DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 26 de setembro de 2005 Páx. 16.006

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2005 pola que se convoca un curso sobre xestión de servizos públicos locais.

Dentro do plan de actividades da EGAP para o 2005, e a través do Centro de Estudos Locais de Galicia, conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso sobre xestión de servizos públicos locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dar a coñecer, en profundidade, as distintas formas de xestión de servizos públicos locais, facendo unha análise da problemática de cada unha delas, nos aspectos xurídicos, económicos e incluso técnicos, de xeito que, unha vez rematado o curso, os asistentes poidan realizar un asesoramento global aos xestores que teñan que tomar decisións nesta materia.

Segunda.-Destinatarios.

Funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, e demais técnicos de corporacións locais, pertencentes aos grupos A ou B, con responsabilidade de xestión de servizos públicos e que realice tarefas de asesoramento nesta materia.

Terceira.-Desenvolvemento.

3.1. Duración: 30 horas.

3.2. Lugar: Centro de Formación da Deputación Provincial de Ourense, rúa Progreso, 30.

3.3. Datas: 14, 21 e 28 de outubro, 4, 10, 18 e 25 de novembro, 1, 15 e 22 de decembro de 2005.

3.4. Horarios: das 17.00 ás 20.00 horas.

3.5. Prazas: 35.

Cuarta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo modelo oficial figura como anexo I desta resolución, e cubrila en todos as súas epígrafes, e na cal se farán constar, en todo caso, os seguintes datos:

Descrición do posto de traballo que desempeña na actualidade, acompañando á solicitude a certificación, que figura como anexo II desta resolución, en que conste o tipo de traballo que realiza e a súa relación co contido do curso.

Conformidade da entidade en que presta servizos. Cando solicite máis dun interesado da mesma corporación, deberase especificar a orde de preferencia.

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado.

As solicitudes irán dirixidas ao director da EGAP, e presentaranse no rexistro xeral da Deputación Provincial de Ourense ou Departamento de Formación Continua, r/ Progreso, 30, 2º-32003 Ourense, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 4 de outubro de 2005.

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente aos admitidos e publicarase na páxina web: www.egap.xunta.es

Quinta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 11 de febreiro de 2004, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 34, do 18 de febreiro).

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir

no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificado de aptitude.

Para obter o correspondente certificado de aptitude e a correspondente valoración do curso, os alumnos deberán presentar, nun prazo de dous meses desde o remate das sesións, unha memoria sobre algún dos servizos públicos que se presten na entidade local en que desenvolvan as súas tarefas profesionais. Deberán analizarse as cuestións xurídicas, económico-financeiras e contables e, se é o caso, técnicas, que se presenten. Nas conclusións da memoria deberá realizarse unha proposta de actuación, en que se conteñan as medidas necesarias para mellorar o funcionamento e organización do servizo nos aspectos analizados.

A expedición do certificado queda supeditada, ademais, á asistencia regular ás clases, de xeito que a inasistencia non poderá ser igual ou superior ao 15% das horas lectivas programadas.

Oitava.-Valoración.

Para os efectos do establecido na resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8 de abril, e correción, BOE nº 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,80 puntos.

Novena.-Contido.

Aproximación ao concepto de servizo público. A xestión directa e interna dos servizos públicos locais. A descentralización funcional dos servizos públicos locais: xestión directa a través dun ente instrumental (I): os organismos autónomos. A descentralización funcional dos servizos públicos locais: xestión directa a través dun ente instrumental (II): as entidades públicas empresariais. As sociedades mercantís de capital integramente público. Outras formas de xestión de servizos públicos locais. As fundacións públicas. Os consorcios. A xestión indirecta dos servizos públicos locais. A concesión administrativa de servizos públicos. As sociedades mercantís de economía mixta para a xestión de servizos públicos. Outras formas de xestión indirecta de servizos públicos locais. Os concertos. As xestións interesadas. Os convenios interadministrativos. As tarifas dos servizos públicos locais: cuestións financeiras, orzamentarias e contables. Os estudos de custos de servizos públicos. A

planificación estratéxica con respecto aos servizos públicos locais. A dirección por obxectivos e os cadros de mando.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2005.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO II

... Xefe de persoal do concello ou entidade local...

CERTIFICO:

Que..., no desempeño do seu posto de traballo de... realiza tarefas directamente relacionadas co contido do curso...

..., ... de... de 2005.

Asdo.:...

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA