUGA, as atribucións para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións dos plans xerais, correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

Por canto antecede, e en consonancia co establecido na vixente Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, así como a proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, do 1 de agosto do ano que corre,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Coruña (A Coruña) no ámbito da Real Fábrica de Tabacos que foi aprobada provisionalmente polo concello de razón o 9 de xuño de 2005, coa expresa condición de que se deberá cumprir o informe, do 13 de maio de 2005, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 2º

De conformidade co disposto nos artigos 92 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenació urbanística e protección do medio rural de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas desta modificación aprobada definitivamente no correspondente BOP.

Disposición derradeira

Segundo o disposto no artigo 85.9º da Lei 9/2002, contra esta orde non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala

correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2005.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes