DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Mércores, 17 de agosto de 2005 Páx. 14.324

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 24 de febreiro de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a substitución de guindastres-torre desmontables para obras na Comunidade Autónoma de Galicia, no ano 2005.

A Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a través da Dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas, ten entre as súas competencias a inspección, o control e a vixilancia do cumprimento dos regulamentos e das normas de seguridade sobre instalacións e actividades industriais.

O obxecto desta orde é a convocatoria de subvencións para a substitución de guindastres-torre desmontables para obras (en diante GTDO), con data de fabricación anterior ao 1 de xaneiro de 1977, por outras de nova fabricación. Os GTDO que hai que substituír deberán ser achatarrados.

Como medio e instrumento para favorecer e mellorar a seguridade nos guindastres, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio considera necesario establecer un programa de axudas para a substitución de GTDO na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste programa estrutúrase unha liña de axudas, aprobándose as súas bases e adaptándose as novas exixencias de regulación estatal e autonómica en materia de subvencións publicas. Igualmente procédese á convocatoria destas axudas para o ano 2005.

O contido desta orde de axudas axústase ao disposto polo Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Bases.

Apróbanse as bases para a concesión de subvencións incluídas no programa de axudas para a substitución de GTDO na Comunidade Autónoma de Galicia, que figuran como anexo I a esta orde.

Artigo 2º.-Convocatoria.

1. Convócanse as axudas encamiñadas para a substitución de guindastres-torre desmontables para obras na Comunidade Autónoma de Galicia, no ano 2005, de acordo coas bases aprobadas nesta orde.

As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas e financiaranse con cargo á partida 08.02.622-A.770.0 Subvencións para Seguridade Industrial, cun crédito de 300.000 euros, consignados nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

O crédito e a aplicación orzamentaria son os que se indican a continuación:

Aplicación: 08.02.622-A.770.0.

Denominación: GTDO: actuacións en materia de seguridade industrial.

Importe en euros: 300.000 A.

2. Esas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito.

A contía máxima da subvención neta equivalente poderá alcanzar ata o 20% do custo do investimento subvencionable.

3. O prazo de presentación das solicitudes será de 40 días naturais desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. A data limite para executar as actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustificar o correspondente investimento é o 30 de setembro de 2005.

5. O modelo de solicitude e o que se establece como anexo II desta orde.

Á solicitude xuntaráselle a documentación establecida nas bases.

Disposición derrogatoria

Derrogación normativa.

Para os efectos desta orde, queda derrogada a Orde do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Disposición adicional

No non previsto nesta orde aplicarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada parcialmente pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 14/2004, do 29 de decembro e na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para cada exercicio, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime das axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2005.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

ANEXO I

Bases reguladoras das subvencións para a substitución de guindastres-torre desmontables para obras na Comunidade Autónoma de Galicia, no ano 2005.

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Estas bases teñen como obxecto proceder á convocatoria de axudas e subvencións do programa de apoio á substitución de guindastres-torre desmontables para obras (en diante GTDO), con data de fabricación anterior ao 1 de xaneiro de 1977, por outras de nova fabricación. As GTDO para substituír deberán ser achatarrados.

2. O GTDO para substituír debe estar inscrito, antes do 8 de abril de 1997, no rexistro de GTDO existente nas delegacións provinciais de Industria e ter sido instalado, polo menos, nunha ocasión, antes desa data (8 de abril de 1997).

3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Os beneficiarios das axudas serán os propietarios de GTDO que realicen investimentos de acordo co obxecto de esta orde.

2. Cando o beneficiario sexa unha agrupación de persoas físicas ou xurídicas, deberanse facer constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos para cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará para cada unha delas, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Nestes casos, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, correspondan á agrupación. Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 23 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Os solicitantes deben reunir os seguintes requisitos:

1. Non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei xeral de subvencións.

2. Será condición imprescindible para que as empresas poidan acollerse a estes beneficios a inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, de acordo co establecido no artigo 8.6º do Decreto 115/2000, do 11 de maio, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de establecementos industriais de Galicia.

Artigo 4º.-Contía máxima da axuda.

A contía máxima da subvención neta equivalente na aplicación 08.02.622-A 770.0 Subvencións para seguridade industrial, poderá alcanzar:

Ata o 20% do custo do investimento subvencionable.

Artigo 5º.-Investimentos subvencionables.

1. Non se valorarán para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pago de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

2. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores salvo que se xustifique que, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten ou salvo que se formalizase o contrato con anterioridade a solicitude da subvención.

Artigo 6º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación.

O prazo para a presentación das solicitudes será o que se estableza nesta convocatoria.

As solicitudes, xunto coa documentación, dirixiranse ao conselleiro de Innovación, Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, nas delegacións provinciais ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador do rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

As solicitudes formalizadas segundo o modelo do anexo II presentaranse xunto coa seguinte documentación, que deberá presentarse por duplicado:

1. Fotocopia cotexada do documento acreditativo da persoa ou entidade solicitante (DNI, NIF) ou, se é o caso, da representación na que se actúa. No caso das persoas xurídicas, poder do asinante e escritura pública de constitución da sociedade.

2. Fotocopia cotexada da inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia da empresa solicitante.

3. Memoria técnica do guindastre que se vaia substituír, onde se especifique a marca, o tipo e o número de fabricación.

4. Fotocopia cotexada do certificado de construción emitido polo fabricante ou importador.

5. Documentación onde se acredite estar inscrito no rexistro de GTDO da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e ser instalado polo menos nunha ocasión antes do 8 de abril de 1997, ou copia cotexada desta.

6. Documento onde se acredite a última montaxe da GTDO, ou copia cotexada deste.

7. Factura pro forma onde conste orzamento, coa correspondente desagregación do IVE e prazo de entrega da GTDO substitutiva.

8. Documento no que se identifiquen de forma fidedigna os elementos constitutivos do GTDO que se vai substituír, que poderán ser verificados polos servizos técnicos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

9. Declaración doutras axudas solicitadas, obtidas ou que prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra Administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. A obtención destas axudas deberá comunicarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade a xustificación da aplicación dada aos fondos recibidos. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo III desta orde.

10. Compromiso por parte do empresario de instalar o GTDO substitutivo na Comunidade Autónoma

de Galicia, así como de non vendelo nos 5 anos seguintes á súa compra.

11. Xustificante que acredite estar ao día das súas obrigas tributarias, da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

12. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas nos números 2º e 3º do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo IV desta orde.

Artigo 7º.-Instrución e resolución.

1. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao amparo do disposto nesta orde.

Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos exixidos nesta orde para cada caso concreto, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da recepción do devandito requirimento, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que de non facelo, se considerará desistido na súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

2. Os expedientes completados e revisados polos órganos xestores, remitiránselle á comisión de valoración para que proceda a propor a aprobación ou denegación de axudas seguindo os criterios de valoración establecidos no artigo 8º.

Conforme o establecido no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma galega, a valoración das solicitudes admitidas realizaraa unha comisión constituída para o efecto, que estará presidida polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas ou a persoa na que delegue. Constituirana, ademais, o subdirector xeral de Administración Industrial, o xefe de servizo de Administración Industrial que actuará como secretario, e un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

A comisión proporá a contía das axudas correspondentes aos investimentos subvencionables ata esgotar o crédito dispoñible, quedando en reserva o resto dos investimentos subvencionables, para que, se se producira algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, puideran ser atendidos co crédito que quedara libre.

3. Á vista da acta emitida pola comisión de valoración ditarase a correspondente resolución. O conselleiro de Innovación, Industria e Comercio ditará a resolución de concesión ou denegación da axuda ou subvención solicitada.

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, e para os efectos da optimización dos fondos dispoñibles, e das solicitudes que quedasen en reserva, de conformidade co disposto no punto

anterior, o beneficiario da axuda ou subvención deberá aceptala no prazo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa notificación. No caso contrario, entenderase que renuncia á axuda ou subvención concedida e procederase de conformidade co establecido no artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A aceptación da axuda ou subvención formalizarase mediante un documento asinado polo beneficiario no que este se compromete a cumprir todas as condicións establecidas nesta orde, na convocatoria da axuda ou subvencións, se é o caso, na resolución de concesión dela.

4. As resolucións de concesión ou denegación das axudas ou subvencións serán motivadas, de acordo cos criterios de outorgamento das normas reguladoras, notificaránselles aos interesados e poñerán fin á vía administrativa.

As resolucións estimatorias das solicitudes de concesión de axudas e subvencións expresarán, polo menos, o obxecto e importe do proxecto subvencionado, a porcentaxe da axuda ou subvención concedida e maila contía desta.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses. O prazo computarase a partir da publicación da correspondente convocatoria, salvo que esta pospoña os seus efectos a unha data posterior.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima aos interesados, poderá entenderse desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

A valoración e selección das solicitudes serán realizadas pola comisión de valoración do artigo 7º. No devandito procedemento teranse en conta os criterios que se relacionan por orde decrecente de importancia:

1. Antigüidade do guindastre-torre que se vai substituír, primando os máis antigos.

2. O grao de cumprimento do solicitante nas subvencións outorgadas por esta consellería en convocatorias anteriores.

3. Daráselles prioridade aos guindastres-torre para substituír que están en funcionamento na actualidade, ou en datas o máis próximas posibles.

4. Orde de entrada das solicitudes.

Non se subvencionarán por empresa máis de 5 solicitudes salvo que exista crédito remanente.

Á vista da valoración proporase a contía das axudas correspondentes aos investimentos subvencionables ata esgotar o crédito dispoñible, quedando en reserva o resto dos investimentos subvencionables, para que, se se producise algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, poidan ser atendidos co crédito que quedase libre.

Artigo 9º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse para isto son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegase, será ditado polo órgano concedente logo da instrución do correspondente expediente, no que se dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 10º.-Xustificación do investimento.

1. A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustificar o correspondente investimento e pagamento é a que estableza esta convocatoria. Para cal o beneficiario deberá presentar na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ou nas delegacións provinciais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación por duplicado:

a) Factura acreditativa da adquisición, xustificante de pagamento ou documentos de financiamento do GTDO adquirido, ou copia cotexada deles.

b) Certificado acreditativo do achatarramento da GTDO que se vai substituír, o que poderá ser obxecto de comprobación polos servizos técnicos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

c) Xustificante doutras axudas obtidas ou declaración das solicitadas obtidas ou que prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra Administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; indicando a súa contía. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo III desta orde.

d) Certificados acreditativos de que se atopa ao día das obrigas tributarias, da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

e) Para o aboamento da subvención uniráselle á documentación xa sinalada unha certificación da conta bancaria, na que conste código de banco, código de sucursal, díxito de conta e código de conta corrente, onde se debe realizar o aboamento, expedida pola propia entidade bancaria.

f) Copia cotexada do documento de baixa no rexistro de guindastres-torre, do GTDO achatarrado na delegación provincial correspondente.

g) Copia cotexada do documento de alta no rexistro de guindastres-torre, da GTDO adquirida na delegación provincial correspondente.

2. Os órganos competentes da Consellería de Innovación, Industria e Comercio poderán solicitar as aclaracións ou informes ou medios de xustificación a que se refire o artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que consideren convenientes. No caso de que non os remitise o beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

3. A percepción da axuda terá lugar despois de que os servizos técnicos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio trala inspección realizada, de ser o caso, certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da subvención e o recollido na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presentar a documentación adicional que lle sexa requirida por estes servizos técnicos, co obxecto de determinar o alcance do proxecto e as actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado tivese un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que a minoración do custo non supoña una realización deficiente do proxecto, a axuda que se conceda verase minguada nunha porcentaxe proporcional.

Artigo 11º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde e nas correspondentes ordes de convocatoria esgotarán a vía administrativa e contra ela caberá interpoñer:

1. Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

2. Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

E todo isto, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 12º.-Concorrencia de axudas e subvencións públicas.

O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que,

illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo da actividade subvencionable.

Artigo 13º.-Reintegro das axudas ou subvencións.

Procedera o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora devengados desde o momento do pagamento ata a data na que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades publicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Artigo 14º.-Fiscalización e control.

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e de control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, as actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, as dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 15º.-Entidade colaboradora.

De acordo co establecido nos artigos 12 e 13 da Lei e8/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio poderá establecer convenios de colaboración con outros organismos e demais entes públicos, sociedades mercantís participadas íntegra ou maioritariamente polas administracións públicas, organismos ou entes de dereito público, co obxecto de que estas actúen como entidades colaboradoras na xestión da subvencións sen que se produza a previa entrega e distribución de fondos recibidos. Os referidos convenios de colaboración regularán as condicións e as obrigas asumidas polas entidades colaboradoras.

Artigo 16º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas axudas e subvencións reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado por Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo.

Artigo 17º.-Publicidade.

Unha vez ultimada a concesión das axudas publicaranse no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da entidade beneficiaria, contía e finalidade da subvención.