DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Venres, 24 de xuño de 2005 Páx. 11.155

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 165/2005, do 16 de xuño, polo que se modifica o Decreto 255/2003, do 8 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

O Decreto 255/2003, do 8 de maio, establece a estrutura orgánica da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública co fin de fixar o marco xurídico de actuación para levar a cabo os cometidos asignados aos distintos órganos superiores.

O artigo 5 desenvolve a Vicesecretaría Xeral, sendo preciso neste momento modificar a súa estrutura organizativa creando o Servizo de Rexistro Xeral, co fin de unificar, dirixir e coordinar as funcións das distintas oficinas de rexistro dos servizos centrais da Xunta de Galicia, dependentes da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública. Esta creación vén motivada polo crecemento exponencial de solicitudes, escritos e comunicacións dirixidos polos cidadáns ás administracións públicas coadxuvando a implementar o reforzamento da seguridade xurídica e a efectividade dos seus dereitos nas súas relacións coa Administración autónoma.

En consecuencia, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no exercicio da facultade que me outorga o artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, tras o informe da Inspección Xeral de Servizos e da Consellería de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Engádese o número 2.7 ao artigo 5º.2 do Decreto 255/2003, do 8 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública:

Artigo 5º

2. Para o exercicio das súas funcións, e con nivel orgánico de servizo, a Vicesecretaría Xeral contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. Diario Oficial de Galicia.

2.2. Servizo Técnico Xurídico.

2.3. Servizo de Persoal.

2.4. Servizo do Secretariado do Goberno.

2.5. Servizo de Tradución.

2.6. Servizo de Fundacións.

2.7. Servizo de Rexistro Xeral.

Configúrase como unha unidade administrativa en que se integran as oficinas de rexistro dos servizos centrais, dependentes da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, correspondéndolle as seguintes funcións:

a) Baixo a dirección do vicesecretario xeral, a dirección, seguimento e control do rexistro xeral da Xunta de Galicia, así como a súa coordinación cos demais rexistros oficiais da Administración autonómica.

b) A recepción de solicitudes, escritos e comunicacións presentadas polos cidadáns, así como dos documentos que os acompañen, dirixidos ás administracións públicas.

c) A expedición de recibos de presentación de solicitudes, escritos e comunicacións.

d) A anotación de asentos de entrada e saída das solicitudes, escritos e comunicacións.

e) A remisión de solicitudes, escritos e comunicacións aos órganos ou unidades destinatarias.

f) Emitir certificacións das solicitudes, escritos e comunicacións que se presentasen.

g) Calquera outra que lle atribúan legal ou regulamentariamente.

Disposición adicional

Única.-O disposto neste decreto non supón incremento do gasto orzamentario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública