DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Xoves, 01 de setembro de 2005 Páx. 14.986

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de agosto de 2005 pola que se establecen os requisitos e criterios que outorgan, en determinados supostos, a cualificación automática para ser contratado como persoal docente e investigador polas universidades de Galicia nas figuras de profesor contratado doutor, profesor de universidade privada, profesor axudante doutor e profesor colaborador.

As funcións de avaliación e informe das actividades docentes, investigadoras e de xestión, para a contratación de profesorado universitario, previstas tanto pola Lei orgánica 6/2001, de universidades, como polo Decreto autonómico 266/2002, do 6 de setembro, foron atribuídas á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, (ACSUG) dentro do ámbito da súa comunidade autónoma, pola Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, a través da súa disposición adicional vixésimo sétima.

O Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da xa citada Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, que establece o procedemento para a obtención dos informes e as avaliacións previas, para a contratación e progresión do profesorado universitario indica, na súa disposición derradeira primeira, que os protocolos para avaliar ou informar as actividades docentes, investigadoras e de xestión dos profesores regularanse por orde, e autorízase na disposición derradeira segunda do conselleiro competente en materia universitaria, para ditar as disposicións necesarias de desenvolvemento ou aplicación deste decreto.

A través da Orde do 23 de xuño de 2004 (DOG do 5 de xullo) e da Orde do 7 de setembro de 2004 (DOG do 14 de setembro), establecéronse os procedementos de avaliación e informe da ACSUG, para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do sistema universitario de Galicia.

A aprobación da Resolución do 18 de febreiro de 2005, da Dirección Xeral de Universidades, no ámbito estatal (BOE do 4 de marzo), pola que se establecen distintos supostos en que se entende que os profesores están cualificados automaticamente para seren contratados polas universidades, sen necesidade da avaliación positiva ou informe favorable previo de ningunha axencia, así como a experiencia adquirida pola ACSUG, nos procesos de avaliación e informe realizados ata o momento, fan aconsellable a modificación dalgúns aspectos relativos aos procedementos de avaliación e informe citados anteriormente.

En concreto, nesta orde establécense, como non podía ser doutro xeito, tendo en conta a regulación estatal mencionada así como a normativa autonómica de aplicación, os requisitos e criterios que en deter

minados supostos outorgan, a quen os cumpra, a cualificación automática para ser contratado como persoal docente e investigador polas universidades de Galicia nas figuras de profesor contratado doutor, profesor de universidade privada, profesor axudante doutor e profesor colaborador.

Coa publicación desta orde aféctase a totalidade do procedemento establecido pola do 7 de setembro de 2004 (DOG do 14 de setembro), ao concederse a cualificación automática, sen necesidade de solicitala á ACSUG, para ser contratados polas universidades de Galicia, en determinados supostos en que os profesores pertenzan a corpos docentes universitarios ou se atopen habilitados de conformidade coa LOU, motivo polo que se considera adecuado a derrogación da citada disposición.

Non obstante, o procedemento de avaliación establecido pola Orde do 23 de xuño de 2004 (DOG do 5 de xullo), non se modifica en absoluto, ben que se establecen nesta orde distintos supostos de cualificación automática para os profesores que obtivesen a avaliación positiva da ACSUG para determinadas figuras contractuais.

Dun xeito similar ao indicado no parágrafo anterior, faise tamén referencia á validez das avaliacións e informes feitos polos órganos que outras comunidades autónomas determinen, sempre que exista convenio previo ou concerto coa Comunidade Autónoma de Galicia.

A finalidade desta orde, (debemos ter en conta a disposición adicional primeira da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da 30/1992, do 26 de novembro) responde por un lado, á necesidade da simplificación dos procedementos administrativos vixentes, así como á eliminación de trámites administrativos innecesarios que dificultan as relacións dos cidadáns coa Administración pública, e impiden, neste caso á ACSUG, unha maior axilidade no exame e tramitación das solicitudes.

De conformidade co anteriormente sinalado, unha vez emitido o informe do Consello de Dirección da ACSUG, esta consellería, facendo uso das atribucións que lle están conferidas na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e en virtude do establecido na disposición derradeira segunda do Decreto 270/2003, xa mencionado

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Mediante esta orde regúlanse os distintos supostos nos cales se recoñece a cualificación automática do profesorado, para poder ser contratado como persoal docente e/ou investigador polas universidades galegas, nalgunha das figuras previstas nos artigos 5, 6 e 7 do Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario, ou no establecido polo artigo 72.2º da Lei orgánica 6/2001, sen a necesidade da avaliación ou informe previo exixidos nestes artigos.

2. Cando algunha das persoas que se atopen nos supostos regulados nos artigos 2, 3 e 4 desta orde, soliciten a avaliación ou informe á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, esta, unha vez advertida a dita circunstancia, arquivará a solicitude comunicándolle ao interesado a cualificación automática que lle corresponda nos termos dos artigos seguintes que resulten de aplicación.

3. Cando os interesados non se atopen en ningún dos supostos regulados nos artigos 2, 3 e 4 desta orde, as solicitudes de avaliación ou informe que se fagan á ACSUG presentaranse e tramitaranse de acordo co procedemento establecido na Orde do 23 de xuño de 2004 pola que se aproba o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do sistema universitario de Galicia (DOG do 5 de xullo de 2004).

Artigo 2º.-Profesores pertencentes a corpos docentes universitarios ou que se atopen habilitados de conformidade coa LOU.

1. A pertenza ao corpo de catedráticos de universidade ou a situación administrativa e académica de atoparse habilitado para o dito corpo, de acordo co establecido na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU), determinará a cualificación automática para poder ser contratado polas universidades de Galicia nas figuras de profesor contratado doutor, profesor de universidade privada, profesor axudante doutor e profesor colaborador.

2. A pertenza ao corpo de profesores titulares de universidade ou a situación administrativa e académica de atoparse habilitado para ese corpo, de acordo co establecido na LOU, determinará a cualificación automática para poder ser contratado polas universidades de Galicia nas figuras de profesor contratado doutor, profesor de universidade privada, profesor axudante doutor e profesor colaborador.

3. A pertenza ao corpo de catedráticos de escola universitaria ou a situación administrativa e académica de atoparse habilitado para ese corpo, de acordo co establecido na LOU, determinará a cualificación automática para poder ser contratado polas universidades de Galicia na figura de profesor colaborador. O feito de posuír o título de doutor determinará tamén a cualificación automática para poder ser contratado nas figuras de profesor contratado doutor, profesor de universidade privada e profesor axudante doutor.

4. A pertenza ao corpo de profesores titulares de escola universitaria ou a situación administrativa e académica de atoparse habilitado para ese corpo, de acordo co establecido na LOU, determinará a cualificación automática para poder ser contratado polas universidades de Galicia na figura de profesor colaborador. O feito de posuír o título de doutor levará consigo tamén a cualificación automática para poder ser contratado na figura de profesor axudante doutor.

Artigo 3º.-Profesores que obtivesen a avaliación positiva da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

1. A avaliación positiva da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a figura de profesor contratado doutor determinará a cualificación automática para poder ser contratado polas universidades de Galicia nas figuras de profesor de universidade privada e profesor axudante doutor.

Artigo 4º.-Profesores que obtivesen a avaliación positiva en órganos de avaliación.

1. As avaliacións positivas ou informes favorables obtidos en outros órganos de avaliación, que as leis do Estado ou doutras comunidades autónomas determinen, para as figuras de profesor contratado doutor, profesor de universidade privada, profesor axudante doutor e profesor colaborador determinarán a cualificación para poder ser contratado polas universidades de Galicia, nas figuras en que se obtivesen as referidas avaliacións positivas ou informes favorables cando, a través das disposicións legais que resulten de aplicación, así se estableza, ou cando así se estipule a través de convenio ou concerto previo coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A convalidación das avaliacións positivas ou informes favorables obtidos nos órganos de avaliación que as leis doutras comunidades autónomas determinen, entre as distintas figuras contractuais, especificaranse nas cláusulas dos respectivos convenios ou concertos que se asinen coa Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Os convenios que se asinen nos termos dos puntos anteriores deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria

Para os efectos do disposto na disposición transitoria segunda do Real decreto 774/2002, de 26 de xullo, polo que se regula o sistema de habilitación nacional para o acceso a corpos de funcionarios docentes universitario e o rexistro dos concursos de acceso respectivos, segundo a redacción dada polo Real decreto 338/2005, do 1 de abril, a avaliación positiva da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a figura de profesor contratado doutor, determinará a cualificación automática para poder ser contratado polas universidades de Galicia na figura de profesor colaborador ata o 30 de setembro de 2007.

Disposición derrogatoria

Queda expresamente derrogada a Orde do 7 de setembro de 2004 (DOG do 14 de setembro) pola que se establece o procedemento específico de avaliación ou informe pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a contratación polas universidades de Galicia nos supostos de solicitantes pertencentes a corpos docentes universitarios ou que se atopen habilitados de acordo coa Lei orgánica 6/2001, de universidades.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase expresamente ao director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia para ditar as disposicións necesarias de desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2005.

Laura Elena Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria