DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 06 de xullo de 2005 Páx. 12.014

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2005, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se lle dá publicidade ao convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación ECCA na formación de persoas adultas para a obtención do título de graduado en educación secundaria.

Autorizado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 26 de maio de 2005, a sinatura do convenio de colaboración na formación de persoas adultas para a obtención do título de graduado en educación secundaria, procédese á súa publicación no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2005.

María Luisa Castro Casas

Directora xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais

ANEXO

Convenio de colaboración entre a Consellería

de Educación e Ordenación Universitaria e

a Fundación ECCA na formación de persoas

adultas para a obtención do título de graduado

en educación secundaria

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2005.

Reunidos:

Dunha parte Celso Currás Fernández, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, actuando no exercicio das facultades que lle outorga o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Da outra, Jaime García Agudín, director xeral da Fundación ECCA en Galicia, como representante dela e en virtude das facultades outorgadas por decisión do director xeral da fundación, segundo queda reflectido en escritura notarial número 1173, formalizada ante o notario das Palmas de Gran Canaria, José Manuel Díez Lamana, o 24 de abril de 1995.

Manifestan:

Primeiro.-Que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, segundo sinala a Lei 9/1992, de educación e promoción de adultos, ten como unha finalidade preferente da súa actuación a educación e promoción dos adultos de Galicia a través do conxunto de accións de carácter educativo, cultural, social e profesional que proporcionen a todos os residentes no territorio da comunidade autónoma que superaron a idade de escolaridade obrigatoria o acceso, de forma gratuíta e permanente, aos niveis educativos e profesionais, a súa formación persoal e a súa integración social e laboral.

Que de acordo coa lexislación actual española e coas recomendacións da Unión Europea, a titulación mínima que debería alcanzar calquera persoa é o título básico do sistema educativo, o graduado en educación secundaria, que dá acceso aos posteriores niveis formativos e que permite tamén a inserción laboral.

Segundo.-Que para esta finalidade a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recoñece o papel fundamental que xogan os medios de comunicación social, pola súa capacidade de chegar a un gran número de persoas coas súas actuacións e cos contidos que transmiten.

Terceiro.-Que con esta finalidade e de acordo co sinalado na Lei orgánica 10/2002, de calidade da educación, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fomenta a colaboración con institucións culturais, profesionais e empresas públicas e privadas que poden levar a cabo actuacións significativas neste terreo.

Cuarto.-Que a Fundación ECCA é unha fundación de carácter cultural privada, con ámbito de actuación ilimitado, sendo o seu obxectivo fundamental a promoción cultural e a elevación da formación humana das persoas, antepoñendo sempre os intereses dos sectores socialmente máis desfavorecidos. Que isto o realiza preferentemente a través dunha metodoloxía que utiliza as emisións radiofónicas como vehículo privilexiado de comunicación. E que vén realizando esta tarefa na Comunidade Autónoma de Galicia desde hai máis de vinte anos, impartindo actividades formativas dirixidas a todas as persoas adultas de Galicia.

Quinto.-Que as dúas institucións conflúen no obxectivo común de fomentar o desenvolvemento educativo e cultural de todos os galegos e galegas, como xa quedou plasmado noutros acordos previos de colaboración, concretamente no convenio asinado o 3 de marzo de 2004 para a difusión das clases radiofónicas de Radio ECCA coa colaboración da Radio Galega.

En consecuencia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación ECCA establecen o presente convenio de colaboración que se rexerá polas seguintes cláusulas:

Primeira.

Establecer un convenio de colaboración que ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento cul

tural, persoal e social dos adultos e adultas de Galicia, facendo especial fincapé en todo o relacionado coa difusión da lingua e cultura galegas, e isto mediante a metodoloxía propia de ECCA, que supón a audición por parte dos adultos de clases emitidas radiofonicamente, a utilización de materias específicos deseñadas para o seguimento desas clases e a asistencia a encontros presenciais de carácter orientador.

Segunda.

a) O alumnado interesado nas ensinanzas básicas para persoas adultas e que cumpra os requisitos legais realizará a súa inscrición nun centro público con ensinanzas autorizadas de educación secundaria para adultos a distancia ou ben nas probas para a obtención do título de graduado en secundaria para maiores de dezaoito anos.

b) O persoal destinado na Fundación ECCA organizará a atención do alumnado de acordo coa metodoloxía que lle é propia, establecendo os grupos de alumnos correspondentes, proporcionándolle o material necesario para a audición das clases radiofónicas e prestándolle o apoio presencial necesario.

c) Nas datas correspondentes, o alumnado realizará as avaliacións no centro público onde estea matriculado ou acudirá ás probas para a obtención do título de graduado en secundaria. Neste último caso, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria tomará as medidas oportunas para que os profesores de educación secundaria destinados na Fundación ECCA formen parte do tribunal ou tribunais que examinen o alumnado que seguiu esta metodoloxía.

Terceira.

A Fundación ECCA poñerá á disposición do alumnado o material didáctico necesario para o seguimento da súa metodoloxía, os locais para as actividades didácticas e asegurará a emisión das clases radiofónicas ou a súa entrega ao alumnado en calquera outro soporte técnico que se adapte á súa metodoloxía.

Cuarta.

a) Acolléndose ao establecido no Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por funcionarios públicos docentes que impartan ensinanzas de niveis non universitarios, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria destinará, para o curso 2005-2006, nove profesores/as, cinco pertencentes ao corpo de educación primaria e catro ao de secundaria, un para cada ámbito de coñecementos da educación secundaria para persoas adultas, para realizar as tarefas sinaladas nos puntos anteriores. Xunto á matriculación e atención do seu alumnado e a gravación das clases que se emiten radiofonicamente, este profesorado elaborará os materiais escritos específicos que utilizan as persoas adultas que seguen estas ensinanzas.

b) O profesorado realizará as súas tarefas nos locais que a Fundación ECCA posúe en Vigo, na rúa Velázquez Moreno 9. Igualmente, de acordo co proce

demento legalmente establecido, poderá autorizarse a utilización das instalacións escolares cando así sexa necesario de acordo coas actividades para desenvolver na impartición das ensinanzas de Radio ECCA.

c) O réxime e calendario de traballo deste profesorado será, en xeral, o do profesorado do mesmo corpo destinado en centros públicos de educación de adultos, aínda que, dada a especificidade da metodoloxía utilizada, poderá realizar parte do seu horario en fin de semana e poderá desprazarse a diversas localidades da provincia onde estea destinado para cumprir as tarefas de difusión e ensinanza propias da metodoloxía utilizada.

d) Os profesores destinados en cada provincia con esta finalidade quedarán asignados á mesma zona da inspección educativa á que corresponde o centro público ou os locais da fundación onde realicen a súa tarefa.

Quinta.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria colaborará coa Fundación ECCA, coa achega dos profesores e locais antes citados así como coa achega máxima de 6.670 euros para o ano 2005 e 13.340 euros para o ano 2006, con cargo á partida orzamentaria 07.04.322S.480.00. Estas cantidades estarán destinadas a sufragar os gastos de funcionamento que xere a prestación dos servizos previstos neste convenio. O 65% das contías achegadas corresponden a fondos da Unión Europea (Fondo Social Europeo) e o 35% restante a fondos da comunidade autónoma.

Os pagamentos serán parciais, a medida que a Fundación ECCA xustifique os gastos e nunca cun importe que supere o 80% da subvención. A cantidade restante aboarase logo da presentación dunha memoria sobre o desenvolvemento do proxecto e a xustificación da aplicación dos fondos achegados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tal como se establece no artigo 16.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas ás subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sexta.

Todas as facturas e xustificantes de gastos imputables a estas accións deberán ser contabilizados e arquivadas na Fundación ECCA de maneira diferenciada ou, cando menos, estar claramente identificadas. Para a xustificación dos gastos achegados polo Fondo Social Europeo seguirase o Manual para a xustificación de gastos cofinanciados polo Fondo Social Europeo que elaborou a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Sétima.

A Fundación ECCA ten a obriga de realizar as oportunas medidas de información e publicidade que sensibilicen os alumnos beneficiarios desta oferta formativa, así como a opinión pública, sobre o papel desempeñado pola Unión Europea en relación coa aprendizaxe ao longo da vida.

Oitava.

Toda divulgación que se faga das actividades previstas neste convenio deberá facer mención da colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, da Unión Europea e da Fundación ECCA. Cando a difusión se realice por medios escritos, aparecerá sempre o logotipo da imaxe corporativa da Xunta de Galicia e o da Unión Europea en igual tamaño e consideración có da Fundación ECCA.

Novena.

Para realizar o seguimento e valoración do desenvolvemento do presente convenio créase a Comisión Coordinadora do Convenio, integrada pola directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, o director xeral de Centros e Ordenación Educativa, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o director da Fundación ECCA en Galicia, e outra persoa designada por este.

A presidencia da comisión corresponderalle á directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais. A comisión deberá reunirse, logo da convocatoria, cando menos, unha vez ao ano e sempre que o solicite unha das partes. Os acordos adoptaranse por unanimidade.

Décima.

O presente convenio rematará o 31 de agosto de 2006 e prorrogarase mediante addendas por períodos anuais mentres non exista denuncia da norma por algunha das partes, deixando de ter efecto finalizado o curso escolar correspondente. Para a formulación de denuncia será necesaria comunicación á comisión de seguimento.

Décimo primeira.

O presente convenio ten natureza administrativa e os seus efectos rexeranse polo establecido nas súas estipulacións, quedando suxeito ao disposto polo Acordo da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares, feito público por resolución da Consellería de Economía e Facenda, do 8 de abril de 1991.

Aínda que é un dos excluídos do ámbito de aplicación do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, segundo se especifica o seu artigo 3, ao non previsto aplicaránselle os principios recollidos no devandito real decreto, co fin de resolver as dúbidas e omisións que se puidesen presentar.

Décimo segunda.

Son causas de resolución do presente convenio:

a) O incumprimento total ou parcial das súas cláusulas ou alteración esencial do seu contido sen contar coa autorización expresa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

b) O transcurso do tempo estipulado sen que se culminen as actividades acordadas.

Décimo terceira.

A posible discrepancia na aplicación e/ou interpretación deste convenio resolverase por diálogo directo entre as partes ou pola comisión de seguimento prevista na cláusula novena.

Décimo cuarta.

As cuestións litixiosas que poidan xurdir na aplicación do presente convenio resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa.

E en proba de conformidade, asínase o presente convenio, en triplicado exemplar, no lugar e data anteriormente indicado.

Pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández.

Pola Fundación ECCA, Jaime García Agudín.