DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 06 de setembro de 2005 Páx. 15.219

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 1 de setembro de 2005 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

A actividade administrativa da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible leva consigo unha concentración de funcións ao redor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias no secretario xeral da consellería, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me conceden os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, o artigo 72.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos ao titular da consellería.

b) Autorizar e dispoñer dos gastos xerais dos servizos da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, así como o compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos.

c) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas ao titular da consellería pola lexislación vixente.

d) A designación das comisións de servizos, con dereito a indemnización, previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal dependente da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

e) As facultades que lle corresponden ao conselleiro en materia de persoal, agás as reservadas legal

mente á competencia exclusiva daquel e as que lle correspondan á Dirección Xeral de Función Pública.

f) A disposición de canto atinxe ao réxime interno da consellería, cando non sexa competencia do conselleiro ou doutra dirección xeral.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que a conferiu.

Artigo 3º

En calquera momento, o conselleiro poderá reclamar o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 29 de xaneiro de 2003 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2005.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible