DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 06 de xullo de 2005 Páx. 12.017

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 190/2005, do 23 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Salvaterra de Miño, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento na muralla norte da fortaleza de Salvaterra de Miño.

O Concello de Salvaterra de Miño en sesión celebrada o día vinte e seis de xaneiro de dous mil cinco, aprobou o proxecto de acondicionamento na muralla norte da fortaleza de Salvaterra de Miño e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e, solicitados informes á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, estes foron emitidos favorablemente.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello, a actuación é necesaria debido ao mal estado de conservación da mura

lla, co conseguinte perigo de desprendemento de pedras que puidesen causar danos persoais, e posibilitando ademais o adecentando e limpeza, evitando focos de infección e posibles incendios, que poderían facer perigar as vivendas lindantes; así mesmo estase a producir a desaparición das pedras propias da antigua muralla, o que supón unha perda do patrimonio histórico artístico, polo que o proxecto evitaría a grave deterioración que se está a producir.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de xuño de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, é declarada a urxente ocupación, polo Concello de Salvaterra de Miño para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acondicionamento na muralla norte da fortaleza de Salvaterra de Miño, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xuño de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local