DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Martes, 02 de agosto de 2005 Páx. 13.558

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 208/2005, do 14 de xullo, sobre xestión e integración ambiental de ocos ocasionados por antigas actividades, con excedentes de terras e rochas procedentes de grandes obras.

A realización de obras na Comunidade Autónoma de Galicia aumentou nos últimos anos dun modo considerable.

Estas obras veñen referidas na súa grande maioría aos proxectos de infraestruturas que debido á súa envergadura, xeran produtos sobrantes da excavación cun importante excedente dos desmontes, provocando un serio problema ambiental.

Na nosa comunidade dáse a presenza dunha grande cantidade de ocos producidos por actividades e obras, que precisan dunha integración ambiental debido ao seu impacto tanto no medio coma na paisaxe e no contorno.

Por todo isto, e dadas a necesidades anteriormente expostas, resulta necesario o establecemento na Comunidade Autónoma de Galicia, dunha regulación específica que comprenda a integración dos espazos baleiros no seu contorno natural repoñendo mediante o recheo con terras e rochas, e as medidas compensatorias adecuadas, a morfoloxía actual dos terreos, evitando a alteración doutras zonas naturais que serían receptivas dos ditos depósitos.

Por outro lado e desde unha perspectiva ambiental, é necesario ter en conta que a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, establece no seu artigo 4 que son elementos que se teñen que protexer: o medio natural constituído pola poboación, a fauna, a flora, a diversidade xenética, o solo, o subsolo, a auga, o aire, o clima e a paisaxe, así como a interrelación entre os elementos antes mencionados, os recursos naturais e culturais, incluído o patrimonio arquitectónico e o arqueolóxico, en canto poden ser obxecto de contaminación e deterioración por causas ambientais.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de xullo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulación dos sobrantes totais de desmontes que igualen ou supe

ren os 2.000 metros cúbicos de volume e que estean producidos pola execución de proxectos de infraestruturas, os cales deberán depositarse nos ocos procedentes de obras, actividades ou explotacións, procedendo así mesmo á posterior integración ambiental dos ditos ocos.

Artigo 2º.-Exclusións.

Para os efectos deste decreto, quedan excluídos do seu ámbito de aplicación, os residuos regulados na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, e demais leis sectoriais sobre o mesmo tema.

Artigo 3º.-Obxectivos.

As actividades consistentes na realización de recheo utilizando os desmontes de proxectos de obras de infraestruturas, deberán executarse de modo que se cumpran os seguintes obxectivos:

a) Favorecer a xestión das entulleiras de obra.

b) Protexer o solo e as augas.

c) Reducir o impacto visual e ambiental que provocan tanto os ocos baleiros como os depósitos sobrantes de terra.

d) Regularizar o depósito de sobrantes de terras das obras de proxectos de infraestruturas en toda a comunidade.

e) Recuperación de espazos degradados, tendo en conta os usos do solo e a planificación urbanística deste, integrándose, se é o caso, no ambiente natural da zona.

As actividades obxecto da regulación deste decreto realizaranse coa observancia dos principios de proximidade e flexibilidade.

Artigo 4º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto enténdese por:

a) Proxectos de infraestruturas: aqueles proxectos de infraestruturas que aparecen regulados na Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, e os que se poidan engadir no sucesivo como susceptibles de pasar o trámite de avaliación de impacto ambiental, tal e como se recolle no anexo III deste decreto.

b) Ocos: aqueles espazos baleiros que poidan ser recheados, procedentes de obras ou outras actividades que por razóns técnicas, económicas ou de existencia de recursos, non continuaron as súas actuacións.

Capítulo II

Xestión e integración ambiental de ocos

Artigo 5º.-Inventario.

1. Créase o inventario de ocos estáticos destinados a ser recheados cos desmontes de terras procedentes de infraestruturas.

2. A inclusión dos ocos estáticos neste inventario realizarase ben de oficio pola dirección xeral competente en materia de calidade e avaliación ambiental, ou ben por solicitude debidamente motivada de terceiros interesados na incorporación de ocos.

3. Esta solicitude (anexo I), que se presentará ante a dirección xeral competente en materia de calidade e avaliación ambiental, deberá incluír unha memoria que conteña a descrición das características do espazo destinatario do recheo e terá que conter como mínimo:

-Titularidade do terreo.

-Situación xeográfica do oco: situación no mapa e localización no plano 1:25.000, UTM e accesos o oco.

-Dimensións do oco.

-Morfoloxía do oco e características xeolóxicas.

-Características ambientais do oco: naturalización deste e descrición do contorno onde se localiza.

4. A dirección xeral competente en materia de calidade e avaliación ambiental, despois de estudar as solicitudes, resolverá no prazo máximo de 3 meses, sobre a conveniencia de incluír o espazo no inventario.

Transcorrido este prazo sen terse ditado resolución expresa, entenderase estimada a solicitude efectuada, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente, prevista no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución de incluír un espazo no inventario de ocos, xa sexa este por petición de terceiros ou de oficio, comunicaráselles debidamente en tempo e forma aos titulares destes.

5. Non poderán formar parte do inventario de ocos, aqueles que procedan de actividades mineiras autorizadas en vigor ou aquelas que, aínda caducadas, xa teñan prevista a súa recuperación nun proxecto de restauración en trámite ou aprobado.

Artigo 6º.-Obrigas dos titulares dos ocos inventariados.

1. Os titulares daqueles ocos que se inclúan no inventario poderán aceptar a recuperación destes,

mediante o recheo cos desmontes das obras de infraestruturas, a través dunha comunicación efectuada á dirección xeral competente en materia de calidade e avaliación ambiental.

2. No caso de non aceptar esta medida, os titulares dos ocos terán a obriga de proceder eles mesmos á recuperación dos espazos, no prazo máximo de 12 meses, salvo solicitude motivada presentada en tempo e forma e aprobada pola dirección xeral competente en materia de calidade e avaliación ambiental. Para tal efecto presentarán unha memoria-resumo coas características principais do proxecto de recuperación dos espazos, seguindo os trámites que figuran no artigo 7º deste decreto.

Artigo 7º.-Tramitación.

1. A persoa física ou xurídica que, pola realización dunha obra de infraestrutura xere uns sobrantes totais de desmontes que igualen ou superen os 2.000 metros cúbicos de volume, deberá comunicalo á dirección xeral competente en materia de calidade e avaliación ambiental, presentando un escrito coas características principais dos desterres. Este incluirá como mínimo:

-Volume e medidas.

-Breve resumo do proxecto que orixina os desterres.

-Localización de orixe dos desterres.

-Propiedades físicas.

-Tipo de material que se vai utilizar no recheo do oco.

2. Despois de estudar a dita documentación, a dirección xeral competente en materia de calidade e avaliación ambiental, informará sobre o espazo máis axeitado para ser recheado, daqueles contidos no inventario de ocos, segundo as características dos desterres e respectando os principios que informan todas as medidas deste decreto.

3. En ningún caso esta información condicionará a Administración para aceptar o proxecto que presente o solicitante.

4. De non atoparse un oco que se adapte ás características dos desterres, o promotor da obra deberá presentar o pertinente proxecto de entulleira ante a dirección xeral competente en materia de calidade e avaliación ambiental.

5. Unha vez informados deste aspecto e de ter atopado un espazo adecuado para ser recheado, os interesados presentarán as solicitudes dos proxectos de recheo (anexo II) que conterán unha memoria resumo coas características máis importantes dos ditos proxectos.

Na memoria deberá incluírse como mínimo:

-Descrición das actuacións: carga e descarga, tempo de duración, características das obras que se van executar, así como as medidas correctoras para os impactos significativos que se poidan determinar.

-Medidas de integración ambiental e paisaxísticas oportunas.

6. A persoa física ou xurídica, que pola realización dunha obra ou infraestrutura xere uns sobrantes totais de desmontes que non igualen ou superen os 2.000 metros cúbicos de volume, poderá, de forma voluntaria, acollerse ás medidas consideradas neste decreto para os desmontes xerados pola dita obra.

Para estes efectos, a dirección xeral competente, en materia de calidade e avaliación ambiental, prestará a correspondente colaboración ás persoas que se queiran acoller a esta medida.

7. Unha vez iniciado o expediente, darase audiencia deste ao concello no que radique o oco que se vaia encher.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A dirección xeral competente en materia de calidade e avaliación ambiental resolverá, sen prexuízo das competencias dos concellos, a cualificación dos proxectos de recheo como aptos ou non aptos para seren executados, dentro do prazo de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen emitirse resolución expresa, entenderase estimada a solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente, recollida no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A resolución será motivada e conterá algún dos seguintes pronunciamentos cos efectos que en cada caso se indican:

a) Estimación da solicitude e autorización para efectuar os proxectos de recheo establecendo os condicionantes técnicos e ambientais nos que debe levarse a cabo o citado proxecto.

b) Desestimación da solicitude, indicando as causas desta.

3. No caso de que os espazos do inventario, polas súas características ou situación, non se adapten ao proxecto de recheo ou que a solicitude resulte desestimada por algunha outra causa, a dirección xeral competente, en materia de calidade e avaliación ambiental, terá que darlle o visto e prace ao proxecto de entulleira que se presente.

4. A realización dos proxectos que se consideran neste decreto, queda suxeita á obtención da licenza

de actividade á que lle será de aplicación as correspondentes taxas municipais.

Capítulo III

Das infraccións e sancións

Artigo 9º.-Infraccións e sancións.

As infraccións cometidas contra o disposto neste decreto, serán sancionadas de acordo coa Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental para Galicia, e demais disposicións que lle sexan de aplicación.

Artigo 10º.-Procedemento.

O procedemento sancionador por incumprimento das obrigas establecidas neste decreto, rexerase polo establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 11º.-Competencia.

1. A incoación e instrución dos procedementos sancionadores por calquera incumprimento do establecido neste decreto que constitúan infracción tipificada na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, será competencia das delegacións provinciais competentes en materia de ambiente.

2. A resolución dos expedientes aos que se refire o parágrafo anterior corresponderalle:

a) Nas infraccións leves, ao director xeral competente en materia de calidade e avaliación ambiental.

b) Nas infraccións graves, ao conselleiro competente en materia de ambiente.

c) Nas infraccións moi graves, ao Consello.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro competente en materia de ambiente para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de xullo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO III

Proxectos de infraestruturas

a) Estradas:

1º Construción de autoestradas e autovías, vías rápidas e estradas convencionais de novo trazado.

2º Actuacións que modifiquen o trazado de autoestradas, autovías, vías rápidas e estradas convencionais preexistentes nunha lonxitude continuada de máis de 10 quilómetros.

b) Construción de aeroportos con pistas de despegamento e aterraxe dunha lonxitude de, cando menos, 2.100 metros e aeroportos de uso particular.

c) Construción de liñas de ferrocarril para tráfico de longo percorrido.

d) Portos comerciais, pesqueiros e deportivos.

e) Espigóns e pantaláns para carga e descarga conectados a terra que admitan barcos de arqueo superior a 1.350 toneladas.

f) Obras costeiras destinadas a combater a erosión e obras marítimas que poidan alterar a costa, por exemplo, pola construción de diques, malecóns, espigóns e outras obras de defensa contra o mar, excluídos o mantemento e a reconstrución de tales obras, cando estas estruturas alcancen unha profundidade de, cando menos, 12 metros con respecto á baixamar máxima equinoccial.

g) Calquera outra infraestrutura que sexa incluída no sucesivo como suxeita ao trámite de avaliación de impacto ambiental.