DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 20 de xullo de 2005 Páx. 12.920

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 11 de xullo de 2005 pola que se convocan os cursos básico, medio e superior de linguaxe administrativa galega para o cadro de persoal da Administración local galega.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5.1º, dispón que a lingua propia de Galicia é o galego.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 4.1º, establece que, «o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración local e das entidades públicas dependentes da Comunidade Autónoma...».

A Lei 5/1988, do 21 de xuño, de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, no seu artigo 1, dispón: «as convocatorias de sesións, ordes do día, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia, se redactarán en lingua galega».

E no seu artigo 2, punto 2º.1, di: «correspóndelle á Xunta de Galicia o impulso do proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, moi especialmente a través de programas de formación de funcionarios en lingua galega».

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia nos números 1º e 3º do seu artigo 7, dispón respectivamente: «o galego, como lingua propia de Galicia, éo tamén da súa Administración local.

As convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega».

«A Xunta de Galicia impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, especialmente a través de programas de formación de funcionarios das entidades locais en lingua galega».

Como continuación ao Plan Integral de Estudos iniciado en 1990, mediante o que se pretende que en todas as corporacións locais exista, polo menos, un funcionario que se responsabilice da tradución dos documentos sinalados no artigo 1 da devandita Lei 5/1988 e conforme o Decreto 226/2003, do 11 de abril, modificado polo Decreto 16/2004, do 15 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, a Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, proseguindo coa súa liña de cooperación coas corporacións locais e coa finalidade de impulsar a normalización lingüística na Admi

nistración local, convoca cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal da administración local galega, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Ao mesmo tempo, estes cursos completarán a formación dirixida ao persoal da Administración local, que, dentro do programa de formación do Centro de Estudios Locais de Galicia, vén impartindo a Dirección Xeral de Administración Local.

Por todo iso, en uso das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local convoca para o ano 2005, para persoal da Administración local galega, os seguintes cursos de linguaxe administrativa galega:

a) Cursos de nivel básico. Para participar nestes cursos haberá que presentar xunto coa solicitude copia compulsada do diploma ou certificación acreditativa de ter aprobado ou validado o curso de iniciación de lingua galega.

b) Cursos de nivel medio. Para participar nestes cursos haberá que presentar xunto coa solicitude copia compulsada do diploma ou certificación acreditativa de ter superado o curso de nivel básico ou de ter aprobado/validado o curso de perfeccionamento de lingua galega.

c) Cursos de nivel superior. Para participar nestes cursos haberá que presentar xunto coa solicitude copia compulsada do diploma ou certificación acreditativa de ter superado o curso de nivel medio.

Artigo 2º

1. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios aos que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados e daráselles un prazo de dez días para que emenden erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas, de conformidade co disposto na devandita Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 3º

1. O informe do secretario xeral da entidade que figura na solicitude deberá estar debidamente asi

nado, coa finalidade de acreditar a súa condición de persoal da entidade local correspondente.

2. Os solicitantes deberán indicar, na solicitude que figura como anexo da orde, o lugar ou lugares onde desexen realizar o curso por orde de preferencia.

O lugar de realización dos cursos determinarase en función das solicitudes recibidas, unha vez efectuada a selección dos posibles asistentes.

3. Unha comisión de valoración, composta por dúas persoas nomeadas pola Dirección Xeral de Administración Local e por dúas persoas nomeadas pola Dirección Xeral de Política Lingüística, efectuará a selección dos asistentes a estes cursos, valorando a antigüidade na finalización do curso que se exixa ter superado no artigo 1º desta orde. No caso de que na certificación de validación do curso non figure a data exacta de terminación, terase en conta a data de expedición da certificación.

Artigo 4º

1. A resolución seralles notificada a todos os admitidos, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. De non notificarse resolución no prazo de tres meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo; todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da citada lei.

Así mesmo, as relacións de admitidos publicaranse no portal dos concellos Eido Local (http://eidolocal.es ou http://eidolocal.com).

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 5º

1. O financiamento destes cursos realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.353E.640.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, ata un límite de corenta e cinco mil setenta e seis euros (45.076 A).

2. Serán financiados os seguintes gastos, efectuándose o pagamento a través da habilitación da Dirección Xeral de Administración Local:

-Cursos de nivel básico: profesor, subalterno e material.

-Cursos de nivel medio: profesor, subalterno e material.

-Cursos de nivel superior: profesor, coordinador, conferenciante, subalterno e material.

Artigo 6º

A duración dos cursos será a seguinte:

a) Os cursos básico e medio terán unha duración de 75 horas.

b) O curso superior terá unha duración de 90 horas, distribuídas do seguinte xeito:

-70 horas lectivas.

-20 horas prácticas.

2. A inasistencia do dez por cento, como máximo, das horas lectivas programadas, significará a non obtención do correspondente diploma.

Artigo 7º

Os programas destes cursos serán os aprobados pola Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística.

Artigo 8º

Ao rematar o curso realizaranse as probas oportunas. Ao persoal que as supere, tendo en conta ademais o rendemento ao longo do curso, outorgaráselle unha certificación coa cualificación de apto, expedida, conxuntamente, pola Dirección Xeral de Política Lingüística (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria) e pola Dirección Xeral de Administración Local (Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local).

Artigo 9º

A Dirección Xeral de Administración Local, en coordinación cos gabinetes de normalización lingüística da provincia respectiva onde se está a celebrar o curso, poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2005.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local