DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Mércores, 31 de agosto de 2005 Páx. 14.940

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 16 de agosto de 2005 pola que se convocan dous cursos de segundo nivel de busca e salvamento en montaña e zonas illadas.

Dentro do programa de actividades que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten previsto realizar no ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, de creación do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a realización de dous cursos de segundo nivel de busca e salvamento en montaña e zonas illadas, que se deberán desenvolver conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dotar o persoal voluntario de protección civil de coñecementos teórico-prácticos para desempeñar tarefas de busca e salvamento de persoas na montaña e zonas illadas.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos membros das agrupacións de voluntarios de protección civil das provincias de Ourense e Pontevedra, que teñan superado o curso básico de protección civil.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para cada curso é de 30.

2. Duración e datas: os cursos terán lugar durante o segundo semestre do ano 2005 en fins de semana e cunha duración de 35 horas lectivas.

Curso provincia de Ourense: 1, 2, 15, 16, 22 e 23 de outubro de 2005.

Curso provincia de Pontevedra: 5, 6, 12, 13, 19 e 20 de novembro de 2005.

3. Lugar: determinarase en función da localización das solicitudes recibidas.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 26 de setembro de 2005.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas e, no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas por orde de preferencia. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberanse enviar por correo á sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou fax nº 986 59 09 88, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Xeneralidades. Coordinación do socorro. Protocolos de busca. Distribución de tarefas. Orografía e cartografía. Lectura e interpretación de mapas. Principios básicos de orientación e utilización do compás. Métodos de busca de persoas desaparecidas. Busca en situacións especiais. Técnicas de busca e salvamento en zonas de difícil acceso. Axentes agresores na montaña. Actuacións en situacións de risco vital. Técnicas de inmobilización e traslado con medios convencionais e improvisados. Consellos prácticos para a prevención de accidentes.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación á realización do

curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 02 46.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, en máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e

superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 16 de agosto de 2005.

P.A. (Decreto 23/1993, do 11 de febreiro)

Montserrat Bolívar Chinchilla

Secretaria xeral do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA