DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 09 de setembro de 2005 Páx. 15.345

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 477/2005, do 25 de agosto, polo que se modifican os estatutos da sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.

Publicados os decretos 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; 231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Xunta de Galicia e 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, faise preciso modificar os estatutos da sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., para o que, e de conformidade co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da comunidade autónoma e no artigo 111 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de agosto de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificar os artigos 8 e 16 dos estatutos da sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., aprobados polo Decreto 58/1997, do 20 de febreiro, que quedan redactados nos seguintes termos:

«Artigo 8º.-Transmisións de accións.

1. As accións son indivisibles.

2. O alleamento de títulos representativos de capital propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia requirirá acordo do Consello da Xunta, a iniciativa da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e por proposta da Consellería de Economía e Facenda, de conformidade, en todo caso, coa Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo.

Artigo 16º.-O Consello de Administración.

1. O Consello de Administración estará integrado por un número de conselleiros que non será inferior a tres nin superior a sete.

2. Será presidente do Consello de Administración o secretario xeral de Comunicación.

3. A elección dos conselleiros que deben compoñer o Consello en cada momento, sempre dentro do mínimo e do máximo a que se refire este artigo, corresponde á Xunta Xeral de Accionistas.

4. O secretario do Consello de Administración será elixido polo Consello, por proposta do presidente, debendo ser licenciado en dereito. En ausencia do mesmo, asumirá as súas funcións o conselleiro de menor idade».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de agosto de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda