DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Mércores, 31 de agosto de 2005 Páx. 14.929

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 24 de agosto de 2005 sobre axudas aos estudos náutico e marítimo-pesqueiros nos centros docentes dependentes desta consellería para o curso académico 2005-2006.

O Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, que ao abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos da Administración do Estado en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Decreto 125/2002, do 4 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos atribúelle á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a organización e xestión das ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

Co obxecto de fomentar e potenciar a formación da poboación mariñeira, é necesario artellar as accións que faciliten o acceso á formación náutico e marítimo-pesqueira, con especial incidencia na formación permanente de adultos, programas de garantía social e ciclos formativos de grao medio e superior. Neste sentido, é fundamental a dotación de axudas ao transporte, de comedor e residencia. Esta acción está cofinanciada polo Fondo Social Europeo. En virtude das atribucións conferidas no artigo 24 do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convocar axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo para os alumnos que cursen estudos de formación náutico e marítimo-pesqueira nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, en réxime de concorrencia competitiva.

O pagamento deste programa de axudas farase con cargo ás aplicacións orzamentarias 12.04.322S.480.0 ata un límite máximo de 179.072 A, formación profesional FSE dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005. Esta orde regula a súa concesión dentro dos preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade.

Artigo 2º.-Fins.

Os estudos para os que se poderán solicitar axudas, no curso académico 2005/2006, son os seguintes:

a) Marítimo-pesqueiros.

-Ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica da familia profesional marítimo-pesqueira.

b) Náutico-pesqueiros.

-Capitán de pesca, patrón portuario, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente.

c) Programas de garantía social:

-Operario acuicultor e navegación e pesca costeira.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas todos os alumnos que cursen os estudos sinalados no artigo 2º nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e que reúnan os seguintes requisitos:

-Ser cidadán de calquera país da Unión Europea.

-Reunir os requisitos académicos e profesionais exixidos polo ordenamento xurídico vixente.

Os alumnos con materias convalidadas ou aprobadas en convocatoria libre non se considerarán repetidores sempre que estas non superen o 50% das materias do curso.

-Non estar en posesión de título académico que habilite para actividades profesionais, menos que o dito título supoña un nivel ou grao inferior ao dos estudos que se pretendan realizar, ou que estes estudos constitúan unha especialización dos xa realizados.

-Que a puntuación do baremo establecido para o efecto, obtida polo alumno, se sitúe dentro do crédito dispoñible.

Artigo 4º.-Clases e contía das axudas.

As axudas poderán ter os seguintes compoñentes:

a) Axuda para gastos determinados por razón da distancia entre o domicilio familiar do bolseiro e o centro docente.

b) Axudas para gastos derivados da residencia do alumno durante o curso escolar fóra do domicilio familiar.

c) Axudas de manutención para alumnos que cursen estudos nos centros de Ribeira e A Illa de Arousa, sempre que reúnan os requisitos exixidos.

Artigo 5º.-Axudas para transporte.

As axudas por razón da distancia no transporte diversificaranse na súa contía segundo a seguinte escala:

Dentro dun radio de 4 km: 63 A.

De 5 a 10 km: 142 A.

De 11 a 30 km: 262 A.

De 31 a 50 km: 510 A.

Máis de 50 km: 630 A.

En ningún caso serán compatibles as axudas por razón da distancia no transporte interurbano coa axuda de residencia.

Artigo 6º.-Axudas por residencia.

1. Para a adxudicación de axudas para gastos derivados da residencia do alumno fóra do domicilio familiar, requirirase que o solicitante acredite que, por razón da distancia entre o domicilio familiar e o centro docente e os medios de comunicación existentes, ten que residir fóra do domicilio familiar durante o curso. Para estes efectos, os órganos de selección de bolseiros poderán considerar como domicilio da familia o máis próximo ao centro docente, aínda que non coincida co domicilio legal. O alumno deberá xustificar a residencia fóra do domicilio familiar habitual mediante algún documento oficial, contrato de aluguer, declaración xurada con indicación do novo domicilio etc.

2. A contía máxima das axudas por razón de residencia fóra do domicilio familiar será de 1.375 A.

3. Poderá denegarse esta axuda cando existan prazas vacantes nas residencias dos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos onde o alumno vaia cursar os seus estudos.

Artigo 7º.-Axudas de manutención.

A axuda de manutención defínese como os gastos derivados da comida do mediodía do alumno fóra do seu domicilio habitual por razón da distancia aos centros de ensinanza de Ribeira e da Illa de Arousa dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

1. Poderán solicitar axuda de comedor os alumnos que acrediten documentalmente ter o domicilio familiar a unha distancia superior a 10 km do centro docente, ou ben que, aínda sendo inferior, acrediten a imposibilidade de chegar coa puntualidade requirida ás clases da tarde.

2. A axuda de comedor será incompatible coa axuda para gastos por razón da residencia do alumno durante o curso escolar fóra do domicilio familiar.

3. A contía máxima da axuda de manutención será de 300 A.

Artigo 8º.-Adxudicación de axudas.

1. A adxudicación das axudas farase segundo un baremo no cal se terán en conta os seguintes conceptos: renda familiar, rendemento académico e outras circunstancias familiares que se poidan xustificar.

A puntuación resultante de sumar estes conceptos será a que determine a adxudicación das axudas convocadas.

2. No caso de que os solicitantes obtivesen o mesmo coeficiente, terán preferencia os que acrediten docu

mentalmente unha relación persoal ou familiar directa co sector, e dentro destes, terán preferencia os de menor renda familiar.

a) Rendemento académico.

-Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

-Nota media de notable: 3 puntos.

-Nota media de ben: 2 puntos.

-Nota media de suficiente: 1 punto.

-Nota media de insuficiente: 0 puntos.

Nas ensinanzas en que existan cualificacións globais por curso, aplicarase o baremo directamente. Cando a cualificación se faga por cada unha das materias cursadas, obterase a nota media de todas e despois aplicarase o baremo.

Nos ciclos formativos, onde as cualificacións se fan de 1 a 10, seguiranse as equivalencias que a continuación sinalamos:

9-10: sobresaliente.

7-8: notable.

6: ben.

5: suficiente, apto, validado.

3-4: insuficiente.

b) Renda familiar.

b.1) Por renda familiar entenderase a suma dos ingresos brutos obtidos no ano 2004 por todos os membros computables da familia, calquera que sexa a súa procedencia.

b.2) No caso de actividades empresariais, profesionais, artísticas, deportivas e agrarias, computaranse os rendementos netos.

b.3) A renda familiar dispoñible obterase despois de deducir da renda familiar o importe das retencións e ingresos a conta, os xuros de capitais investidos na adquisición da primeira vivenda, as cotizacións á Seguridade Social, dereitos pasivos e mutualidades obrigatorias.

b.4) Para os titulares de explotacións agrarias ou pesqueiras computarán ademais como ingresos os produtos que utilicen para o seu propio consumo.

b.5) Considéranse membros da unidade familiar: o pai e a nai, os irmáns menores de 23 anos, o solicitante, os irmáns solteiros menores de vinte e seis anos e que convivan no domicilio familiar ou os de maior idade, cando se trate de diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio ca estes co certificado municipal correspondente.

b.6) No caso de que o solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar esta cir

cunstancia e o seu domicilio, así como a titularidade ou o aluguer da vivenda e os medios económicos con que conta.

b.7) Ao cociente da renda familiar dispoñible computada entre o número de membros da unidade familiar, adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 3.155,31 A: 10 puntos.

De 3.155,32 a 3.606,07 A: 8 puntos.

De 3.606,08 a 4.056,83 A: 7 puntos.

De 4.056,84 a 4.507,59 A: 6 puntos.

De 4.507,60 a 4.958,35 A: 5 puntos.

De 4.958,36 a 5.409,11 A: 4 puntos.

De 5.409,12 a 5.859,87 A: 3 puntos.

De 5.859,88 a 6.310,63 A: 2 puntos.

De 6.310,64 a 6.761,39 A: 1 punto.

Máis de 6.761,39 A: 0 puntos.

b.8) Poderanse denegar as axudas cando a comisión considere que a renda da unidade familiar é elevada e o seu cociente supere os 12.000 A.

c) Circunstancias familiares.

c.1) Aos aspirantes que teñan irmáns cursando estudos de bacharelato, formación profesional específica ou universitarios fóra da súa residencia habitual, engadiránselles 2 puntos polo primeiro e 1 punto por cada un dos seguintes.

c.2) Aos aspirantes en condición de orfandade, 2 puntos.

c.3) Aos aspirantes membros de familia numerosa de 1ª clase, 1 punto, de 2ª clase e honra, 2 puntos.

c.4) Aos aspirantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de enfermidade permanente ou con discapacidade, 3 puntos.

Todos os puntos referentes ás circunstancias familiares deberán xustificarse documentalmente.

Artigo 9º.-Regras de procedemento.

1. Todos os alumnos que soliciten axuda deberán cubrir o impreso oficial que figura no anexo desta orde.

2. Todos os solicitantes, xunto coa solicitude, deberán presentar a seguinte documentación:

-Declaración responsable do interesado de que non ten solicitado nin vai solicitar ningunha outra subvención ou axuda para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

-DNI do solicitante e demais membros da unidade familiar.

-Certificado de estudos, se fose o caso.

-Certificado de ter formalizada a matrícula.

-Certificado de empadroamento e residencia habitual expedido polo concello e referido ao ano de presentación da solicitude.

-Fotocopia compulsada completa das declaracións polo imposto sobre a renda das persoas físicas dos compoñentes que integran a unidade familiar e que teñan a obriga de realizala, correspondentes ao ano 2004, ou certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria de non tela presentado.

-De non achegar a fotocopia compulsada da declaración da renda ou certificado de non tela presentada outorgaranse 0 puntos por este epígrafe.

-Cando un alumno teña presentado no centro e para este curso, algún dos documentos requiridos para a formalización da solicitude, quedará exento de repetilo.

Artigo 10º.-Prazos e presentación de solicitudes.

As solicitudes poderanse presentar, dentro do prazo de 40 días naturais seguintes ao da publicación desta orde no DOG, nos centros docentes onde os solicitantes vaian seguir os seus estudos durante o curso académico 2005/2006. A directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro poderá prorrogar o prazo ata o 30 de outubro para os alumnos dos ciclos matriculados en setembro e para os alumnos das titulacións de patrón portuario, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente.

Así mesmo, as solicitudes poderán presentarse nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, ou por calquera das formas establecidas na Lei 30/1992, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999), dentro do prazo establecido no anterior parágrafo.

Artigo 11º.-Comisión de valoración.

1. Para o estudo das solicitudes presentadas e selección de posibles bolseiros, constituirase en cada centro unha comisión coa seguinte composición:

Presidente: o delegado territorial correspondente.

Vogais:

-O director do centro.

-O xefe de estudos do centro.

-Un representante da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

-Dous profesores membros do consello escolar do centro docente.

-Un representante dos pais de alumnos, membro do consello escolar.

Secretario: o secretario do centro docente, que actuará como secretario da comisión, con voz e sen voto.

2. Das reunións celebradas polas comisións a que se refire o punto anterior, comezando pola da súa constitución, levantarase acta, que será remitida á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

3. As solicitudes de bolsa deberán ser estudadas e comprobadas para seleccionar as que deban ser atendidas.

4. A comisión de valoración confeccionará e fará pública no taboleiro de anuncios do centro correspondente a lista provisional de solicitudes admitidas e denegadas, coa causa de denegación, se é o caso, e tendo en conta a prelación segundo o baremo establecido para o o efecto.

5. Publicada esta lista, os solicitantes terán un prazo de 10 días naturais para reclamacións e emenda da documentación por eles achegada.

6. Transcorrido o dito prazo, a comisión elaborará a lista definitiva de solicitudes admitidas e excluídas que será remitida á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 12º.-Resolución.

1. A directora xeral, por proposta da comisión, resolverá, por delegación expresa da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos a lista definitiva de adxudicatarios que se publicará nas delegacións territoriais correspondentes e no taboleiro de anuncios dos centros docentes respectivos.

2. Contra esta resolución poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados en ambos os casos desde o día seguinte ao da notificación ou publicación da citada resolución.

3. O prazo máximo para a resolución da concesión das axudas será de 2 meses a partir do prazo de remate de presentación das solicitudes, de non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

4. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro poderá denegar a axuda se se comprobase a falsidade nalgún dos documentos achegados, así como que a familia do solicitante teña unha renda familiar dispoñible elevada.

A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos solicitantes que incorran nesta situación, e, polo tan

to, a devolución total da cantidade percibida, ademais das responsabilidades a que houbese lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Artigo 13º.-Pagamento.

1. Os pagamentos faranse dunha soa vez polo importe concedido, unha vez rematado o curso para o que se solicitou a axuda e logo da certificación do centro de que os alumnos beneficiarios asistiron regularmente ás clases e se presentaron aos exames.

2. Xunto coa mencionada certificación deberase xuntar unha declaración de cada un dos beneficiarios manifestando que non percibiu nin está pendente de percibir outra subvención ou axuda para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

Artigo 14º

1. O beneficiario está obrigado ao reintegro total ou parcial da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

2. Ademais, está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Para o non establecido especificamente nesta orde, observarase o disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, en especial no referente aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas públicas, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005 e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2005.

Mª del Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos