Dentro das actividades programadas para o ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a celebración dun curso básico de capacitación para gardas de policía local, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
O curso ten por obxectivo dotar os policías dunha formación teórico-práctica, que complemente os coñecementos adquiridos na súa preparación das correspondentes probas de oposición, e que os capacite para o posterior desempeño da súa actividade profesional.
Destinatarios.
O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron recentemente as correspondentes probas de acceso á categoría de garda da policía local dos diferentes concellos de Galicia.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta antes do 6 de setembro de 2005 para efectuar a correspondente reserva de praza.
Prazas.
Sen límite.
Solicitudes.
1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito ao Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia solicitando a participación no curso, no que figure a lista de persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de garda da policía local e cubrir o anexo con todos os datos nel reflectidos, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.
2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 6 de setembro de 2005.
3. Os escritos deberán enviarse ao Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia: ave
nida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada. Previamente remitiranse por fax para axilizar os correspondentes trámites.
Contido e duración.
O curso desenvolverase no Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse entre outros os seguintes módulos:
-Misión e funcións policiais.
-Policía de protección e seguridade.
-Policía de tráfico e transporte.
-Policía xudicial e de investigación.
-Policía administrativa.
-Módulo transversal.
-Módulo profesional: formación en centros de traballo (concellos).
O curso terá unha duración de nove meses, seis de formación teórica no Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia e tres de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.
Datas.
O curso principiará o vindeiro día 12 de setembro de 2005.
O horario será de 9.00 a 19.00 horas.
Desenvolvemento do curso.
Os alumnos do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia durante o seu período de permanencia no centro rexeranse polo Regulamento de réxime interior deste, publicado no DOG do 28-7-1995, nº 144.
Certificado.
Para obter o correspondente diploma será requisito indispensable completar tanto a fase de formación teórica, onde o alumno ten que superar todas as materias que figuren no programa, como a fase de prácticas.
Modificacións.
O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 1 de agosto de 2005.
José Antonio Vázquez Taín
Director do Centro de Estudos Xudiciais
e Seguridade Pública de Galicia
CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS
E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA