DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 16 de setembro de 2005 Páx. 15.615

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de setembro de 2005 pola que se modifica a do 19 de novembro de 2003 pola que se fai pública a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

Pola Orde do 19 de novembro de 2003 (DOG do 24 de novembro) fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

De acordo con artigo 10.1º b) da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, os membros dos consellos sociais cesarán por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento.

A renuncia deberá presentárselle por escrito á autoridade, entidade ou institución designante e ao presidente do Consello Social, que lla comunicará á consellería competente en materia universitaria, e publicarase no Diario Oficial de Galicia, data desde a que producirá efectos.

Segundo o artigo 10.2º da dita Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, as vacantes deberán cubrirse pola autoridade, entidade ou institución correspondente no prazo máximo de 3 meses. De non comunicárselle o acordo de designación dentro do devandito prazo ao conselleiro competente en materia universitaria, o posto permanecerá vacante ata a finalización do correspondente mandato. En todo caso, o membro substituído entenderase nomeado polo período que reste do anterior mandato.

O 2 de maio de 2005, Epifanio Campo Fernández preséntalle ao Consello Social da Universidade da Coruña a renuncia como membro deste por motivos persoais.

Con data 5 de maio de 2005, o presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, en cumprimento do disposto no artigo 10 da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, comunica a renuncia por motivos persoais de Epifanio Campo Fernández, conselleiro do Consello Social da Universidade da Coruña, en representación dos intereses sociais e designado pola Xunta de Galicia.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único.-Facer público o cesamento por renuncia de Epifanio Campo Fernández, representante dos intereses sociais no Consello Social da Universidade da Coruña designado pola Xunta de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2005.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria