DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 15 de setembro de 2005 Páx. 15.557

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 5 de setembro de 2005 sobre delegación de competencias para a concesión e revogación do título licenza para axencias de viaxes e autorización de sucursais de axencias de viaxes xa autorizadas e de delegacións de axencias de viaxes estranxeiras.

O Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo, nos seus artigos 7, 11, 12 e 15 respectivamente, establece a competencia para outorgar e revogar os títulos licenza das axencias de viaxes, así como para autorizar as sucursais das axencias de viaxes xa autorizadas e as delegacións de axencias de viaxes estranxeiras a favor do titular da consellería competente en materia de turismo.

Á luz da nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia, recollida no Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, estas competencias correspóndenlle ao titular da Consellería de Innovación e Industria.

Non obstante, co obxecto de manter a uniformidade dos procedementos administrativos relativos ás empresas e actividades turísticas e evitar a excesiva concentración de funcións arredor do titular da Consellería de Innovación e Industria, dado o seu volume, resulta conveniente establecer a delegación de competencias no director xeral de Turismo.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

En consecuencia, facendo uso das facultades que confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no director xeral de Turismo as seguintes competencias:

a) A concesión de títulos licenza de axencias de viaxes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A autorización de sucursais de axencias de viaxes xa autorizadas.

c) A autorización de delegacións de axencias de viaxes estranxeiras.

d) A revogación dos títulos licenza de axencias de viaxes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación conferida nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade delegante.

Artigo 3º

En calquera momento, o conselleiro poderá reclamar o exercicio das competencias que se delegan pola presente orde, da que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as ordes da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo do 12 de xaneiro de 1998 e do 20 de febreiro de 1998 e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2005.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria