DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 14 de setembro de 2005 Páx. 15.487

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 2 de setembro de 2005 pola que se delega o exercicio de determinadas competencias en materia sancionadora nos directores xerais desta consellería.

As diversas leis sectoriais en materia de ambiente veñen atribuíndo expresamente a competencia sancionadora aos diferentes órganos en que se estrutura a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en función da cualificación das infraccións en leves, graves e moi graves.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, dispón expresamente no parágrafo segundo do artigo 127 que o exercicio da potestade sancionadora correspóndelles aos órganos administrativos que a teñan expresamente atribuída, por disposición de rango legal ou regulamentario. Pola súa banda o artigo 13 desta mesma lei sinala que os órganos das diferentes administracións públicas poderán delegar o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma administración, aínda que non sexan xerarquicamente dependentes ou das entidades de dereito vinculadas ou dependentes daquelas.

Consecuentemente co exposto e recoñecida expresamente a posibilidade de delegar o exercicio da potestade sancionadora noutros órganos da mesma administración e en uso das facultades previstas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Delégase o exercicio da potestade sancionadora dos expedientes administrativos sancionadores cando a súa resolución corresponda ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nos directores xerais desta consellería en atención ao ámbito de competencia material determinada no Decreto 106/2004, do 27 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, modificado polo Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica

dos departamentos da Xunta de Galicia, e neste sentido:

1. Delégase no director xeral de Conservación da Natureza a resolución dos expedientes administrativos sancionadores que lle correspondan ao conselleiro en materia de caza, pesca, protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, conservación da natureza e animais potencialmente perigosos.

2. Delégase no director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a resolución dos expedientes administrativos sancionadores que lle correspondan ao conselleiro en materia de residuos e protección ambiental.

Artigo 2º

As resolucións e actos administrativos que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde sinalarán expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Artigo 3º

En calquera momento o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá reclamar o exercicio das atribucións que son delegadas por esta orde, da que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 42.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Disposición derradeira

Única.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2005.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento

Sostible