DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 11 de agosto de 2005 Páx. 14.111

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 1 de agosto de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a contratación de técnicos locais de emprego no ámbito da colaboración desta consellería coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través dos decretos 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, 23/2003, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e mais o Decreto 301/2004, do 22 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais asume o exercicio das competencias e funcións que ata o momento correspondían á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Unha das devanditas políticas activas de emprego, articúlase mediante a colaboración coas entidades locais, baixo a rúbrica de Programas de cooperación, respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais dos que traen causa.

As directrices europeas sobre o emprego recollen a importancia da creación de postos de traballo a nivel local e bosquexan unha estratexia de implicación de toda a sociedade nese empeño. Consonte

co anterior procede implantar un dispositivo que axude a promover iniciativas e articular mecanismos para que as administracións locais actúen como impulsoras da creación de emprego a nivel local desde a perspectiva de que existen novos filóns de emprego non explotados susceptibles de xerar novos postos de traballo, sendo no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

A constitución dun contorno local propicio á creación de emprego require o desenvolvemento dun conxunto de funcións esenciais como son a animación, o estímulo e a innovación. Para que estas funcións se poñan en práctica é fundamental a presenza de técnicos locais de emprego, coa formación e experiencia adecuada que lles permita utilizar unha metodoloxía común e que poidan desempeñar diversas tarefas como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa. Neste senso, púxose en marcha a web da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es), co obxectivo último de proporcionarlles un instrumento de apoio de alto valor engadido para que, pola repercusión directa que o seu traballo ten no aproveitamento das oportunidades locais de emprego, poidan desempeñar as súas funcións nas mellores condicións posibles.

Desde esta perspectiva faise necesario potenciar o papel das entidades locais como motoras da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.

Noutra orde de cousas, estas bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación na concesión das axudas e subvencións e na Lei 13/2004, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento destas axudas, realizarase con cargo aos créditos que figuran na aplicación orzamentaria 16.02.241A.460 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, por un importe de 3.000.000 A.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Consonte co anterior, realizadas as consultas e evacuados os informes pertinentes, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade.

Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, para o ano 2005, das axudas e subvencións para a contratación inicial, en réxime de concorrencia competitiva, ou a súa prórroga e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación, de técnicos locais de emprego, no ámbito da colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais, a través dos programas de cooperación, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta norma as entidades locais e as entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3º.-Definición e funcións dos técnicos locais de emprego.

1. Os técnicos locais de emprego configúranse como traballadores das entidades locais contratantes que teñen como misión principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.

2. A colaboración na implantación das políticas activas de emprego desenvolverase conxuntamente entre a entidade contratante e a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, seguindo as directrices fixadas por esta, para o que os técnicos locais de emprego contratados:

a) Analizarán a evolución e repercusión das medidas activas de emprego na súa zona de actuación, facilitándolle información puntual a aquela.

b) Colaborarán co resto dos integrantes da rede, na procura da mellora da súa calidade, intercambiando coñecementos e experiencias, así como desenvolvendo actividades e proxectos conxuntos.

3. Os técnicos locais de emprego realizarán as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre os desempregados, promotores e emprendedores, así como institucións

colaboradoras, levando a cabo accións de sensibilización cara a promoción dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego.

c) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

d) Apoio aos promotores das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultaría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

e) Calquera outra que axude á implantación das políticas activas de emprego na súa zona de influencia.

Artigo 4º.-Liñas de axuda e duración da subvención.

1. Financiarase ata o 80 por 100 dos custos laborais totais do técnico local de emprego, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cos seguintes límites máximos, en función da súa titulación e experiencia profesional:

a) No caso de que o seleccionado, ademais de ter superado o segundo ciclo de estudos universitarios dos previstos no artigo 10.3º a), acredite tres anos de experiencia profesional ou teña feito algún curso universitario de posgrao (mestrado ou de especialización) en materias relacionadas coas funcións propias dos técnicos locais de emprego: ata 27.045,54 euros anuais por técnico.

b) Nos demais casos en que o seleccionado teña superado o segundo ciclo de estudos universitarios en calquera disciplina: ata 24.040,49 euros anuais por técnico.

c) Se o seleccionado só ten superado o primeiro ciclo de estudos universitarios: ata 21.035,43 euros anuais por técnico.

Os ditos límites máximos aplicaranse cando a contratación se realice a xornada completa. En caso de contratos a tempo parcial realizarase a redución proporcional correspondente.

2. A subvención prevista no parágrafo anterior, concederase por un período dun ano, podendo prorrogarse por iguais períodos ata un máximo de catro anos, nos termos previstos no parágrafo primeiro.

3. Transcorrido este período poderá subvencionarse a súa contratación durante un quinto e sucesivos anos; coa seguinte subvención máxima:

a) O quinto ano, no financiamento de ata o 50 por 100 dos custos laborais totais, cos límites establecidos no parágrafo primeiro deste artigo.

b) O sexto e posteriores anos, no financiamento de ata o 30 por 100 dos custos laborais totais, cos límites establecidos no parágrafo primeiro deste artigo.

4. A subvención prevista nesta orde será incompatible con outras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 5º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. As solicitudes formalizaranse no modelo que se publica como anexo I a esta orde, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude que, en todo caso, deberá ser subscrita polo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado, deberá acompañarse, por duplicado exemplar, a seguinte documentación:

I. Certificación do secretario da entidade solicitante na que conste:

a) A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

b) A disposición de financiamento para custear a parte non subvencionada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

c) A aprobación, polo órgano competente, do proxecto para o que se solicita a subvención.

II. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

III. Unha memoria do plan de acción para o emprego que desenvolverá cada técnico ou grupo de técnicos locais de emprego, que recollerá, cando menos, os seguintes aspectos:

a) Breve diagnóstico socioeconómico da zona de actuación:

-Delimitación da zona de actuación.

-Presentación das principais características socioeconómicas, moi especialmente daquelas referidas á estrutura da súa poboación, ao sistema produtivo e ao mercado de traballo, entre outros: evolución histórica nos últimos anos, situación actual e perspectivas de futuro.

-Nivel de implantación das políticas activas de emprego: evolución histórica nos últimos anos, situación actual e perspectivas de futuro.

-Oportunidades e ameazas que ofrece o territorio cara á estratexia que se establece para a creación de emprego mediante o impulso da iniciativa empresarial.

b) Definición do plan de acción:

-Obxectivos.

-Descrición detallada do conxunto de actividades e servizos que promoverán os técnico/s local/is de emprego.

-Organización de eventos, edición de material promocional e didáctico, atención de peticións de información e asesoramento, titoría e acompañamento de proxectos empresariais xeradores de emprego, realización de estudos, deseño e xestión de proxectos

de dinamización local, implantación e seguimento dos programas de promoción do emprego, etc.

-Colaboracións previstas con axentes socioeconómicos e outras institucións cara ao desenvolvemento do plan de acción.

-Calendario previsto para a execución das actividades e servizos contidos no plan de acción, en especial daquelas que teñan un carácter puntual.

-Resultados previstos para cada unha das actuacións e servizos do plan de acción, expresados tanto en termos cualitativos como cuantitativos. Incluirase unha mención específica sobre os beneficiarios potenciais daquelas, caracterizando, na medida do posible, o seu público obxectivo.

c) Definición do plan de adaptación e operativo do/s técnico/s local/es de emprego:

-Número e perfil profesional do/s técnico/s local/is de emprego que se van contratar (incluír a duración estimada do contrato).

-Funcións e tarefas que vai desenvolver o/s técnico/s local/is de emprego na posta en práctica do conxunto de actividades e servizos previstos no plan de acción (incluír o horario de atención ao público).

-Pautas e ferramentas metodolóxicas que vai utilizar o/s técnicos/s local/is de emprego para desenvolver as actividades e servizos previstos no plan de acción.

-Instrumentos, infraestruturas e recursos humanos que se porán a disposición do/s técnico/s para o desenvolvemento do plan de acción (descrición do local de traballo, do equipamento informático, do material de apoio, así como do servizo ao que se incorpora o/s técnico/s local/is de emprego e as relacións de colaboracións que se establecen cos demais departamentos da entidade beneficiaria).

-Plan de formación que se prevé desenvolver en favor do/s técnico/ local/is de emprego co obxectivo de complementar ou actualizar os seus coñecementos actuais.

d) No caso de prórroga, ademais, un resumo estatístico das actuacións e servizos desenvolvidos polo/s técnico/s no ano anterior, así como dos beneficiarios daquelas.

IV. Declaración na que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións que teña solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes no modelo que se publica como anexo II.

V. Ficha de solicitude de transferencia bancaria no modelo que se publica como anexo III.

3. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38º.4º da devandita Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. O prazo para a presentación de solicitudes de novas contratacións e das prórrogas das subvencións concedidas en exercicios anteriores será de 40 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos exixidos ou a documentación achegada contivese erros ou fose insuficiente, a delegación provincial requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se considerará desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes, e completados, de ser o caso, remitiranse á comisión de valoración para o seu estudo e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos nesta orde, a comisión de valoración estará composta polo secretario da delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servizo de Promoción do Emprego e un xefe de sección deste, que tamén actuará como secretario.

Artigo 7º.-Criterios de valoración das solicitudes.

Para efectuar a selección das entidades beneficiarias das axudas previstas nesta orde, a comisión de valoración prevista no artigo anterior terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Solicitude de prórrogas de técnicos locais de emprego subvencionados ao abeiro da Orde do 29 de xullo de 2004.

b) Ámbito xeográfico superior ao municipal.

c) Poboación susceptible de ser atendida.

d) Grao de desenvolvemento económico e social do ámbito territorial da entidade solicitante.

e) Grao de participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do plan de acción para o emprego que desenvolverá cada técnico ou grupo de técnicos locais de emprego.

f) Grao de vinculación dos ditos plans de accións, con pactos locais ou territoriais de emprego.

Artigo 8º.-Resolución e recursos.

1. Cumpridos os trámites que procedan para a instrución do procedemento e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención Territorial, o delegado/a provincial, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ditará a resolución que proceda, que se deberá notificar aos interesados, nos termos previstos no artigo 58.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A resolución que poña fin ao expediente de solicitude conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Duración e data de inicio.

b) Contía da subvención que se vai outorgar.

c) Referencia ao 70% do cofinanciamento da subvención concedida pola Unión Europea a través do

Fondo Social Europeo, Programa Operativo Fomento do Emprego (PO 2000 ES 051 PO 017).

3. O prazo para resolver será de seis meses, computados a partir da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que se ditase resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A resolución estimatoria ou desestimatoria, ditada polo delegado/a provincial, esgota a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, caberá a interposición de recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, agás nos casos en que procedera o requirimento regulado nos tres primeiros puntos do artigo 44 da devandita lei, nos que o prazo se contará desde o día seguinte a aquel en que se reciba a comunicación do acordo expreso ou se entenda presuntamente rexeitado.

Artigo 9º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación, respectivamente, da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Selección dos técnicos locais de emprego.

1. A selección dos técnicos locais de emprego, que deberá realizarse no prazo de 15 días desde a notificación da resolución de concesión, corresponderalle á entidade beneficiaria da subvención, logo da presentación de oferta xenérica ante o Servizo Público de Emprego.

2. En caso de non existiren candidatos idóneos entre os remitidos polo Servizo Público de Emprego, a entidade beneficiaria poderá acudir a outros procedementos de selección, de conformidade coa normativa vixente na materia, sempre que se garanta a idoneidade e o cumprimento dos requisitos dos candidatos mencionados no parágrafo seguinte.

3. Para seren contratados como técnico local de emprego, os candidatos deberán cumprir algún dos seguintes requisitos:

a) Ter superado con éxito o segundo ou o primeiro ciclo de estudos universitarios de economía, admi

nistración e dirección de empresas, socioloxía, dereito, ciencias políticas e da administración, enxeñaría de montes ou agrónoma, empresariais, relacións laborais ou enxeñaría técnica forestal ou agrícola.

b) Ter superado con éxito o segundo ou o primeiro ciclo de estudos universitarios doutras disciplinas distintas das previstas na letra anterior, sempre que se acrediten, ademais, dous anos de experiencia profesional ou coñecementos adquiridos en cursos universitarios de posgrao (mestrado ou de especialización), en materias relacionadas coas funcións propias dos técnicos locais de emprego sinaladas no artigo 3º.3.

Artigo 11º.-Contratación dos técnicos locais de emprego.

1. Unha vez seleccionado o candidato, no prazo de 15 días hábiles sinalado no parágrafo primeiro do artigo anterior e, en todo caso, antes de proceder á contratación do técnico local de emprego, as entidades beneficiarias deberán remitirlle á delegación provincial correspondente da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, co obxecto de comprobar a súa idoneidade e o cumprimento dos requisitos previstos no parágrafo terceiro do artigo anterior, a seguinte documentación:

a) Os datos relativos á titulación e experiencia profesional do candidato seleccionado, debidamente acreditados, así como os custos da contratación, indicando o salario bruto desagregado por conceptos e a cotización empresarial á Seguridade Social, no modelo que se publica como anexo IV.

b) Certificación do secretario da entidade solicitante sobre os resultados da presentación de oferta xenérica ante o Servizo Público de Emprego.

2. En caso de que o candidato seleccionado non fose considerado idóneo pola delegación provincial correspondente ou non cumprise os requisitos exixidos, a entidade beneficiaria poderá presentar un novo candidato no prazo máximo de 15 días na forma prevista no parágrafo anterior.

3. Comprobada a idoneidade do candidato seleccionado e o cumprimento dos requisitos exixidos, a entidade beneficiaria terá un prazo máximo de 15 días para proceder á contratación do técnico local de emprego que, con carácter xeral, deberá realizarse e notificárselle á respectiva delegación provincial antes do 30 de novembro de 2005.

4. A concesión e desfrute destas axudas non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

Artigo 12º.-Adaptación inicial e actualización permanente da súa formación.

1. As entidades beneficiarias propiciarán a adaptación dos técnicos locais de emprego aos seus postos de traballo facilitándolle a metodoloxía e o material de apoio, así como o equipamento e recursos necesarios para o mellor desenvolvemento das súas funcións, ademais do acceso á formación que se estableza.

2. A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá comprobar a idoneidade

dos mencionados procesos de adaptación e, co obxecto de garantir a actualización permanente dos técnicos locais de emprego, poderá organizar, con medios propios ou alleos, as actuacións necesarias para o seu cumprimento.

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Orixinais ou copias compulsadas dos respectivos contratos de traballo, ou, se é o caso, das correspondentes prórrogas, formalizados e debidamente comunicados.

b) Orixinais ou copias compulsadas dos partes de alta na Seguridade Social dos traballadores contratados.

c) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional no modelo que se publica como anexo II.

2. A documentación xustificativa deberá remitirse á respectiva delegación provincial no prazo dun mes desde o inicio da contratación e, con carácter xeral, como data límite o 15 de decembro do ano 2005, agás que a delegación provincial autorice, expresamente, a ampliación do prazo, logo da solicitude motivada da entidade beneficiaria.

Artigo 14º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias virán obrigadas a:

1. Poñer á disposición dos técnicos locais de emprego todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipos informáticos precisos (incluído lector de CD-Rom), así como acceso á internet e correo electrónico.

2. Remitirlle á delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a seguinte documentación:

a) Unha memoria descritiva das actividades realizadas polo/s técnico/s local/is de emprego en cada semestre natural do ano, no modelo normalizado que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Promoción do Emprego. Esta memoria presentarase durante os meses de xullo e xaneiro do ano seguinte, agás que o técnico/s remate/n antes a súa prestación de servizos. Neste caso, a memoria deberá remitirse con anterioridade á finalización do contrato.

b) No mes seguinte á finalización de cada período anual subvencionado, copias compulsadas das nóminas aboadas ao/s técnico/s e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (modelo TC-2).

c) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, de ser

o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

d) Darlle publicidade a actuación, así como a utilización do logotipo da Rede de Ténicos de Emprego de Galicia, nos distintos elementos de comunicación, segundo establece o artigo 17º.

e) Cumprir as demais obrigas que se poidan derivar da normativa de desenvolvemento desta orde.

Artigo 15º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde dará lugar ao reintegro total ou parcial, segundo proceda, da subvención percibida e mais os xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 16º.-Prórroga da subvención.

1. As entidades beneficiarias poderanlle solicitar á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a prórroga da subvención concedida por cada técnico local de emprego contratado ao abeiro da Orde do 29 de xullo de 2004, no prazo previsto no artigo 5º.4, xuntándolle á dita solicitude os seguintes documentos:

a) A documentación exixida con carácter xeral no artigo 5º.2.

b) O anexo IV, previsto no artigo 11º.1 a).

2. A súa concesión supeditarase ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10º e dos resultados obtidos da súa xestión no período anterior, valorando especialmente a xeración de iniciativas empresariais e o número de postos de traballo creados como consecuencia da súa actuación. A resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da prórroga, poderá ter efecto retroactivo, sempre que non se interrompese a contratación e a prestación dos servizos polo técnico local de emprego.

Artigo 17º.-Publicidade.

1. Para efectos de identificación e de difusión da rede de técnicos locais de emprego, no prazo dun mes desde a contratación, a entidade beneficiaria deberá colocar, de forma visible, nas dependencias nas que presta os seus servizos o técnico local de emprego, unha placa identificativa, no modelo normalizado que se establece no Manual de Identidade Corporativa da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia, e que facilitará, se é o caso, a Dirección Xeral de Promoción do Emprego en que constará o cofinanciamento pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e polo Fondo Social Europeo.

2. Para os efectos de ofrecer unha imaxe unificada e global da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia, cara aos usuarios dos seus servizos en toda a Comunidade Autónoma, que permita unha mellor e máis

rápida identificación destes, deberán utilizar o conxunto de normas gráficas recollidas no Manual de Identidade Corporativa da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia, para a utilización do logotipo da Rede, nos distintos elementos de comunicación, o que redundará nuhna maior calidade das prestacións desenvolvidas polos técnicos.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global a cantidade de 3.000.000 de euros prevista na aplicación 16.02.241A.460 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Segunda.-As axudas concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 70%, encontrándose dentro do Programa Operativo Fomento do Emprego (PO 2000 ES 051 PO 017).

Terceira.-Para os efectos do disposto nesta orde, terán a consideración de técnicos locais de emprego os axentes de emprego e desenvolvemento local contratados en exercicios anteriores ao abeiro das subvencións concedidas a través das correspondentes ordes reguladoras da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Cuarta.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos.

Quinta.-Se, por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o delegado/a provincial.

Sexta.-As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na redacción dada polo artigo 13 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais