DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 08 de xullo de 2005 Páx. 12.179

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 192/2005, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego de Consumo.

Pola Lei 8/1994, do 3 de decembro, creouse o Instituto Galego de Consumo como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á consellería competente en materia de consumo; así mesmo, o Decreto 329/1995, do 21 de decembro, desenvolve regulamentariamente a citada lei.

Para o máis eficiente cumprimento das súas funcións, por medio do Decreto 183/1996, do 9 de maio, desenvolveuse a estrutura orgánica do devandito instituto, diferenciándoas e delimitándoas respecto ás da consellería competente en materia de consumo.

A realidade dos feitos e as novas normas de protección ao consumidor, tanto a nivel europeo como estatal e autonómico, supuxeron na práctica un incremento de actividades e actuacións do Instituto Galego de Consumo; tendo en conta isto faise necesario modificar aquela estrutura orgánica ata o nivel de xefe de servizo distribuíndo as funcións dun xeito máis racional para así conferir a máxima eficacia no seu exercicio.

A estrutura que aproba este decreto está amparada pola competencia exclusiva que os artigos 148.1º.1 da Constitución española e 27.un do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúen á Comunidade Autónoma galega en materia de autoorganización das súas institucións de autogoberno.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, tralo informe das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de xuño de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Do Instituto Galego de Consumo.

1 . O Instituto Galego de Consumo para o exercicio das súas competencias e cumprimento dos fins que lle están encomendados pola Lei 8/1994, do 30 de decembro, contará coa estrutura que se establece no presente decreto.

2. O Instituto Galego de Consumo, para o cumprimento das súas funcións, estrutúrase nos seguintes órganos e unidades:

1. De superior dirección e xestión.

1.1. O Consello de Dirección.

1.2. O presidente do Instituto Galego de Consumo.

2. De dirección e xestión.

2.1. O xerente.

2.2. O Servizo de Asuntos Xerais.

2.3. O Servizo de Protección ao Consumidor.

2.4. O Servizo de Seguridade dos Produtos.

2.5. O Servizo de Información, Cooperación e Fomento.

2.6. As delegacións provinciais.

2.7. Os servizos provinciais.

2.8. O Laboratorio de Consumo de Galicia.

Artigo 2º.-O Consello de Dirección

1. O Consello de Dirección estará integrado polos seguintes membros:

a) O presidente.

b) Os vogais, que serán nomeados polo conselleiro de Innovación, Industria e Comercio por proposta dos órganos e entidades que representen, e serán:

-Dous representantes da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e un representante con rango de subdirector, por cada unha das restantes consellerías da Xunta de Galicia.

-Un representante pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

-Cinco representantes das organizacións de consumidores e usuarios, garantindo como mínimo un representante por cada provincia.

-Un representante das cámaras de Comercio de Galicia, designado polo Consello Galego de Cámaras.

-Un representante da Confederación de Empresarios de Galicia.

Actuará como secretario do Consello de Dirección, con voz pero sen voto, un funcionario do Instituto Galego de Consumo nomeado polo presidente do Instituto Galego de Consumo.

2. O Consello de Dirección, como órgano colexiado de superior dirección e xestión do Instituto Galego de Consumo, terá as funcións expresadas no artigo 6 da Lei 8/1994, do 30 de decembro.

3. O Consello de Dirección funcionará sempre en pleno e reunirase cada seis meses e sempre que sexa convocado polo seu presidente ou por solicitude dun terzo dos seus membros.

4. O presidente, cando así o considere oportuno, poderá convocar ás sesións do consello, con voz pero sen voto, asesores técnicos ou persoas representantes de organismos se considera de interese a súa presenza.

Artigo 3º.-O presidente.

1. Ao presidente do Instituto Galego de Consumo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Representar o instituto.

b) Presidir e convocar o Consello de Dirección.

c) Dirixir o instituto e facer cumprir e executar os acordos do Consello de Dirección.

d) Impulsar e supervisar as accións do organismo e das súas comisións e relatorios.

e) Atender e canalizar as propostas e peticións das organizacións de consumidores e usuarios e velar pola súa axeitada tramitación.

f) Ordenar os pagamentos.

g) Propoñerlle ao Consello de Dirección os plans xerais e os programas de actuación, así como os convenios de colaboración e cooperación que sexa preciso establecer con outros organismos e entidades.

h) Exercer a dirección superior do persoal.

i) Coñecer e coordinar os traballos e actividades que realicen os distintos órganos en materias que garden relación cos fins do instituto e que non estean expresamente reservados a outros órganos da Xunta de Galicia.

j) Propoñerlle ao Consello de Dirección a designación e a destitución do xerente.

k) Actuar como órgano de contratación do instituto con suxeición á normativa vixente e ao plan anual de actividades aprobado polo Consello de Dirección.

l) Designar e destituír o secretario do Consello de Dirección.

m) Declaración de produtos inseguros de acordo co Real decreto 1801/2003 e as medidas administrativas de reacción para garantir a seguridade xeral dos produtos, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

n) Confirmación ou levantamento das medidas cautelares adoptadas polo xefe do Servizo de Seguridade Xeral nos Produtos, no ámbito da súa competencia.

o) Implementar instrumentos de colaboración, cooperación e coordinación, cos concellos e demais entidades co fin de controlar o cumprimento do R.D. 1801/2003, do 26 de decembro, sobre seguridade xeral dos produtos.

p) Presidir a Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.

q) Exercer calquera outra función, non reservada expresamente a outros órganos da xunta, en materia propia do instituto.

2. O presidente poderá delegar nos delegados provinciais e no xerente as competencias e funcións relacionadas cos correspondentes ámbitos de actuación, excepto a presidencia da xunta arbitral que se poderá delegar ademais nos xefes provinciais de consumo.

3. No caso de ausencia, enfermidade ou vacante, o presidente será substituído polo xerente.

Artigo 4º.-O xerente.

1. As funcións do xerente serán as seguintes:

a) Promover, coordinar e realizar, baixo a superior dirección do presidente, as actuacións propias do instituto e executar o seu orzamento e o plan anual de actividades, de conformidade cos criterios aprobados polo Consello de Dirección.

b) Promover a cooperación e relacións do instituto con outras institucións e entidades, tanto públicas como privadas.

c) Elaborar o plan anual de actividades e a súa memoria explicativa, a memoria anual sobre actuacións e xestión do instituto, as contas e o anteproxecto do orzamento da entidade.

d) Administrar e xestionar o patrimonio e os recursos económicos do instituto e buscar outras liñas de financiamento.

e) Propoñer a ordenación de pagamentos.

f) Levar a cabo o asesoramento e os informes que lle solicite o presidente.

g) Dirixir o persoal do instituto.

h) Xestionar os asuntos de réxime interior, rexistro, publicacións, documentación administrativa, arquivo e inventario.

i) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar os servizos e unidades do instituto e ditar as disposicións, instrucións e circulares de funcionamento e comunicación entre as diferentes dependencias do organismo.

j) Impulsar, orientar e coordinar as funcións da Escola Galega de Consumo, relativas á formación e educación dos consumidores e usuarios.

k) Exercer calquera outra función que lle delegue o presidente ou lle encomende o Consello de Dirección.

Artigo 5º.-O Servizo de Asuntos Xerais.

1. Dependente do xerente do Instituto Galego de Consumo existirá o Servizo de Asuntos Xerais, ao que lle corresponde realizar as funcións de planificación, coordinación e execución, en relación coas seguintes materias:

a) Asesorar e emitir informes sobre aquelas cuestións que o presidente someta ao xerente, así como aquelas que lle encomende o propio xerente.

b) Elaboración do borrador de anteproxecto de orzamentos do Instituto Galego de Consumo e a súa execución e control, a tramitación das súas modificacións, así como a xestión económico-administrativa dos créditos orzamentarios e a xustificación de contas xerais.

c) Habilitación de pagamentos e adquisición, xestión e control de medios materiais para o funcionamento ordinario do instituto.

d) Coordinación e xestión de expedientes de contratación administrativa.

e) Xestión de persoal, réxime interno e coordinación do sistema de xestión de procedementos administrativos e outras de contido administrativo que lle atribúa o xerente.

f) Xestión de nóminas de persoal do instituto.

g) Exercer cantas funcións lle encomende o xerente.

Artigo 6º.-O Servizo de Protección ao Consumidor.

Dependente do xerente do instituto existirá o Servizo de Protección ao Consumidor, ao que lle corresponderá realizar as funcións de planificación, coordinación, execución e control en relación coas seguintes materias:

a) Elaboración dos proxectos de disposicións necesarios para o desenvolvemento, actualización da lexislación xeral de defensa do consumidor e usuario.

b) Campañas de inspección e control de calidade dos establecementos, bens e servizos existentes no mercado, para o cumprimento da súa normativa reguladora e a protección dos dereitos e lexítimos intereses dos consumidores e usuarios.

c) Investigación das denuncias por suposta infracción en materia de defensa dos consumidores e usuarios.

d) Iniciación, instrución e tramitación dos expedientes sancionadores que correspondan, para corrixir as infraccións detectadas en materia de defensa dos consumidores e usuarios.

e) Fomento da formalización de convenios arbitrais entre os consumidores e usuarios e os empresarios, para solucionar as súas controversias mediante a arbitraxe de consumo.

f) A mediación respecto das controversias derivadas de queixas ou reclamacións dos consumidores e usuarios.

g) Censo das empresas adheridas ao Sistema Arbitral de Consumo de Galicia.

h) Actuacións correspondentes á Secretaría da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.

i) Exercer cantas funcións lle encomende o xerente.

Artigo 7º.-O Servizo de Seguridade dos Produtos.

1. Dependente do xerente do instituto existirá o Servizo de Seguridade Xeral dos Produtos, ao que lle corresponderá realizar as seguintes funcións:

a) Xestión do sistema de intercambio rápido de información sobre perigos derivados de produtos de uso ou consumo (rede de alerta).

b) Adopción de medidas cautelares no ámbito da seguridade xeral dos produtos cando afecte toda a comunidade autónoma.

c) Proposta ao presidente do instituto para a declaración dun produto como inseguro así como a proposta das medidas administrativas de reacción para garantir a seguridade xeral dos produtos, no ámbito da comunidade autónoma.

d) Advertencia e requirimento aos produtores e distribuidores do cumprimento dos seus deberes de producir e distribuír produtos seguros.

e) Coordinar as actuacións dos servizos provinciais, no ámbito da materia de seguridade dos produtos e a rede de alerta.

f) Exercer cantas funcións lle encomende o xerente.

Artigo 8º.-O Servizo de Información, Cooperación e Fomento.

1. Dependente do xerente do Instituto Galego de Consumo existirá o Servizo de Información, Cooperación e Fomento, ao que lle corresponderá realizar as funcións de planificación, coordinación, execución e control en relación coas seguintes materias:

a) Elaboración e difusión de proxectos de estudos, análises e enquisas sobre produtos e servizos ofrecidos aos consumidores.

b) Deseño e elaboración e difusión de publicacións e material informativo do Instituto Galego de Consumo.

c) Funcionamento, organización e xestión do centro de documentación do Instituto Galego de Consumo.

d) Deseño e elaboración de campañas e xornadas informativas, sobre consumo, dirixidas a distintos sectores e/ou aos consumidores en xeral.

e) Cooperación e asistencia ás organizacións de consumidores, oficinas e demais organismos e entidades interesadas.

f) Tramitación, execución e seguimento de convenios de colaboración ou cooperación con organismos, entidades e organizacións na materia de consumo.

g) Xestión do rexistro de organizacións de consumidores e demais entidades relacionadas co Instituto Galego de Consumo.

h) Tramitación e seguimento de axudas e subvencións a organizacións de consumidores, concellos e entidades relacionadas coas materias propias deste servizo.

i) Execución, coordinación e tramitación do pagamento de axudas e subvencións a que se fai referencia na alínea anterior.

j) Exercer cantas funcións lle encomende o xerente.

Artigo 9º.-As delegacións provinciais.

1. En cada unha das provincias da comunidade autónoma existirá unha delegación provincial do instituto na que se integrarán todas as unidades de carácter provincial ou local en materia de consumo situadas no seu ámbito territorial.

2. Os delegados provinciais do instituto serán os da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, e nesta condición asumirán a dirección, no ámbito provincial respectivo, das funcións competencia do instituto baixo a dependencia funcional do presidente do dito organismo.

3. No ámbito territorial respectivo correspóndenlle as seguintes competencias:

a) Exercer a representación ordinaria do presidente do instituto na respectiva provincia.

b) Impulsar a xestión e tramitación de expedientes administrativos nas materias do ámbito de competencias do instituto.

c) Declaración de produtos inseguros de acordo co Real decreto 1801/2003 e as medidas administrativas de acción para garantir a seguridade xeral dos produtos, no ámbito do seu territorio.

d) Confirmación ou levantamento das medidas cautelares adoptadas polos servizos provinciais no ámbito da súa competencia.

e) Calquera outra competencia ou atribución que as leis e demais disposicións xerais lles confiran ou lles sexan delegadas polo Consello de Dirección ou polo presidente do instituto.

Artigo 10º.-Os servizos provinciais.

1. Baixo a autoridade e supervisión do delegado e sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar do xerente do instituto, cada delegación provincial contará cunha unidade administrativa coa categoría de servizo.

2. Os servizos provinciais terán as seguintes funcións:

a) A xestión de cantos asuntos en materia de consumo teñan atribuídos a delegación provincial, asegurando o cumprimento dos obxectivos no seu correspondente ámbito territorial.

b) A execución das medidas adoptadas polo xerente en materia de : réxime interior, tramitación administrativa, xestión de persoal, rexistro xeral e arquivos da delegación, información ao público, elaboración das estatísticas da delegación provincial en coordinación co Instituto Galego de Estatística e a iniciación de expedientes sancionadores en materia de defensa do consumidor e usuario e calquera outra que lle sexa encomendada pola xerencia.

c) Apoio a actuacións informativas e formativas no marco de planificación estratéxica do IGC.

d) Proposta ao delegado provincial e, se é o caso, ao presidente do Instituto Galego de Consumo para a declaración dun produto como inseguro así como a proposta das medidas administrativas de reacción para garantir a seguridade xeral dos produtos, no ámbito do seu territorio.

e) Adopción das medidas cautelares dos produtos que incumpran o deber xeral de seguridade localizados no seu territorio.

f) A xestión da rede de alerta no ámbito do seu territorio.

g) Advertencia e requirimento aos produtores e distribuidores do cumprimento dos seus deberes de producir e distribuír produtos seguros.

h) A execución das medidas adoptadas polo presidente do Instituto Galego de Consumo e do delegado provincial.

i) Exercer cantas funcións lle encomende o xerente.

Artigo 11º.-O Laboratorio de Consumo de Galicia.

1. O Laboratorio de Consumo de Galicia, baixo a dependencia do xerente do instituto contará cun director técnico e terá as seguintes funcións:

a) Realización de ensaios sobre os produtos existentes no mercado a disposición dos consumidores e usuarios.

b) Información e asesoramento en temas relacionados co control dos produtos á disposición dos consumidores e usuarios.

c) Colaboración con outros organismos e entidades que teñan funcións en harmonía co Laboratorio de Consumo de Galicia.

d) Realizar informes en materia de seguridade dos produtos co obxecto de avaliar o cumprimento dela con respecto aos produtos existentes no mercado.

e) Propoñer campañas de inspección especialmente en materia de seguridade dos produtos.

f) Calquera outra función que lle encomende o xerente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Por orde da consellería competente en materia de consumo poderase crear unha comisión técnica para a seguridade dos produtos de ámbito autonómico como órgano técnico de asesoramento e estudo no ámbito de aplicación da normativa de seguridade que será presidida polo presidente do Instituto Galego de Consumo e o secretario será o xefe do Servizo de Seguridade Xeral dos Produtos cuxas funcións, competencias e composición concreta será fixada na dita orde.

Segunda.-O Consello Galego de Consumidores e Usuarios e a Xunta Arbitral de Consumo de Galicia quedan adscritos á consellería competente en materia de consumo, a través do Instituto Galego de Consumo.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 183/1996, do 9 de maio, polo que se crea a estrutura orgánica do Instituto Galego de Consumo, así como calquera outra normativa de igual ou inferior rango que se opoña ou contradiga o establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase ao conselleiro de Innovación, Industria e Comercio para ditar as disposicións que

sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xuño de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA