DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 29 de xullo de 2005 Páx. 13.399

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

A Lei 55/2003, do 16 de decembro (BOE do 17 de decembro), do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, establece as bases, entre outras materias, da provisión de prazas do referido persoal, e insta as comunidades autónomas a aprobar, en desenvolvemento dela, os estatutos e demais normas aplicables nos respectivos servizos de saúde.

Estas bases, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, deben complementarse coas previsións que sobre a mesma materia contén a Lei 7/2003, do 9 de decembro (DOG do 19 de decembro), de ordenación sanitaria de Galicia, a cal, polo demais, habilita o Consello da Xunta para aprobar, mediante decreto, o réxime estatutario do persoal do Servizo Galego de Saúde.

Á finalidade de executar e desenvolver os preceptos contidos nos ditos textos legais, poñendo así termo á aplicación transitoria do Real decreto lei 1/1999, do 8 de xaneiro (BOE do 9 de xaneiro), resposta este decreto, regulamento que, así mesmo, vén derrogar disposicións especiais ditadas no seu momento en atención non só a un marco legal manifestamente diferente -o Real decreto 118/1991, do 25 de xaneiro-, senón tamén a unha situación dos cadros de persoal, alta taxa de persoal interino, que, coa ultimación dos procesos extraordinarios convocados en execución da Lei 16/2001, do 21 de novembro, devén claramente superada nos niveis de atención primaria e especializada.

Sobre este particular, cómpre engadir que o decreto vén derrogar os preceptos que, co mesmo rango, impoñían a celebración de convocatorias separadas para o exercicio de profesións sanitarias no ámbito da atención primaria. Esta decisión resposta á vontade do lexislador -evidenciada, entre outros, no artigo 58 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, en relación co seu artigo 7- de configurar a vinculación a unha área sanitaria como elemento esencial dos nomeamentos e, con carácter xeral, dos procesos de provisión, así como de adscribir todos os recursos sanitarios á dita demarcación territorial na procura dunha prestación integrada da asistencia sanitaria.

Á marxe do anteriormente exposto, do contido deste decreto cabe destacar os seguintes particulares:

Introdúcese o mandato de proceder a elaborar plans de provisión de recursos humanos que permitan dar virtualidade aos principios de planificación eficiente das necesidades de recursos humanos

e de programación periódica de convocatorias. Polo demais, estes plans de provisión, que xa contan co antecedente do acordado na mesa sectorial de negociación o vinte e seis de xuño de 1998, permiten ordenar os procesos de selección e mobilidade nun período temporal de suficiente amplitude para evitar situacións de incerteza nos colectivos afectados.

En estrito cumprimento da normativa básica, para a selección de persoal fixo óptase polo concurso-oposición como procedemento xeral, dando en calquera caso maior relevancia aos resultados da fase de oposición como manifestación máis notoria da debida actualización dos coñecementos e habilidades que demandan as institucións sanitarias. No que se refire á fase de concurso, a estrutura básica dos baremos mantén a experiencia profesional como mérito de especial relevancia para o acceso.

No capítulo dedicado á mobilidade do persoal, e á marxe de sistemas e procedementos que, como o concurso de traslados, xa están plenamente consolidados, son de necesario apuntamento, pola súa novidade, determinados mandatos e habilitacións dirixidos a protexer a maternidade, a saúde dos profesionais ou das persoas achegadas, así como o suposto especial de mobilidade por razón de violencia de xénero.

Inclúense tamén neste decreto criterios que deben ordenar con obxectividade as incorporacións e cesamentos resultantes da provisión regulamentaria de prazas; criterios xa consensuados no seu momento na mesa sectorial, pacto asinado o 13 de xullo de 2000, e inspirados en última instancia na necesaria conciliación dos principios de publicidade, mérito e capacidade e de planificación e ordenación eficiente dos cadros de persoal.

No que se refire á provisión dos postos de xefatura de licenciados sanitarios, establécese con carácter xeral un procedemento que permite valorar colexiadamente tanto a capacidade científica e experiencia profesional dos aspirantes, como a súa proposta de xestión da correspondente unidade; ademais, establécese o mandato de valorar periodicamente, cada catro anos, o exercicio das xefaturas. Deste xeito garántese, por unha parte, o efectivo desenvolvemento e continuidade de proxectos valorados favorablemente; por outra, a necesaria adecuación dos profesionais ás novas demandas organizativas e asistenciais.

No relativo á provisión do resto das xefaturas, cómpre destacar o mandato de que a estes postos se acceda con carácter xeral polo procedemento de concurso de méritos -complementado, para determinados postos de persoal sanitario, coa valoración dunha proposta ou entrevista relativa á xestión da unidade-, sen menoscabo de que o sistema de libre designación se manteña como sistema de provisión dos postos de maior responsabilidade ou daqueles nos que a confianza dos superiores sexa un elemento de especial relevancia. Débese notar tamén a introdución de mecanismos que permiten avaliar o desempeño das xefaturas.

Constitúe así mesmo unha decisión importante a exixencia do vínculo de fixeza como requisito para o acceso aos postos de xefatura, requisito que no seu momento puido estar xustificado omitir pola alta taxa de temporalidade nos cadros de persoal.

No tocante á provisión de postos directivos das institucións sanitarias, procede poñer de manifesto que, coa nova situación dos cadros de persoal -redución moi relevante da taxa de persoal temporale a previsión de que o persoal estatutario e funcionario fixo acceda ao cargo directivo mediante nomeamento de carácter administrativo, esta modalidade de vinculación tenderá a xeneralizarse para o desempeño das tarefas da máxima responsabilidade.

No capítulo dedicado á selección de persoal temporal, incorpórase a garantía de que todos os profesionais sexan seleccionados consonte os principios que deben rexer o acceso ao servizo da administración pública.

Incorpórase o Plan de ordenación de recursos como instrumento de planificación global en materia de persoal, coas peculiaridades, en materia de competencia e negociación, que resultan do feito de que nas institucións e estruturas do Servizo Galego de Saúde prestan servizos persoal estatutario, persoal laboral suxeito a diferentes convenios, e diversos colectivos de persoal con vínculo funcionarial.

Por último, dentro das disposicións adicionais, son de destacar as seguintes medidas normativas: a convocatoria periódica de procedementos de traslados internos, con fixación das bases aplicables nos ditos procedementos; a elaboración de plans de acollida do novo persoal nas institucións sanitarias; a previsión de medidas que procuren a mobilidade de persoal, en termos de reciprocidade e igualdade, entre a Administración xeral da Xunta de Galicia e as estruturas de xestión e servizos do Servizo Galego de Saúde; e, finalmente, a previsión de medidas de desenvolvemento profesional para determinados colectivos.

Este decreto dítase tras a preceptiva negociación na mesa sectorial, e logo de ser oídas, no trámite de audiencia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co ditame número 523/05, do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación no Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de xullo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Constitúe o obxecto deste decreto a regulamentación dos sistemas de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, de acordo coas bases establecidas na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario

dos servizos de saúde, e en execución e desenvolvemento da citada lei e da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia.

Artigo 2º.-Principios xerais.

A provisión das prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde rexerase polos seguintes principios básicos:

a) Igualdade, mérito, capacidade e publicidade na selección, promoción e mobilidade do persoal do organismo.

b) Planificación eficiente das necesidades de recursos humanos e programación periódica das convocatorias.

c) Integración do persoal no réxime organizativo e funcional do Servizo Galego de Saúde e das súas institucións e centros.

d) Libre mobilidade e circulación do persoal no conxunto dos centros e servizos do organismo, así como no ámbito do Sistema Nacional de Saúde.

e) Coordinación, cooperación e mutua información entre as administracións sanitarias públicas.

f) Participación das organizacións sindicais na determinación das condicións e procedementos de selección, promoción interna e mobilidade, do número de prazas convocadas e da periodicidade das convocatorias.

Artigo 3º.-Plan de provisión de prazas.

O Servizo Galego de Saúde elaborará periodicamente, preferentemente cada dous anos, un plan de provisión de prazas destinado a programar as probas de acceso de novo persoal e os procesos de promoción interna e mobilidade voluntaria do persoal estatutario fixo.

Este plan, que atenderá ao principio de planificación eficiente das necesidades, será negociado coas organizacións sindicais no marco da mesa sectorial.

Artigo 4º.-Sistemas de provisión.

A provisión de prazas realizarase polos sistemas de selección de persoal, de promoción interna e de mobilidade, e consonte o disposto neste decreto respecto á libre designación, comisión de servizos e reingreso provisional ao servizo activo.

Artigo 5º.-Ámbito das convocatorias.

Os procesos de selección, mobilidade e promoción interna que se convoquen abarcarán como mínimo, con carácter xeral, o ámbito de cobertura territorial dunha área sanitaria.

Capítulo II

Selección de persoal fixo

Sección primeira

Normas xerais

Artigo 6º.-Sistemas de selección.

1. A selección efectuarase con carácter xeral polo procedemento de concurso-oposición.

2. A selección poderá realizarse a través do sistema de oposición cando este resulte máis axeitado en función das características socio-profesionais do colectivo que poida acceder ás probas ou das funcións que estea chamado a desenvolver.

3. Cando as peculiaridades das tarefas específicas que se van desenvolver ou o nivel de cualificación requirida o aconsellen, a selección poderá realizarse polo sistema de concurso.

Artigo 7º.-Coñecemento do idioma galego.

Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego, e garantir o dereito dos usuarios á súa utilización e a promoción do seu uso por parte dos poderes públicos de Galicia, nas probas selectivas terá que demostrarse o coñecemento da lingua, nos termos que establezan as correspondentes convocatorias.

Artigo 8º.-Reserva para persoas con discapacidade.

1. En cada convocatoria reservarase un número de prazas que representen como mínimo o cinco por cento, en número enteiro, das prazas convocadas, ou porcentaxe que se encontre vixente con carácter xeral para a función pública de Galicia, para seren cubertas entre persoas con discapacidade de grao igual ou superior ao 33 por cento, de modo que progresivamente se acade o dous por cento dos efectivos do Servizo Galego de Saúde. Estes aspirantes, para resultar seleccionados, deberán superar as probas selectivas e acreditar o indicado grao de discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións específicas, nos termos que se fixen nas convocatorias.

A reserva farase efectiva naquelas convocatorias que oferten un mínimo de dez prazas da correspondente categoría ou especialidade.

2. No desenvolvemento das probas selectivas facilitaranse as axudas técnicas precisas para a súa adaptación ás necesidades específicas e singularidades dos aspirantes con discapacidade, logo de petición motivada e nos termos que se establezan na convocatoria.

3. No suposto de que algún aspirante da cota de reserva supere as probas correspondentes e non obtivese praza, e a súa puntuación definitiva no proceso sexa superior á obtida por outros aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluído pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

4. A reserva para persoas con discapacidade, na contía que proceda de conformidade co previsto no parágrafo 1, poderá facerse efectiva mediante convocatorias separadas, para todos os efectos, das realizadas para participación libre. Estas convocatorias determinarán os requisitos de participación, as peculiaridades das probas e o procedemento.

5. As convocatorias introducirán medidas que procuren unha distribución territorial equilibrada dos destinos ofertados aos aspirantes seleccionados con base na reserva prevista neste artigo.

Así mesmo, adoptaranse as medidas precisas para a valoración e a adaptación dos destinos ás condicións de discapacidade acreditadas.

Artigo 9º.-Requisitos dos aspirantes.

Para poder participar nos procesos de selección de persoal estatutario fixo será preciso reunir os seguintes requisitos, ademais dos establecidos na correspondente convocatoria:

a) Posuír a nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea o do Espazo Económico Europeo, ou ter o dereito á libre circulación de traballadores conforme o Tratado da Unión Europea ou outros tratados ratificados por España, ou ter recoñecido tal dereito por disposición legal.

b) Estar en posesión da titulación exixida na convocatoria ou en condicións de obtela dentro do prazo de presentación de solicitudes.

c) Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do correspondente nomeamento, a cal será acreditada nos termos que se fixen na convocatoria.

d) Ter cumpridos dezaoito anos e non exceder da idade de xubilación forzosa.

e) Non ter sido separado do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores á convocatoria, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, de ser o caso, para a correspondente profesión.

f) No caso dos nacionais doutros Estados mencionados na alínea a), non encontrarse inhabilitado, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ter sido separado, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores á convocatoria.

Os requisitos de participación deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de instancias e manterse ata o momento de ser nomeado persoal estatutario fixo. No caso de perda dalgún dos requisitos enumerados, os aspirantes poderán ser excluídos do proceso mediante resolución motivada do órgano convocante.

Sección segunda

Convocatoria e desenvolvemento das probas selectivas

Artigo 10º.-Normas xerais da convocatorias.

O proceso selectivo iniciarase mediante convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia.

A convocatoria deberá conter, como mínimo, as seguintes mencións:

a) Número e características das prazas convocadas.

b) Condicións e requisitos que deben reunir os aspirantes.

c) Modelo de solicitude.

d) Centro ou dependencia á que deben dirixirse as solicitudes e prazo para a súa presentación, que terá unha duración mínima dun mes.

e) Contido das probas de selección, baremos e programas aplicables a elas, así como o sistema de cualificación.

f) Fórmula mediante a que se resolverán os empates que se produzan na puntuación total do proceso. No procedemento de concurso-oposición, atenderase en primeiro lugar ao resultado total da fase de oposición e subsidiariamente, de ser o caso, ao resultado acadado nas súas diversas probas, consonte a orde de prelación que a propia convocatoria estableza.

g) Lugar onde se realizará a publicación dos sucesivos actos do proceso selectivo.

h) Ámbito territorial da prestación de servizos dos aspirantes que resulten seleccionados.

Artigo 11º.-Bases das convocatorias

1. A convocatoria e as súas bases vinculan a Administración, os tribunais de selección e aos aspirantes que participen nelas.

2. Unha vez publicadas, as convocatorias ou as súas bases soamente poderán ser modificadas con suxeición estrita ás normas da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Impugnación de convocatorias.

As convocatorias, as súas bases e cantos actos administrativos deriven delas, así como a actuación dos tribunais, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma previstos con carácter xeral na lexislación aplicable.

Artigo 13º.-Tribunais de selección.

1. Os tribunais, que actuarán de acordo cos criterios de obxectividade, imparcialidade, axilidade e eficacia, serán nomeados pola autoridade convocante, mediante acordo que se publicará na forma e coa antelación ao comezo das probas que a convocatoria determine.

2. Os tribunais estarán compostos dun número impar de membros non inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de membros suplentes. Todos os membros do tribunal, tanto titulares como suplentes, deberán ter a condición de persoal funcionario de carreira ou estatutario fixo das admi

nistracións públicas ou dos servizos de saúde, ou de persoal laboral dos centros vinculados ao Sistema Nacional de Saúde, en praza ou categoría para a que se exixa posuír titulación do nivel académico igual ou superior á exixida para o ingreso.

As organizacións sindicais representadas na mesa sectorial de negociación, nos termos que acorden os seus representantes na dita mesa, poderán propoñer un membro dos ditos tribunais.

3. Os tribunais axustarán a súa actuación ao disposto na normativa vixente regulamentadora dos órganos colexiados, e os seus membros deberán absterse de intervir cando concorra algunha das causas legais de abstención, ou cando nos últimos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas da categoría ou especialidade convocada. Así mesmo, os aspirantes poderán recusar en calquera momento os membros do tribunal, nos casos anteriormente previstos.

4. Corresponden aos tribunais, de conformidade co que se estableza na convocatoria, as funcións relativas á determinación concreta do contido das probas e á cualificación dos aspirantes, tanto na fase de oposición como na de concurso, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas para o correcto desenvolvemento das probas selectivas, sen prexuízo das competencias de ordenación material e temporal propias do órgano convocante.

5. Os tribunais poderán propoñer ao órgano convocante a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas, de acordo co previsto nas convocatorias. A colaboración destes asesores, que estarán sometidos ás mesmas causas de abstención que os membros do tribunal, limitarase ao exercicio das súas especialidades técnicas. O nomeamento dos asesores será publicado na forma prevista para o tribunal de selección. Estes asesores estarán obrigados a manter a confidencialidade sobre os datos ou asuntos dos que puidesen ter coñecemento por mor da súa colaboración co tribunal.

Igualmente, cando así o aconselle o número de aspirantes ou as características das probas de selección, os tribunais poderán encomendar ao órgano convocante a realización de calquera actividade de apoio que resulte precisa para o correcto desenvolvemento do proceso.

6. As resolucións ou acordos dos tribunais vinculan a Administración, sen prexuízo de que esta poida proceder á súa revisión de conformidade cos artigos 102 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14º.-Relación de admitidos e excluídos.

1. Para ser admitido á realización das probas bastará con que os aspirantes manifesten e declaren nas súas instancias que reúnen todos e cada un dos requisitos e condicións exixidas, referidas á data de expiración do prazo sinalado para a presentación de solicitudes.

2. Finalizado o prazo de presentación de instancias, aprobarase a relación provisional de aspirantes admitidos e excluídos á realización das probas selectivas. A correspondente resolución, que se publicará na forma en que a convocatoria determine, indicará a causa de exclusión e o prazo de emenda que se concede aos excluídos. Non se poderá emendar a presentación da instancia fóra do prazo habilitado para estes efectos.

3. A autoridade convocante, por decisión propia ou por proposta do presidente do tribunal, deberá dar conta aos órganos competentes das inexactitudes ou falsidades en que puidesen incorrer os aspirantes, para os efectos que procedan.

Artigo 15º.-Desenvolvemento do proceso de selección.

O proceso desenvolverase segundo as normas específicas da oposición, concurso ou concurso-oposición.

As convocatorias, coas garantías que resulten precisas, poderán prever a realización de exercicios conxuntos para varias categorías, así como de varios exercicios, na mesma data, para a mesma categoría.

Artigo 16º.-Relación de aspirantes seleccionados.

1. Finalizado o proceso selectivo, mediante resolución do órgano convocante, publicarase o acordo do tribunal coa relación de aspirantes e a puntuación total acadada no proceso, con proposta daqueles que resulten seleccionados en atención ao número de prazas ofertadas. Os empates na puntuación total resolveranse na forma que determine a convocatoria.

2. Na mesma resolución que publique o acordo ao que se refire o número anterior habilitarase un prazo non inferior a un mes para que os aspirantes seleccionados presenten a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

Os aspirantes que non presenten a documentación acreditativa no prazo indicado non poderán ser nomeados, e quedarán sen efecto todas as súas actuacións.

3. Con carácter xeral, cubriranse todas as prazas ofertadas na convocatoria, debendo ser nomeados os aspirantes que reúnan os requisitos e a puntuación necesaria para os efectos.

No caso de que quedase algunha vacante, procederase a declarar seleccionado o aspirante con maior puntuación segundo a orde de prelación da listaxe, sempre que tivese superadas as probas selectivas correspondentes coa puntuación mínima necesaria segundo as bases da convocatoria.

Artigo 17º.-Oferta e solicitude de prazas.

1. Na resolución pola que se publique a relación de aspirantes seleccionados, ou noutra posterior, relacionaranse, por localidade e institución sanitaria, as prazas ofertadas aos aspirantes seleccionados e o procedemento para que estes manifesten a súa opción polos destinos ofertados. As prazas que se oferten serán sempre prazas básicas da correspondente categoría estatutaria.

2. O aspirante seleccionado que non opte por un destino, no prazo e consonte o procedemento establecido, non poderá ser nomeado, e quedarán sen efecto todas as súas actuacións.

Neste suposto, o órgano convocante procederá ao chamamento de novos aspirantes, no número que se corresponda coas prazas ofertadas e non elixidas, coa finalidade de que manifesten a súa opción por elas. Esta opción realizarase pola orde de prelación que resulte da listaxe definitiva e logo da presentación da documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

Artigo 18º.-Nomeamento dos aspirantes seleccionados.

Unha vez determinados os destinos asignados, publicarase no Diario Oficial Galicia a resolución pola que se declare rematado o proceso selectivo, con nomeamento como persoal estatutario fixo e asignación de destino a aqueles aspirantes seleccionados que teñan acreditado o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

Artigo 19º.-Toma de posesión.

Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes para incorporarse ao destino adxudicado. O cómputo do dito prazo iniciarase o día seguinte ao da publicación da resolución á que se refire o artigo anterior.

A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao interesado e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. Non obstante, en casos de forza maior, e por instancia do interesado, o órgano convocante poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.

Artigo 20º.-Período formativo ou de prácticas.

1. As convocatorias para o acceso á condición de persoal estatutario fixo, naqueles supostos para os que non se exixa título académico ou profesional específico, poderán prever a superación dun período formativo ou de prácticas como requisito previo á obtención do correspondente nomeamento. Durante o dito período, que non poderá superar os tres meses, os aspirantes terán a condición de aspirantes en prácticas, e percibirán as retribucións básicas, excluídos trienios, do grupo correspondente.

2. A convocatoria poderá eximir do cumprimento deste requisito a aqueles aspirantes que xa teñan acreditada determinada formación e/ou experiencia profesional.

3. Os aspirantes que non superen o período formativo ou de prácticas, de acordo co procedemento de cualificación previsto na convocatoria, perderán o dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. A perda de tal dereito será declarada polo órgano convocante, por proposta do órgano responsable da avaliación.

Sección terceira

Sistemas de selección

Artigo 21º.-Oposición.

1. A oposición consiste na celebración dunha ou máis probas de carácter eliminatorio dirixidas a avaliar a competencia, aptitude e idoneidade dos aspirantes para o desempeño das correspondentes funcións, así como a establecer a súa orde de prelación.

2. A convocatoria deberá establecer criterios ou puntuacións para superar a proba ou probas realizadas.

3. Unha vez comezadas as probas, os anuncios de celebración dos sucesivos exercicios serán feitos públicos nos lugares que a convocatoria determine, cando menos con doce horas de antelación á da realización da proba, se se trata do mesmo exercicio, ou con vinte e catro horas de antelación, se se trata dun novo exercicio.

4. Adoptaranse as medidas oportunas para que os exercicios escritos da fase de oposición, cando non sexan obxecto de lectura pública, se corrixan coa maior brevidade e sen coñecemento da identidade do aspirante.

As cualificacións outorgadas aos aspirantes que superen cada exercicio faranse públicas nos lugares que a convocatoria determine.

Cando o exercicio consista nunha proba de carácter oral, ou na lectura ante o tribunal dunha proba escrita, a cualificación dos aspirantes que a superasen farase pública ao termo de cada sesión.

Artigo 22º.-Concurso.

1. O concurso consiste na avaliación da competencia, aptitude e idoneidade dos aspirantes para o desempeño das correspondentes funcións a través da valoración consonte o baremo dos aspectos máis significativos dos correspondentes currículos, así como para establecer a súa orde de prelación.

A convocatoria poderá establecer:

a) Criterios ou puntuacións para superar o concurso.

b) Diversas fases no concurso en atención aos diferentes aspectos curriculares.

c) Criterios ou puntuacións para superar as diversas fases que, de ser o caso, se establezan.

2. Os baremos de méritos dirixiranse a avaliar as competencias profesionais dos aspirantes axustadas ás funcións que van desenvolver, a través da valoración dos seguintes aspectos do seu currículo profesional e formativo:

-Formación (pregraduada, posgraduada, especializada ou continuada acreditada): 35% da puntuación total do concurso.

-Experiencia profesional: 55% da puntuación total do concurso.

-Outras actividades relevantes para o desempeño das correspondentes funcións: 10% da puntuación total do concurso.

No caso de categorías para cuxo acceso non se requira formación especializada, poderá incrementarse ata o 70% a puntuación acadable pola epígrafe de experiencia profesional, coa correspondente redución da puntuación atinxible pola epígrafe de formación.

3. Os baremos de méritos primarán a experiencia profesional acreditada en institucións sanitarias de titularidade pública.

Artigo 23º.-Concurso-oposición.

1. O concurso-oposición consistirá na realización sucesiva, e na orde que a convocatoria determine, dos dous sistemas anteriores.

2. A puntuación máxima da fase de concurso non poderá exceder do trinta por cento da puntuación máxima atinxible na fase de oposición.

3. A puntuación obtida na fase de concurso non poderá ser aplicada para superar a fase de oposición.

Artigo 24º.-Sistema extraordinario de selección.

Con carácter extraordinario e excepcional, e para o acceso a prazas de persoal licenciado sanitario que requiran alta especialización, a selección poderá realizarse a través dun concurso, ou un concurso-oposición, consistente na avaliación da competencia profesional dos aspirantes. A avaliación será realizada polo tribunal tras a exposición e defensa pública polos interesados do seu currículo profesional, docente, discente e investigador, tomando en consideración aqueles aspectos que resulten máis significativos para o desempeño das funcións da praza convocada.

Capítulo III

Promoción interna

Artigo 25º.-Normas xerais.

1. O Servizo Galego de Saúde facilitará a promoción interna do seu persoal estatutario fixo mediante a súa participación nos procesos de selección de persoal estatutario fixo que se convoquen para outras categorías, sempre que o título exixido para o ingreso sexa de igual ou superior nivel académico que o da categoría de procedencia. Esta promoción realizarase mediante unha reserva do cincuenta por cento das prazas convocadas. No plan de provisión de prazas a que alude o artigo 3 poderá

establecerse, para determinadas categorías ou especialidades, unha reserva inferior á anteriormente referida, cando así veña xustificado pola planificación eficiente das necesidades, polas características específicas da categoría ou especialidade ou pola titulación requirida para o acceso.

Cando exista fase de oposición, poderá establecerse a exención dun exercicio a aqueles aspirantes que procedan de categorías da mesma área funcional que as prazas que hai que prover, sempre que o dito exercicio garde relación coas funcións anteriormente desenvolvidas.

As prazas que non se provexan polo sistema de promoción interna acumularanse ás convocadas polo sistema xeral de acceso libre.

En todo caso, o persoal seleccionado polo sistema de promoción interna terá preferencia para a elección de praza respecto ao persoal seleccionado polo sistema de acceso libre.

2. Poderán realizarse convocatorias específicas de promoción interna, polos sistemas de oposición, concurso ou concurso-oposición, se así o aconsellan razóns de planificación ou de eficacia na xestión.

3. Cando a planificación eficiente das necesidades de recursos humanos o aconsellen, poderán realizarse convocatorias diferenciadas, polo sistema de concurso, que posibiliten ao persoal estatutario fixo o acceso a postos de traballo concretos doutra categoría do mesmo grupo de clasificación e semellante ou próximo contido funcional. As convocatorias preverán os mecanismos que garantan a aptitude e coñecementos dos aspirantes para o desenvolvemento das funcións da nova categoría.

Artigo 26º.-Requisitos dos aspirantes.

Para acceder aos procesos de promoción interna, os aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

1. Ter a condición de persoal estatutario fixo doutra categoría de nivel académico igual ou inferior ao daquela á que se pretende acceder.

2. Estar en servizo activo en institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, e con nomeamento como persoal estatutario fixo durante, polo menos, dous anos na categoría de procedencia.

3. Ter a titulación requirida.

Non se exixirá o requisito de titulación para o acceso a prazas de xestión e servizos dos niveis de formación profesional, salvo que sexa necesaria unha titulación, acreditación ou habilitación profesional específica, a aqueles aspirantes que prestasen servizos durante cinco anos na categoría de orixe e teñan a titulación exixida no grupo inmediatamente inferior ao da categoría á que se pretende acceder.

Capítulo IV

Mobilidade

Sección primeira

Mobilidade voluntaria. Concurso de traslados

Artigo 27º.-Normas xerais.

1. Coa finalidade de garantir o dereito á mobilidade voluntaria do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, o organismo procederá a convocar periodicamente, preferentemente cada dous anos, un procedemento de mobilidade voluntaria polo sistema de concurso de traslados.

2. O procedemento estará aberto á participación do persoal estatutario fixo da mesma ou homologada categoría, especialidade ou modalidade, do resto dos servizos de saúde, que participarán no dito procedemento coas mesmas condicións e requisitos que o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Poderá excluírse ou condicionarse a participación nos concurso de traslados daquel persoal que accedese á condición de fixo polo procedemento previsto no artigo 24 deste decreto.

3. Proveranse por concurso de traslado as prazas básicas que a convocatoria determine. A convocatoria sinalará os destinos ofertados, cando menos, por localidade e institución sanitaria.

4. A adxudicación das prazas convocadas efectuarase de acordo coa orde de prelación que resulte da valoración, consonte a baremo, da experiencia profesional. Poderán valorarse os servizos prestados como persoal temporal, cunha puntuación que non supere o 20% da máxima acadable por experiencia profesional.

Poderán así mesmo valorarse as actividades indicativas da actualización de coñecementos e aptitudes para o desempeño das correspondentes funcións, cunha puntuación que non supere o 20% da puntuación total do concurso.

As convocatorias poderán prever a valoración do nivel de desenvolvemento profesional recoñecido ou do grao persoal consolidado. A puntuación por esta epígrafe non poderá exceder do 15% da total acadable no concurso, coa conseguinte redución do máximo atinxible pola epígrafe de experiencia profesional.

5. As convocatorias establecerán a fórmula mediante a que se resolverán os empates que se produzan na puntuación total do concurso, tomando en consideración, en primeiro lugar, a experiencia profesional como persoal estatutario fixo nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

Artigo 28º.-Requisitos para acceder ao concurso de traslados.

1. Poderá participar no concurso de traslados o persoal estatutario fixo da correspondente ou homo

logada categoría, especialidade ou modalidade, que se encontre desempeñando ou teña reservada praza nas institucións sanitarias de calquera sistema de saúde, así como o persoal que se encontre en situación distinta á de activo procedente de praza de tales institucións.

2. Será requisito adicional para ser admitido ao concurso:

a) Para o persoal en activo ou con reserva de praza: ter tomado posesión na praza desempeñada cun ano de antelación, como mínimo, á finalización do prazo de presentación de instancias.

b) Para o persoal en situación distinta á de activo e que non teña reserva de praza: reunir os requisitos para incorporarse ao servizo activo o último día do prazo establecido para a presentación de instancias.

Artigo 29º.-Tramitación e resolución do concurso.

1. A convocatoria do concurso, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, determinará o prazo para a presentación de solicitudes, que non poderá ser inferior a un mes.

Unha vez transcorrido o prazo para a presentación de solicitudes, non se admitirán as modificacións das solicitudes previamente presentadas e as renuncias á participación no concurso.

2. Unha vez valorados os méritos acreditados polos concursantes, publicaranse, na forma que determine a convocatoria, as puntuacións e destinos provisionalmente asignados, con apertura dun prazo non inferior a quince días hábiles para a presentación de reclamacións.

3. As reclamacións formuladas contra a resolución provisional serán rexeitadas ou admitidas por medio da resolución definitiva, que aprobará a autoridade convocante e se publicará na mesma forma en que foi publicada a convocatoria do concurso.

4. Os destinos obtidos mediante concurso de traslados son irrenunciables, salvo que a dita renuncia estea motivada pola obtención de praza en virtude da resolución dun procedemento de mobilidade voluntaria convocado por outra Administración pública ou servizo de saúde.

Artigo 30º.-Cesamentos e tomas de posesión.

1. Os concursantes que obteñan praza deberán cesar na que, de ser o caso, desempeñen, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución definitiva.

2. A toma de posesión da nova praza deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde; no prazo de quince días hábiles, se son de distinta área dentro do Servizo Galego de Saúde, ou no dun mes, se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.

No caso de que a adxudicación de praza supoña o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva do concurso.

Se así o permiten as necesidades do servizo, e a pedimento do interesado, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

3. Excepto cando a resolución do concurso implique o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión e a prórroga deste terán a consideración de servizo activo, percibíndose os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

4. Cando a tramitación do concurso de traslados coincida no tempo coa tramitación dun proceso selectivo ou de promoción interna, o cesamento e a toma de posesión poderán ser demorados para procurar a simultaneidade das tomas de posesión.

5. Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular como persoal estatutario, e será declarado nesa situación polo órgano convocante do concurso, quen non se incorpore ao destino obtido no prazo establecido.

Non obstante, se existen causas suficientemente xustificadas, así apreciadas, logo de audiencia do interesado, polo propio órgano convocante, poderá deixarse sen efecto a dita situación. En tal caso o interesado deberá incorporarse ao seu novo destino tan pronto desaparezan as causas que no seu momento o impediron.

Procederá a prórroga do prazo de toma de posesión, ata a data do cesamento, para o persoal que desempeñe algún dos postos obxecto de provisión de conformidade cos capítulos VI e VII, agás nos supostos provistos por concurso de méritos a que se refire o artigo 50.

Sección segunda

Mobilidade por razón do servizo

Artigo 31º.-Mobilidade forzosa no ámbito da área sanitaria.

Excepcionalmente os directores ou xerentes dos centros e establecementos sanitarios do Servizo Galego de Saúde, ou, de ser o caso, os directores das áreas sanitarias, poderán cambiar, temporal ou definitivamente, o persoal de posto de traballo, localidade ou centro, dentro da mesma área sanitaria, sempre que a medida estea xustificada por razóns imperativas da organización sanitaria. A resolución do órgano directivo motivará as ditas razóns, xustificando o carácter individual da medida adoptada e as propiedades específicas que reúne o destinatario en relación co resto do colectivo de persoal. Esta medida adoptarase respectando as condicións laborais e económicas do profesional e logo do informe dos órganos de representación do persoal.

Cando esta medida veña imposta por unha reordenación de carácter colectivo, a mobilidade forzosa executarase en atención á voluntariedade do persoal afectado, e, subsidiariamente, de acordo cun procedemento suxeito a baremo, logo de tratamento no seo dos órganos de representación do persoal.

Artigo 32º.-Reordenación de ámbito superior á área sanitaria. Plan de reordenación de recursos humanos.

As reordenacións colectivas de persoal que impliquen mobilidade entre áreas sanitarias deberán incorporarse a un Plan de ordenación de recursos humanos.

Sección terceira

Mobilidade por razón de saúde ou rehabilitación

ou por motivo de protección social

Artigo 33º.-Mobilidade por razóns de saúde.

1. O persoal estatutario fixo poderá ser adscrito a un posto de traballo distinto do seu destino, logo de solicitude baseada en motivos de saúde ou de rehabilitación, sempre que exista praza vacante da correspondente categoría.

2. O persoal estatutario fixo que, polas súas características persoais ou estado biolóxico coñecido sexan especialmente sensibles aos riscos derivados do seu posto de traballo, e naqueles casos cualificados como «non apto» ou «apto con limitacións» para o seu posto de traballo, poderá ser cambiado de posto de traballo, sempre que exista praza vacante da correspondente categoría.

O Servizo Galego de Saúde establecerá os procedementos, criterios e mecanismos de control para a execución da mobilidade por razón de saúde, de acordo cos seguintes criterios básicos aplicados pola súa orde:

1º Procurarase a adaptación do posto de traballo desempeñado polo profesional e das condicións do dito desempeño, con carácter previo á adscrición a un posto de traballo distinto dentro da institución de destino.

2º De non existir na dita institución posto de traballo axeitado e compatible cos requirimentos da saúde do profesional, este poderá ser adscrito, en primeiro lugar, a outro posto de traballo da mesma localidade e, no seu defecto, da mesma área de saúde.

3º De non ser posible a localización nunha localidade da mesma área de saúde, o profesional poderá ser adscrito a un posto de traballo doutra área de saúde.

3. A localización do persoal polos motivos recollidos anteriormente realizarase logo do informe non vinculante do Servizo de Prevención de Riscos Laborais, que deberá valorar a idoneidade do novo destino. O Servizo Galego de Saúde establecerá os mecanismos de coordinación entre os servizos de Prevención de Riscos Laborais para o caso de que o

novo destino radicase en localidade de área de saúde distinta á de orixe do traballador.

4. O Comité de Seguridade e Saúde Laboral será informado dos procedementos de mobilidade do persoal que se establezan consonte ao previsto no número 2 deste artigo. Así mesmo, os respectivos comités de saúde laboral serán informados dos cambios de posto de traballo que se executen consonte aos criterios e motivos referidos no propio número 2.

5. Os destinos obtidos de conformidade co disposto neste artigo terán carácter provisional e perdurarán mentres subsista a causa ou a praza permaneza vacante. Así mesmo serán revisables, cando menos anualmente ou coa periodicidade que determine o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

O adxudicatario estará obrigado a participar no seguinte concurso de traslados ou de axuste interno, segundo o caso, solicitando a correspondente praza ou posto de traballo.

Artigo 34º.-Mobilidade por razón de protección á maternidade.

Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non resultase posible, ou, a pesar de tal adaptación, as condicións do seu posto de traballo puidesen influír negativamente na saúde da traballadora embarazada ou do feto, ou da muller ou do fillo en período de lactación, a traballadora poderá ser adscrita a un posto de traballo distinto do seu destino.

O Sergas establecerá os criterios, procedementos e mecanismos de control para a execución da mobilidade por protección da maternidade.

No suposto de que non existise un posto de traballo ou función compatible distinto dentro da institución de destino, a traballadora poderá ser destinada a un posto non correspondente ao seu grupo ou categoría equivalente, que conservará o dereito ao conxunto de retribucións do seu posto de orixe.

O cambio de posto ou función terá efecto ata o momento en que desaparezan os motivos que xustificaron a medida de protección.

Artigo 35º.-Mobilidade por razón de saúde do cónxuxe ou fillo ou persoa maior ao seu cargo.

1. O Servizo Galego de Saúde establecerá procedementos e criterios para a mobilidade temporal do persoal estatutario fixo, por razón de saúde debidamente acreditada do cónxuxe, fillo ou persoa maior ao seu cargo, que estea incapacitada para a vida diaria.

2. Os motivos de saúde e a incapacidade deberán acreditarse mediante documento médico oficial, podendo solicitar a xerencia do centro correspondente a documentación complementaria que sexa precisa para valorar a solicitude.

3. Para resolver estas solicitudes constituirase unha comisión en cada centro na cal participará un representante designado pola comisión de centro

ou xunta de área e tres representantes da dirección do centro.

4. O destino obtido terá carácter provisional, e o adxudicatario estará obrigado a participar no seguinte concurso de traslados solicitando todas as prazas ofertadas na área sanitaria correspondente.

5. O Servizo Galego de Saúde establecerá os procedementos, criterios e mecanismos de control para a execución da mobilidade por razón de saúde.

Artigo 36º.-Mobilidade por razón de violencia de xénero.

1. De conformidade co previsto na normativa de protección integral contra a violencia de xénero, a traballadora que solicite un cambio de localidade de destino -polas razóns e consonte ao procedemento establecido na dita normativa- terá dereito preferente a acceder a outro posto, noutra localidade, de características análogas ou similares ás do posto desempeñado na localidade de orixe.

2. A resolución sobre cambio de localidade será ditada, cando proceda, polo órgano dos servizos centrais do Sergas con competencias en materia de persoal.

Capítulo V

Criterios de incorporación e cesamento

Artigo 37º.-Norma xeral.

As incorporacións de persoal estatutario fixo nas prazas das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, que se produzan con ocasión dos procesos selectivos e de provisión e calquera outras incorporacións do persoal estatutario fixo que deban producirse por causa regulamentariamente establecida, ordenaranse de conformidade co disposto neste capítulo.

Artigo 38º.-Incorporación en praza vacante.

A incorporación do persoal estatutario fixo realizarase, en primeiro lugar, nas prazas básicas vacantes da respectiva categoría do cadro de persoal da institución sanitaria en que tal incorporación deba realizarse.

A incorporación principiará nas prazas vacantes dotadas orzamentariamente, con independencia da data da súa xeración, que non estean desempeñadas temporalmente por un profesional nin sexan obxecto de reserva consonte a normativa vixente.

Artigo 39º.-Orde de cesamentos.

1. Esgotadas as prazas referidas no artigo anterior, a incorporación realizarase nas prazas vacantes dotadas orzamentariamente, calquera que fose a data da súa xeración, que estean desempeñadas temporal ou provisionalmente, procedendo ao cesamento do persoal de conformidade coa seguinte orde de prelación:

1º Persoal en comisión de servizos en praza vacante: os profesionais en situación de comisión de servizos na institución cesarán por orde crecente de

antigüidade -de menor a maior- como persoal estatutario fixo do Sistema Nacional de Saúde.

2º Persoal temporal: será cesado o persoal temporal que desempeñe praza vacante en atención á orde de prelación, de menor a maior puntuación, na listaxe vixente de aspirantes ás vinculacións temporais da respectiva categoría.

3º Prazas desempeñadas por persoal que ocupe praza vacante por mor da promoción profesional temporal: o cesamento artellarase en atención á orde de prelación, de menor a maior puntuación, na listaxe vixente de promoción interna da respectiva categoría.

2. A orde de cesamento, á que se refire o punto anterior, será aplicable entre o persoal que traballe na mesma institución sanitaria.

No caso de incorporacións en prazas dos centros de atención primaria, a orde de prelación no cesamento aplicarase aos profesionais afectados da mesma localidade onde se produzan as incorporacións.

O persoal temporal que non se atope incluído nas listaxes de aspirantes da categoría en que desempeñe praza vacante, considerarase, para estes efectos, que ten asignado cero puntos. No caso de concorrer varios candidatos que non estean incluídos nas devanditas listaxes decidirase por orde crecente de menor a maior antigüidade na praza desempeñada.

De non existiren listaxes vixentes de aspirantes ás vinculacións temporais da respectiva categoría, o cesamento producirase por orde crecente de menor a maior antigüidade na praza desempeñada.

3. O persoal en situación de reingreso provisional, que non obteña praza no concurso de traslados, cesará, como consecuencia da resolución definitiva do concurso, no desempeño da praza que estea ocupando. Esta praza considerarase vacante para os efectos do previsto no artigo 38.

Capítulo VI

Provisión de postos de xefatura e coordinación

Sección primeira

Provisión de postos de persoal licenciado sanitario

Artigo 40º.-Procedemento.

1. Os postos de xefatura, coordinación ou especial responsabilidade, e postos de xefatura de servizo ou unidade de atención primaria que requiran dedicación exclusiva ás funcións de xefatura, de persoal licenciado sanitario, proveranse mediante un proceso de selección baseado na avaliación do currículo profesional dos aspirantes e un proxecto técnico relacionado coa xestión da unidade, que será defendido publicamente.

Para a avaliación do currículo profesional atenderase fundamentalmente á experiencia profesional e actividades indicativas da actualización dos coñecementos e aptitudes precisas para o desempeño das correspondentes funcións.

Nestes procedementos poderá valorarse a dedicación profesional prioritaria ou exclusiva á institución sanitaria.

Os postos de xefatura de servizo ou unidade de atención primaria, que non requiran dedicación exclusiva ás funcións de xefatura, serán provistos polo sistema de libre designación.

2. Agás nos supostos de provisión por libre designación, a idoneidade dos aspirantes será valorada por unha comisión técnica especializada, que será designada polo órgano convocante.

3. Para a provisión dos postos do nivel de atención especializada, a dita comisión técnica estará integrada por un total de cinco membros, catro por proposta da xerencia do centro ou dirección de área, segundo o caso -dous dos cales terán a condición de xefe de servizo- e un por proposta dos servizos centrais do Sergas.

Os citados membros terán a condición de persoal estatutario fixo ou funcionario das categorías sanitarias do grupo superior de clasificación, ou titular de praza docente-asistencial do mesmo nivel, e polo menos dous deles acreditarán a mesma categoría e/ou especialidade.

No caso de provisión dos postos do nivel de atención primaria, a citada comisión técnica estará integrada por cinco membros, un por proposta dos servizos centrais do Sergas e catro por proposta da xerencia do centro ou da dirección de área, segundo o caso; destes últimos, tres cando menos serán licenciados sanitarios, e dous terán a condición de persoal estatutario fixo con destino na área sanitaria respectiva.

4. As comisións técnicas serán asistidas por un secretario de actas designado polo órgano convocante entre persoal funcionario do corpo superior ou estatutario fixo, de xestión e servizos, do grupo superior de clasificación.

Artigo 41º.-Requisitos dos aspirantes.

Poderá participar nas convocatorias o persoal fixo que na data da súa publicación se encontre en situación de servizo activo en institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde, sempre e cando reúna os requisitos exixibles en cada caso relativos a titulación académica, formación específica, nivel recoñecido de desenvolvemento profesional ou outras especificacións derivadas das funcións encomendadas ao posto de traballo.

En todo caso, os aspirantes deberán acreditar un mínimo de tres anos de experiencia, na categoría ou especialidade exixible para o acceso ao posto, nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

Os postos de xefatura das unidades ou servizos de atención primaria serán cubertos por un profesional adscrito a eles, agás nos supostos en que os

citados postos requiran, pola súa complexidade, dedicación exclusiva as funcións de xefatura, caso en que poderá designarse un profesional alleo á unidade ou servizo.

Artigo 42º.-Convocatoria.

A convocatoria, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, habilitará un prazo non inferior a quince días para presentar solicitudes, especificará as características do posto, os requisitos para o seu desempeño e a documentación que deberán achegar os aspirantes.

Artigo 43º.-Resolución.

1. A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e os aspirantes seleccionados obterán un nomeamento para o desempeño do posto por un período inicial de catro anos de duración. Antes da finalización do referido período, os profesionais seleccionados serán avaliados para os efectos da súa prórroga, por idéntico período, ou remoción.

O procedemento de avaliación será semellante ao utilizado para o nomeamento na xefatura, con participación en todo caso dunha comisión técnica especializada, designada consonte o disposto no artigo 40.

O resultado da avaliación -confirmación ou remoción- será publicado no Diario Oficial de Galicia. No caso de remoción, procederase á simultánea publicación dunha nova convocatoria.

2. A convocatoria deberá declararse deserta cando non concorran aspirantes que reúnan os requisitos. Poderá adoptarse a mesma medida cando non concorran aspirantes idóneos para o desempeño dos postos, logo de proposta motivada da comisión técnica de selección.

Neste suposto, poderá autorizarse a cobertura provisional do citado posto, por persoal fixo en comisión de servizos, sempre que reúna os requisitos de participación.

O período máximo de cobertura provisional destes postos non poderá exceder dun ano, prazo en que deberá realizarse unha nova convocatoria.

3. Cando a provisión se realice polo procedemento de libre designación, a convocatoria poderá ser declarada deserta.

Artigo 44º.-Reincorporación.

O persoal cesado nun posto de xefatura, coordinación ou especial responsabilidade incorporarase a unha praza da mesma categoría e especialidade da institución do destino orixinario, sempre que o dito destino tivese carácter definitivo.

Noutro caso, o profesional cesado incorporarase a unha praza da mesma categoría e especialidade da área sanitaria onde desempeñase o posto de xefatura, sempre que exista vacante. De non existir

vacante, reincorporarase noutra institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde. Este destino terá carácter provisional e o interesado deberá participar no primeiro concurso de traslados que se celebre, debendo solicitar todas as prazas da súa categoría.

Sección segunda

Provisión de postos de persoal sanitario, diplomado

ou técnico

Artigo 45º.-Procedemento.

1. Os postos de supervisor de área, ou de idéntico ou superior nivel de responsabilidade na estrutura xerárquica, así como os postos de coordinadores do nivel de atención primaria, proveranse polo procedemento de libre designación.

2. Os postos de supervisor de unidade, coordinadores de técnicos e coordinadores do nivel de atención primaria -neste último caso, cando os postos requiran, pola súa complexidade, dedicación exclusiva as funcións de coordinación- serán provistos por un procedemento baseado na defensa pública dun proxecto ou entrevista relacionados coa xestión da unidade, cuxa puntuación non poderá exceder do 50% da puntuación total acadable, e a valoración dun concurso de méritos en que se tomarán en consideración os seguintes aspectos curriculares:

-Experiencia profesional: un 30% da puntuación total do concurso.

Neste punto primarase a experiencia como persoal fixo da correspondente ou correspondentes categorías.

-Méritos específicos relevantes para o desempeño do posto de traballo (experiencia, titulación ou formación): un 35% da puntuación total do concurso.

-Outras actividades indicativas da actualización de coñecementos e aptitudes para o desempeño das correspondentes funcións: un 35% da puntuación total do concurso.

As convocatorias poderán prever a valoración adicional do nivel de desenvolvemento profesional recoñecido ou do grao persoal consolidado. A puntuación por esta epígrafe engadirase á máxima acadable polas epígrafes anteriores, sen que poida exceder do 10% dela.

Nestes procedementos poderá valorarse a dedicación profesional prioritaria ou exclusiva á institución sanitaria.

A norma que desenvolva o réxime de ordenación dos cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde poderá determinar outros postos de xefatura que deban ser provistos por este sistema.

3. Agás nos supostos de provisión polo sistema de libre designación, para valorar a idoneidade dos aspirantes solicitarase, en todo caso, o asesoramento dunha comisión técnica especializada -cun número impar de membros- designada polo órgano convocante.

Os citados membros terán a condición de persoal estatutario fixo ou funcionario das categorías sanitarias, ou titular de praza docente-asistencial, do mesmo ou superior grupo de clasificación.

Artigo 46º.-Requisitos dos aspirantes.

Poderá participar nas convocatorias o persoal fixo, con destino na respectiva área de saúde, que na data da súa publicación se encontre en situación de servizo activo, sempre e cando reúna os requisitos exixibles en cada caso relativos a titulación académica, categoría, formación específica ou outras especificacións derivadas das funcións encomendadas ao posto de traballo.

En todo caso, os aspirantes deberán acreditar un mínimo de tres anos de experiencia, na categoría ou especialidade exixible para o acceso ao posto, nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

Os postos de coordinación das unidades ou servizos de atención primaria serán cubertos por un profesional adscrito a eles, agás nos supostos en que os citados postos requiran, pola súa complexidade, dedicación exclusiva ás funcións de coordinación, caso en que poderá designarse un profesional alleo á unidade ou servizo.

Artigo 47º.-Convocatoria.

A convocatoria, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, habilitará un prazo non inferior a quince días para presentar solicitudes, especificará as características do posto, os requisitos para o seu desempeño e a documentación que deberán presentar os aspirantes.

Artigo 48º.-Resolución.

1. A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e os aspirantes seleccionados obterán un nomeamento para o desempeño do posto que será obxecto de avaliación, aos catro anos, por unha comisión técnica designada consonte o previsto no artigo 45, agás nos supostos de provisión polo sistema de libre designación.

O resultado da avaliación -confirmación ou remoción- será publicado no Diario Oficial de Galicia. No caso de remoción, procederase á simultánea publicación dunha nova convocatoria.

2. A convocatoria deberá declararse deserta cando non concorran aspirantes que reúnan os requisitos. Poderá adoptarse a mesma medida cando non concorran aspirantes idóneos para o desempeño dos postos, logo de proposta motivada da comisión técnica de selección.

Neste suposto, poderá autorizarse a cobertura provisional do citado posto, por persoal fixo en comisión de servizos, sempre que reúna os requisitos de participación.

O período máximo de cobertura provisional destes postos non poderá exceder dun ano, prazo en que deberá realizarse unha nova convocatoria.

3. Cando a provisión se realice polo procedemento de libre designación, a convocatoria poderá ser declarada deserta.

Artigo 49º.-Reincorporación.

O persoal cesado nun posto provisto de conformidade co disposto nesta sección incorporarase ao seu posto de traballo orixinario, sempre que o mesmo tivese o carácter de destino definitivo.

Noutro caso, o profesional cesado incorporarase a unha praza da mesma categoría e especialidade da área sanitaria. Neste caso, o destino terá carácter provisional. O profesional deberá participar no primeiro concurso de traslados que se convoque, estando obrigado a solicitar todas as prazas da súa categoría ou especialidade.

Sección terceira

Provisión de postos de persoal de xestión e servizos

Artigo 50º.-Procedemento.

Os postos de xefatura de servizo, das áreas de xestión e servizos, proveranse polo sistema de libre designación. Os outros postos de xefatura, das áreas referidas, serán provistos polo sistema de concurso de méritos.

A norma que desenvolva o réxime de ordenación dos cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde poderá determinar outros postos de xefatura que deban ser provistos por libre designación, ou por un procedemento baseado na defensa pública dun proxecto ou entrevista relacionados coa xestión da unidade, cuxa puntuación non poderá exceder do 50% da puntuación total acadable, e a valoración dun concurso de méritos consonte a estrutura de baremo fixada no artigo 52.

Artigo 51º.-Requisitos dos aspirantes.

Poderá participar nas convocatorias o persoal fixo que na data da súa publicación se encontre en situación de servizo activo, sempre e cando reúna os requisitos exixibles en cada caso relativos a nivel profesional, titulación académica, clasificación funcional, formación específica, nivel recoñecido de desenvolvemento profesional ou outras especificacións derivadas das funcións encomendadas ao posto de traballo.

Artigo 52º.-Convocatoria.

A convocatoria, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, habilitará un prazo non inferior a quince días para presentar solicitudes, especificará as características do posto, os requisitos para o seu desempeño e a documentación que deberán presentar os aspirantes.

A provisión de postos de xefatura por concurso de méritos, a que se refire o artigo 50, realizarase de conformidade cun baremo no cal se tomarán en consideración os seguintes aspectos curriculares:

-Experiencia profesional: un 30% da puntuación total do concurso.

Neste punto primarase a experiencia como persoal fixo da correspondente ou correspondentes categorías.

-Méritos específicos relevantes para o desempeño do posto de traballo (experiencia, titulación, grupo de clasificación ou formación): un 35% da puntuación total do concurso.

-Outras actividades indicativas da actualización de coñecementos e aptitudes para o desempeño das correspondentes funcións: un 35% da puntuación total do concurso.

As convocatorias poderán prever a valoración adicional do nivel de desenvolvemento profesional recoñecido ou do grao persoal consolidado. A puntuación por esta epígrafe engadirase á máxima acadable polas epígrafes anteriores, sen que poida exceder do 10% dela.

Nestes procedementos poderá valorarse a dedicación profesional prioritaria ou exclusiva á institución sanitaria.

Artigo 53º.-Resolución.

1. A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia, e os aspirantes seleccionados obterán un nomeamento que será obxecto de avaliación, cada catro anos, para os efectos de apreciar o nivel de rendemento e, cando proceda, do cumprimento dos obxectivos fixados.

O resultado da avaliación determinará a prórroga do nomeamento do profesional ou, de ser o caso, a súa remoción, sen prexuízo do disposto no artigo 56.

A Consellería de Sanidade, logo de negociación na mesa sectorial, determinará os criterios e o procedemento de avaliación, así como a composición e funcionamento das comisións encargadas da súa realización.

2. Cando a provisión se realice polo procedemento de libre designación, a convocatoria poderá ser declarada deserta.

Artigo 54º.-Reincorporación.

1. O persoal que cese no desempeño dun posto de xefatura provisto polo sistema de libre designación ou por concurso de méritos quedará á disposición do xerente da institución, que lle atribuirá o desempeño provisional, en canto non obteña outro con carácter definitivo, dun posto correspondente

á súa categoría profesional, dentro da mesma localidade, e non inferior en máis de dous niveis ao do seu grao persoal consolidado.

2. O persoal adscrito provisionalmente a un posto de traballo terá a obriga de participar, no ámbito da devandita localidade, no primeiro concurso que se convoque.

Sección cuarta

Disposicións comúns

Artigo 55º.-Toma de posesión.

O réxime de toma de posesión do novo destino será o establecido no artigo 30 deste decreto.

Artigo 56º.-Cesamento.

1. Sen prexuízo do disposto no parágrafo segundo, o persoal nomeado para un posto de traballo de conformidade co previsto neste capítulo poderá ser cesado pola autoridade que acordou o seu nomeamento por causas sobrevidas, derivadas tanto dunha reordenación da estrutura xerárquica da institución como da falta de capacidade para o desempeño do posto. O cesamento virá precedido dun procedemento que garanta a audiencia do interesado, sendo informados os representantes do persoal.

2. O persoal nomeado para un posto de traballo por libre designación, poderá ser cesado discrecionalmente pola autoridade que acordou o seu nomeamento.

Artigo 57º.-Cobertura provisional.

Cando deveña vacante unha praza de xefatura, e se considere procedente a súa provisión, poderá cubrirse transitoriamente mediante comisión de servizos. Neste caso, a convocatoria será publicada no DOG no prazo de seis meses desde o momento en que se produza a situación de vacante.

Artigo 58º.-Valoración dos servizos prestados.

Os servizos prestados en postos de xefatura serán valorados, na categoría de orixe, nos diferentes procesos de provisión e selección regulados neste decreto.

Capítulo VII

Provisión de postos de carácter directivo

Artigo 59º.-Sistemas de provisión.

1. Os postos da estrutura directiva das estruturas, centros e establecementos sanitarios asistenciais do Servizo Galego de Saúde -direccións de área, hospitais, atención primaria ou estruturas mixtas- serán provistos pola Consellería de Sanidade polo procedemento de libre designación, mediante convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia.

En canto non se proceda á convocatoria e resolución das convocatorias, o posto directivo poderá ser cuberto, mediante nomeamento provisional, e por un prazo máximo de tres meses, por calquera profesional que reúna os requisitos para ocupar o posto mediante nomeamento de carácter administrativo.

2. A vinculación deberá formalizarase mediante nomeamento de carácter administrativo cando o aspirante seleccionado teña a condición de persoal estatutario ou funcionario, con vínculo de fixeza, ao servizo de calquera administración pública. Así mesmo, a vinculación para o desempeño dos postos a que se refiren as letras a), b), e c) do artigo seguinte, poderá formalizarse mediante contrato laboral de alta dirección cando o aspirante seleccionado non reúna a citada condición.

Artigo 60º.-Requisitos dos aspirantes.

1. Os aspirantes deberán reunir os requisitos especificamente establecidos nos decretos que aproben a estrutura directiva dos centros e establecementos asistenciais. En todo caso, requiriranse as seguintes titulacións:

a) Para o acceso aos postos de director de área, xerente xeral, director xerente, director de centro ou asimilable: licenciado universitario ou título equivalente.

b) Para o acceso aos postos de director no ámbito médico ou asistencial ou xerente de procesos: licenciado sanitario.

c) Para o acceso aos postos de dirección no ámbito da xestión, operativa, económica, de recursos humanos, servizos xerais ou de sistemas de información: licenciado universitario ou título equivalente.

d) Para o acceso aos postos de dirección e subdirección de enfermaría: diplomado sanitario.

e) Para o acceso aos postos de subdirección do ámbito asistencial: licenciado ou diplomado sanitario.

f) Para o acceso aos postos de subdirección no ámbito da xestión, operativa, económica, de recursos humanos, servizos xerais ou de procesos de información: licenciado ou diplomado universitario, ou títulos equivalentes.

2. Para acceder a un posto directivo mediante nomeamento de carácter administrativo, o persoal estatutario ou funcionario deberá acreditar vínculo de fixeza no grupo de clasificación que se corresponda cos referidos niveis académicos.

Artigo 61º.-Valoración dos servizos prestados en postos directivos.

Os servizos prestados en postos directivos, mediante nomeamento de carácter administrativo, serán valorados, como prestados na praza de orixe, nos diferentes procesos de provisión e selección regulados neste decreto.

Artigo 62º.-Permiso retribuído.

O persoal directivo con nomeamento administrativo, que tras o seu cesamento proceda a reincorporarse á prestación de servizos, terá dereito, tras a súa incorporación, a un permiso retribuído dun mes de duración. Cando a reincorporación se produza a unha praza de carácter asistencial, o permiso terá

unha duración dun mes por ano de servizos no posto como persoal directivo ata un máximo de seis meses.

Capítulo VIII

Outras formas de provisión

Artigo 63º.-Comisión de servizos.

1. Por necesidades do servizo, e cando unha praza ou posto de traballo se encontre vacante ou temporalmente desatendido, poderá ser cuberto en comisión de servizos, con carácter temporal, por persoal fixo da correspondente categoría e especialidade.

Neste suposto, o interesado percibirá as retribucións correspondentes á praza ou posto efectivamente desempeñado, salvo nas comisións de servizo de carácter forzoso nas cales, se as retribucións son inferiores ás que correspondan pola praza de orixe, se percibirán estas.

2. O persoal fixo poderá ser destinado en comisión de servizos, con carácter temporal, ao desempeño de funcións especiais non adscritas a unha determinada praza ou posto de traballo.

Neste suposto, o interesado percibirá as retribucións da súa praza ou posto de orixe.

3. Quen se encontre en comisión de servizos terá dereito á reserva da súa praza ou posto de traballo.

4. A praza vacante cuberta mediante comisión de servizos ofertarase no seguinte proceso de provisión de prazas que sexa convocado.

Artigo 64º.-Reingreso ao servizo activo.

1. O reingreso ao servizo activo do persoal que non teña reservada praza efectuarase mediante a súa participación nun concurso de traslados.

Así mesmo, cando este persoal estea nunha situación distinta á de activo declarada polo Servizo Galego de Saúde, o reingreso poderá producirse con carácter provisional, na área sanitaria de orixe, nunha praza vacante da correspondente categoría, especialidade e nivel asistencial. No suposto de que non exista a vacante na área de orixe, o interesado poderá solicitar o reingreso en calquera outra. Para estes efectos, terán consideración de vacantes as prazas básicas desempeñadas por persoal temporal.

2. O reingreso unicamente poderá producirse nunha praza que, consonte a normativa vixente, poida ser ofertada nun concurso de traslados. A praza desempeñada con carácter provisional será ofertada no primeiro concurso de traslados que se convoque. Se quen a desempeña como destino provisional non obtén praza no concurso, tendo solicitado todas as convocadas na área de saúde, poderá optar por obter novo destino provisional nalgunha das prazas que resulten vacantes como consecuencia da súa resolución ou por pasar á situación de excedencia voluntaria.

Capítulo IX

Selección de persoal temporal

Artigo 65º.-Principios xerais.

A selección de persoal estatutario temporal efectuarase a través de procedementos que permitan a máxima axilidade na selección e se fundamenten nos principios de igualdade, mérito, capacidade, competencia e publicidade. Estes procedementos serán previamente negociados na mesa sectorial.

Os procedementos de selección temporal establecerán medidas que fomenten a promoción interna temporal do persoal estatutario fixo. Con tal obxecto, e en atención ás necesidades do servizo, realizaranse convocatorias que permitan o acceso deste persoal, por promoción interna temporal, a un cincuenta por cento dos postos que se van cubrir cunha duración prevista igual ou superior a dous meses, nas categorías e ámbitos que se determinen logo de negociación en mesa sectorial.

O sistema de selección establecerá mecanismos tendentes a garantir que os aspirantes acreditan a competencia mínima para o desempeño das correspondentes funcións. Especialmente, poderán realizarse probas de acceso, coa cualificación de apto ou non apto, para o persoal estatutario de xestión e servizos.

Artigo 66º.-Procedemento.

A selección realizarase, con carácter xeral, en atención á orde de prelación que resulte de listaxes de aspirantes periodicamente elaborados en atención aos méritos achegados polos aspirantes. As listaxes poderán estar configuradas por un número de aspirantes axustado ás necesidades de incorporación previstas.

Artigo 67º.-Selección de licenciados sanitarios de atención especializada.

No nivel de atención especializada, a selección de licenciados sanitarios chamados a ocupar praza do cadro de persoal será realizada polos directores de área ou director xerente da institución logo de autorización do centro directivo dos órganos centrais do Sergas que tivese encomendadas as funcións de persoal. A selección realizarase mediante o procedemento de concurso de méritos ou en atención á orde de prelación que resulte de listaxes de aspirantes periodicamente elaborados. As convocatorias, que serán anunciadas no Diario Oficial de Galicia, deberán incluír o baremo aplicable, así como a previsión, de ser o caso, de memorias ou entrevistas, e a composición da comisión de valoración. A puntuación da memoria ou entrevista non poderá superar o 30 por cento do total do baremo.

Capítulo X

Plan de ordenación de recursos humanos

Artigo 68

O Consello de Dirección do Servizo Galego de Saúde poderá elaborar plans de ordenación de recursos humanos que instrumenten a súa planificación global no ámbito que se determine. Estes plans especi

ficarán os obxectivos que se pretenden conseguir en materia de persoal e os efectivos e a estrutura de recursos humanos que se consideren adecuados para conseguir os ditos obxectivos. Así mesmo, poderán establecer as medidas necesarias para conseguir a dita estrutura, especialmente nas seguintes materias:

a) Contificación de recursos.

b) Programación do acceso.

c) Mobilidade xeográfica e funcional.

d) Reasignación de efectivos de persoal.

e) Promoción e reclasificación de persoal.

f) Medidas específicas de promoción interna.

g) Establecemento de cursos de formación e capacitación.

h) Outras medidas que procedan en relación cos obxectivos do plan de ordenación.

As memorias xustificativas do plan de ordenación conterán as referencias temporais que procedan respecto ás previsións e medidas establecidas nos mesmos.

O plan de ordenación, que poderá incluír no seu ámbito de aplicación a persoal das institucións sanitarias e estruturas administrativas do Servizo Galego de Saúde, será aprobado pola Consellería de Sanidade, tras o informe favorable da Consellería de Economía e Facenda. Cando resulte preciso polo ámbito persoal de afectación, o plan de ordenación será así mesmo aprobado pola consellería competente en materia de función pública.

O plan de ordenación será negociado previamente na mesa sectorial de negociación e, se resulta necesario polo ámbito persoal de afectación, na mesa xeral.

As actuacións que afecten a persoal laboral desenvolveranse consonte a normativa específica do ordenamento laboral e o establecido nos convenios colectivos de aplicación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os procesos de provisión poderán realizarse mediante convocatoria única para os dous niveis asistenciais ou mediante convocatorias específicas e os profesionais entenderanse adscritos a unha área sanitaria, sen prexuízo do concreto destino adxudicado.

Segunda.-Os funcionarios das clases de médicos e practicantes titulares, e os médicos e ATS de zona ou dos servizos normais e especiais de urxencias, poderán participar nos concursos de traslados para a provisión de prazas das unidades e servizos de atención primaria en igualdade de requisitos e condicións que o resto do colectivo.

O participante que obteña praza quedará integrado no novo modelo de atención primaria nos termos previstos na disposición transitoria primeira do

Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación de atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e normativa complementaria; o que non obteña praza manterase na súa praza de orixe e nas mesmas condicións.

Terceira.-As prazas vinculadas a que se refire o artigo 105 da Lei xeral de sanidade proveranse polos sistemas establecidos nas normas específicas que resulten de aplicación.

Os titulares das prazas vinculadas poderán acceder, coa súa condición de profesor vinculado, ao desempeño dos postos de xefatura de unidade que se convoque na institución na cal desenvolvan o seu labor docente/asistencial. O persoal que resulte nomeado seguirá desempeñando as funcións docentes e asistenciais, sen prexuízo de que as prazas vinculadas sexan as básicas das correspondentes categorías.

Así mesmo, os titulares das prazas vinculadas poderán acceder ao desempeño dos postos de carácter directivo da institución en que presten servizos, sen prexuízo da situación administrativa na que deban ser declarados na súa praza vinculada.

Cuarta.-O persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, que acceda á situación de excedencia, non poderá prestar servizos na mesma categoría profesional.

Quinta.-Con independencia das súas facultades de ordenación de persoal, os órganos directivos das institucións sanitarias, baixo o principio de planificación eficiente das necesidades, procurarán que a localización do persoal dentro da institución sanitaria responda a criterios de obxectividade, igualdade e voluntariedade. Para estes efectos, habilitarán periodicamente procedementos de traslados internos, con suxeición a baremo, entre postos de traballo da mesma categoría, que conten coa participación das organizacións sindicais. No seo da mesa sectorial negociaranse as bases dos citados procedementos e dos baremos aplicables, nos cales se primará a valoración da antigüidade no Sistema Nacional de Saúde, a permanencia na institución, a experiencia profesional en áreas específicas, a formación continuada e a docencia.

Sexta.-Cando as organizacións sindicais non efectúen a proposta de vogais dos órganos de selección e provisión nos cales teñan participación, nun prazo de quince días contados desde a solicitude, os correspondentes membros poderán ser directamente designados pola autoridade convocante.

Sétima.-Os órganos directivos das institucións sanitarias elaborarán plans de acollida do persoal que se incorpore polos procedementos colectivos de provisión previstos neste decreto. Estes plans incorporarán criterios de localización do persoal nas unidades da institución. No marco da mesa sectorial negociaranse as bases dos citados plans de acollida.

Oitava.-As consellerías competentes en materia de función pública e sanidade, logo de negociación coas organizacións sindicais nas mesas xeral e sectorial, adoptarán conxuntamente as medidas necesarias para que progresivamente, e en termos de reciprocidade e igualdade, e na forma e cos requisitos que se prevexan nas normas de función pública aplicables e nas correspondentes relacións de postos de traballo, se habilite a libre circulación entre a Administración xeral da Xunta de Galicia e as estruturas de xestión e servizos das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde. Estas medidas referiranse aos diversos procedementos regulamentarios de provisión de prazas ou postos de traballo, incluída a libre designación.

As actuacións procedentes incluirán no seu ámbito de aplicación os funcionarios da Administración xeral e o persoal estatutario de xestión e servizos, e aplicaranse inicialmente entre as estruturas administrativas do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade e as institucións do organismo, e con respecto ao persoal con destino nas citadas estruturas e institucións.

Sen prexuízo doutras actuacións que promovan a pretendida mobilidade, as medidas a que se refire esta disposición formalizaranse na celebración dun convenio entre as citadas consellerías.

Novena

1. O persoal estatutario fixo de xestión e servizos, e o persoal sanitario con titulación de formación profesional adquirirá un grao persoal polo desempeño dun ou máis postos do nivel correspondente durante dous anos continuado ou tres con interrupción.

O persoal que obtivese un posto de traballo superior en máis de dous niveis ao seu grao persoal consolidará cada dous anos de servizos continuados no citado posto o grao superior en dous niveis ao que posuísen, que en ningún caso poderá superar ao correspondente ao do nivel do posto de traballo desempeñado.

O persoal consolidará como grao inicial o correspondente ao nivel do posto de traballo adxudicado tras a superación do proceso selectivo, sempre que cumprise os requisitos aos que se refiren os parágrafos anteriores.

Cando o persoal obtivese destino definitivo nun nivel superior ao grao en proceso de consolidación o tempo de servizos prestados naquel será computado para a referida consolidación.

Cando o persoal obtivese destino nun nivel inferior ao grao en proceso de consolidación o tempo de servizos prestados no posto de nivel superior poderá computarse para consolidación do grao correspondente a aquel.

O tempo de servizos prestado en comisión de servizos será computado para consolidar o grao correspondente ao posto desempeñado sempre que se obte

ña con carácter definitivo ou en virtude de convocatoria pública o dito posto ou outro de igual ou superior nivel.

Se o posto obtido fose de nivel inferior ao desempeñado en comisión e superior ao do grao consolidado o tempo de desempeño en comisión de servizos computarase para a consolidación do grao correspondente ao nivel do posto obtido.

O tempo de permanencia na situación de servizos especiais será computado para os efectos de adquisición do grao persoal. De igual xeito é computable o tempo en excedencia por coidado de familiares.

Para os efectos da consolidación de grao tomaranse en consideración exclusivamente os servizos prestados como persoal estatutario fixo.

2. O persoal estatutario que consolide un determinado grao persoal terá dereito a percibir as contías correspondentes ao complemento de destino dun posto de traballo de idéntico nivel ao do grao consolidado.

Décima.-Os servizos prestados polo persoal estatutario en postos das relacións de postos de traballo de persoal funcionario da Xunta de Galicia, serán valorados, como prestados na categoría estatutaria correspondente para os efectos dos procesos de provisión e selección regulados neste decreto e de consolidación do grao persoal.

O nivel dos postos de traballo das relacións de postos de traballo de persoal funcionario da Xunta de Galicia será tido en conta para a consolidación do grao persoal con idénticos efectos aos previstos na disposición adicional novena.

Décimo primeira.-A norma que regule o réxime definitivo de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal sanitario establecerá o grao que os profesionais deberán acreditar para participar nos procesos de provisión dos postos de xefatura, coordinación ou especial responsabilidade á que se refire as seccións primeira e segunda do capítulo VI deste decreto.

Décimo segunda.-Sen prexuízo do que se establece no capítulo VII deste decreto, o Consello de Dirección do Servizo Galego de Saúde establecerá os mecanismos de avaliación do desempeño das funcións de dirección, e dos resultados obtidos, nas institucións dependentes del.

Décimo terceira.-A Consellería de Sanidade, mediante orde, logo de negociación na mesa sectorial, regulará a ordenación dos cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde. Esta norma incluirá a clasificación por grupos dos postos de traballo, con referencia ás súas características básicas.

Décimo cuarta.-O persoal estatutario fixo que, de conformidade coa normativa de aplicación, teña dereito á consolidación do grao persoal ou a percibir o importe equivalente a un determinado nivel de complemento de destino, que perda a condición en cuxa virtude accedeu á situación de servizos espe

ciais, quedará á disposición do xerente da institución na que tiña o seu último posto ocupado por concurso e seralle de aplicación, e coas mesmas garantías, o establecido na normativa da función pública de Galicia para o persoal funcionario que perda a condición de servizos especiais.

Disposicións transitorias

Primeira.-As prazas de xefatura, coordinación ou especial responsabilidade que á entrada en vigor deste decreto estivesen desempeñadas por persoal estatutario fixo de conformidade coa normativa vixente anteriormente, seguirán rexéndose pola citada normativa en canto non queden vacantes.

As prazas de xefatura, coordinación ou especial responsabilidade desempeñadas polo persoal estatutario temporal na data de entrada en vigor deste decreto deberán ser obxecto de convocatoria, consonte cos procedementos establecidos nel, no ano seguinte á súa entrada en vigor.

Segunda.-O persoal estatutario fixo das categorías dos grupos de xestión e servizos xerais que, con anterioridade á entrada en vigor deste decreto e de conformidade co réxime xurídico vixente naquel momento, desempeñase con tal condición postos de traballo do organismo autónomo Sergas de nivel superior ás prazas básicas da súa categoría, terá dereito ao recoñecemento do grao persoal ao abeiro do previsto nas disposicións adicionais novena e décima. Para estes efectos serán computados os períodos prestados en comisión de servizos.

Terceira.-Sen prexuízo do que dispoña a norma que desenvolva o réxime de ordenación dos cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde, nos termos fixados neste decreto, os postos de xefatura e coordinación cubriranse de conformidade co seu articulado e segundo os procedementos relacionados no anexo. No dito anexo engádese o grupo ou grupos de clasificación que deberán en todo caso acreditar os aspirantes.

Cuarta.-Os procesos de selección convocados en execución da Lei 16/2001, do 21 de novembro, pola que se establece un proceso extraordinario de consolidación e provisión de prazas de persoal estatutario, tramitaranse, ata a súa finalización, de conformidade co previsto nas correspondentes convocatorias.

Quinta.-As vacantes que se produzan das categorías a que se refire a disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma, poderán ser ocupadas, consonte o procedemento que estableza a Consellería de Sanidade, a través de convocatorias de ámbito autonómico, por outros profesionais fixos da respectiva categoría, logo de opción voluntaria dos interesados, sen prexuízo

da transformación das prazas que finalmente queden vacantes en prazas do novo modelo de atención primaria.

Sexta.-En canto non se desenvolva o establecido na disposición adicional décimo primeira, os requisitos para o acceso aos postos de xefatura, coordinación ou especial responsabilidade á que se refiren as seccións primeira e segunda do capítulo VI serán os establecidos nas disposicións contidas nelas.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan a este decreto, e en particular as seguintes:

Do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria de Galicia, modificado polo Decreto 161/1996, do 25 de abril: o parágrafo 2º do artigo 5; a disposición adicional primeira.

O Decreto 186/1997, do 3 de xullo, polo que se regulan os procesos de provisión de prazas e selección de persoal estatutario no ámbito da atención primaria do Servizo Galego de Saúde como consecuencia da posta en funcionamento da ordenación da atención primaria deseñada polo Decreto 200/1993, do 29 de xullo, modificado polo Decreto 161/1996, do 25 de abril.

O Decreto 309/1998, do 6 de novembro, polo que se regulan os procesos de selección para o acceso a prazas de persoal estatutario, sanitario non facultativo e non sanitario, das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, con aprobación das ofertas públicas de emprego do organismo para os anos 1998-2000.

O Decreto 364/1998, do 4 de decembro, sobre selección e provisión de prazas de persoal facultativo especialista de área das institucións sanitarias da Seguridade Social de atención especializada do Servizo Galego de Saúde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desde decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xullo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA