DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 27 de xullo de 2005 Páx. 13.245

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 4 de xullo de 2005 pola que se adopta o estándar de calidade ISO 17799 como norma de seguridade dos sistemas de información desta consellería.

A xestión nesta comunidade autónoma das axudas comunitarias en materia agraria e de desenvolvemento rural está directamente vinculada ás necesidades informáticas da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Recentemente, a Comisión Europea, por instancia do grupo de expertos Panta Rhei, decidiu orientar a actuación dos distintos organismos pagadores de fondos FEOGA-Garantía á adopción dun estándar de calidade como base da aplicación do seu sistema de seguridade en materia de tecnoloxías da información, para o que ofreceu tres posibilidades de elección: o sistema ISO 17799, o sistema BSI ou o sistema COBIT.

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) constitúese como o organismo pagador dos fondos FEOGA-Garantía en Galicia, en virtude do establecido no Decreto 359/1996, do 13 de setembro, modificado polo 93/1998, do 20 de marzo. Ademais do anterior, na súa condición de organismo autónomo adscrito á consellería, o seu sistema informático, para un maior grao de eficiencia no emprego dos recursos públicos, foi previsto sobre a base do existente na consellería. Por iso, calquera decisión en materia de seguridade informática dos organismos pagadores ten nesta comunidade autónoma unha incidencia que excede do propio organismo e alcanza a todo o sistema de información da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Logo dunha análise das distintas opcións propostas pola Comisión Europea, parece conveniente adoptar o estándar de calidade ISO 17799 como norma básica de seguridade, por estimarse a mais adecuada ás condicións particulares do sistema informático da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

A Secretaría Xeral da consellería, a través do seu servizo de informática, ten atribuídas as funcións de asesoría técnica, execución, proposta, coordinación e supervisión dos plans de informatización de todas as unidades administrativas da consellería e entidades dependentes dela. Esta atribución xeral non evita que as circunstancias actuais aconsellen dar unha participación máis directa do Fogga, como organismo pagador, na implantación do novo estándar de seguridade, por canto a súa actividade se ve amplamente condicionada por tal feito.

De acordo con todo o exposto, a razón desta orde é establecer a norma ISO 17799 como estándar de seguridade para os sistemas de información e comu

nicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e definir as condicións nas que se deberá instrumentar a súa implantación.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º. -Obxecto e ámbito de aplicación.

Establécese o estándar de calidade ISO 17799 como norma básica para a implantación do sistema de seguridade das tecnoloxías da información no ámbito da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e dos seus organismos e entidades dependentes.

Artigo 2º.-Prazo de implantación.

A implantación do estándar ISO 17799 efectuarase gradualmente, de acordo cun plan previo aprobado conxuntamente polo secretario xeral da consellería e polo director do Fogga, de tal xeito que sexa plenamente operativo o un de xaneiro de 2008.

Artigo 3º.-Funcións que hai que desenvolver.

1. En coordinación coa Secretaría Xeral da consellería, o Fogga efectuará a planificación, impulso e control da implantación do dito estándar de calidade.

2. A Secretaría Xeral, a través do seu Servizo de Informática, asumirá a materialización das actividades que sexan precisas para a implantación do estándar, dentro dos prazos establecidos na planificación previa.

Artigo 4º.-Supervisión.

A Secretaría do Fogga, en colaboración co servizo de informática da consellería, elaborará semestralmente un informe do estado de desenvolvemento da implantación do estándar, que será elevado ao secretario xeral da consellería e ao director do Fogga, co fin de que poidan adoptar conxuntamente os acordos necesarios para corrixir as posibles desviacións sobre o plan inicial establecido.

Disposición adicional

Única.-Para facilitar o proceso de implantación do estándar de seguridade deléganse no Fogga as funcións de control de calidade do desenvolvemento e mantemento de todas as aplicacións informáticas vinculadas coas axudas financiadas con fondos FEOGA-Garantía. Para tal efecto, o Fogga dotarase dos recursos necesarios para o desenvolvemento das ditas funcións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da consellería e ao director do Fondo Galego de Garantía Agraria, no ámbito das súas respectivas competencias, para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2005.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO