DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Venres, 02 de setembro de 2005 Páx. 15.059

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 454/2005, do 1 de setembro, polo que se modifica o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Publicado o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, cómpre a revisión do seu artigo 1, referido á estrutura dos órganos superiores da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, así como dos seus órganos directivos.

Así mesmo, cómpre esclarecer a adscrición da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural á Consellería do Medio Rural.

Na súa virtude, e segundo o disposto no artigo 4.15º da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei de Galicia 11/1988, do 20 de outubro, por iniciativa do vicepresidente da Igualdade e do Benestar e do conselleiro do Medio Rural, e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de setembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo primeiro

Modifícase o artigo 1 do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, que quedará redactado nos seguintes termos:

a) A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar estrutúrase nos seguintes órganos superiores e directivos:

1. Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais.

2. Secretaría Xeral da Igualdade.

3. Secretaría Xeral do Benestar.

3.1. Dirección Xeral de Acción Social.

3.2. Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

b) Queda adscrito á Vicepresidencia o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo segundo

Engádese unha nova disposición adicional, oitava, ao Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da

Xunta de Galicia, que quedará redactada nos termos seguintes:

Oitava.-As referencias contidas na normativa reguladora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, en canto ao conselleiro e á Consellería de Economía e Facenda, deberán entenderse referidas ao conselleiro e á Consellería do Medio Rural.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de setembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza