DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 29 de agosto de 2005 Páx. 14.832

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de agosto de 2005 sobre delegación de competencias en órganos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A variedade e volume da actividade administrativa que deriva das competencias que ten atribuídas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a concentración de funcións na súa titular aconsellan delegar no secretario xeral e nas delegacións provinciais o exercicio e titularidade de determinadas competencias legalmente atribuídas á conselleira.

A delegación e desconcentración de competencias permite acadar unha maior axilización no trámite e resolución dos asuntos da consellería, que beneficia tanto a Administración como os administrados, sen esquecer o debido respecto aos principios informadores do procedemento administrativo e sen menoscabo das garantías xurídicas establecidas.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o artigo 72.4º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e tendo en conta o disposto nos artigos 12 e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Delegación na secretaría xeral.

Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:

a) A tramitación e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atri

buídos á titular da consellería, agás as que correspondan a outros órganos do departamento en virtude da súa estrutura orgánica ou lle estean expresamente delegados, ou teñan o carácter de indelegables.

b) A resolución en vía administrativa dos recursos e reclamacións interpostos contra os actos e acordos dos órganos desta consellería que non estean atribuídos ou delegados noutras autoridades do departamento.

c) Autorizar e dispoñer os gastos xerais dos servizos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como a facultade de solicitar da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos correspondentes.

d) A subscrición, modificación e prórroga dos convenios de colaboración que acorde esta consellería, agás os que precisen aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

e) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas á titular da consellería pola lexislación vixente.

f) As facultades que lle corresponden á conselleira en materia de persoal, nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 4/1991, do 8 de marzo, e a Lei 3/1995, do 10 de abril, agás as reservadas legalmente á súa competencia exclusiva.

g) A designación das comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, do persoal destinado no servizos centrais, así como a autorización para asistiren a cursos e actividades de formación e perfeccionamento do dito persoal.

h) Dispoñer canto concirne ao réxime interno do departamento cando non sexa competencia indelegable da conselleira ou estea atribuída a algunha dirección xeral.

i) As funcións que derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas a esta consellería.

Artigo 2º.-Delegación nas delegacións provinciais.

Deléganse nos delegados provinciais, e para o seu ámbito territorial, as seguintes competencias:

a) A formalización dos contratos do profesorado de relixión e dos nomeamentos do persoal interino e substituto docente para impartir ensinanzas escolares.

b) O recoñecemento de trienios e sexenios aos funcionarios pertencentes a corpos ou escalas adscritos a esta consellería.

c) A concesión ao persoal con destino na súa provincia de autorización para asistiren a cursos e actividades de formación e perfeccionamento, así como a designación de comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

Artigo 3º.-Substitucións.

En caso de ausencia ou enfermidade do secretario xeral, as atribucións contidas nesta orde quedarán delegadas nos directores xerais, durante o tempo que persistan as devanditas causas e pola orde de prelación que vén establecida no artigo 5º do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

En caso de ausencia ou enfermidade dos directores xerais, as súas atribucións serán exercidas polo secretario xeral durante o tempo que permanezan as causas que deron orixe á substitución.

Artigo 4º.-Avocación.

En calquera momento a conselleira poderá avocar o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde.

Artigo 5º.-Exclusión.

Das delegacións outorgadas nos artigos que preceden exceptúanse as competencias sinaladas no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Artigo 6º.-Efectos das delegacións.

Os documentos que se asinen e as resolucións administrativas que se adopten no uso das delegacións reflectidas na presente orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade delegante.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas a Orde do 21 de xuño de 1996, sobre delegacións de competencias en órganos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e a Orde do 22 de febreiro de 2000, sobre ampliación da delegación de competencias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos delegados provinciais, así como todas aquelas outras disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2005.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria