DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 26 de setembro de 2005 Páx. 16.005

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 8 de setembro de 2005 pola que se lle autoriza a ampliación dunha unidade ao centro privado de educación especial Duques de Lugo de Santiago de Compostela (A Coruña).

Examinado o expediente presentado polo centro privado de educación especial Duques de Lugo de Santiago de Compostela (A Coruña), no que solicita a ampliación dunha unidade no devantito centro.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, quen o remite cos informes correspondentes.

Vistos o Real decreto 334/1985, do 6 de marzo, de ordenación da educación especial (BOE do 16 de marzo); a Orde ministerial do 30 de xaneiro de 1986 (BOE do 4 de febreiro); o Real decreto 1537/2003, do 5 de decembro (BOE do 10 de decembro), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas escolares de réxime xeral; o Decreto 320/1996, do 26 de xullo (DOG do 6 de agosto), de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais; o Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22 de maio), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que o desenvolve, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa,

DISPÓN:

Autorizarlle ao centro privado de educación especial Duques de Lugo de Santiago de Compostela (A Coruña) a ampliación dunha unidade, segundo os datos que se relacionan no anexo desta orde, facendo constar que para a posta en funcionamento dela, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, despois do informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do persoal que imparta docencia na unidade que se amplía.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de

dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2005.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Concello: Santiago de Compostela.

Localidade: Lamas de Abade.

Enderezo: Raiola nº 6.

Denominación: Centro Privado de Educación Especial Duques de Lugo.

Titular: Asociación de Padres de Niños Autistas y Psicóticos.

Código do centro: 15025347.

Nivel: educación especial.

Unidades de que constaba: 5 (autistas).

Unidades novas autorizadas: 1 (autistas).

Total de unidades autorizadas: 6 (autistas).