DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 11 de agosto de 2005 Páx. 14.102

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de xullo de 2005 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación para la Investigación, Desarrollo e Innovación del Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo (FIDI Xeral-Calde).

Visto o expediente de clasificación da Fundación para la Investigación, Desarrollo e Innovación del Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo (FIDI Xeral-Calde), con domicilio en Lugo.

Supostos de feito:

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación para la Investigación, Desarrollo e Innovación del Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo (FIDI Xeral-Calde) foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo o día dez de marzo de dous mil cinco, ante o notario Mario Alfonso Calvo Alonso, co número de protocolo mil vinte e seis por Ramón Ares Rico, que intervén no seu propio nome e dereito.

3. O obxecto da fundación, segundo establece o artigo oito dos seus estatutos é organizar, promover e realizar actividades relacionadas coa formación, docencia, investigación e innovación en ciencias da saúde no Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo e a súa área de influencia, con interese preferente nas áreas biomédicas.

4. O padroado da fundación estará integrado por Ramón Ares Rico como presidente, Emilio Camino Fernández como secretario e por María Isabel Castro Fernández, Félix Rubial Bernárdez, Miguel Ángel González López, José Guerreiro Lombardía, Dámaso López Rodríguez e Miguel Ángel González Gay, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elévalle ao conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación para la Investigación, Desarrollo e Innovación del Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo (FIDI Xeral-Calde), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e aá súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de xullo de 2005.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación para la Investigación, Desarrollo e Innovación del Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo (FIDI Xeral-Calde), adscribíndoa á Consellería de Sanidade que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2005.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA