DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 21 de setembro de 2005 Páx. 15.867

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2005, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da Confraría de Pescadores de Muros.

Visto o expediente do convenio colectivo da Confraría de Pescadores de Muros (código convenio 1504262), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 12-7-2005, complementado o día 1-8-2005 e subscrito pola parte económica pola Confraría de Pescadores de Muros e pola parte social polo delegado de persoal o día 30-6-2005, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o depósito do citado acordo no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 8 de agosto de 2005.

Cristina Azpilcueta González

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da Confraría

de Pescadores de Muros

Capítulo I

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

As normas deste convenio laboral serán de aplicación dentro da Confraría de Pescadores de Muros.

Artigo 2º.-Ámbito funcional e persoal.

Este convenio afectará á totalidade dos traballadores da empresa indicada no artigo anterior.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor na data da súa sinatura, con independencia da data da súa publicación no diario oficial correspondente, mantendo a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2007.

Artigo 4º.-Denuncia.

Chegado ao seu termo este convenio prorrogarase automaticamente de ano en ano, a non ser que algunha das partes o denuncie cunha antelación mínima dun mes á data do seu vencemento.

Artigo 5º.-Composición da comisión negociadora.

A mesa negociadora estará formada gardando unha paridade de I: I entre empresa e traballadores.

Os traballadores, de acordo co establecido no Estatuto dos traballadores, estarán representados polo delegado de persoal.

A empresa estará representada pola persoa que ostente a representación legal da confraría ( patrón maior).

Ambas as partes poderán designar cantas persoas consideren oportuno en calidade de asesores, así como un secretario que terá a función de levantar acta dos acordos.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 6º.-Concepto xeral.

A organización do traballo, con suxeición a este convenio laboral e á lexislación vixente, será potestade da dirección da empresa.

A representación legal dos traballadores terá as funcións de información, orientación e proposta en relación coa organización e racionalización do traballo.

Capítulo III

Clasificación do persoal

Artigo 7º.-Clasificación funcional.

a) Titulado superior (biólogo).

b) Oficial administrativo, secretario de órganos de goberno.

c) Auxiliares administrativos.

d) Subalternos de lonxa e fábrica xeo.

e) Gardapesca marítimo.

f) Limpador.

Artigo 8º.-Determinación das funcións laborais.

A continuación indícanse as funcións de cada traballador dentro do seu posto de traballo.

1. Titulado superior (biólogo)/ asistencia técnica.

O/A técnico superior en cultivos mariños terá como funcións as que se encontran recollidas no convenio de colaboración asinado entre a confraría e a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

2. Oficial administrativo, secretario dos órganos de goberno.

Terá como funcións as que se lle atribúen nos estatutos da confraría.

Terá, así mesmo, as funcións de tramitar, solicitar, expedir e, en definitiva, aquelas que, polo seu posto de traballo, precisen da súa sinatura, comparecencia ou trámite, como responsable administrativo.

3. Auxiliares administrativos.

Os auxiliares administrativos realizarán todo tipo de trámites administrativos, ademais daqueles que lles sexan encomendados polo secretario como responsable administrativo.

4. Subalternos de lonxa.

Serán os encargados de realizar as funcións propias de lonxa (venda, expedición de guías de transporte, etc.), presentar os datos necesarios para a elaboración de albarás, con independencia dos trámites administrativos.

Manter en perfectas condicións de limpeza e hixiene o recinto da lonxa da confraría.

5. Gardapesca marítimo.

Os gardapesca marítimos serán os encargados de realizar as funcións de vixilancia das autorizacións administrativas, das zonas de libre marisqueo e das zonas onde, debido á existencia de plans conxuntos de explotación, traballen os asociados da confraría, que lle sexan encomendadas por esta.

6. Limpador.

Realizará as funcións de limpeza das distintas instalacións da confraría e das dependencias de Casa do Mar de Muros que lle sexan encomendadas pola empresa.

Artigo 9º.-Lugar de traballo.

O lugar de traballo virá determinado polas funcións indicadas no artigo anterior, polo que se deduce que o lugar habitual de traballo dos gardapesca marítimos, así como o do/a biólogo, será nas autorizacións administrativas e zonas de libre marisqueo do ámbito da confraría, ou nos establecidos nos plans de explotación conxunta onde participen os socios/as da entidade; estes traballadores tamén teñen que realizar no seu traballo unha parte administrativa, esta efectuarase na sede da confraría. O subalterno de lonxa realizará as súas funcións nos lugares destinados para a xestión da lonxa. Os auxiliares administrativos e o secretario, terán como lugar de traballo a sede da empresa, con independencia de que teñan que ausentarse desta con obxecto de realizar xestións ou trámites que precisen para a realización do seu cometido.

Capítulo IV

Permisos, vacacións e excedencias

Artigo 10º.-Permisos.

Os traballadores/as terán dereito a gozar dos seguintes permisos sen ningunha perda económica e sen ser recuperable o tempo, nos seguintes casos:

a) Por falecemento, accidente ou enfermidade graves ou hospitalización de parentes por consangui

nidade ou afinidade ata o segundo grao: 2 días, ampliables a 4 días se existe desprazamento fóra da provincia.

b) Por nacemento de fillos: 2 días.

c) Por matrimonio do/a traballador/a: 15 días naturais.

d) Por asistencia ambulatoria do/a traballador/a e dos seus fillos, o tempo necesario para a realización da consulta médica, debendo presentar xustificante expedido polo médico ou, no seu defecto, polo centro médico, no prazo de 24 horas.

e) Por asistencia médica especializada do traballador/a e dos seus fillos fóra da localidade do seu domicilio, será de aplicación o especificado no punto anterior, debendo informar á empresa do tempo que precisará para a realización da consulta.

f) Por traslado do domicilio habitual: 1 día.

g) Para atender asuntos propios que non admitan demora: o tempo necesario, logo do aviso e xustificación.

h) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido no exercicio do sufraxio activo.

i) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 11º.-Vacacións.

Todo o persoal da empresa terá dereito a 30 días naturais de vacacións anuais retribuídas.

O período ou períodos do seu desfrute fixarase de común acordo entre a empresa e o representante legal dos traballadores, poñéndose en coñecemento de cada traballador con, polo menos, dous meses de antelación do comezo do desfrute.

Artigo 12º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto e ao cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ao traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ao cesamento no cargo público.

O traballador con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano, terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non inferior a 2 anos e non maior de 5 anos. Este dereito só poderá ser exercitado outra vez polo mesmo traballador se transcorreron 4 anos desde o final da anterior excedencia.

Durante o primeiro ano en que o traballador permaneza en situación de excedencia terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o devandito prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

Capítulo V

Retribucións

Artigo 13º.-Salario base.

Entenderase por salario base a retribución correspondente en cada unha das categorías profesionais a unha actividade normal durante a xornada de traballo fixada neste convenio.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Establecen dúas pagas extraordinarias que se farán efectivas na primeira quincena do mes de xullo, a denominada paga extra de verán, e a denominada paga extra de Nadal, que se aboará na segunda quincena de decembro. A súa contía será por importe dunha mensualidade do salario base, podendo ratearse por mensualidades por acordo entre a empresa e os traballadores.

Artigo 15º.-Táboa salarial.

A táboa salarial para o ano 2005 é a que se indica como anexo deste convenio.

Para os anos 2006 e 2007 establécese un incremento salarial equivalente ao IPC+1% rexistrado o 31 de decembro de ano anterior.

Capítulo VI

Tempo de traballo

Artigo 16ª.-Xornada de traballo.

A duración da xornada ordinaria de traballo será de 40 horas semanais de traballo efectivo, prestadas de luns a venres, respectando os períodos mínimos de descanso que establece a Lei do Estatuto dos traballadores. O horario será establecido pola empresa e o representante legal dos traballadores tendo en conta as distintas actividades da confraría de pescadores.

Capítulo VII

Contratación e emprego

Artigo 17º.-Contratos de traballo.

O persoal, atendendo á súa permanencia clasificarase en: fixo, temporal e interino.

O persoal que non sexa fixo deberá, necesariamente, subscribir contrato escrito de acordo cos establecido no Estatuto dos traballadores e demais normas vixentes sobre contratación laboral.

Contratación eventual. Son traballadores eventuais aqueles admitidos para atender as exixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou pedidos aínda tratándose da actividade normal da empresa, sempre que así conste por escrito.

Os traballadores así contratados terán os mesmos dereitos e igualdade de trato ca os demais traballadores do cadro de persoal, salvo as limitacións que se deriven da natureza e duración do contrato.

O contrato previsto no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores en tales casos poderá ter unha

duración máxima de seis meses, dentro dun período de doce meses. Por convenio colectivo de ámbito sectorial estatal ou, no seu defecto, por convenio colectivo sectorial de ámbito inferior, poderá modificarse a duración máxima destes contratos e o período dentro do cal se poidan realizar en atención ao carácter estacional da actividade en que as devanditas circunstancias se poidan producir.

Artigo 18º.-Período de proba.

O ingreso dos traballadores considerarase feito a título de proba. A duración do devandito período de proba será de 6 meses para os técnicos titulados e de 3 meses para os demais traballadores que non sexan técnicos titulados.

Capítulo VIII

Seguridade, hixiene e saúde laboral

Artigo 19º.-Seguridade no posto de traballo.

Será de aplicación o disposto na actual lexislación vixente, concretamente a Lei de prevención de riscos laborais, así como todas as demais que se aproben no ámbito temporal deste convenio.

Artigo 20º.-Recoñecementos médicos.

Co obxecto de evitar posibles enfermidades derivadas do traballo, a empresa garantirá unha revisión médica anual a todos os traballadores, que se realizará dentro da xornada laboral.

Artigo 21º.-Roupas de traballo.

A empresa facilitaralles a todos os traballadores que por razón do seu traballo así o precisen o material de traballo necesario así como a roupa e uniformes de traballo debidos.

Aos gardapesca marítimos facilitaráselles un uniforme de verán e outro de inverno con periodicidade anual, así como un anorak, un par de botas e outro de zapatos bianualmente. Ao resto do persoal as fundas de traballo adecuadas e homologadas e as botas de auga necesarias.

Disposición derradeira

Será de aplicación o establecido no Estatuto dos traballadores cando, por falta e omisión neste convenio, non se encontre establecido o contrario.

ANEXO

Táboas salariais 2005

Categoría profesionalPosto de traballoSalario base mensual

Oficial administrativo Secretario órganos de goberno1.646,30

Auxiliar administrativoOficinas confraría pescadores640,33

Auxiliar administrativoOficinas lonxa de pescadores817,86

Gardapesca marítimoConcesións administrativas796,42

Subalternos de lonxaLonxa de pescadores832,74

Subalterno/almacenistaFábrica de xeo e lonxa de pescadores513,00

LimpadorInstalacións confraría pescadores640,33

Biólogo/asistencia técnicaInstalacións e concesións admistr.*

* A persoa contratada como biólogo para asistencia técnica percibirá como retribución a contía que se estipule no convenio anual que suscriban a confraría de pescadores e a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.