DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 30 de xuño de 2005 Páx. 11.580

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 21 de xuño de 2005 pola que se aproba o Regulamento técnico específico de produción integrada de cultivos hortícolas.

No Decreto 68/2004, do 11 de marzo, defínese a produción integrada como un sistema de produción agraria, que utiliza ao máximo os recursos e os mecanismos de produción naturais mediante a introdución de tecnoloxías respectuosas co medio, asegurando unha produción de alta calidade e salubridade contrastada, a rendibilidade da explotación e a eliminación ou redución de insumos exteriores e de fontes contaminantes.

Estes requisitos recóllense para cada cultivo ou produto ou grupo de cultivos ou produtos no correspondente regulamento técnico, que recollerá as normas técnicas que se seguirán desde a fase de obtención da materia prima ata, se é o caso, a elaboración, manipulación, envasado, etiquetaxe, almacenaxe e posta á disposición do consumidor.

A produción integrada reflite a aplicación destas normas ao garantir no seu sistema produtivo a rastrexabilidade das producións agrarias e consecuentemente ao aplicar os principios de control ao longo de toda a cadea de produción de alimentos. Deste xeito en calquera punto das devanditas fases produtivas se poderá verificar o cumprimento da aplicación das prácticas respectuosas co ambiente, así como a seguridade e a calidade do produto.

A aprobación do regulamento técnico implica a apertura no Rexistro Oficial de Produción Integrada, da sección correspondente para o cultivo ou produto recollido nesta orde, co fin de que os operadores soliciten a súa inscrición, segundo as indicacións recollidas na Orde do 30 de maio de 2005 da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural pola que se desenvolve o Decreto 68/2004, do 11 de marzo, que regula a produción

integrada e a súa indicación nos produtos agrarios.

Así mesmo, o cumprimento das normas contidas neste regulamento técnico permitirá, tras as verificacións oportunas, a concesión ao operador do emprego da identificación de garantía de produción integrada da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, en virtude do exposto de conformidade co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Obxecto.

Aprobar o Regulamento técnico específico de produción integrada de cultivos hortícolas que se incorpora no anexo I desta orde, no cal figuran as prácticas obrigatorias, recomendadas e prohibidas para o dito sistema produtivo. Así mesmo como anexo II, figura o modelo de caderno de explotación que deberá ser empregado como xustificación do seguimento das normas técnicas de produción integrada, servindo ademais de instrumento fundamental para o control e certificación do proceso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.

Facúltase o director xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria para ditar as instrucións necesarias de adaptación ou modificación dos anteditos anexos, como consecuencia de novos coñecementos e avances técnicos e científicos, ou para incorporar normativa de obrigado cumprimento, que ao respecto se estableza.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2005.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria e

Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA