DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 23 de setembro de 2005 Páx. 15.957

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 500/2005, do 15 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Os decretos 211/2005, do 3 de agosto, e 232/2005, do 11 de agosto, establecen a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus distintos departamentos, polo que agora procede, á súa vez, determinar a estrutura orgánica e funcional da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, atendendo aos principios de economía, eficacia e celeridade administrativas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, co informe previo das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificado pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de setembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponde desenvolver as competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións dos profesionais do sector, industrias pesqueiras e conserveiras, establecementos de almacenamento, manipulación, vendas e transformación do peixe e ensinanzas marítimo-pesqueiras, náutico-deportivas e mergullo, cooperación pesqueira con terceiros países, salvamento marítimo, loita contra a contaminación e planificación e actuacións portuarias con incidencia no mundo da pesca, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, sen prexuízo das competencias que poidan corresponderlles aos outros organismos da comunidade autónoma.

Artigo 2º

Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos estrutúrase nos seguintes órganos:

I. A conselleira ou o conselleiro.

II. Secretaría Xeral.

III. Dirección Xeral de Recursos Mariños.

IV. Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca.

V. Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

VI. Delegacións territoriais.

Queda adscrito a esta consellería o ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

I. A conselleira ou o conselleiro.

Artigo 3º

A conselleira ou conselleiro é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

II. A Secretaría Xeral.

Artigo 4º

1. A Secretaría Xeral exercerá as funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como as que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do titular do departamento.

2. Para o exercicio das súas funcións a Secretaría Xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Recursos Humanos e Coordinación Administrativa.

Corresponderalle a xestión do persoal; información administrativa ao cidadán, rexistro xeral e arquivo; coordinación administrativa das unidades periféricas en materias da súa competencia, a racionalización administrativa de todos os servizos e todos os asuntos referentes ao sistema de informatización, relacións coas organizacións profesionais do sector e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Secretaría Xeral.

A Subdirección Xeral de Recursos Humanos e Coordinación Administrativa estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1.1. Servizo de Persoal e Coordinación Administrativa.

Correspóndelle:

-A xestión, control e coordinación do persoal dos servizos centrais.

-A xestión de nóminas do persoal dos servizos centrais.

-A programación das necesidades do persoal.

-A elaboración da proposta da relación de postos de traballo.

-A coordinación das secretarías das delegacións en materia de persoal.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Secretaría Xeral.

2.1.2. Servizo de Planificación.

Correspóndelle:

-Velar pola correcta implantación dos sistemas informáticos dentro da consellería, sen prexuízo das competencias que nesta materia lle corresponden ao órgano competente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

-Elaborar os estudos e proxectos de racionalización de procesos.

-Coordinar as actuacións que en materia de informática realizan as delegacións territoriais.

-Estudar, en coordinación coa Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e propoñer os sistemas informáticos que precise a consellería.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Secretaría Xeral.

2.1.3. Servizo de Fomento da Organización Sectorial.

Correspóndelle:

-A asistencia técnica ás confrarías de pescadores, organizacións de produtores de pesca e demais asociacións relacionadas co sector, así como a emisión de informes sobre as actuacións destinadas á mellora dos equipamentos pesqueiros básicos dos portos galegos.

-A programación e execución da extensión pesqueira.

-Recibir información das actividades das confrarías de pescadores.

-Servir de canle ás relacións entre os distintos órganos do departamento e as confrarías.

-Asesoramento, fomento e apoio do asociacionismo e da organización do sector.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Secretaria Xeral.

2.1.4. Servizo Técnico Xurídico.

Correspóndelle:

-A elaboración, estudo e tramitación de todos os anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral.

-Efectuar os estudos e informes que lle sexan encomendados polo secretario xeral.

-A coordinación dos trámites para a publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería.

-O estudo e proposta de resolución das reclamacións e recursos formulados contra os actos e reso

lucións dos distintos órganos da consellería, así como a coordinación dos órganos que interveñen na súa tramitación.

-En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, en razón da súa competencia, pola Secretaría Xeral.

2.1.5 Servizo de Apoio Técnico Administrativo.

Correspóndelle:

-Estudo e elaboración de informes sobre a normativa aplicable en todos os ámbitos que afecten as competencias da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

-Efectuar os estudos e informes que lle sexan encomendados polo secretario/a xeral, ademais do estudo, preparación e informe dos asuntos que teñan que elevarse á Comisión de Secretarios e ao Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos seus acordos.

-O rexistro, arquivo e custodia das disposicións normativas emanadas da consellería, así como levar a cabo as compilacións das ditas normas.

-O control da publicación de toda a normativa pesqueira, así como das circulares sobre a aplicación daquela.

-Asesoramento en materia de organización do sector.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, en razón da súa competencia, pola Secretaría Xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e Contratación.

Correspóndenlle as funcións de elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería, a súa execución, seguimento, a xestión da contratación administrativa, segundo as competencias que na materia teña atribuídas o secretario xeral, a xestión económica e réxime interior.

A Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e Contratación contará coa seguinte unidade:

2.2.1. Servizo de Xestión Orzamentaria e Contratación.

Correspóndelle:

-Preparar o anteproxecto do orzamento da consellería.

-Supervisar a xestión económica e seguimento da execución do gasto.

-Coordinación das secretarías das delegacións territoriais en materia de gastos correntes en bens e servizos.

-Xestionar a contratación administrativa.

-Asuntos xerais e réxime interior.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Secretaría Xeral.

2.3. Dependendo organicamente da Secretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

a) Intervención Delegada.

b) Asesoría Xurídica, que se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

III. A Dirección Xeral de Recursos Mariños.

Artigo 5º

1. Correspóndenlle á Dirección Xeral de Recursos Mariños as competencias sobre ordenación pesqueira, tanto de carácter profesional como recreativo; ordenación do marisqueo e da acuicultura; establecemento das condicións para o exercicio das actividades pesqueiras, marisqueiras e de acuicultura mariña; mellora e explotación equilibrada dos recursos naturais do medio mariño, a recollida de datos de primeira venda e a elaboración de estatísticas pesqueiras, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da comunidade autónoma en virtude da lexislación sectorial.

2. Para o exercicio das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Recursos Mariños e de Xestión Administrativa:

Correspóndelle:

-A programación e seguimento das actuacións en materia de ordenación da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

-A aplicación da normativa sobre actividades marisqueiras e de acuicultura mariña.

-A programación e seguimento das actuacións en materia de mellora e explotación equilibrada dos recursos mariños e da acuicultura.

-A elaboración de estatísticas pesqueiras.

-A coordinación da elaboración dos informes atribuídos pola lexislación sectorial estatal e autonómica á Administración competente en materia de pesca.

-A coordinación das actividades de coidado, control, seguimento, vixilancia e mellora da produtividade de bancos marisqueiros.

-A colaboración coa consellería competente en materia de produción e sanidade animal nas medidas e accións relativas á sanidade animal e na estruturación e ordenamento dos distintos tipos de producións.

-O control dos establecementos de cultivos mariños e auxiliares e a categorización e control documental dos subprodutos animais xerados neles.

-A xestión administrativa e orzamentaria da dirección xeral.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1.1. Servizo de Xestión Administrativa

Correspóndelle:

-A xestión dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade pesqueira, tanto profesional como recreativa.

-A xestión dos títulos administrativos habilitantes para o marisqueo.

-A xestión dos plans de explotación marisqueira e pesqueira.

-A xestión do rexistro do censo de buques de pesca con porto base na comunidade autónoma.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.2. Servizo de Marisqueo e Pesca.

Correspóndelle:

-A aplicación da normativa sobre o marisqueo e zonas de explotación.

-A planificación, coordinación, execución e control das medidas e actuacións en materia de marisqueo e pesca.

-A aplicación da normativa sobre alternancia de artes, así como o seu seguimento, control e avaliación.

-A colaboración coa consellería competente en materia de produción e sanidade animal nas medidas e accións relativas á sanidade animal e na estruturación e ordenamento dos distintos tipos de producións marisqueiras e ictícolas.

-O control dos establecementos dos que sexa responsable e a categorización e control documental dos subprodutos animais xerados neles.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.3. Servizo de Acuicultura.

Correspóndelle:

-A aplicación da normativa sobre establecementos de acuicultura.

-A xestión dos títulos administrativos habilitantes para actividades de acuicultura.

-A planificación, coordinación, execución e control das actuacións en materia de desenvolvemento e ordenación da acuicultura.

-A colaboración coa consellería competente en materia de produción e sanidade animal nas medidas e accións relativas á sanidade animal e na estruturación e ordenamento dos distintos tipos de producións acuícolas.

-O control dos establecementos dos que sexa responsable e a categorización e control documental dos subprodutos animais xerados neles.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.4. Servizo de Asesoría Técnica.

Correspóndelle:

-A asistencia técnica ás unidades da Dirección Xeral de Recursos Mariños en materia de pesca, marisqueo e acuicultura, mediante a realización de informes, estudos ou proxectos.

-A planificación, coordinación, execución, control e avaliación de plans piloto de pesca e marisqueo.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.5. Servizo de Produción Pesqueira.

Correspóndelle:

-Recollida e avaliación dos datos para a elaboración das estatísticas da actividade de aproveitamento dos recursos mariños.

-A elaboración de estatísticas da consellería.

-Estudo e elaboración de informes con base nas estatísticas.

-Formular liñas de actuación en consonancia cos datos xurdidos das estatísticas e propoñer as actuacións ou aspectos que se van mellorar.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia.

Correspóndelle a coordinación das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña, elaboración do plan de continxencia por contaminación mariña accidental, a prevención da contaminación mariña, funcións de programación, planificación e control das accións de vixilancia e inspección, sen prexuízo das competencias doutros departamentos da Xunta de Galicia, tanto no sector extractivo como nos centros de comercialización e establecementos de produción, transformación e consumo, así como no transporte dos produtos, e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia.

A Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia estrutúrase nas seguintes unidades:

2.2.1. Servizo de Protección de Recursos.

Correspóndelle:

-A coordinación, organización e seguimento dos medios materiais e persoais do Servizo de Gardacostas de Galicia.

-O control dos partes, actas, informes, incidentes e demais actuacións do Servizo de Gardacostas de Galicia.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2.2. Servizo de Busca, Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación.

Correspóndelle:

-A coordinación das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.

-A elaboración do plan de continxencias por contaminación mariña accidental.

-A planificación de actividades de prevención da contaminación mariña

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

IV. Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca.

Artigo 6º

1. A Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca exercerá a dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de estruturas e mercados da pesca, de acordo coa política pesqueira galega e mais as regulamentacións básicas da Unión Europea e da Administración xeral do Estado.

2. Para o desenvolvemento das anteditas funcións, esta dirección xeral estrutúrase como segue:

2.1. Subdirección Xeral de Estruturas Pesqueiras.

Correspóndelle a execución de todas as accións desenvoltas no eido da modernización e adecuación das estruturas pesqueiras galegas, en particular o desenvolvemento da frota pesqueira galega, da industria de transformación dos produtos do mar, da industria da acuicultura mariña e da acuicultura continental, e mais as infraestruturas e equipamentos pesqueiros dos portos galegos, o control da xestión das axudas estruturais empregadas nas accións, o control dos establecementos dos que é responsable, e a categorización e control documental dos subprodutos animais xerados neles.

Para o desenvolvemento das súas funcións esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1.1. Servizo de Frota.

Correspóndelle:

-A xestión das diferentes medidas orientadas á frota pesqueira galega.

-O control do esforzo pesqueiro a través das modificacións na composición da frota pesqueira galega.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.2. Servizo de Desenvolvemento e Modernización do Tecido Produtivo.

Correspóndelle:

-A xestión das diferentes medidas dedicadas á creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de transformación e comercialización dos produtos da pesca e da acuicultura.

-A xestión das diferentes medidas dedicadas á creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de acuicultura marítima e continental.

-As accións destinadas a desenvolver os equipamentos pesqueiros na transformación, conservación e comercialización dos produtos mariños, así como as infraestruturas nos portos pesqueiros.

-A xestión do rexistro oficial de industrias halioalimentarias situadas en Galicia.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.3. Servizo de Mercados da Pesca.

Correspóndelle:

-A programación e elaboración de estudos das canles de comercialización e distribución dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

-O estudo e avaliación de novas propostas de implantación de diferentes mecanismos de comercialización que redunden nunha mellora e incremento do valor engadido dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

-A regulación da primeira venda dos produtos da pesca nas lonxas pesqueiras ou en establecementos autorizados para os efectos.

-A realización de accións dirixidas á promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, a apertura de novos mercados e a procura da mellora do tratamento dos produtos, buscando un incremento da calidade destes produtos.

-A categorización e control documental dos subprodutos animais xerados nas lonxas.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.4. Servizo de Xestión das Axudas Estruturais.

Correspóndelle:

-O seguimento e estudo do réxime das axudas estruturais.

-A coordinación coas delegacións territoriais e as diferentes direccións xerais das axudas estruturais, o seguimento e control das diferentes accións.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.5. Servizo de Acción Costeira Artesanal.

Correspóndelle:

-A coordinación, programación, xestión e execución do desenvolvemento pesqueiro.

-A programación e execución das accións de fomento da economía social e das medidas de acompañamento social a plans de reestruturación no sector, sen prexuízo das competencias na coordinación que lle correspondan ao departamento da Xunta de Galicia competente en materia de igualdade e benestar.

-A programación e execución das actuacións portuarias pesqueiras.

-A programación e execución de accións sobre a frota costeira artesanal.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

V. Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 7º

1. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro exercerá a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de extensión pesqueira; ensino e titulacións náutico pesqueiras e de lecer, así como a investigación mariña, que se desenvolverá en coordinación coa consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, e de acordo coa política pesqueira galega e mais as regulamentacións básicas da Unión Europea e da Administración Xeral do Estado.

2. Para o exercicio das súas funcións esta dirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Ensino e Investigación Mariña.

Correspóndelle a programación e coordinación do ensino náutico pesqueiro, nos centros dependentes da consellería, a coordinación da formación e calquera outra actividade relacionada coa promoción ou extensión pesqueira, a xestión do programa tecnolóxico sectorial de investigación mariña no marco do Plan Galego de I+D, a elaboración de estudos pesqueiros, así como a coordinación, programación e xestión administrativa da dirección xeral.

Para o exercicio das súas funcións esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1.1. Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras.

Correspóndelle:

-A coordinación, programación e xestión das ensinanzas náutico e marítimos pesqueiras nos centros dependentes da Consellería de Pesca e Asunto Marítimos.

-A elaboración de estudos sobre funcionamento das ensinanzas e perfeccionamento do profesorado.

-A elaboración da memoria das actividades dos centros.

-Servir de canle nas relacións entre os centros, a administración educativa e outras entidades públicas e privadas.

-A programación e execución da formación e a reciclaxe dos profesionais do sector.

-A emisión e rexistro das titulacións náuticas de pesca e lecer.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.2. Servizo de Xestión e Coordinación da Investigación Mariña.

Correspóndelle:

-O apoio á xestión do Centro de Investigacións Mariñas (Cima) así como a calquera outra actividade relacionada co fomento da coordinación na investigación mariña en Galicia.

-A divulgación da actividade científica realizada e os resultados de interese obtidos para o sector da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

-A coordinación e seguimento das actividades de cooperación interinstitucional e co exterior.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.3. Servizo de Estudos Pesqueiros.

Correspóndelle:

-A programación e execución das actividades de divulgación.

-A publicación dos traballos de investigación máis relevantes.

-A programación, supervisión e realización de publicacións e outro material científico e didáctico.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2. Dependendo funcionalmente da dirección xeral e con rango de servizo, o Centro de Inves

tigacións Mariñas (Cima), exercerá as funcións relativas á actividade investigadora e, particularmente, as referidas ás areas de procesos oceanográficos costeiros, recursos mariños, acuicultura e patoloxía. O Cima está integrado polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón-Vilanova e o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo.

Correspóndelle:

-A coordinación, programación e xestión das infraestruturas e medios dispoñibles, tanto en equipamento como en persoal, dedicados á investigación mariña.

-A tramitación dos expedientes de gasto de investimentos e axudas.

-A xestión e control de gastos de funcionamento e execución dos proxectos de investigación.

-O fomento da coordinación interinstitucional e a integración interdisciplinar para unha optimización do rendemento da investigación mariña en Galicia.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.3. Dependerán funcionalmente da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro os centros públicos de ensinanzas náuticas e marítimo-pesqueiras:

-Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico.

-Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

-Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

-Instituto Galego de Formación en Acuicultura.

VI . As delegacións territoriais.

Artigo 8º

1. En cada unha das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra existe unha delegación territorial, con sede na Coruña, Celeiro e Vigo respectivamente. O ámbito territorial de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra comprende a totalidade da provincia de Pontevedra. O ámbito territorial da Delegación Territorial da Coruña comprende a totalidade da provincia da Coruña, agás os concellos costeiros comprendidos desde Cedeira, incluído, ata os límites das provincias da Coruña e Lugo. O ámbito territorial da Delegación Territorial de Lugo comprende toda a provincia de Lugo e os concellos costeiros comprendidos desde Cedeira, incluído, ata os límites das provincias da Coruña e Lugo.

2. Á fronte de cada Delegación Territorial existirá un delegado do que dependerán organicamente todos os servizos e unidades administrativas da consellería que radiquen no seu ámbito territorial de actuación.

3. Nos seus ámbitos territoriais de actuación corresponderalle, aos delegados territoriais desenvolver as competencias determinadas nos decretos 5/1987, do 14 de xaneiro, modificado polo Decreto 244/1990, do 18 de abril, polo que se reorganiza a administración periférica da Xunta de Galicia e se regulan as competencias dos órganos territoriais, e 87/1990 e 88/1990, ambos os dous, de data 15 de febreiro, en materia de contratación administrativa e de concesión de axudas e subvencións e, en xeral todas cantas lle sexan encomendadas legal o regulamentariamente.

4. En cada unha das delegacións territoriais existe unha secretaría, con nivel orgánico de servizo; correspóndelle ao secretario territorial, baixo a autoridade e supervisión do delegado, o exercicio das funcións relativas ao réxime interior, a tramitación administrativa, a xestión do persoal, información ao público, elaboración do anteproxecto de orzamentos da delegación, administración, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen, elaboración de estatísticas dos servizos da delegación, e, en xeral, prestarlle asesoramento e asistencia administrativa ao delegado e substituílo nos casos de enfermidade, ausencia e vacante.

5. En cada unha das delegacións territoriais existen, así mesmo, as seguintes unidades:

5.1. Servizo de Recursos Mariños.

5.2. Servizo de Estruturas Pesqueiras.

Disposición adicional

As competencias en materia de usos do litoral que están atribuídas á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos pasarán a ser exercidas pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, pasando a depender os servizos de usos do litoral que figuran adscritos á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes coa dotación orzamentaria, de persoal, medios e material da que dispoñen.

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou contido das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade, ou se supriman algunhas das ditas unidades, autorízase ao conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, por proposta da Secretaría Xeral, para readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sendo de aplicación o establecido no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Nos casos de supresión das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade, as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo continuarán subsistentes e retribuiranse

con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da conselleira, por proposta da Secretaría Xeral, aos órganos regulados no presente decreto, en función das atribucións que estes teñen asignadas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 125/2002, do 4 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e os decretos 382/2003, do 16 de outubro e o 98/2005, do 14 de abril, que modifican o anterior e, en xeral, todas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de setembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos