DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 14 de xullo de 2005 Páx. 12.555

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 23 de xuño de 2005 pola que se establecen medidas de estandarización, coordinación e supervisión en materia de tecnoloxías da información.

A constante incorporación de novas tecnoloxías e servizos de información ás organizacións sanitarias, como a extensión da historia clínica electrónica a todo o ámbito sanitario, as técnicas de diagnóstico por imaxe, ou a telemedicina, supón un aumento na variedade e calidade dos servizos á disposición dos cidadáns, pero tamén un incremento nas exixencias de dispoñibilidade para a infraestrutura na que se basean estas tecnoloxías.

Esta exixencia de dispoñibilidade implica definir os requisitos e procedementos necesarios para garantir unha instalación e uso homoxéneos, ordenados e seguros da infraestrutura e equipamento das tecnoloxías da información e comunicacións en todo o ámbito sanitario.

Por outra banda, a necesidade de homoxeneización, estandarización e integración dos sistemas informáticos e aplicacións da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, así como a consecución dos necesarios estándares de calidade, rendemento e seguridade nestas aplicacións e sistemas, obrigan a establecer procedementos, metodoloxías e requisitos comúns que regulen os aspectos xerais do seu desenvolvemento, adquisición, mantemento, implantación e uso.

O Decreto 13/2005, do 7 de febreiro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, encoméndalle no seu artigo 4.5º á Secretaría Xeral as funcións de deseño da estrutura básica, normalización, mantemento, explotación, así como a definición, coordinación e supervisión nestas materias, sen prexuízo das funcións asignadas a outras unidades. Por outra banda, o artigo 8 da mesma norma antes citada, prevé no organigrama a existencia dunha Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información, con funcións de proposta, análise e xestión no eido das tecnoloxías e sistemas de información.

Polo exposto, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento de medidas de estandarización, coordinación e supervisión en materia de tecnoloxías de información, entendendo como tal a informática e as comunicacións.

2. As medidas contidas nesta orde serán de aplicación no ámbito da Consellería de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde, das fundacións e doutros centros dependentes.

Artigo 2º.-Estandarización da instalación e do uso de infraestrutura e equipamento das tecnoloxías de información e comunicacións.

1. A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, a través da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecno

loxías de Información, establecerá e publicará os procedementos, requisitos e directrices técnicas en materia de:

a) Instalación de infraestrutura física e equipamento nas redes de comunicacións.

b) Instalación de equipamento hardware e software de base.

c) Utilización da infraestrutura, redes de comunicación e equipamento hardware.

d) Seguridade física e lóxica nas redes de comunicacións e sistemas informáticos.

2. Os procedementos, requisitos e directrices técnicas en materia de instalación, infraestrutura, redes, equipamento e seguridade deberán constar, para o seu cumprimento, nos pregos de prescricións técnicas dos expedientes de contratación.

Artigo 3º.-Deseño da infraestrutura.

A análise de requisitos, a selección da tecnoloxía, a determinación da arquitectura, así como o deseño das redes e infraestrutura física será realizada pola Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade a través da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información.

Artigo 4º.-Coordinación e supervisión da infraestrutura.

1. Deberán estar coordinados cos servizos de informática dos centros directivos e coa Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade a través da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información:

a) Os proxectos e propostas de adquisición, instalación e modernización de infraestrutura, redes e equipamento para as tecnoloxías da información e comunicacións.

b) A elaboración das prescricións técnicas xerais ou particulares dos correspondentes expedientes de contratación.

c) Os proxectos e propostas de deseño, modificación ou ampliación dos sistemas, redes e servizos.

d) As solicitudes de activación de enlaces e circuítos de comunicacións electrónicas.

e) As solicitudes de acceso a redes externas desde o sistema de información sanitario.

f) As solicitudes de acceso a recursos internos dende redes externas.

2. Os proxectos e as propostas de adquisición, instalación e modificación ou ampliación de infraestrutura, redes e equipamento, así como as prescricións técnicas xerais ou particulares dos correspondentes expedientes, deberán someterse ao visto e prace da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, logo do informe da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información.

Artigo 5º.-Plans de numeración e dirección.

Correspóndelle á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade a definición dos plans de numeración e dirección das diferentes redes de comunicacións que prestan servizo no ámbito a que se refire a presente orde, así como das regras e procedementos de asignación e uso dos números e enderezos.

Artigo 6º.-Nomes de dominio.

Correspóndelle á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade a creación, solicitude, asignación e xestión da totalidade dos nomes de dominio usados no ámbito a que se refire esta orde.

Artigo 7º.-Estandarización do proceso de desenvolvemento e adquisición de aplicacións, solucións e sistemas informáticos.

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade a través da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información establecer e publicar os procedementos, metodoloxías, requisitos e directrices técnicas que rexerán o desenvolvemento e adquisición de aplicacións, solucións e sistemas informáticos.

2. Os procedementos, metodoloxías, requisitos e directrices técnicas deberán constar nos pregos de prescricións técnicas dos expedientes de contratación.

Artigo 8º.-Coordinación e supervisión dos proxectos para o desenvolvemento e adquisición de aplicacións e sistemas informáticos.

1. Calquera proxecto de estudo, desenvolvemento ou implantación de aplicacións e sistemas informáticos deberá estar coordinado cos servizos informáticos dos centros directivos e coa Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade a través da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información.

2. Os proxectos e as propostas de desenvolvemento e contratación de aplicacións, solucións e sistemas de carácter informático así como as prescricións técnicas xerais ou particulares dos correspondentes expedientes, deberán someterse ao visto e prace da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, logo do informe da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información.

Artigo 9º.-Catálogo de aplicacións e sistemas informáticos.

1. A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, a través da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información publicará nun catálogo electrónico a lista actualizada de aplicacións e sistemas informáticos corporativos.

2. Será requisito necesario para a instalación de calquera aplicación ou sistema informático a súa previa inclusión no catálogo de aplicacións e sistemas informáticos.

3. Só serán incluídos no catálogo de aplicacións e sistemas informáticos as aplicacións e sistemas que sexan desenvolvidos ou adquiridos de acordo cos requisitos establecidos no procedemento de desenvolvemento e adquisición de aplicacións.

Artigo 10º.-Deseño e estandarización do servizo de directorio electrónico corporativo e dos servizos para a xestión, publicación e intercambio de información en formato electrónico.

Correspóndelle á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade a través da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información:

a) Seleccionar a tecnoloxía, establecer a arquitectura e definir as políticas de seguridade do servizo de directorio electrónico corporativo e dos servizos para a xestión, publicación e intercambio de información en formato electrónico, entendendo como tales o correo elec

trónico, a mensaxaría instantánea, a intranet, extranets, portais corporativos e sitios web.

b) Definir os procedementos e establecer as directrices técnicas para a definición, nomenclatura e xestión dos obxectos, unidades organizativas e atributos do directorio electrónico corporativo.

c) Estandarizar a imaxe corporativa e establecer as políticas de uso do servizo de correo electrónico, así como definir os procedementos e directrices técnicas para a nomenclatura, creación, organización e xestión dos usuarios, buzóns de correo, enderezos, alias, listas de distribución, grupos e calquera outro obxecto deste servizo.

d) Determinar os recursos, compoñentes, técnicas, formatos e procedementos admitidos na construción da intranet, extranet, portais corporativos e sitios web.

Artigo 11º.-Organización do espazo de nomes.

Establécese unha arquitectura de dominio único para a organización do espazo de nomes do servizo de directorio electrónico corporativo.

Artigo 12º.-Enderezos de correo electrónico.

Establécese un único nome de dominio, determinado segundo o disposto no artigo 6º desta orde, do que derivarán obrigatoriamente a totalidade dos enderezos de correo electrónico asignados no ámbito definido no artigo 1º.2.

Artigo 13º.-Catálogo de sitios web e portais corporativos.

1. A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, a través da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información, publicará nun catálogo electrónico a lista actualizada dos sitios web e portais corporativos incluídos no ámbito de aplicación desta orde, xa sexan internos ou externos, públicos ou restrinxidos.

2. Para a apertura e explotación dun sitio web ou portal corporativo será necesaria a súa inclusión previa no catálogo.

3. Só se incluirán no catálogo de sitios web e portais corporativos aqueles que se adecuen ás regras de estandarización a que se refire o artigo 10º desta orde ou que obteñan o visto e prace da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade.

Artigo 14º.-Restricións.

1. O equipamento das tecnoloxías de información destinado ao almacenamento e procesado de datos deberá ser instalado nos centros de proceso de datos ou en locais habilitados e autorizados para tal efecto.

2. O equipamento para as redes e sistemas de comunicacións só se poderá instalar en lugares que reúnan os requisitos ambientais e de seguridade física e estean habilitados para este uso.

3. A instalación de aplicacións e sistemas informáticos só se realizará no equipamento situado nos locais destinados a centro de proceso de datos ou nos habilitados e autorizados para tal efecto.

Disposición adicional

Os documentos que recollen os procedementos, metodoloxías, requisitos e directrices técnicas aos que se refire esta orde publicaranse utilizando medios electrónicos.

Disposicións transitorias

Primeira.-Establécese un período transitorio de seis meses desde a publicación desta disposición para que as aplicacións e sistemas instalados poidan ser incluídos no catálogo de aplicacións e sistemas informáticos ou, no seu defecto, a súa instalación poida ter o visto e prace da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, logo de informe da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información.

Transcorrido o devandito prazo, as aplicacións e sistemas que non estean incluídos no catálogo, ou non obteñan o visto e prace da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, deberán ser desinstalados.

Segunda.-Establécese un período transitorio de tres meses desde a publicación desta disposición para:

1. A eliminación ou migración dos espazos de nomes derivados de calquera nome de dominio que non fosen creados ou asignados de conformidade coa presente orde.

2. A eliminación ou migración dos enderezos de correo electrónico que non cumpran cos requisitos determinados na presente orde.

3. O peche dos sitios web e portais que non cumpran cos requisitos referidos nesta orde ou ben que a inclusión no catálogo non fose aprobada pola Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade.

4. A baixa e desinstalación dos enlaces e circuítos de comunicacións que non cumpran co establecido nos artigos 2º, 3º e 4º desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Autorízase o secretario xeral da Consellería de Sanidade para ditar as instrucións e acordos necesarios para levar a efecto o previsto na presente orde.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2005.

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA