DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Venres, 22 de xullo de 2005 Páx. 13.105

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 202/2005, do 7 de xullo, polo que se crea a clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública.

A Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, na disposición adicional 1ª, creou, na comunidade autónoma, os corpos de Administración especial, entre os que se encadran, pola súa singularidade e especialidade, os que corresponden ao persoal sanitario.

Posteriormente, a Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da comunidade autónoma, determinou a creación, dentro dos corpos da Administración especial, da escala sanitaria de atención primaria e especializada e da escala de saúde pública e Administración sanitaria.

O Decreto 303/1990, do 31 maio, polo que se desenvolve a devandita lei, integrou no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia dentro da escala de saúde pública e Administración sanitaria, os funcionarios que á súa entrada en vigor, ocupasen os postos de traballo referidos na letra B do seu artigo 2 e que pertenzan ao grupo A do artigo 19.1º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Así mesmo o devandito decreto establece que, dentro do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, pertencen á escala de saúde pública e Administración sanitaria, entre outras, a clase de farmacéuticos titulares.

Coa finalidade de ordenar o persoal pertencente ao corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e Administración sanitaria, clase de farmacéuticos titulares de forma coherente coas necesidades actuais da saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, así como dar cumprimento á previsión contida na disposición adicional segunda da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, cómpre crear, dentro da escala de saúde pública e Administración sanitaria, a clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública.

A devandita clase terá unhas funcións inspectoras específicas, un novo ámbito territorial de actuación, así como un réxime xurídico, retributivo e de incompatibilidades semellante ao do resto do persoal funcionario da Xunta de Galicia, que permita acadar unha estrutura áxil e eficaz e un óptimo aproveitamento das capacidades do persoal pertencente á clase creada.

É preciso, así mesmo, fixar as condicións que rexerán no proceso de integración, na clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública, de todos

aqueles farmacéuticos titulares que poidan verse afectados pola entrada en vigor deste decreto.

Ao mesmo tempo declárase para extinguir a actual clase de farmacéuticos titulares, e fíxanse as bases para o tránsito, con carácter voluntario, deste persoal á clase que se crea por este decreto, garantindo, en todo caso, a estabilidade no emprego ao persoal interino, nos termos previstos nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

Hai que ter en conta, ademais, o establecido na Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia e, en especial, o disposto no artigo 88, que atribúe a condición de autoridade aos inspectores dos servizos sanitarios no exercicio das súas funcións.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Sanidade, consultada a representación sindical no seo da Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Sanitario ao servizo da comunidade autónoma, de acordo/oído o Ditame nº 428/05, do Consello Consultivo, do 30 de xuño, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xullo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto a creación da clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública, dentro da escala de saúde pública e Administración sanitaria regulamentada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da comunidade autónoma.

2. Así mesmo, ten por obxecto delimitar as funcións, o ámbito territorial de actuación, e o réxime xurídico, retributivo e de incompatibilidades do persoal pertencente á devandita clase.

3. Por último, fixa as bases para a reestruturación dos actuais postos de traballo de farmacéuticos titulares, e as condicións que rexerán o proceso de integración na clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública, dos actuais farmacéuticos titulares.

Artigo 2º.-Creación da clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública.

1. Créase a clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública, dentro do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e Administración sanitaria.

2. Para o acceso á dita clase requirirase estar en posesión do título de licenciado en farmacia.

Artigo 3º.-Postos de traballo.

1. Os postos de traballo adscritos exclusivamente á clase que se crea constituirán os Servizos de Inspección Farmacéutica de Saúde Pública, e serán os que se determinen nas correspondentes relacións de postos de traballo.

2. Dependerán funcionalmente do Servizo de Protección da Saúde das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade, sen prexuízo da supervisión que sobre eles exerza a Dirección Xeral de Saúde Pública.

3. O persoal que desempeñe postos de traballo dos Servizos de Inspección Farmacéutica de Saúde Pública terá situado o seu centro de destino na cabeceira da zona de inspección farmacéutica onde desenvolva a súa actuación, segundo a clasificación establecida no anexo I deste decreto.

Artigo 4º.-Ámbito territorial de actuación.

O persoal facultativo pertencente á clase que se crea, que desempeñe postos de traballo dos Servizos de Inspección Farmacéutica de Saúde Pública, realizará as funcións que se expresan nos artigos 6º e 7º deste decreto, e o seu ámbito territorial de actuación será a zona de inspección farmacéutica de saúde pública. Cada zona de inspección farmacéutica abarcará os concellos que se detallan no anexo I, sen prexuízo da posible adaptación que a Consellería de Sanidade puidera facer nun futuro destas zonas ás áreas de saúde.

Artigo 5º.-Retribucións, xornada e réxime de incompatibilidades.

1. O persoal que desempeñe postos de traballo dos Servizos de Inspección Farmacéutica de Saúde Pública percibirá as mesmas retribucións que lle correspondan aos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co réxime retributivo contido nos artigos 64 a 66 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e normas de desenvolvemento.

2. A xornada de traballo será a sinalada con carácter xeral para os funcionarios da Xunta de Galicia, sen prexuízo da exixida por razóns de necesidade ou de urxencia en situacións que demanden unha actuación administrativa inmediata.

A xornada de traballo poderá desenvolverse en horario de mañá e/ou tarde.

Para os efectos do cumprimento do horario de traballo, computarase o tempo empregado nos desprazamentos desde o centro de destino ata o lugar de desenvolvemento do traballo efectivo e viceversa.

3. Así mesmo, seralles de aplicación o réxime de incompatibilidades previsto na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, así como o artigo 51 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica.

Artigo 6º.-Funcións.

Son funcións dos Servizos de Inspección Farmacéutica de Saúde Pública, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo das que poidan corresponderlle a outros órganos administrativos no lexítimo exercicio das súas competencias, as seguintes:

1. Vixilancia e verificación do cumprimento da lexislación en materia de sanidade ambiental.

2. Vixilancia e verificación do cumprimento da lexislación en materia de sanidade escolar.

3. Vixilancia e verificación do cumprimento da lexislación en materia de policía sanitaria mortuoria.

4. Vixilancia e verificación do cumprimento da lexislación en materia de hixiene alimentaria no ámbito competencial da Consellería de Sanidade.

5. Información e educación sanitaria.

6. Participación na administración, coordinación e execución de programas de saúde xestionados pola dirección xeral competente en materia de saúde pública, xunto co resto dos profesionais de saúde pública ou doutros organismos.

7. Asesoramento e emisión de informes solicitados polas autoridades sanitarias competentes.

8. Actuacións sobre determinados alimentos, bens ou servizos.

9. Cumprimentación dos sistemas de información dos programas de saúde xestionados pola dirección xeral competente en materia de saúde pública.

10. Xestión da información dentro do ámbito correspondente.

11. Participación na investigación de abrochos epidémicos, xunto co resto de profesionais de saúde pública ou doutros organismos.

Articulo 7º.-Facultades como axentes da autoridade.

Os funcionarios da clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública, no exercicio das súas funcións, serán considerados axentes da autoridade sanitaria, e con sometemento ás leis, estando autorizados para:

1. Entrar libremente e sen previa notificación, en calquera momento, en todo centro ou establecemento suxeito á acción inspectora.

2. Proceder ás probas, investigacións ou exames necesarios para comprobar o cumprimento das disposicións vixentes en materia de saúde pública.

3. Tomar ou sacar mostras, de cara á comprobación do cumprimento das disposicións vixentes en materia de saúde pública.

4. Realizar cantas actuacións sexan necesarias, de cara ao cumprimento das funcións de inspección que desenvolvan.

Para o exercicio das súas funcións deberán acreditar a súa identidade.

Disposicións adicionais

Primeira.-Modificación do artigo 4 do Decreto 303/1990, do 31 de maio.

Modifícase o artigo 4 do Decreto 303/1990, do 31 de maio, polo que se desenvolve a Lei 17/1989,

do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da comunidade autónoma, no senso de engadir, xunto ao resto das clases, a creada por este decreto.

Segunda.-Extinción da clase de farmacéuticos titulares.

Declárase a extinguir a clase de farmacéuticos titulares dentro da escala de saúde pública e Administración sanitaria, quedando sen aplicación o réxime xurídico propio dela, aos postos de traballo resultantes da reestruturación a que se refire a disposición derradeira primeira deste decreto.

Terceira.-Ámbito funcional.

As funcións que hai que realizar nos postos de traballo dos Servizos de Inspección Farmacéutica de Saúde Pública serán as especificadas neste decreto, quedando polo tanto sen aplicación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, os artigos 91 a 93 do Regulamento de persoal dos servizos sanitarios locais, aprobado polo Decreto do 27 de novembro de 1953.

As relacións funcionais entre as corporacións locais e os Servizos de Inspección Farmacéutica de Saúde Pública, canalizaranse a través do xefe de Servizo de Protección da Saúde das correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Sanidade.

Cuarta.-Indemnizacións por razóns do servizo.

Para os efectos do disposto nos capítulos I e II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, dentro dos Servizos de Inspección Farmacéutica de Saúde Pública, considéranse comisións de servizo con dereito a indemnización os cometidos especiais que se desempeñen fóra do territorio da zona de inspección farmacéutica onde radique o posto de traballo.

Así mesmo, soamente se indemnizará por uso de vehículo propio, nos supostos de utilización deste por razóns de servizo debidamente xustificadas e autorizadas polo delegado provincial correspondente ou persoa en quen delegue, para desprazamentos por razón do posto de traballo realizados fóra do territorio da zona de inspección farmacéutica en que se encadre o mesmo.

Quinta.-Provisión con carácter interino dos postos de traballo vacantes.

A provisión interina dos postos de traballo vacantes, así como daqueles supostos de substitucións, nos que o substituído non perciba retribucións con cargo ao posto de traballo que se pretenda cubrir e só durante ese período, realizarase de acordo co establecido na resolución conxunta do 17 de abril de 2000, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e da División de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se ordena a publicación do pacto asinado pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT, CSI-CSIF,

CESM-SATSE, sobre selección temporal de determinados postos de persoal funcionario da escala de saúde pública e Administración sanitaria con destino na Consellería de Sanidade e no Servizo Galego de Saúde, ou norma que a substitúa.

Sexta.

Sen prexuízo do disposto na disposición transitoria primeira deste decreto, quedan sen aplicación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, os artigos 39 a 42 do Regulamento do persoal dos servizos sanitarios locais, aprobado polo Decreto do 27 de novembro de 1953.

Disposicións transitorias

Primeira.

A efectividade do disposto na disposición adicional primeira deste decreto queda demorada ata a entrada en funcionamento dos novos postos de traballo resultantes da reestruturación.

Segunda.

1. O persoal funcionario pertencente ao corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e Administración sanitaria, clase de farmacéuticos titulares, que á entrada en vigor deste decreto se atope en situación de servizo activo ocupando un posto de traballo propio da dita clase, terá o dereito a elixir, no prazo de dous meses a partir da entrada en vigor deste decreto, por integrarse na clase que se crea neste decreto, ou por non integrarse.

No primeiro suposto, incorporaranse aos postos de traballo resultantes da reestruturación, que estarán suxeitos ao réxime xurídico, retributivo e de incompatibilidades aplicable ao persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de optar por non integrarse, manterán o seu actual réxime xurídico e retributivo específico, e en especial o réxime de compatibilidade previsto na disposición transitoria sexta da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, quedando coa condición de a extinguir na clase de farmacéuticos titulares.

O persoal a extinguir realizará as funcións que este decreto prevé para os Servizos de Inspección Farmacéutica de Saúde Pública, pero dentro do partido municipal que tivese asignado ata a data efectiva de entrada en funcionamento da reestruturación, funcións que non poderán verse menoscabadas polo desfrute do seu específico réxime de compatibilidade.

O dereito a elixir a que se refire esta disposición realizarase mediante o modelo que se xunta como anexo II deste decreto.

No suposto de non exercer o seu dereito a elixir, entenderase que desexan incorporarse aos postos de traballo resultantes da reestruturación, que estarán suxeitos ao réxime xurídico, retributivo e de incompatibilidades derivado deste decreto.

2. O persoal funcionario pertencente ao corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e Administración sanitaria, clase de farmacéuticos titulares, que á entrada en vigor deste decreto se atope en situación de servizo activo na citada clase, pero que non estea ocupando un posto de traballo propio da mesma, manterase no posto de traballo que viñese ocupando á entrada en vigor deste decreto.

No suposto de que posteriormente cesara nese posto de traballo, poderá ser adscrito provisionalmente a un posto de traballo dos servizos de inspección farmacéutica de saúde pública.

A devandita adscrición provisional suporá a integración na clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública, e someterse ao réxime xurídico, retributivo e de incompatibilidades aplicable ao persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O persoal funcionario pertencente ao corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e Administración sanitaria, clase de farmacéuticos titulares, que á entrada en vigor deste decreto se atope na situación administrativa de excedencia voluntaria, ou noutras situacións administrativas desde a que sexa susceptible o reingreso ao servizo activo, poderán acadalo mediante a súa participación nas convocatorias de concurso de traslados ou de libre designación que se celebren para a provisión de postos de traballo vacantes nos servizos de inspección farmacéutica de saúde pública.

Así mesmo, poderán solicitar o reingreso con carácter provisional en postos de traballo vacantes pertencentes aos servizos de inspección farmacéutica de saúde pública. O reingreso, que estará condicionado ás necesidades do servizo, será efectivo tras a resolución administrativa pertinente.

A obtención dun posto de traballo nos servizos de inspección farmacéutica de saúde pública suporá a integración na clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública, e someterse ao réxime xurídico, retributivo e de incompatibilidades aplicable ao persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.

1. De conformidade co artigo 3 da Lei 17/1989, do 23 de outubro, o persoal interino nomeado con anterioridade ao 27 de outubro de 1989, data de entrada en vigor da devandita lei, e que á entrada en vigor deste decreto desempeñe postos de traballo pertencentes á clase de farmacéuticos titulares terá dereito a elixir, mediante o modelo que se xunta como anexo III, no prazo de dous meses contados a partir da entrada en vigor deste decreto, entre incorporarse a postos de traballo resultantes da reestruturación mantendo a súa relación xurídico-administrativa e os dereitos inherentes á súa condición de interino, ou cesar na prestación de servizos o día anterior á entrada efectiva en funcionamento da reestruturación.

Ao persoal que elixa por incorporarse aos postos de traballo resultantes da reestruturación, unha vez feita a incorporación efectiva aos mesmos, seralles de aplicación o disposto nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da comunidade autónoma.

No suposto de non exercer o seu dereito a elixir, entenderase que non desexan incorporarse aos postos de traballo resultantes da reestruturación e, polo tanto, cesarán automaticamente nos postos que viñan ocupando con efectos do día anterior á entrada efectiva en funcionamento da mesma.

2. O persoal interino que non reúna as condicións previstas no parágrafo primeiro desta disposición así como o persoal interino da clase de licenciados en farmacia que figuran ocupando actualmente postos de traballo de inspectores farmacéuticos de saúde pública, na relación de postos de traballo referente a corpos e escalas da Lei 17/1989, do 23 de outubro, da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, cesarán nos seus postos de traballo, por amortización dos mesmos, con efectos do día anterior á data de entrada en funcionamento dos postos de traballo resultantes da reestruturación, sen prexuízo da valoración dos servizos prestados na correspondente clase, nas ofertas de emprego a que se refire a disposición transitoria sexta.

Cuarta.

Rematado o prazo concedido nas disposicións transitorias segunda e terceira deste decreto, confeccionarase unha relación de postos de traballo dos Servizos de Inspección Farmacéutica de Saúde Pública, cunha distribución de acordo coas zonas que se fixaron como ámbito territorial de actuación, e que estará formada exclusivamente polos postos de traballo resultantes da reestruturación.

Os funcionarios a que se refire o punto 1 da disposición transitoria segunda deste decreto, que optaron por integrarse na clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública, serán adscritos provisionalmente aos postos de traballo dependentes da zona a que pertenza o concello onde prestan actualmente os seus servizos como farmacéutico titular, coa obriga de participar no concurso previsto na disposición transitoria quinta da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

Igualmente, o persoal interino a que se refire a disposición transitoria terceira deste decreto, que elixira incorporarse aos postos de traballo resultantes da reestruturación, será nomeado persoal interino da clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública e, quedará adscrito temporalmente aos postos de traballo dependentes da zona a que pertenza o concello onde presta actualmente os seus servizos como farmacéutico titular, sempre e cando existan postos suficientes nesa zona para a súa adscrición. De non ser así, serán adscritos en función da maior antigüidade no posto actual, á zona máis próxima.

Quinta.

Acordadas as adscricións a que se refire a disposición anterior, a Consellería de Sanidade fixará a data de entrada en funcionamento efectivo dos novos postos de traballo resultantes da reestruturación, así como do seu novo réxime xurídico, retributivo e de incompatibilidades.

Sexta.

Realizada a incorporación efectiva aos postos de traballo resultantes da reestruturación, procederase á convocatoria da primeira das ofertas públicas de emprego a que se refiren as disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 17/1989, do 23 de outubro, na que, polo menos, incluiranse tantos postos de traballo como persoal interino tivese realizada a elección de incorporarse aos postos de traballo resultantes da reestruturación.

Na convocatoria do concurso-oposición da primeira oferta pública de emprego, así como nas dúas seguintes se fosen precisas, na valoración dos servizos incluiranse aqueles efectivamente prestados como persoal interino das clases ás que se fai mención na disposición transitoria terceira, con independencia de que o seu réxime xurídico e retributivo fose distinto ao dos postos de traballo incluídos na oferta de emprego respectiva.

Sétima.

1. O persoal interino que cese nos postos de traballo terá, por unha soa vez, dereito preferente para a cobertura dos postos de traballo vacantes que resulten da reestruturación prevista por este decreto, quedando transitoriamente sen aplicación a forma de provisión prevista na disposición adicional cuarta, en tanto exista persoal interino cesado que poida ocupar os citados postos de traballo.

2. Para a cobertura seguirase o criterio de maior antigüidade na prestación de servizos na respectiva clase de pertenza e coa condición de non ter despacho de farmacia aberto ao público.

Oitava.

Polo menos, a primeira das ofertas públicas de emprego realizarase con anterioridade ao concurso de traslados previsto na disposición transitoria quinta da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

No dito concurso, no que se ofertarán os postos de traballo susceptibles de ser ocupados polo persoal que superou a correspondente convocatoria do concurso-oposición máis os postos de traballo do persoal funcionario farmacéutico titular que resultaron incorporados da reestruturación prevista, terán dereito preferente os funcionarios de carreira que optaron voluntariamente por incorporarse aos postos de traballo resultantes da reestruturación, sobre o persoal de novo ingreso da primeira oferta pública de emprego, a que se fai mención na disposición transitoria sexta. Igualmente no dito concurso, terán a consideración de concursantes forzosos os funcionarios de novo ingreso aos que se lle adxudicará

o destino, en atención á orde resultante do concurso-oposición.

Novena.

O persoal que supere o concurso-oposición da primeira oferta pública de emprego incorporarase ao mesmo posto de traballo que viña desempeñando como persoal interino, co carácter de destino provisional e coa obriga de participar no concurso de traslados citado na disposición transitoria quinta da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

Décima.

Na segunda e terceira oferta pública de emprego, que se é o caso se poida convocar, incluiranse polo menos, tantos postos de traballo como persoal interino tivese realizada a elección de incorporarse aos postos de traballo resultantes da reestruturación e que non superara o concurso-oposición anterior.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan a este decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Os postos de traballo de farmacéuticos titulares que resulten da reestruturación prevista neste decreto quedarán encadrados nos Servizos de Inspección Farmacéutica de Saúde Pública, e o persoal que os ocupe quedará integrado na clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para ditar as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Zonas de inspección farmacéutica de saúde pública

ProvinciaZonaConcellos

A CoruñaA CoruñaAbegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana, Cambre, Carballo, Carral, Cerceda, Cesuras, Coirós, Coristanco, Coruña, A, Culleredo, Curtis, Irixoa, Laracha, A, Malpica de Bergantiños, Miño, Monfero, Oleiros, Oza dos Ríos, Paderne, Ponteceso, Sada, Vilarmaior, Zas

FerrolAres, Cabañas, Capela, A, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, Pontes, As, San Sadurniño, Somozas, As, Valdoviño

NoiaBoiro, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Laxe, Lousame, Mazaricos, Muros, Muxía, Noia, Outes, Pobra do Caramiñal, A, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo

SantiagoAmes, Arzúa, Baña, A, Boimorto, Boqueixón, Brión, Dodro, Frades, Melide, Mesía, Negreira, Ordes, Oroso, Padrón, Pino, O, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Vilasantar

ProvinciaZonaConcellos

LugoBurelaBurela, Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, Valadouro, O, Vicedo, O, Viveiro, Xove

LugoAbadín, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Corgo, O, Cospeito, Fonsagrada, A, Friol, Guitiriz, Guntín, Incio, O, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Nogais, As, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Páramo, O, Pastoriza, A, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Pontenova, A, Portomarín, Rábade, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, Taboada, Triacastela, Vilalba, Xermade

MonforteBóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, Pantón, Pobra de Brollón, A, Quiroga, Ribas de Sil, Saviñao, O, Sober

OurenseBarcoBarco, O, Bolo, O, Carballeda, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, Petín, Pobra de Trives, A, Río, Rúa, A, Rubiá, Veiga, A, Vilamartín de Valdeorras

OurenseAllariz, Amoeiro, Arnoia, A, Avión, Bande, Baños de Molgas, Barbadás, Bande, Beariz, Boborás, Bola, A, Carballeda de Avia, Carballiño, O, Cartelle, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Celanova, Cenlle, Coles, Cortegada, Entrimo, Esgos, Gomesende, Irixo, O, Leiro, Lobeira, Lobios, Maceda, Maside, Melón, Merca, A, Montederramo, Muíños, Nogueira de Ramuín, Ourense, Paderne de Allariz, Padrenda, Parada de Sil, Pereiro de Aguiar, O, Peroxa, A, Piñor, Pontedeva, Punxín, Quintela de Leirado, Ramirás, Ribadavia, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Taboadela, Teixeira, A, Toén, Verea, Vilamarín, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo

VerínBaltar, Blancos, Os, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, Gudiña, A, Laza, Mezquita, A, Monterrei, Oímbra, Porqueira, Rairiz de Veiga, Riós, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia

PontevedraLalínCerdedo, Cuntis, Dozón, Estrada, A, Forcarei, Golada, A, Lalín, Pontecesures, Rodeiro, Silleda, Valga, Vila de Cruces

PontevedraBarro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cotobade, Grove, O, Illa, A, Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa

VigoArbo, Baiona, Cañiza, A, Covelo, O, Crecente, Fornelos, Gondomar, Guarda, A, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Neves, As, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, Porriño, O, Redondela, Rosal, O, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui

As cabeceiras de zona estarán situadas nas localidades que lle dan nome ás respectivas zonas

ANEXO II

Don/dona con DNI núm.

funcionario/a do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e Administración sanitaria, clase de farmacéuticos titulares, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda do decreto polo que se crea a clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública,

Exerce o dereito a elixir

A. r Por integrarse na clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública que se crea polo presente decreto, quedando suxeito ao réxime xurídico, retributivo e de incompatibilidades aplicable ao resto do persoal funcionario ao servizo da Xunta de Galicia.

B. r Por non integrarse na clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública que se crea polo presente decreto, quedando coa condición de a extinguir na clase de farmacéuticos titulares, mantendo o actual réxime xurídico e retributivo específico, e o réxime de compatibilidade previsto na disposición transitoria sexta da Lei 53/1984, do 26 de outubro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

(Indicar cunha cruz a opción elixida)

..., ... de... de 2005

Sinatura

Director Xeral da División de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde

ANEXO III

Don/dona con DNI núm.

persoal interino do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e Administración sanitaria, clase de farmacéuticos titulares, de conformidade co establecido na disposición transitoria terceira do decreto polo que se crea a clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública,

Exerce o dereito a elixir

A. r Por incorporarse aos postos de traballo resultantes da reestruturación que se regula polo citado decreto, que estarán suxeitos ao réxime xurídico, retributivo e de incompatibilidades aplicable ao resto do persoal interino ao servizo da Xunta de Galicia quedando integrado co carácter de persoal interino na clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública.

B. r Por cesar na prestación de servizos con data do día anterior á data de entrada efectiva en funcionamento da reestruturación dos postos de traballo de farmacéuticos titulares, que se regula polo citado decreto.

(Indicar cunha cruz a opción elixida)

..., ... de... de 2005

Sinatura

Director Xeral da División de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde