DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 20 de setembro de 2005 Páx. 15.761

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de agosto de 2005 pola que se fai pública a convocatoria de dezaoito prazas de colaboradores bolseiros no Centro Residencial Docente da Coruña.

Por ser necesario para o normal funcionamento do Centro Residencial Docente da Coruña a colaboración en todas as tarefas de orde interna e actividades de residencia, relacionadas con desenvolvemento de accións formativas e de convivencia dos residentes; e en uso das facultades que ten conferidas esta consellería,

DISPOÑO:

Primeiro.

1. Convócanse 18 prazas de colaboradores bolseiros no Centro Residencial Docente da Coruña, dependente da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

2. A duración da praza concedida comprenderá o período correspondente ao curso escolar 2005/2006.

3. O concesionario da praza de bolseiro non poderá realizar, mentres a desfrute, ningún tipo de traballo remunerado, aínda que poderá facela compatible con outras axudas.

Segundo.

Para optar á praza será preciso que concorran ou se acrediten, se é o caso, os seguintes requisitos:

a) Ser español, calquera que sexa o título xurídico polo que posúa a nacionalidade española.

b) Non estar en posesión do título académico que habilita para actividades profesionais, a menos que este título supoña un nivel ou grao inferior ao dos estudos que pretende realizar.

c) Ter cumpridos, como mínimo, dezaoito anos.

d) Estar inscrito ou matriculado, no curso 2005/2006, nun centro oficial universitario; a distancia do centro ao residencial docente no cal deberá residir e os medios de comunicación entre ambos os dous deberalle permitir ao bolseiro o normal cumprimento das súas obrigas.

e) O estado de saúde do colaborador bolseiro deberá permitir o normal desenvolvemento na vida docente da residencia.

Terceiro.

1. Os aspirantes deberán presentar os seguintes documentos:

a) Instancia dirixida á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, segundo modelo que figura no anexo a esta orde.

b) Unha fotografía tamaño carné.

c) Fotocopia do DNI.

d) Documento acreditativo de estar inscrito ou matriculado como alumno oficial de facultade, escola superior, escola universitaria ou colexio universitario.

e) Currículum do aspirante, con especial mención ás actividades educativas en que participou.

f) Declaración ou declaracións da renda da unidade familiar correspondente ao exercicio económico 2004.

g) Certificación de notas correspondente ao curso escolar 2004/2005.

2. Os aspirantes presentarán as súas solicitudes, xunto coa documentación correspondente, no Centro Residencial Docente da Coruña.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Unha vez recibidas as solicitudes e, de ser o caso, de acordo co establecido no artigo 71 de Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase ao interesado para que no prazo de 10 días emende os erros ou complemente a documentación.

Cuarto.

1. Concluído o prazo anterior, constituirase no centro residencial docente unha comisión de valoración que estará integrada polo xerente do devandito centro como presidente, e como vogais o xefe de residencias, un educador ou axudante de colexio e un representante da asociación de pais con presenza no centro; actuará como secretario un funcionario administrativo do centro.

2. A comisión de valoración ordenará as súas solicitudes segundo os méritos reflectidos nelas, tendo en conta especialmente as aptitudes do candidato para o desenvolvemento de tarefas formativas, a vinculación con centros residenciais docentes e o seu expediente académico.

Unha vez concluída a fase de valoración, elevarase proposta á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que procederá a conceder as axudas e fará chegar aos que resulten beneficiarios definitivamente as correspondentes credenciais.

Quinto.

1. A resolución da solicitude seralle comunicada ao interesado, que disporá dun prazo de reclamación de quince días. A concesión da praza terá carácter de provisionalidade mentres non se formalice a matrícula.

2. As reclamacións resolveranse no prazo dun mes, contado desde a súa interposición, e consideraranse tacitamente desestimadas de non seren resoltas nese prazo.

3. A resolución expresa ou tácita das reclamacións formuladas dará carácter definitivo ás adxudicacións.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de dous meses, contados a partir da data de publicación desta convocatoria.

Sexto.

Os colaboradores bolseiros terán os seguintes dereitos:

a) Exención do pagamento dos servizos residenciais durante o período de funcionamento destes para os alumnos do centro.

b) Recoñecemento da súa condición de colaborador bolseiro, ante o resto dos residentes.

c) Asistencia sanitaria ordinaria por parte dos servizos médicos do centro.

Sétimo.

Os colaboradores bolseiros terán as seguintes obrigas:

a) Someterse a recoñecemento médico previo, nos servizos facultativos do centro.

b) Dedicarse ás actividades do centro.

c) Seguir con aproveitamento os estudos para os que, unha vez realizados, lles foi concedida a bolsa

d) Residir no centro residencial docente.

e) Cumprir e facer cumprir as normas de réxime interno do centro.

f) Colaborar na residencia en todas as tarefas e cometidos de orde interna e actividades de residencia que lles poida encomendar a xerencia, relacionadas co desenvolvemento de accións formativas e de convivencia dos residentes.

Oitavo.

1. A condición de colaborador bolseiro perderase por algunha das seguintes causas:

a) Por non cumprir os requisitos necesarios para a súa adxudicación.

b) Por ocultar ou falsear os datos.

c) Por sanción disciplinaria imposta conforme as normas que resulten de aplicación.

Para os casos comprendidos nas alíneas a) e b), a perda será inmediata sexa cal sexa o momento en que se constate.

2. O xerente do centro poderalle propor á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa que cese como colaborador bolseiro por deficiencia notoria no cumprimento das súas obrigas, en calquera momento despois de rematadas as actividades lectivas do primeiro trimestre, logo do informe motivado da Xunta de Residencias, e sempre que fose advertido expresamente con anterioridade pola mesma causa, e logo da audiencia do interesado.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2005.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria