DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 14 de setembro de 2005 Páx. 15.486

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 12 de setembro de 2005 de delegación de competencias na Dirección Xeral de Administración Local.

A actividade administrativa da consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza leva consigo unha concentración de funcións ao redor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias na Dirección Xeral de Administración Local, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse na Dirección Xeral de Administración Local as competencias atribuídas ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza polo artigo 13.bis da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que a continuación se relacionan:

a) As competencias que lle correspondan ao conselleiro en materia de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

b) A designación de representantes da Comunidade Autónoma nos tribunais cualificadores de procesos selectivos de persoal para as entidades locais.

Artigo 2º

O exercicio destas competencias delegadas axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogada a Orde do 31 de outubro de 2003, pola que se modifica a do 12 de febreiro

de 2003, de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

Segunda.-Quedan derrogados os puntos h) e i) do artigo 1 da Orde do 12 de febreiro de 2003 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

Terceira.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2005.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza