DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 25 de agosto de 2005 Páx. 14.726

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 22 de agosto de 2005 pola que se dispón o cesamento e o nomeamento do director e os vogais do Consello de Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

O artigo 4 da Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), conforme a denominación actual do organismo establecida pola disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, dispón que o consello de dirección estará formado polo seu presidente, un vicepresidente, o seu director, cinco vogais e un secretario, correspondendo o nomeamento dos vogais e do director ao conselleiro do Medio Rural.

O compromiso asumido polo Goberno galego de redución da estrutura directiva da Xunta de Galiza plásmase nesta orde ao designar como director do Fogga a mesma persoa que é titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, ao entendermos non só compatible senón complementario o exercicio simultáneo de ambos os cargos, o que redundará nunha maior eficiencia, eficacia e coordinación da acción administrativa da Consellería do Medio Rural e do organismo autónomo Fogga.

A Lei 7/1994, do 29 de decembro, e o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, de desenvolvemento da devandita lei, dispoñen que o vicepresidente do Fogga é por razón do seu cargo, o director xeral da denominada Dirección Xeral de Produción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias. En virtude do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, correspóndelle asumir as funcións da vicepresidencia do Fogga ao actual titular da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Xa que logo, cómpre proceder ao cesamento do director e vogais do consello de dirección do dito organismo autónomo nomeados pola anterior Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e proceder ao nomeamento dos novos titulares dos órganos de dirección do Fogga.

Na súa virtude, e en uso das competencias que me atribúen os puntos 3º e 4º do artigo 4 da Lei 7/1994, do 29 de decembro, e 9.1º e 14.1º do Decreto 128/1996, do 14 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Que cesen Antonio Crespo Iglesias como director do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), e José Antonio Álvarez Vidal, Miguel Fernández Fernández, José Luis Díez Díez e José Álvarez Robledo

como vogais do Consello de Dirección do Fogga, en representación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, agradecéndolles os servizos prestados.

Artigo 2º

Nomear o director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López Iglesias como director do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Artigo 3º

Nomear as seguintes persoas como vogais do Consello de Dirección do Fogga, en representación da Consellería do Medio Rural:

-Alberte Souto Souto, secretario xeral da Consellería do Medio Rural.

-Xosé Carballido Presas, director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

-José Luis Díez Díez, subdirector xeral do Fogga.

-José Álvarez Robledo, sudirector xeral de Explotacións Agrarias.

Disposición adicional

Para os efectos do disposto nos artigos 4.2º da Lei 7/1994, do 29 de decembro, e 9.1º b) do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, o vicepresidente do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) será, por razón do seu cargo, o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2005.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural