DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 06 de setembro de 2005 Páx. 15.210

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2005, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se convocan probas de madurez para o acceso ao nivel III da formación deportiva regulada pola Orde ECD/3310/2002, do 16 de decembro.

O artigo 55.1º da Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte, o artigo 1 do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro (BOE do 23 de xaneiro), e o artigo 7.3º da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, da calidade na educación (BOE do 24 de decembro), configuran como ensinanzas de réxime especial as ensinanzas deportivas.

A Orde ECD/3310/2002, do 16 de decembro (BOE do 30 de decembro), regula os aspectos curriculares, os requisitos xerais e os efectos da formación en materia deportiva, aos que se refire a disposición transitoria primeira do Real decreto 1913/1997. Esta orde ten carácter básico, segundo determina a súa disposición derradeira primeira, e no seu punto sexto, número 2.1, establece a posibilidade de acceso ás ensinanzas de materia deportiva a través da superación dunha proba de madurez, sen cumprir os requisitos de titulación de bacharelato establecidos para o acceso ao nivel III.

Finalmente, atendendo ao establecido na orde desta consellería do 24 de marzo de 2003, que regula as probas de madurez e de carácter específico para o acceso ás ensinanzas deportivas reguladas polo Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, e en virtude da autorización expresa que figura na súa disposición derradeira primeira, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Convocatoria.

Convocar a proba de madurez para o acceso ás ensinanzas deportivas de nivel III de conformidade coa Orde ECD/3310/2002, do 16 de decembro, e coa Orde do 24 de marzo de 2003 para o ámbito territorial de Galicia.

Segundo.-Requisitos de acceso.

A esta proba unicamente poderán concorrer aquelas persoas que teñan cumpridos 20 anos de idade ou os cumpran durante o ano 2005 e non reúnan os requisitos académicos que permitan o acceso directo a estas ensinanzas.

Terceiro.-Contidos e elaboración da proba.

A proba adecuarase aos currículos vixentes do bacharelato e acreditará a madurez en relación cos seus obxectivos, fundamentalmente en contidos procedementais.

Exercicios:

a) Lingua galega e literatura.

b) Lingua castelá e literatura.

c) Lingua estranxeira (opción inglés ou francés).

d) Matemáticas: sobre contidos comúns ás matemáticas e ás matemáticas aplicadas ás ciencias sociais.

A proba de madurez será elaborada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co establecido na Orde do 24 de marzo de 2003, pola que se regulan as probas de madurez e de carácter específico para o acceso ás ensinanzas deportivas reguladas polo Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro.

Cuarto.-Solicitudes de exención.

As persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos, poderán quedar exentas de realizar esta proba, en parte ou na súa totalidade, en función do grao de afinidade da proba de acceso á universidade coa formación de base necesaria para cursar estas ensinanzas. A solicitude de exención deberá formularse no momento da inscrición; para tal efecto a persoa que a solicita deberá xuntar o certificado de acceso á universidade para maiores de 25 anos, no que conste a opción efectuada e a puntuación acadada.

As solicitudes de exención serán resoltas polo tribunal avaliador que se indica no punto sexto da Orde do 24 de marzo de 2003, segundo o modelo do anexo II.

Unha copia da resolución deberá incorporarse ao expediente académico do alumno. No caso de resolución denegatoria, esta deberá ser motivada (artigo 54 a) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común) e contra ela poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes ante a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificacións da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinto.-Inscrición e celebración.

1. A inscrición farase na secretaría dos institutos de educación secundaria en que se impartan ensinanzas de formación profesional, no prazo comprendido desde o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG ata o día 12 de setembro de 2005 inclusive, segundo o modelo do anexo I.

2. Os solicitantes de exención xuntarán o certificado de acceso á universidade para maiores de 25 anos citado no artigo cuarto.

3. Os solicitantes de proba adaptada deberán presentar o correspondente certificado acreditativo da condición de minusválido emitido polo órgano correspondente da comunidada autónoma.

4. A relación provisoria de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios dos centros onde se realizou a inscrición a partir do día 14 de setembro de 2005.

5. A relación definitiva de inscritos será exposta a partir do día 19 de setembro de 2005 no centro onde se celebrará a proba.

6. A proba celebrarase no IES As Fontiñas da cidade de Santiago de Compostela o día 23 de setembro de 2005, no horario seguinte:

a) Lingua galega e literatura: das 9.00 ás 10.00 horas.

b) Lingua castelá e literatura: das 10.00 ás 11.00 horas.

c) Lingua estranxeira (opción inglés ou francés): das 11.30 ás 12.30 horas.

d) Matemáticas: sobre contidos comúns ás matemáticas e ás matemáticas aplicadas ás ciencias sociais, das 12.30 ás 14.00 horas.

Sexto.-Tramitación de solicitudes.

1. Os centros terán de prazo ata o día 15 de setembro de 2005 para enviar pola vía de urxencia á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a relación de persoas inscritas para realizar a proba, xunto coa documentación presentada, debendo facer constar expresamente as que solicitan exención a ela ou a proba adaptada.

2. No caso de alumnos que soliciten exención á proba ou proba adaptada, a documentación correspondente aos solicitantes deberá ser remitida á dirección xeral pola vía de urxencia, garantindo a dirección do centro a recepción desta antes do día 15 de setembro de 2005 inclusive, indicando así mesmo o nome dos solicitantes de exención e proba adaptada, separadamente.

Sétimo.-Resolución de exencións e cualificación da proba.

1. A resolución de exención farase pública no IES onde se celebre a proba e na páxina web: www.edu.xunta.es/ciclos antes do día 21 de setembro de 2005.

2. O resultado provisional da proba de acceso farase público antes do día 28 de setembro de 2005 no taboleiro do centro educativo onde se realizou e na páxina web: www.edu.xunta.es/ciclos.

3. As actas serán remitidas polo tribunal único aos servizos provinciais de inspección educativa que procederán ao seu arquivo. Así mesmo, unha copia autentificada remitirase ao centro onde se realizou a proba, segundo o modelo que figura no anexo III, para o coñecemento dos interesados, arquivo e emisión das certificacións correspondentes.

4. A superación da proba acreditarase mediante unha certificación expedida pola secretaría do centro en que se realizou, segundo o modelo que figura no anexo IV. Esta acreditación deberá retirala a persoa interesada na secretaría do centro en que realizou a proba.

Tal como se establece no artigo 12 do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, a certificación de ter superada a proba terá validez como requisito de acceso en todo o Estado, mantendo a súa vixencia sempre que non se modifique o título e a ensinanza deportiva correspondente.

Oitavo.-Reclamacións.

1. Contra a cualificación provisional da proba de acceso poderase presentar reclamación durante os cinco días naturais seguintes á publicación das cualificacións provisionais ante o presidente do tribunal. A cualificación definitiva será publicada no DOG.

2. Contra a cualificación definitiva poderase interpor recurso de alzada ante a Dirección de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, na forma prevista no artigo 114.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). A resolución deste recurso, que pon fin á vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2005.

Antonio Vázquez Vázquez

Director xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais