DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 21 de setembro de 2005 Páx. 15.857

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2005, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de Urbaser, S.A. (limpeza viaria e recollida de RSU do Concello de Ferrol).

Visto o expediente do convenio colectivo de Urbaser, S.A. (limpeza viaria e recollida de RSU do concello de Ferrol), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 7-6-2005, complementando o día 20-7-2005 e subscrito pola parte económica por Urbaser, S.A. e pola parte social polo comité de empresa o día 14-4-2005, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado

á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o depósito do ciado acordo no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 22 de xullo de 2005.

Cristina Azpilcueta González

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A. para os seus traballadores/as adscritos/s ao servizo de limpeza e recollida de R.S.U. do Concello de ferrol para os anos 2005-2006-2007

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo será de aplicación para todos os traballadores da empresa Urbaser, S.A., que presten os seus servizos no centro de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos do Concello de Ferrol.

Artigo 2º.-Vixencia, duración e prórroga.

Este convenio entrará en vigor o día da súa publicación no DOG, non obstante, os efectos económicos del retrotraeranse ao 1 de xaneiro de 2005.

Terá unha duración de 3 anos con vixencia do 1-1-2005 ao 31-12-2007.

A denuncia deste convenio entenderase validamente efectuada por calquera das partes sempre que medie comunicación por escrito á outra parte antes do último mes de vixencia ordinaria do convenio.

Este convenio considerarase provisionalmente prorrogado durante o tempo que medie entre a súa data de finalización e a aprobación dun novo convenio ou norma que o substitúa.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Os traballadores que, con anterioridade ao presente convenio viñan gozando de mellores condicións, consideradas no seu conxunto e en cómputo anual, que as aquí pactadas, conservaranas.

Artigo 4º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas no presente convenio compensarán e absorberán todas as existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza e orixe delas.

Os aumentos de retribucións que poidan producirse no futuro por disposicións legais de xeral aplicación só poderán afectar ás condicións pactadas neste convenio, cando consideradas as novas retribucións en cómputo anual superen as aquí pactadas.

En caso contrario, serán absorbidas e compensadas por estas últimas subsistindo o presente convenio nos seus propios termos e sen modificación ningunha nos seus conceptos, módulos e retribucións.

Artigo 5º.-Comisión mixta de garantía.

Estará formada por catro representantes da parte económica e catro da parte social pertencentes ao comité de empresa. Ambas partes poderán contar con asesores e reuniranse por instancia de calquera delas, cantas veces sexa necesario, debendo celebrarse a reunión dentro dos cinco días seguintes á convocatoria.

As súas funcións serán:

a) Interpretación da totalidade das cláusulas deste convenio.

b) Estudo e valoración das novas disposicións legais de promulgación posterior á entrada en vigor do presente convenio que puidesen afectar o seu contido.

c) Cantas outras actividades tendan a unha eficacia práctica do convenio e a unha mellor solución interna dos conflitos.

As reunións da comisión paritaria non se descontarán do crédito de horas sindicais.

Artigo 6º.-Interpretación e aplicación.

As dúbidas e diverxencias que poidan xurdir sobre a aplicación deste convenio serán sometidas á comisión mixta paritaria, antes de presentar a reclamación pertinente, ante a xurisdición competente.

A dita comisión deberá emitir un informe e a súa resolución nun prazo máximo de 5 días a partir do día en que foi solicitada.

As funcións e actividades da comisión mixta paritaria non obstaculizarán en ningún caso o libre acceso á xurisdición administrativa e contenciosa, prevista na lei.

Organización do traballo

Artigo 7º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade exclusiva da empresa.

A empresa facilitará o exercicio do traballo de forma que o persoal non sufra atrasos no desenvolvemento do seu cometido debido a persoas ou feitos alleos á empresa.

Cada traballador ou traballadora realizará o traballo propio da súa categoría. Se por necesidades do servizo, un traballador/a viñese desempeñando funcións dunha categoría superior, cobraría desde o primeiro día o salario desta categoría.

Artigo 8º.-Promoción.

No caso de existir prazas de superior categoría terá preferencia para acceder a elas o persoal en activo na empresa ou centro de traballo, polo que se promocionará ás ditas categorías o persoal que demostrase a súa capacidade, logo da superación

das probas selectivas. As bases e requisitos necesarios marcaraos a empresa, para o cal, esta comprométese a dar formación adecuada aos traballadores que pretendan acceder ás ditas prazas e que reúnan os requisitos necesarios. No caso de que as prazas quedasen vacantes, a empresa podería solicitar aos distintos profesionais na oficina do Inem.

Artigo 9º.-Categorías profesionais.

As categorías profesionais definidas neste convenio, no relativo ás retribucións económicas, son as que figuran nas táboas salariais que se xuntan como anexos do presente convenio.

Condicións de traballo

Artigo 10º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 38 horas semanais, que se distribuirán da seguinte forma: xornada diaria de 6 horas e trinta minutos de luns a venres, e de 5 horas e trinta minutos os sábados, que inclúen 30 minutos diarios para o bocadillo, como tempo efectivo de traballo.

Non existindo xornada partida exceptuando administración, que en período estival, a terá continuada.

Artigo 11º.-Vacacións.

Todo o persoal terá anualmente 30 días naturais de vacacións retribuídas conforme a seguinte fórmula: 30 días de salario base + antigüidade + importe do complemento de vacacións que figura para cada categoría nas táboas salariais que se xuntan.

O persoal que se incorpore á empresa ao longo do ano desfrutará da parte proporcional das vacacións que lle correspondan. Se a dita contratación se efectuara despois do 30 de outubro, desfrutará a parte proporcional dentro do mesmo ano na data na que acordara a empresa.

As vacacións colleranse nos meses de xullo e agosto de acordo co seguinte calendario de rotación.

O persoal que no ano anterior desfrutou as vacacións en xullo, desfrutaraas en agosto ao ano seguinte.

O persoal que no ano anterior desfrutou as vacacións en agosto, desfrutaraas en xullo ao ano seguinte.

Todos os traballadores que logo de solicitude desfruten as súas vacacións fóra dos meses de xullo e agosto, terán como compensación dous días máis de vacacións, quedando excluído desta consideración o mes de decembro.

Artigo 12º.-Permisos e licenzas.

O persoal terá dereito a desfrutar de permisos ou licenzas nos seguintes supostos:

a) 15 días en caso de contraer matrimonio.

b) 3 días en caso de enfermidade grave de familiares en primeiro grao. Se se producise fóra da localidade, o permiso será de 5 días.

c) 3 días en caso de morte dalgún familiar en primeiro grao; 2 días se é de segundo grao. Se o falecemento se producise fóra da localidade, o permiso será de 2 días máis.

d) 3 días en caso de nacemento de fillos ou fillas. Se o feito se produce fóra da localidade, o permiso será de 5 días.

e) 1 día por traslado de domicilio habitual.

f) 1 día por matrimonio de fillos ou fillas, se é fóra da localidade 2 días.

g) O desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, cando se cursen estudos para a obtención dalgún título tanto académico como profesional, deberá acreditarse sempre a concorrencia aos ditos exames.

h) O tempo necesario para recibir asistencia médica ou sanitaria debendo xustificala adecuadamente.

i) O tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

j) Polo tempo necesario para a renovación do carné de conducir, a aqueles traballadores/as que teñan a categoría de condutor.

k) o traballador ou traballadora pola lactación dun fillo e filla menor de 9 meses terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo, que poderá dividir en 2 fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha redución da xornada normal de traballo en media hora, coa mesma finalidade.

Este permiso poderá ser desfrutado polo pai ou a nai no caso de que ambos traballen.

As licenzas e permisos empezarán a contar na data en que se produzca o feito que os motiva, ou no día seguinte se o traballador ou traballadora finalizase a súa quenda de traballo.

Os días que correspondan para cada suposto descrito neste artigo enténdese que son naturais.

Artigo 13º.-Días libres por asuntos propios.

Durante a vixencia deste convenio, cada traballador terá á súa disposición 5 días de licenza retribuída sen xustificar, a desfrutar antes do 31 de decembro do ano en curso, non tendo carácter acumulativo dun ano para outro, non poderán ser remunerados no caso de renunciar ao seu desfrute, e segundo a clasificación seguinte:

-Asuntos propios tipo A-Libre disposición (AP-A).

2 días ao ano, para os cales o único requisito será o de solicitalos ao seu encargado con polo menos 7 días de antelación ao día escollido para o descanso.

-Asuntos propios tipo B-Condicionados (AP-B).

3 días ao ano, para os cales, aínda non establecéndose prazo de solicitude, serán comunicados ao seu encargado correspondente, e a empresa reservará o dereito a non conceder as ditas licenzas, cando estas causaren unha grave deterioración na prestación do servizo, dado o carácter público del.

Neste sentido serán considerados laborables aqueles festivos que por seren consecutivos sexa necesaria a realización do servizo de recollida de R.S.U.

Artigo 14º.-Sábados libres.

Cada traballador disporá de sábados libres alternos (un si, o seguinte non), excepto nos meses de xullo e agosto, nos que se gozará soamente un sábado libre, no mes de traballo en período vacacional.

Os sábados festivos que coincidisen con sábado libre computaranse como librados.

Rotaranse os sábados libres anualmente, tendo en conta para iso que os traballadores alternarán cada ano como libre o sábado o correspondente ao Sábado Santo.

O único cambio posible de sábados libres que por quenda corresponda será despois de acordo entre traballadores da mesma categoría e quenda para a permuta, e a comunicación escrita á empresa con polo menos tres días de antelación.

Artigo 15º.-Incapacidade laboral transitoria.

En caso de baixa por incapacidade transitoria derivada de calquera tipo de continxencia, ben sexa por accidente laboral ou enfermidade profesional, ou ben por enfermidade común ou accidente non laboral, a empresa complementará ata o 100% do salario real.

En caso de maternidade tamén se terá dereito ao dito complemento, que será aboado da forma que dispoña a lexislación vixente en cada momento.

Non terán estes complementos aqueles traballadores/as que non teñan dereito ao cobro dos subsidios oficiais que outorga a Seguridade Social ou a mutua correspondente.

Artigo 16º.-Aviso previo de cesamento.

Rexerá o que dispoña a lexislación vixente nesta materia en cada momento.

Artigo 17º.-Roupa de traballo.

A roupa de traballo será de uso obrigatorio para todo o persoal e a empresa facilitará cada 2 anos as seguintes pezas:

* Condutores:

Inverno:

-2 pantalóns.

-2 camisas.

-2 xerseis.

-1 cazadora.

-1 anorak.

-1 par de botas de seguridade.

-Guantes anticortes.

Verán:

-2 pantalóns.

-2 camisas.

-1 xersei.

-1 par de botíns.

* Peóns:

Inverno:

-3 pantalóns.

-3 camisas.

-2 xerseis.

-1 cazadora.

-1 anorak.

-1 par de botas de seguridade.

-1 par de botas de auga.

-1 traxe de augas.

-Guantes anticortes.

Verán:

-2 pantalóns.

-2 camisas.

-1 xersei.

-1 par de botíns.

* Persoal de taller:

-2 pantalóns.

-2 camisas.

-1 xersei.

-3 fundas.

-2 pares de botas de seguridade.

A roupa de verán entregarase do 1 ao 15 de maio, a roupa de inverno do 15 ao 30 de setembro.

Será de obrigado cumprimento por parte da empresa o cambio dalgunha peza deteriorada por desgaste, rotura, etc. por outra nova, dentro do período de dous anos para o que se solicitan as pezas de traballo, logo de entrega da peza deteriorada, e que a dita deterioración ou rotura sexa consecuencia do desenvolvemento normal do traballo.

Condicións sociais

Artigo 18º.-Póliza de seguros.

En caso de accidente laboral ou enfermidade profesional como consecuencia da actividade desenvolvida para a empresa, da que se derive morte, incapacidade laboral permanente absoluta ou grande invalidez para calquera actividade laboral, o traballador/a ou os seus beneficiarios percibirán, en concepto de indemnización a cantidade de 18.000 euros, independentemente das prestacións que puideran corresponderlle por este motivo.

A dita póliza entrará en vigor o día da súa sinatura, quedando o persoal comprendido dentro do ámbito de aplicación deste convenio, en tanto en canto non se subscriba a nova póliza, cuberto pola do ano anterior.

Artigo 19º.-Excedencias.

Terá dereito a solicitar excedencia todo traballador/a que teña unha antigüidade mínima de 1 ano na empresa, concedéndose a mesma por un período comprendido entre 1 e 5 anos.

A petición de excedencia deberá facerse con 1 mes de antelación.

A incorporación ao posto de traballo debe solicitarse 1 mes antes da data de finalización da dita excedencia.

Poderá solicitar excedencia todo traballador/a en activo que teña un cargo sindical, tanto sexa nunha estrutura de dirección da central sindical á cal pertenza, como a institución galega ou estatal en calquera das súas modalidades. Esta excedencia será con dereito á reserva do posto de traballo, debéndose avisar con polo menos 1 mes de antelación á súa reincorporación á empresa. Non se terá en conta para os efectos do cálculo do complemento de antigüidade, o tempo transcorrido en situación de excedencia polas causas sindicais expostas.

No caso de excedencia voluntaria, descontarase o tempo no que se permaneza nesa situación para efectos de cálculo do complemento de antigüidade.

Artigo 20º.-Xubilación parcial anticipada.

Ao abeiro do disposto no artigo 166.2º do R.D lexislativo 1/1994, do 20 de xuño e o artigo 12.6º do Estatuto dos traballadores e co fin de impulsar a celebración de contratos de substitución, poderán acceder á xubilación parcial os traballadores/as a xornada completa incluídos dentro do ámbito de aplicación deste convenio colectivo que opten por se xubilar a tempo parcial a partir dos 60 anos de idade e antes de chegar aos 65 anos que, tendo dereito conforme a actual lexislación á xubilación total, reúnan así mesmo, as condicións xerais exixidas para ter dereito á pensión contributiva de xubilación da Seguridade Social. Tal acreditación efectuarase presentando ante a empresa certificado orixinal de vida laboral, o informe da entidade xestora que certifique estas condicións xerais, xunto co escrito do interesado/a dirixido á empresa solicitando acollerse á xubilación parcial anticipada cunha antelación de, polo menos, tres meses á data prevista para a xubilación.

Concertando paralelamente coa empresa un contrato a tempo parcial reducindo a súa xornada e salario. Ademais será necesario que no momento de inicio da situación de xubilación parcial, o interesado ou interesada non se atope en ningunha das causas de suspensión de contrato de traballo prevista pola lexislación vixente.

A porcentaxe en que se poderá solicitar a xubilación parcial será como máximo o 85% manténdose a prestación laboral do traballador ou traballadora ao servizo da empresa como mínimo o 15% restante da xornada. Non obstante o anterior, mediante acordo entre empresa e traballador/a, poderanse establecer

porcentaxes distintas, sempre que se respecten as porcentaxes máxima e mínima establecidas anteriormente.

A dita relación laboral instrumentarase mediante a súa inscrición dun contrato a tempo parcial e por escrito en modelo oficial. A prestación laboral, descansos e vacacións, deberá realizarse de modo ininterrompido durante os meses de xullo, agosto e setembro, salvo pacto en contrario, e nas quendas e horarios que estableza a empresa para cada traballador ou traballadora. Porén, a prestación laboral estará condicionada á data de solicitude establecendo a empresa a data de prestación en caso non ser posible realizala nos meses mencionados anteriormente.

O salario que se aboará en contraprestación polo traballo será o correspondente á xornada efectivamente realizada e aboarase á finalización de cada un dos meses en que se traballa, liquidándose no último período mensual de traballo as partes proporcionais das retribucións de devengos superiores ao mes.

A empresa celebrará simultaneamente un contrato de traballo de substitución cun traballador ou traballadora en situación legal de desemprego ou que tivese concertado coa empresa un contrato de duración determinada, no cal deberá cesar previa e obrigatoriamente, co obxecto de substituír a xornada deixada vacante polo traballador/a que se xubila parcialmente. A duración deste contrato será igual á do tempo que falte o traballador/a substituído para chegar á idade de 65 anos, agás que o traballador ou traballadora substituído cese con anterioridade ao servizo da empresa por calquera causa, en cuxo caso se extinguirá igualmente o contrato de traballo do substituto.

A xornada do traballador ou traballadora de substitución será a que prestaba o traballador/a que se xubila parcial e anticipadamente. Por outra banda, o posto de traballo do traballador/a de substitución poderá ser calquera dos que corresponda ao mesmo grupo profesional do traballador/a substituído.

O contrato de traballo a tempo parcial subscrito co traballador ou traballadora parcialmente xubilado terá unha duración igual á que, no momento da súa celebración, lle resta a aquel ou aquela para alcanzar a idade de 65 anos, momento en que se extinguirá o dito contrato de traballo, debendo pasar de maneira forzosa o dito traballador/a á situación de xubilación total.

En materia de incapacidade temporal, vistas as especiais circunstancias de prestación de servizos de persoal que se acolla á xubilación parcial regulada neste convenio, establécese como excepción ao réxime convencional previsto neste convenio colectivo, que non será de total aplicación a este persoal a regulación contida nos artigos de incapacidade temporal, de maneira que tales traballadores/as só terán dereito ao complemento de ata o 100% da súa retribución mensual reflectida na táboa salarial

o período que estean de alta e efectivamente traballando na empresa, no caso de accidente laboral ou enfermidade profesional. No resto dos casos rexerá o establecido na Lei xeral de Seguridade Social e demais normas de aplicación.

As indemnizacións e dereitos concedidos no vixente convenio colectivo para os casos en que como consecuencia de accidente de traballo se produza morte, incapacidade laboral permanente absoluta ou grande invalidez, seranlles recoñecidos na súa integridade aos traballadores e traballadoras xubilados parcialmente, unicamente no caso en que a baixa médica, que fose a orixe das ditas continxencias, ou o falecemento, se produzan durante o período en que o traballador ou traballadora estivese prestando os seus servizos efectivos profesionais para a empresa.

Non será de aplicación aos traballadores e traballadoras xubilados parcialmente o artigo 22º roupa de traballo. A roupa de traballo entregarase aos xubilados e xubiladas parcialmente en funcións dos criterios que determine a comisión paritaria do convenio colectivo.

En todo caso no reflectido expresamente neste artigo rexerá o principio de proporcionalidade en relación á xornada efectiva de traballo contratada.

Este artigo quedará sen efecto no suposto de derrogación da norma que o ampara.

Artigo 21º.-Cobertura por retirada do carné de conducir.

Nos casos de retirada provisional do permiso de conducir, a empresa adaptará o condutor afectado noutro posto de traballo, conservándolle a súa categoría e soldo durante un período máximo de 3 meses. Transcorrido o dito prazo, seralle adaptado tanto o salario como a categoría ao seu novo posto de traballo. O traballador/a reintegrarase á súa categoría e posto de traballo no prazo de tres meses a partir da devolución do mencionado carné.

Este artigo será de aplicación no suposto de que a infracción que derive a retirada do mencionado carné se produza dentro da xornada laboral do traballador/a, no desempeño das súas funcións normais de condutor/a, e sempre e cando non derive de condución temeraria, conducir baixo os efectos do alcohol ou calquera outra substancia psicotrópica, así como calquera infracción prevista na Lei de prevención de riscos laborais, imputable ao traballador/a.

Se a retirada do permiso de conducir se producise fóra da xornada laboral, atribuiráselle un posto de peón ou similar, no que non se necesite o citado permiso, mentres dure a sanción que motivou a retirada do mesmo, sexa cal fose a causa de suspensión do permiso de conducir.

Neste último suposto mentres dure a retirada de permiso de condución e o operario non poida desempeñar traballos propios da categoría de condutor, cobrará o salario correspondente á categoría de peón.

Artigo 22º.-Axuda escolar.

A empresa achegará un fondo de axuda para estudos oficiais dos fillos dos traballadores/as, que terá un importe de 3.606,07 euros.

A repartición do dito fondo farase anualmente entre a empresa e o comité de empresa, creando a este respecto un regulamento de normas.

Artigo 23º.-Comité de seguridade e hixiene.

Rexerá o disposto na lexislación vixente nesta materia.

Artigo 24º.-Revisións médicas.

Todos os traballadores/as afectados polo presente convenio terán o dereito e a obrigación de pasar unha revisión médica anual que será a cargo da empresa e en horas de traballo. Así mesmo todo traballador que o solicite será vacinado contra a gripe e a hepatite B.

Dereitos sindicais

Artigo 25º.-Garantías sindicais.

Cada membro do comité de empresa disporá dun crédito de horas sindicais mensuais retribuídas a salario real (como se estivera traballando), para o desenvolvemento das súas funcións representativas e sindicais. Estas horas poderán acumularse mensualmente, así como un ou máis membros do comité poderán ceder horas sindicais a outro.

As reunións para a negociación do convenio colectivo, así como as que convoque a representación empresarial, non se computarán para efectos de consumo de crédito de horas sindicais.

A empresa manterá en bo estado os taboleiros de anuncios en cada cuartel. Ademais de velar pola conservación do local do comité. Así mesmo facilitará o acceso do comité aos medios de reprodución da mesma, sempre que os escritos ou documentos teñan relación coa actividade do comité dentro da empresa.

Durante o período de vacacións ou IT, dos representantes sindicais dos traballadores, (comité de empresa), poderase ceder o crédito mensual de horas sindicais entre un ou varios dos membros do comité de empresa, logo da presentación do correspondente documento de cesión de horas.

Artigo 26º.-Cota sindical.

A empresa descontará da nómina dos traballadores/as a cota sindical, logo da solicitude escrita de cada un deles.

Condicións salariais

Artigo 27º.-Retribucións salariais.

A estrutura salarial está constituída polos seguintes conceptos:

-Salario base.

-Antigüidade.

-Complemento de transporte.

-Complemento de complemento de convenio.

-Complemento tóxico, penoso e perigoso.

-Complemento nocturno.

-Pagas extraordinarias.

-Complemento produtividade.

Artigo 28º.-Salario base.

É o que está recollido para cada categoría nas táboas salariais correspondentes ao ano 2005, 2006 e 2007, figurando as primeiras como anexo II neste convenio colectivo. Devengarase por día natural.

Artigo 29º.-Antigüidade.

O complemento persoal de antigüidade queda establecido en dous bienios ao 5% e posteriores quinquenios ao 7% do salario base de cada categoría, respectando o tope máximo establecido no artigo 25 do Estatuto dos traballadores. Este complemento devengarase os mesmos días que o salario base.

Artigo 30º.-Complemento de transporte.

O complemento de transporte é aquela percepción de carácter extrasalarial percibida polos traballadores/as, como compensación polo traslado do seu domicilio ao centro de traballo, sendo unha cantidade fixa para todos os traballadores e categorías, na contía recollida nas táboas salariais correspondentes a cada ano.

Artigo 31º.-Complemento de complemento de convenio.

Por cantidade e calidade de traballo e por día efectivo de traballo, cada traballador/a percibirá un complemento denominado de complemento de convenio, que está recollido para cada categoría profesional na táboas salariais correspondentes a cada ano.

-No ano 2004 quedou absorbido o 100% deste complemento polo salario base, polo que desaparece neste convenio das táboas salariais.

Artigo 32º.-Complemento de produtividade.

Todo o persoal que cumpra co horario da súa xornada laboral percibirá por día efectivo de traballo un complemento de produtividade, que está recollido para cada categoría profesional na táboas salariais correspondentes a cada ano.

Artigo 33º.-Complemento tóxico, penoso e perigoso.

O persoal afecto a este convenio que desempeña as súas funcións nos servizos de varrido, recollida e taller mecánico, percibirá un complemento denominado tóxico, penoso e perigoso que consistirá no 20% do salario base diario e se aboará por día efectivo de traballo.

Artigo 34º.-Complemento de nocturnidade.

Todo o persoal afecto a este convenio que realice máis da metade da súa xornada laboral diaria entre as 22.00 e as 6.00 horas, percibirá un complemento denominado de nocturnidade por cada día efectivo de traballo, consistente no 25% do salario base diario.

Artigo 35º.-Pagas extraordinarias.

Durante o transcurso do ano percibiranse tres pagas extraordinarias que serán as seguintes:

-Paga extraordinaria de verán. Esta paga aboarase coa mensualidade de xuño e devengarase semestralmente e día a día, desde o 1 de xaneiro ata o 30 de xuño.

-Paga extraordinaria de Nadal. Esta paga aboarase coa mensualidade de decembro e devengarase semestralmente e día a día, desde o 1 de xullo ao 31 de decembro.

-Paga extraordinaria de beneficios. Esta paga aboarase entre o día 1 e 15 de setembro, e devengarase anualmente, desde o 1 setembro do ano anterior ao 31 de agosto do ano do seu aboamento.

Paga extra de marzo. Esta paga aboarase entre o día 1 e 15 de marzo, e devengarase anualmente desde o 1 de abril ao 31 de marzo.

As ditas pagas non se verán afectadas no seu importe polas situacións de IT que poida sufrir o traballador durante os períodos de devengo de cada unha delas.

A contía das pagas de verán, Nadal e beneficios serán de 30 días de salario base e antigüidade.

A contía da paga de marzo será a seguinte:

Ano 2005: 33% do importe correspondente a 30 días de salario base e antigüidade.

Excepcionalmente, a paga de marzo de 2005 aboarase despois da sinatura do convenio se fose posterior ao 15 de marzo, e o seu devengo para este ano será de 1 de abril de 2004, aínda sendo esta unha data anterior á entrada en vigor deste convenio.

Ano 2006: 66% do importe correspondente a 30 días de salario base e antigüidade.

Ano 2007: o importe correspondente a 30 días de salario base e antigüidade.

Artigo 36º.-Horas extraordinarias.

A realización das horas extraordinarias será de forma voluntaria, salvo en casos de forza maior ou emerxencia, acórdase reducir ao mínimo as horas extraordinarias.

-1º Voluntariedade.

As horas extras que por razón das especiais circunstancias do traballo sexan imprescindibles realizar no servizo de recollida de R.S.U. cando coin

cidan dous festivos consecutivos, serán estritamente voluntarias.

Con obxecto de organizar o servizo coa suficiente antelación e concretar o persoal dispoñible, habilitaranse nos taboleiros de anuncios con 15 días de antelación unha folla para que procedan a apuntarse aqueles traballadores dispostos a realizar o dito servizo. Sete días naturais antes do día efectivo de traballo, cerrarase o prazo de inscrición, considerándose persoal dispoñible aquel que se anotase.

Se o número de traballadores apuntado superase o número estritamente necesario, para a realización do servizo, darase prioridade aos comunmente asignados á quenda de noite, respecto dos da quenda de día que se inscribisen.

-2º Compensación.

Os traballadores que realizasen horas extras terán dereito a optar por ser compensados: a) economicamente, b) con tempo de descanso. En ambos casos deberá consignarse a opción elixida na folla de inscrición.

a) Compensación económica.

A xornada de traballo correspondente a calquera segundo día festivo consecutivo que coincida durante o ano, será compensada con 96,16 euros.

b) Compensación con tempo de descanso.

O persoal que pertenza á quenda de noite desfrutará de 2 días de descanso por día traballado.

O persoal que pertenza á quenda de día desfrutará de 10 horas de descanso.

Tanto os días como as horas de descanso poderán ser acumulados na ficha correspondente a cada traballador, podendo este ter acceso a calquera comprobación que considere conveniente.

c) Desfrute de tempo de descanso.

O tempo de descanso acumulado non terá caducidade. O traballador poderá desfrutar o dito descanso cando o considere oportuno, cumprindo o requisito que a continuación se detalla.

Para facer efectivo o desfrute do tempo de descanso, será necesario que o traballador o solicite ao seu encargado correspondente con polo menos 7 días de antelación ao día escollido para o descanso.

Artigo 37º.-Anticipos.

O persoal que o solicite por escrito terá dereito a percibir un anticipo á conta do traballo realizado durante a mensualidade na que se solicita por un importe máximo de ata un 80% do salario devengado.

Os anticipos concederanse o día 18 de cada mes, debendo solicitarse con 24 horas de antelación.

Artigo 38º.-Anticipos de cancelación diferida.

A empresa comprométese á creación dun fondo de 12.020,24 A, para que aqueles traballadores/as

que o necesiten poidan solicitar anticipos de cancelación diferida nas seguintes condicións:

-A cantidade máxima que se poderá conceder por traballador/a será de 901,52 euros.

-Os ditos anticipos deberán solicitarse durante os 5 primeiros días hábiles de cada mes, facéndose efectiva a concesión, unha vez aprobada, o día 15 do mes no que se solicita.

-O anticipo será cancelado nun prazo máximo de 15 meses reténdose dos haberes mensuais de cada traballador/a os importes dos distintos vencementos.

-A primeira retención farase efectiva no mes seguinte de que se solicita o anticipo.

-Se o traballador/a antes da total cancelación do anticipo cesara por calquera causa no servizo activo da empresa, descontarase a cantidade pendente de aboar, do importe da liquidación dos devengos ata onde a mesma alcance. Se non alcanzase, o traballador/a comprométese a liquidar a parte pendente de devolución nun prazo de dous meses, a partir da data de baixa na empresa.

-O anticipo devengará un xuro anual do 0%.

Artigo 39º.-Pagamento de salarios.

O aboamento dos salarios será mensual, e o pagamento realizarase mediante transferencia bancaria. Para iso, a empresa ordenará as ditas transferencias o penúltimo día hábil do mes ao que corresponda o pagamento.

Artigo 40º.-Cláusula de revisión. Incremento salarial.

O incremento salarial para os anos 2005, 2006 e 2007 será do IPC previsto polo Goberno máis 0,5% para cada ano (IPC+0,5%).

No caso de que o IPC publicado polo INE ou organismo que o substitúa superase o 31 de decembro do ano correspondente o IPC previsto polo Goberno aplicado, efectuarase unha revisión anual automática sobre tódolos conceptos económicos polo exceso da mencionada cifra.

Outras condicións

Artigo 41º.-Subrogación do persoal.

Punto 1º.-Subrogación do persoal.

Co obxecto de contribuír e garantir o principio de estabilidade no emprego, a absorción do persoal entre os que se sucedan, mediante calquera das modalidades de contratación de xestión de servizos públicos, contratos de arrendamento de servizos ou doutro tipo, nunha concreta actividade das reguladas no ámbito funcional deste convenio, levarase a cabo nos termos indicados neste punto e nos seguintes.

No sucesivo, o termo contrata engloba con carácter xenérico calquera modalidade de contratación, tanto pública como privada, e identifica unha concreta actividade que pasa a ser desempeñada por unha

determinada empresa, sociedade ou organismo público.

a) En todos os supostos de finalización, perda, rescisión, cesión ou rescate dunha contrata, así como respecto de calquera outra figura ou modalidade que supoña a substitución entre entidades, persoas físicas ou xurídicas que leven a cabo a actividade de que se trate, os traballadores da empresa saínte pasarán a adscribirse á nova empresa ou entidade pública que vaia realizar o servizo, respectando esta os dereitos e obrigacións que desfruten na empresa substituída.

Producirase a mencionada subrogación de persoal sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

1. Traballadores en activo que realicen o seu traballo na contrata cunha antigüidade mínima dos catro últimos meses anteriores á finalización efectiva do servizo, sexa cal for a modalidade do seu contrato de traballo, con independencia de que con anterioridade ao citado período de catro meses, traballasen noutra contrata.

2. Traballadores con dereito a reserva de posto de traballo, que no momento da finalización efectiva da contrata teñan unha antigüidade mínima de catro meses na mesma e se encontren enfermos, accidentados, en excedencia, vacacións, permiso, descanso maternal, servizo militar ou situacións análogas.

3. Traballadores con contrato de interinidade que substitúan a algún dos traballadores mencionados no suposto 2, con independencia da súa antigüidade e mentres dure o seu contrato.

4. Traballadores de novo ingreso que por exixencia do cliente se incorporasen á contrata de servizos públicos como consecuencia dunha ampliación, nos catro meses anteriores á finalización daquela.

5. Traballadores que substitúan a outros que se xubilen, cumprindo sesenta e catro anos dentro dos catro últimos meses anteriores á finalización efectiva da contrata e teñan unha antigüidade mínima na mesma dos catro meses anteriores á xubilación, sempre que esta estea pactada en convenio colectivo estatutario de ámbito inferior, en virtude do Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

b) Todos os supostos anteriormente previstos deberanse acreditar fidedignamente e documentalmente pola empresa ou entidade pública saínte á entrante, mediante os documentos que se detallan no punto 5º deste artigo e no prazo de 10 días hábiles contados desde o momento en que, ben a empresa entrante ou a saínte, comunique fidedignamente á outra empresa o cambio da adxudicación do servizo.

c) Os traballadores que non desfrutasen das súas vacacións regulamentarias ao se producir a subrogación desfrutaranas coa nova adxudicataria do servizo, que só aboará a parte proporcional do período que a ela corresponda, xa que o aboamento doutro período corresponde ao anterior adxudicatario, que deberá efectualo na correspondente liquidación.

D) A ampliación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes a que vincula: empresa ou entidade pública ou privada cesante, nova adxudicataria e traballador.

Punto 2º.-División de contratas.

No suposto de que unha ou varias contratas das que a actividade ven sendo desempeñada por unha ou distintas empresas ou entidades públicas se fragmenten ou dividan en distintas partes, zonas ou servizos co obxecto da súa posterior adxudicación, pasarán a estar adscritos ao novo titular aqueles traballadores que realizasen o seu traballo na empresa saínte nas concretas partes, zonas ou servizos resultantes da división producida, con un período mínimo dos catro últimos meses, sexa cal fose a súa modalidade de contrato de traballo, todo iso aínda cando con anterioridade traballasen noutras zonas, contratas ou servizos distintos.

Subrogaranse así mesmo os traballadores que se encontren nos supostos 2 a 5, ambos inclusive do punto 1º deste artigo e que realizasen o seu traballo nas zonas, divisións ou servizos resultantes.

Punto 3º.-Agrupacións de contratas.

En caso de que distintas contratas, servizos, zonas ou divisións daquelas se agrupen nunha ou varias, a subrogación de persoal operará respecto de todos aqueles traballadores que, con independencia da modalidade do seu contrato de traballo, realizasen o seu traballo nas que resulten agrupadas cun tempo mínimo dos catro meses anteriores, e todo iso aínda cando con anterioridade prestasen servizos en distintas contratas, zonas ou servizos.

Subrogaranse así mesmo os traballadores que se encontren nos supostos 2 a 5, ambos inclusive, do punto 1º deste artigo e que prestasen os seus servizos nas contratas, zonas, divisións ou servizos agrupados.

Punto 4º.-Obrigatoriedade.

A subrogación de persoal, así como os documentos a facilitar, operarán en todos os supostos de substitución de contratas, partes, zonas ou servizos que resulten da fragmentación ou división delas, así como nas agrupacións que daquelas poidan efectuarse, aínda tratándose das normais substitucións que se produzan entre empresas e entidades públicas ou privadas que leven a cabo a actividade dos correspondentes servizos, e iso aínda cando a relación xurídica se estableza só entre quen adxudica o servizo por un lado e a empresa que resulte adxudicataria por outro, sendo de aplicación obrigatoria, en todo caso, a subrogación de persoal, nos termos indicados e iso con independencia tanto da aplicación, se é o caso, do previsto no artigo 44 do Estatuto dos traballadores, como da existencia por parte do empresario saínte doutras contratas alleas á que é obxecto de sucesión.

Punto 5º.-Documentos para facilitar pola empresa saínte á entrante.

A empresa saínte deberá facilitar á entrante os seguintes documentos:

-Certificado do organismo competente de estar ao corrente de pagamento na Seguridade Social.

-Fotocopia dos catro últimos recibos de salarios dos traballadores afectados.

-Fotocopia dos TC-1 e TC-2 de cotización á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal, especificando: nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, categoría profesional, xornada, horario, modalidade de contratación e data do desfrute das súas vacacións.

Se o traballador é representante legal dos traballadores, especificarase o período de mandato del.

-Fotocopia dos contratos de traballo do persoal afectado pola subrogación.

-Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado, nos que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais, non quedando pendente cantidade ningunha. Estes documentos deberán estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servizo da nova titular.

Artigo 42º.-Dereito supletorio.

Nas materias non reguladas neste convenio, rexerá o disposto pola lexislación vixente.

ANEXO II

Táboa salarial do ano 2005 IPC previsto 2%

Diferencia co IPC definitivo do ano 2004

IPC previsto 2005+0,5%

CategoríaSalario baseCompl.

transporte

Compl.

tóxico

20% S.B.

Compl.

produtividade

Compl.

nocturno

25% S.B.

Paga veránCompl.

vacacións

Paga NadalPaga

convenio

Paga

marzo

33%

Oficial administrativo30,803,7012,00924,00300,00924,00924,00304,92

Aux. administrativo29,003,708,00870,00200,00870,00870,00287,10

Capataz día26,842,055,377,30805,20383,17805,20805,20262,72

Capataz noite26,842,055,377,306,71805,20570,46805,20805,20265,72

Condutor día24,522,054,901,26735,60298,96735,60735,60242,75

Condutor noite24,522,054,901,266,13735,60468,25735,60735,60242,75

Peón día22,842,054,571,26685,20251,27685,20685,20226,12

Peón noite22,842,054,571,265,71685,20410,35685,20685,20226,12

Mecánico día24,522,054,901,26735,60298,96735,60735,60242,75

Mecánico noite24,522,054,901,266,13735,60468,25735,60735,60242,75

A multiplicar por días365273273273273Xuño30 díasDecembroSetembroMarzo