DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 15 de xullo de 2005 Páx. 12.643

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 20 de xuño de 2005 que modifica a do 1 de decembro de 2000, que establece o procedemento para solicitar a acreditación de actividades no sistema acreditador da formación continuada das profesións sanitarias na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, polo que se regula a organización do sistema acreditador da formación continuada dos profesionais sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia, crea no seu artigo 1 a Comisión Autonómica de Formación Continuada, o Comité de Acreditación e a Secretaría Técnica, que configuran o sistema de acreditación da formación continuada dos profesionais sanitarios que será único no sistema nacional de saúde.

O artigo 8 da mesma norma regula o procedemento de acreditación dos centros ou unidades docentes, así como das actividades concretas de formación.

A Orde do 1 de decembro de 2000 establece o procedemento para solicitar a acreditación de actividades no sistema acreditador da formación continuada das profesións sanitarias na Comunidade Autónoma de Galicia e determina no seu artigo 2 que as solicitudes de acreditación das actividades de formación continuada dirixidas aos profesionais sanitarios serán presentadas polos promotores públicos ou privados interesados ante a Secretaría Técnica do Sistema Acreditador, segundo o modelo normalizado recollido no anexo I.

A Comisión Autonómica de Formación Continuada de Galicia ten, como unha das súas funcións, acreditar, para os efectos do conxunto do sistema nacional de saúde, actividades concretas de formación sanitaria continuada, por solicitude das persoas ou entidades organizadoras destas, seguindo criterios xerais, comúns e mínimos da Comisión Nacional de Formación Continuada.

Como novos criterios xerais, comúns e mínimos, para a acreditación de actividades de formación continuada incorpóranse, entre outros, os criterios de independencia e conflitos de intereses das actividades de formación continuada, así como o de aplicar o control de asistencia como requisito formal das actividades de carácter presencial e o de modificar o modelo de solicitude de acreditación.

Respecto deste último criterio fíxanse dous modelos, un para as actividades de carácter presencial e outro para as actividades de carácter non presencial e mixto.

Neste sentido, para aplicar estes criterios, cómpre modificar o artigo 2 da Orde do 1 de decembro de 2000, incorporando dous anexos en que se inclúan dous formularios distintos para solicitar acreditación das actividades mencionadas.

Polo exposto, de acordo coas atribucións que me confire a disposición derradeira primeira do Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento deste decreto, así como as previstas nos artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 2º, que queda redactado do seguinte xeito:

As solicitudes de acreditación das actividades de formación continuada dirixidas aos profesionais sanitarios serán presentadas polos promotores públicos ou privados interesados ante a Secretaría Técnica do Sistema Acreditador, con sede na Subdirección Xeral de Docencia e Investigación Sanitaria, cunha antelación de dous meses á data de inicio das actividades, en orixinal e catro copias, segundo os modelos normalizados recollidos no anexo I, para as actividades presenciais, e no anexo II, para as non presenciais ou mixtas, nos que se fará constar o seguinte:

a) Entidade solicitante.

b) Actividade para acreditar, con indicación do nome e título da actividade, director e responsable dela, provincia e poboación onde se realiza esta, tipo de actividade, número máximo de participantes e número total de horas previstas estimadas, data de inicio e de finalización da actividade e profesionais aos que se dirixe a actividade.

c) Características desta actividade:

-Obxectivos: xerais e específicos.

-Organización: incluirá o calendario, os recursos humanos e materiais necesarios para a formación, o número e método de selección dos participantes e, por último, como material adicional, o tipo de soporte informático e o sistema de elaboración e avaliación de manuais e cuestionarios.

-Pertinencia da actividade.

-Metodoloxía.

-Avaliación.

d) Financiamento.

e) Información adicional que o peticionario considere relevante para os efectos de acreditación.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2005.

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade