DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 11 de agosto de 2005 Páx. 14.103

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 230/2005, do 28 de xullo, polo que se aproban os estatutos do Consorcio contra Incendios e de Salvamento das comarcas do Carballiño e do Ribeiro.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten transferidas, entre outras, as competencias sobre prevención e extinción de incendios. A necesidade de dar unha resposta eficaz deste servizo fai necesaria unha organización axeitada del en todo o territorio galego. Este feito aconsellou que a Xunta de Galicia elaborara o Plan galego de dotación de parques contra incendios urbanos, baseado en criterios de racionalidade técnica e económica que permita dotar a Comunidade Autónoma dun servizo integrado de extinción de incendios que garanta este servizo en toda Galicia, baixo condicións aceptables, en función do risco e da dificultade técnica da extinción, sendo o Parque contra Incendios e Salvamento da Comarca do Carballiño e do Ribeiro un dos parques previstos no Plan Galego.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezasete de febreiro de dous mil cinco, acordou participar no Consorcio do Parque contra Incendios e Salvamento da Comarca do Carballiño e do Ribeiro, segundo o disposto no punto 3º do artigo 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A elaboración dos estatutos do consorcio fíxose segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 150 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto, e en aplicación do artigo 196 da Lei 5/1997, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de delibe

ración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de xullo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbanse os estatutos do Consorcio contra Incendios e de Salvamento das Comarcas do Carballiño e do Ribeiro, sendo o seu texto o que se recolle no anexo deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xullo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Xesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local

ANEXO

Estatutos do Consorcio contra Incendios e de Salvamento

das Comarcas do Carballiño e do Ribeiro

As administracións públicas teñen encomendada a prestación dunha serie de servizos aos seus cidadáns. Para mellorar a calidade destes servizos é necesario o establecemento de novas formas asociativas das administracións afectadas que fagan posible a aplicación dos principios de economía e eficacia.

Neste sentido a Comunidade Autónoma de Galicia ten asumidas competencias sobre as materias de prevención e extinción de incendios e de protección civil. Unha organización axeitada permitirá unha resposta eficaz ante calquera circunstancia que poida supoñer un perigo para a vida e bens das persoas, así como a optimización e racionalización dos medios e recursos dispoñibles.

O Decreto 226/2003, do 11 de abril, modificado polo Decreto 280/2003, do 17 de xuño, e polo Decreto 16/2004, do 15 de xaneiro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, encomendándolle a planificación e coordinación dos plans e programas dos servizos contra incendios e salvamento á Dirección Xeral de Administración Local, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, no relativo á función operativa de protección civil, así como das atribuídas por lei ás administracións locais.

De acordo co disposto no artigo 26 c) da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, corresponde aos municipios, por si ou asociados, a prestación, entre outros, dos servizos seguintes: nos municipios con poboación superior a 20.000 habitantes, servizos de protección civil, prevención e extinción de incendios.

As deputacións provinciais teñen atribuída pola súa parte a competencia de cooperación e asistencia aos concellos, garantindo a prestación integral e adecuada dos servizos que estes teñen encomendados pola lei.

A Deputación Provincial de Ourense, en virtude das competencias que lle son propias e ao amparo do disposto no artigo 30.6º d) e h) do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, texto refundido das disposicións legais vixentes no ámbito de réxime local, xestionou varias actuacións en materia de colaboración cos concellos en materia de extinción e prevención de incendios.

A Lei 7/1985, reguladora de bases de réxime local, establece no seu artigo 87 que: as entidades locais poden constituír consorcios con outras administracións públicas para fins de interese común ou con entidades privadas sen ánimo de lucro que persigan fins de interese público, concorrentes coas administracións públicas.

A Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, establece a consideración das provincias como entidades locais territoriais. De acordo co artigo 149, as entidades locais galegas poderán, con carácter voluntario, constituír consorcios locais entre si, ou con outras administracións públicas para fins de interese común.

Doutra banda, tamén se debe ter en conta a decisión do Consello da Unión Europea do 29 de xullo de 1991, pola que se crea o número único (112) para as chamadas de urxencia, e o acordo do Goberno da Xunta de Galicia, de setembro de 1997, para a prestación do servizo público de atención de urxencias en Galicia a través do número telefónico 112. Neste número deberán quedar integrados os servizos contra incendios e salvamento dos centros asociados entre eles.

De acordo coas consideracións precedentes, as administracións participantes xustifican a concepción e a adopción da fórmula do consorcio como a organización idónea para facilitar a súa coordinación e leal cooperación e, en consecuencia, deciden constituír o consorcio que se rexerá polos presentes estatutos:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Entidades asociadas.

Ao abeiro do establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, artigos 149 e seguintes, así como na demais lexislación vixente, constitúese o Consorcio contra Incendios e de Salvamento das Comarcas do Carballiño e do Ribeiro, integrado pola Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense, Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de concellos do Ribeiro, e os concellos que se citan no anexo I.

Artigo 2º.-Constituclón do Consorcio.

-Para a constitución do Consorcio requírese o acordo previo correspondente e a aprobación definitiva dos seus estatutos por parte dos plenos da Deputación Provincial de Ourense, da Mancomunidade intermunicipal voluntaria de concellos do Ribeiro, e dos concellos que o integren, así como o acordo do Consello da Xunta de Galicia.

-Unha vez producidos estes acordos, mediante decreto da Xunta de Galicia publicarase o texto íntegro dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

-Unha vez publicados os estatutos, convocaranse todos os representantes das entidades que o integran co fin de elixir os órganos retores e iniciar o seu funcionamento.

Artigo 3º.-Carácter.

O consorcio constitúese voluntariamente e por un período de tempo indefinido. Ten carácter administrativo e personalidade xurídica propia e independente das entidades que o integran, así como capacidade xurídica para o cumprimento dos fins estatutarios. O consorcio contará con patrimonio propio e desenvolverá a súa actividade conforme un orzamento independente.

Artigo 4º.-Sede.

1. O consorcio terá a súa sede no Parque contra Incendios e de Salvamento do Carballiño.

2. Por acordo do Pleno do Consorcio, poderá modificarse o domicilio fixado no punto anterior ou realizaranse reunións en lugar distinto ao do seu domicilio.

Artigo 5º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto do consorcio a prestación, xa sexa directamente ou ben mediante algunha das fórmulas previstas na lexislación de réxime local, do servizo contra incendios e de salvamento.

Este obxecto levarase a cabo cos propios medios do consorcio, e mediante a colaboración cos servizos de protección civil, ou con outros colectivos con fins semellantes, existentes nos concellos consorciados.

Artigo 6º.-Ámbito.

1. O servizo de actuación do consorcio extenderase aos concellos de: Beariz, Boborás, O Carballiño.

O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea, Carballeda de Avia e aos concellos da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de concellos do Ribeiro.

Así mesmo, actuará fóra do ámbito que lle é propio nos casos de sinistro, calamidade, catástrofe e grave perigo, cando fose requirido para iso, sempre que o demanden os órganos competentes e o autorice o presidente do consorcio.

2. O consorcio asume o exercicio das competencias das entidades consorciadas cando a lexislación vixente obrigue a estas ao cumprimento dos fins expresados no artigo anterior.

3. Formará parte da rede de emerxencias do Servizo 112-SOS-GALICIA, de acordo co protocolo de actuación que se establecerá para o efecto.

Artigo 7º.-Réxime xurídico.

Sen prexuízo do establecido nestes estatutos, entenderase tamén de aplicación, cando así proceda, o disposto tanto na normativa básica de réxime local, como na Lei de Administración local de Galicia, e demais normativa que, de ser o caso se dite no seu desenvolvemento.

Capítulo II

Órganos de goberno

Artigo 8º.-Órganos.

Os órganos de goberno e de xestión do consorcio son os seguintes:

-Pleno.

-Presidente.

-Vicepresidente.

Artigo 9º.-Pleno.

O Pleno do Consorcio, máximo órgano colexiado deste, estará integrado por:

-Un representante da Deputación Provincial de Ourense, designado por esa institución, que poderá ser substituído por un suplente designado, así mesmo, de entre os membros que compoñen a corporación provincial.

-Un representante da Xunta de Galicia designado pola consellería con competencias en materia de Administración local, que poderá ser substituído por un suplente, designado pola mesma institución.

-Un representante de cada un dos concellos consorciados, elixidos polo Pleno do Concello, que poderá ser substituído por un suplente designado asímesmo, de entre os membros que compoñen a Corporación local.

-Un representante da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de concellos do Ribeiro, elixido entre os membros do Pleno desta Mancomunidade, quen poderá, á súa vez, ser substituído, logo de delegación para o efecto, por un suplente designado de entre o resto dos membros do Pleno da Mancomunidade.

Para o efecto de manter unha composición paritaria deste órgano de goberno,os representantes da Xunta de Galicia e deputación provincial, disporán cada unha das administracións do mesmo número de votos que a totalidade dos concellos que forman parte deste Pleno.

Os representantes das distintas administracións consorciadas renovaranse cada vez que se renoven os cargos das administracións consorciadas como consecuencia da celebración de eleccións ou outros cambios que se produzan nelas que así o fixeran necesario.

-Con voz, pero sen voto, asistirán:

* O funcionario que desempeñe as funcións de secretario e interventor do consorcio.

* O xerente do consorcio.

Artigo 10º.-Presidente e vicepresidente.

O presidente do Consorcio será elixido polo Pleno do Consorcio por maioría absoluta do número legal dos membros do consorcio. De igual xeito, será elixido o vicepresidente.

Os cargos de presidente e vicepresidente renovaranse cada vez que se renoven os cargos das administracións consorciadas como consecuencia da celebración de eleccións ou outros cambios que se produzan nelas e que así o fixeran necesario. Para tal efecto, o Pleno do Consorcio deberá celebrar sesión dentro do mes seguinte ao da sesión constitutiva das corporacións consorciadas.

O presidente exercerá as competencias que se lle atribúen nestes estatutos.

O vicepresidente substituirá o presidente nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e nos demais que regulamentariamente proceda. Exercerá as mesmas competencias que o presidente durante o tempo que dure a substitución.

Artigo 11º.-Cesamento dos representantes.

Os membros do Pleno poderán cesar por acordo do mesmo órgano que os nomease, ou pola perda da condición de membro da institución que representen.

Artigo 12º.-Atribucións do pleno.

As atribucións do Pleno serán as seguintes:

1. A organización do consorcio.

2. Iniciativa e aprobación da integración e separación de entidades no consorcio.

3. A aprobación das ordenanzas.

4. A aprobación e modificación dos orzamentos, a disposición de gastos dentro dos límites da súa competencia e a aprobación das contas; todo iso de acordo co disposto na Lei reguladora das facendas locais.

5. Aprobación do programa anual de actividades.

6. Aprobación da memoria anual de actividades xunto co seu seguimento, control e valoración.

7. Aprobación de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outro que se estableza coas administracións públicas ou entidades privadas.

8. Adquisicións de bens e dereitos, a transacción sobre eles, e a concesión de quita e espera, agás que as competencias estean atribuídas expresamente por lei a outros órganos.

9. Control e fiscalización dos órganos de goberno.

10. A aprobación dos cadros de persoal, a fixación das súas retribucións, a relación dos postos de traballo, e o número e réxime do persoal eventual

11. Facer delegacións de competencias nos órganos de goberno do consorcio que considere oportunos. A este respecto aplicarase o disposto pola normativa de réxime local respecto das competencias susceptibles de delegación.

12. A administración do patrimonio.

13. A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público.

14. O exercicio de accións xudiciais e administrativas e a defensa do consorcio no referente a competencia plenaria.

15. A concertación das operacións de crédito quen na súa contía acumulada no exercicio económico excedan do 10 por 100 dos recursos ordinarios agás as de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento supere o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, todo iso de conformidade co disposto na Lei reguladora de facendas locais.

16. As contratacións e concesións de todo tipo, cando o seu importe supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento e, en todo caso, os 6.010.121,04 A, así como os contratos e concesións plurianuais cando a súa duración sexa maior de catro anos en todo caso, e os plurianuais de duración menor cando o seu importe acumulado supere a porcentaxe indicada, referido aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio e, en todo caso, cando sexa maior á contía sinalada nesta letra.

17. A aprobación dos proxectos de obra e de servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e cando aínda non estean previstos nos orzamentos.

18. Aprobación de pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas para a execución de proxectos de obras, servizos e subministracións que sexan da súa competencia.

19. A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, así coma os alleamentos patrimoniais nos seguintes supostos:

-Cando se trate de bens inmobles ou de bens mobles, que estean declarados de valor histórico ou artístico e non estean previstos no orzamento.

-Cando estando previstos no orzamento, superen a porcentaxe e a contía que se indican para as adquisicións de bens.

20. Aquelas atribucións que deban corresponder ao Pleno por exixir a súa aprobación unha maioría especial.

21. As demais que expresamente lle atribúan as leis.

Artigo 13º.-Competencias do presidente do consorcio.

Serán funcións propias do presidente as seguintes:

1. Dirixir o goberno e a administración do consorcio.

2. Representar o consorcio.

3. Convocar e presidir as sesións do Pleno e calquera outro órgano do consorcio.

4. Presentar o proxecto de orzamento ordinario.

5. Supervisar o funcionamento administrativo e técnico do consorcio, en especial a actuación do xerente como xefe directo deste, dando conta ao pleno.

6. Autorizar e ordenar gastos e pagamentos con cargo aos orzamentos do consorcio, de acordo coa lexislación vixente.

7. Dirixir, inspeccionar e impulsar os servizos e obras cuxa titularidade e o seu exercicio corresponde ao consorcio.

8. Todas as facultades en materia de persoal que non teña atribuídas o Pleno.

9. O desenvolvemento da xestión económica de acordo co orzamento aprobado, dispoñer gastos dentro dos límites da súa competencia, concertar operacións de crédito, excluíndo as recollidas no artigo 158.5º da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, sempre que aquelas estean previstas no orzamento e o seu importe acumulado dentro de cada exercicio económico non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios, agás os de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada intre non supere o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, ordenar pagamentos e render contas; todo isto de conformidade co disposto na Lei reguladora das facendas locais.

10. Aprobar a oferta de emprego público de acordo co orzamento e o cadro aprobados polo Pleno, aprobar as bases das probas para a selección do persoal e para os concursos de provisión de postos de traballo e distribuír as retribucións complementarias que non sexan fixas e periódicas.

11. Desempeñar a xefatura superior de todo o persoal, a acordar o seu nomeamento e sancións, incluída a separación do servizo dos funcionarios do consorcio e o despedimento do persoal laboral, dando conta ao Pleno na primeira sesión que celebre.

12. O exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa do consorcio nas materias da súa competencia, incluso cando as delegara noutro órgano e, en caso de ausencia, en materias da competencia do Pleno, e neste último suposto dando conta a este na primeira sesión que celebre para a súa ratificación.

13. Presidir as poxas e adxudicar provisionalmente o remate.

14. As contratacións e concesións de toda clase, cando o seu importe non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento; incluídas as de carácter plurianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de todas as súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referido aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio nin a contía sinalada.

15. A aprobación dos proxectos de obras e de servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e estean previstos nos orzamentos.

16. A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, así coma o alleamento do patrimonio que non supere a porcentaxe e a contía indicados nos seguintes supostos: a de bens inmobles sempre que estea prevista no orzamento; a de bens mobles, agás os declarados de valor histórico ou artístico cuxo alleamento non se encontre previsto no orzamento.

17. Ordenar a publicación e execución e facer cumprir os acordos do consorcio.

18. O exercicio daquelas outras atribucións que non estean expresamente atribuídas a outros órganos.

19. Render contas das operacións levadas a cabo en cada exercicio económico.

20. As demais que expresamente veñan atribuídas na normativa legal aplicable, aos presidentes de entidades locais, e aqueloutras que a normativa lles asigne ás entidades locais sen atribuílas a ningún outro órgano.

O presidente pode delegar o exercicio das súas atribucións, agás a de convocar e presidir as sesións do Pleno, concertar operacións de crédito, a xefatura superior de todo o persoal, a separación do servizo dos funcionarios e o despedimento do persoal laboral, e as enunciadas nos números 1 e 12 do punto anterior.

Artigo 14º.-Xerente.

1. A Xerencia é o órgano administrativo ao que corresponde realizar a xestión ordinaria dos asuntos de competencia do consorcio, baixo a inmediata dirección e dependencia do presidente. O xerente terá a consideración de persoal eventual de acordo co establecido no artigo 104 da Lei 7/1985, de bases de réxime local e demais normativa da función pública.

2. Serán funcións do xerente:

1. Impulsar e coordinar, baixo a inmediata dirección e dependencia do presidente do consorcio, o exercicio das competencias que para tal fin lles veñen atribuídas aos órganos de goberno do consorcio.

2. En caso de que o servizo se prestase baixo a modalidade de xestión indirecta, exercer o labor de

seguimento e control da prestación do servizo obxecto do consorcio, co fin de constatar o cumprimento das cláusulas que para tal efecto se recollan no contrato subscrito no seu día entre o Consorcio e a concesionaria do servizo. para tal efecto, elevarán periodicamente informes de seguimento ao presidente e ao Pleno do Consorcio, os cales en exercicio das súas competencias, acordarán o que proceda en cada caso. Do mesmo xeito, correspóndenlle ao xerente as funcións de coordinación e contacto permanente entre os órganos de goberno e a empresa concesionaria, ditando, cando fora necesario, as instrucións e demais directrices que para tal efecto foran pertinentes para garantir en todo momento o exercicio de autoridade do consorcio.

3. Elaborar e presentar, en colaboración cos servizos económico-administrativos do consorcio, ao seu Pleno, o anteproxecto de orzamento, así como propoñer, logo de consulta coa concesionaria do servizo, o plan de adecuación e necesidades do Consorcio.

4. Propoñer e impulsar, en colaboración cos servizos económico-administrativos, os expedientes de adquisición de material e obras de mellora e mantemento do servizo.

5. Asistir ao presidente na preparación da orde do día das sesións do Pleno do Consorcio, ao que asistirá con voz pero sen voto.

6. Elaborar as estatísticas das actividades realizadas, así como propoñer, deseñar e impulsar todas aquelas accións encamiñadas á difusión e ao coñecemento pola poboación dos servizos que presta o consorcio, así como coordinar baixo a dependencia directa do presidente as relacións que se establezan, tanto coas administracións consorciadas como, en xeral, con todas as institucións, administracións e entidades que poidan ter incidencia no desenvolvemento do parque.

7. Servir de coordinador e impulsor das relacións e iniciativas conxuntas que se establezan entre o consorcio e os concellos, administracións e institucións dependentes del, cun especial fincapé nas funcións que se refiran á coordinación cos diferentes servizos de emerxencias e salvamento que existan nos concellos que forman parte do Consorcio.

8. Aqueloutras que lle encomenden os órganos de goberno do Consorcio, en desenvolvemento do previsto nos estatutos do consorcio e do clausurado deste contrato.

9. Asistir ás sesións do Pleno con voz e sen voto.

Artigo 15º.-Funcíóns reservadas a funcionarios de administración local con habilitaclón de carácter nacional.

No cadro de persoal e na relación de postos de traballo do consorcio fixaranse as plazas e os postos necesarios para o exercicio das funcións reservadas

a habilitados de carácter nacional, que serán exercidas do seguinte xeito:

a) A través de funcionario ou funcionarios con habilitación nacional, de acordo co sistema de provisión previsto no Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

b) A través do servizo de asistencia da deputación, de acordo co establecido no artigo 5 do devandito texto regulamentario.

As funcións que desempeñarán son:

a) Asistir ás reunións do Pleno, convocando os compoñentes, por orde do seu presidente, e notificando a orde do día.

b) Formalizar e cumprir os acordos adoptados nas sesións, así como levantar acta deles.

c) Asesorar e asistir xuridicamente os órganos de goberno do consorcio.

d) Calquera outra que lle veña atribuída polo ordenamento xurídico.

Capítulo III

Réxime funcional

Artigo 16º.-Reunións.

1. O Pleno reunirase en sesión ordinaria como mínimo unha vez ao trimestre.

2. Celebrarase sesión extraordinaria a petición do presidente cando o considere oportuno ou a petición dun terzo dos membros do Pleno.

3. O presidente poderá convocar sesións extraordinarias con carácter urxente. Nestas convocatorias non se exixirá a antelación mínima de 2 días á que se refire o artigo 17º.1. Nas sesións extraordinarias urxentes, o Pleno deberá pronunciarse previamente sobre a urxencia da sesión. De non apreciarse tal urxencia por maioría simple, levantarase acto seguido a sesión. Para estes efectos, para o cómputo das maiorías observarase o sinalado no artigo 18.

4. Por petición da maioría dos membros con voto do Pleno do consorcio, poderá convocarse con voz, pero sen voto e coa única finalidade de obter información e asesoramento para casos concretos, os responsables técnicos e membros de administración ou de entidades públicas ou privadas que se estimen oportunas.

Artigo 17º.-Convocatoria.

1. O presidente convocará as sesións cunha antelación mínima de 2 días hábiles e remitirá a orde do día a cada un dos membros do Pleno.

2. O Pleno constitúese validamente coa asistencia dun terzo do número legal dos seus membros, que nunca poderá ser inferior a tres. O presidente poderá considerar validamente constituído o órgano se está presente alomenos un representante da Xunta de

Galicia e da deputación. Este quórum deberase manter durante toda a sesión. En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario ou a daqueles que legalmente os substitúan.

Artigo 18º.-Acordos.

1. Os acordos do Pleno adoptaranse por maioría dos membros presentes, agás nos casos nos que se exixe outra maioría. Os acordos adoptados obrigan a todas as entidades integrantes do consorcio.

Artigo 19º.-Persoal.

1. O persoal ao servizo do consorcio estará integrado por:

a) Xerente.

b) O persoal de prevención e extinción de incendios e salvamento, sen prexuízo de que se opte pola prestación do servizo baixo o réxime de xestión indirecta.

c) O persoal que, de conformidade co artigo 15, atenda ás funcións reservadas a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

d) Calquera outro persoal que se estableza e sexa necesario, de conformidade co previsto na lexislación local de aplicación.

2. As funcións deste persoal serán as que determinan as normas de réxime interior do Consorcio; en todo caso o persoal previsto no punto c, realizará as funcións previstas no artigo 15 dos presentes estatutos.

Capítulo IV

Do réxime económlco e financeiro

Artigo 20º.-Recursos do consorcio.

Para o cumprimento dos seus fins o Consorcio disporá do seu propio orzamento, que estará integrado polos seguintes recursos:

a) As achegas dos entes asociados.

b) As subvencións e outros ingresos de dereito público.

c) As taxas, contribucións especiais e prezos públicos fixados de acordo coa lei.

d) Ingresos de dereito privado e os bens adquiridos polo consorcio que se integran no seu patrimonio.

e) O produto de operacións de crédito.

f) Calquera outro recurso que puidera serlle atribuído de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 21º.-Contribucións ao consorcio.

As achegas dos entes consorciados para o sufragamento dos gastos ordinarios do parque efectuaranse da maneira seguinte:

a) Gastos de construción e equipamento:

-Xunta de Galicia: 50% dos gastos totais de construción e equipamento.

-Deputación Provincial de Ourense: 30% dos gastos totais de construción e equipamento.

-Concellos consorciados e mancomunidade: 20% dos gastos totais de construción e equipamento, de acordo coas ratios de participación que se sinalan no anexo I destes estatutos.

b) Gastos de funcionamento:

-Xunta de Galicia 62,5% dos gastos anuais de funcionamento do Consorcio.

-Deputación Provincial de Ourense: 37,5% dos gastos anuais de funcionamento do Consorcio.

Estas porcentaxes máximas de financiación dos gastos de funcionamento variarán de xeito automático, no momento que, por acordo da Xunta de Galicia e deputación provincial, de forma conxunta, se acorde que na totalidade dos consorcios contra incendios e de salvamento existentes na provincia de Ourense os concellos contribúan aos gastos de funcionamento destes.

No caso sinalado no parágrafo anterior, a cantidade que achegará cada concello e a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de concellos do Ribeiro aos gastos de funcionamento do consorcio determinarase de acordo coas mesmas porcentaxes de distribución que as utilizadas á hora de fixar a súa participación nos gastos de construción e equipamento, de acordo cos seguintes ratios globais:

-Xunta de Galicia: 50%.

-Deputación Provincial de Ourense: 30%.

-Concellos consorciados e mancomunidade: 20%.

Se durante o exercicio económico se producisen ingresos superiores aos previstos inicialmente no orzamento do consorcio, estes excesos serán dedicados, a criterio do Pleno, a actuacións adicionais ás previstas inicialmente, ou ben a minorar as achegas que lles corresponden ás partes consorciadas.

En todo caso poderase acudir aos mecanismos previstos na lexislación vixente para obter a satisfacción das achegas en caso de que algunha das administracións consorciadas non achegasen en prazo a totalidade das cantidades a que veñen obrigadas por este artigo, e co fin de facer efectivas estas cantidades; así, o consorcio poderá acordar dirixirse á Comunidade Autonoma e deputación para que procedan a efectuar as retencións con cargo ás transferencias de carácter incondicionado e non finalista que estas poidan ter recoñecidas a favor dos entes locais debedores.

Artigo 22º.-Ingresos das contribucións.

1. Cada ente consorciado obrígase, nos termos previstos no artigo 21º, a consignar no seu orzamento ordinario a cantidade suficiente para atender as súas obrigas económicas relativas ao consorcio.

2. As contribucións aos gastos de funcionamento do consorcio por parte de cada entidade consorciada realizaranse mediante ingreso na tesouraría deste,

na primeira quincena de cada trimestre, incluído aquel no que comece a prestación do servizo, salvo que por acordo do Pleno do Consorcio se fixase outra periodicidade.

Artigo 23º.-Aprobación do orzamento.

O Pleno aprobará para cada exercicio económico o orzamento constitutivo da expresión cifrada conxunta e sistemática das obrigas que, como máximo, pode recoñecer o consorcio e dos dereitos que prevexan liquidar durante o correspondente exercicio, de conformidade co disposto no Real decreto lei 2/2004, do 5 de marzo.

Capítulo V

Réxime xurídico

Artigo 24º.-Réxime interno.

A actuación do consorcio rexerase polo establecido nestes estatutos e nos regulamentos de organización e réxime interior que se supeditarán ao ordenamento xurídico vixente.

Para o non establecido nas disposicións anteriores aplicarase a lexislación reguladora do réxime das entidades locais.

Artigo 25º.-Lexislación aplicable.

A todas as actuacións do consorcio seralles aplicable a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; a Lei 7/1985, de bases do réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e modificada pola Lei 57/2003, do 16 de decembro, e Real decreto lexislativo 781/1986, que aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local; Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, así como calquera outra normativa concordante.

Artigo 26º.-Modificaclóns, incorporacións e baixas.

As modificacións estatutarias, así como as altas e baixas dos concellos integrantes do consorcio, seguirán o procedemento establecido no artigo 143 da Lei 5/1997.

Nos dous casos, previamente, procederase á liquidación dos compromisos e obrigas, así como ás posibles responsabilidades a que houbese lugar.

A separación precisará os seguintes requisitos:

a) Ser solicitada a separación cun ano de previo aviso.

b) Que tome razón dela polo Pleno do Consorcio.

Poderán adherirse ao consorcio outras administracións públicas ou entes privados sen ánimo de lucro, logo de solicitude e acordo que terá que ser aprobado por todas as entidades consorciadas, fixán

dose nos estatutos as achegas das entidades consorciadas.

No caso de que unha entidade das que integran o consorcio decida unilateralmente a súa separación, manifestarao cun ano de antelación, sen deixar de cumprir cos compromisos contraídos nese prazo, e sempre sen prexuízo do establecido nos presentes estatutos.

Artigo 27º.-Disoluclón.

1. Para a modificación dos estatutos do Consorcio, así como para a súa disolución, seguiranse as mesmas regras e o mesmo procedemento que o e establecido pola lexislación estatal básica e polos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997 para a modificación dos estatutos ou disolución das mancomunidades dos municipios.

2. No caso de disolución do consorcio, practicarase liquidación de todos os seus bens e dereitos, e o resultado positivo ou negativo será atribuído a cada un dos integrantes do consorcio, na mesma proporción que a establecida para a fixación das achegas ao consorcio.

Artigo 28º.-Informe anual.

O consorcio facilitará aos entes consorciados un informe anual sobre a propia xestión e prestará a súa cooperación e asistencia cando sexa requirida.

Disposición adicional

No suposto que algún dos concellos integrantes da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de concellos do Ribeiro decidise abandonar esta mancomunidade, e optase por integrarse no consorcio, a súa contribución aos gastos deste pasaría a efectuarse en proporción á súa poboación.

Neste suposto, a mancomunidade deixaría de aboar ao Consorcio a parte alícuota que resultase de imputarlle o nº de habitantes do concello saínte ao 15% inicial que viña aboando a mancomunidade.

A cantidade deixada de aboar pola mancomunidade integraríase, incrementándoa, na que deben aboar os restantes concellos (exceptuado o do Carballiño), repartíndose o global entre todos eles en función da súa poboación.

En todo caso, o concello que abandone a mancomunidade deberalle pagar ao consorcio, en concepto de achega, cando menos a mesma cantidade que lle correspondería se seguise pertencendo a ela.

Para a aplicación do previsto nesta disposición adicional será necesaria acreditación, mediante certificación expedida polo secretario da Mancomunidade, de que se ten producido o abandono efectivo por parte dun concello da devandita Mancomunidade.

Disposición derradeira

Estes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO

Relación dos concellos que integran o consorcio, e ratios de participación, no 20% dos gastos de construción e equipamento:

-Beariz: 2,70%.

-Boborás: 6,18%.

-O Carballiño: 50%.

-O Irixo: 3,91%.

-Maside: 6,01%.

-Piñor: 2,90%.

-Punxín: 1,82%.

-San Amaro: 2,64%.

-San Cristovo de Cea: 5,76%.

-Carballeda de Avia: 3,08%.

-Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Concellos do Ribeiro: 15%.