DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Xoves, 23 de xuño de 2005 Páx. 11.043

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 14 de xuño de 2005 pola que se regula a obtención e renovación das licenzas de pesca marítima de recreo en superficie clase A.

O Decreto 211/1999, do 17 de xuño, polo que se regula a pesca marítima de recreo, autoriza o exercicio da pesca marítima recreativa nas seguintes modalidades: a) en superficie, desde terra ou desde unha embarcación deportiva ou de lecer; b) submarina, nadando ou mergullando en apnea, logo de obter a licenza correspondente.

O artigo 103 da Constitución española sinala a eficacia como un dos principios que deben rexer o actuar das administracións públicas. Pola súa banda a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no seu artigo 3 alude, xunto cos principios constitucionais, aos de eficiencia e servizo aos cidadáns, recoñecendo no artigo 35 o dereito dos cidadáns a que se lles facilite o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas. Para a consecución deste obxectivos a Lei 30/1992 destaca, no seu artigo 45, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e no exercicio das súas competencias, polo que as insta a que as impulsen e as apliquen.

Con esta finalidade dítase esta orde que determina os procedementos de obtención e renovación da licenza que habilita para a práctica de pesca marítima de recreo na súa modalidade de superficie, clase A, previndo a posibilidade de obtela e renovala presentando a solicitude tanto por escrito como por vía telemática ou nas entidades financeiras coas que se asine o correspondente convenio de colaboración.

Por iso, en virtude da facultade concedida na disposición derradeira primeira do Decreto 211/1999, do 17 de xuño,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é o establecemento dos requisitos e procedemento para a obtención e renovación da licenza que faculta para exercer a pesca marítima de recreo en superficie, clase A.

A licenza necesaria para realizar a práctica da pesca marítima de recreo en superficie axustarase ao modelo que figura no anexo I desta orde.

Artigo 2º.-Expedición das licenzas de pesca marítima de recreo en superficie.

A expedición das licenzas reguladas nesta orde correspóndelle aos delegados territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 3º.-Requisitos para a obtención da licenza de pesca marítima de recreo en superficie.

Para a obtención da licenza de pesca marítima de recreo en superficie, clase A, será necesario:

-Ser maior de 16 anos.

-Pagar as taxas que correspondan.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes de obtención ou renovación da licenza poderán presentarse, á elección da persoa solicitante, por vía escrita ou por vía telemática da seguinte forma:

1) Vía escrita (en soporte papel):

A persoa interesada presentará a solicitude de conformidade co modelo que figura no anexo II desta orde, xunto co documento que acredite a súa identidade e o documento da liquidación da taxa, nas delegacións territoriais e comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A solicitude poderá presentarse, tamén por esta vía, nas entidades financeiras nas que se realice o pagamento da taxa e que subscribisen o correspondente convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a tramitación das licenzas de pesca marítima de recreo en superficie.

2) Vía telemática (por medios electrónicos):

Poderá accederse a esta vía de presentación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet: http://www.xunta.es/servicios, en concreto para este procedemento http//www.xunta.es/apps/lpd, onde se disporán os medios de axuda para a presentación da solicitude e obtención da licenza.

O solicitante poderá acceder a este servizo para obter ou renovar a licenza empregando un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3, consonte o disposto no Decreto 200/2003, do 20 de marzo, e realizando o pagamento da taxa por algún dos procedementos habilitados.

Para a renovación da licenza poderá acceder tamén sen contar co certificado dixital, unicamente introducindo o par: número do documento de identidade e número da licenza.

Artigo 5º.-Renovación da licenza.

A licenza poderá renovarse no prazo dos dous meses anteriores ao termo da súa vixencia, logo de pagamento da taxa correspondente, por algún dos procedementos indicados no artigo 4º.

Disposición adicional

A consecuencia do disposto nesta orde procédese á actualización dos anexos II e IV da Orde do 13 de agosto de 1999, pola que se desenvolve o Decreto 211/1999, do 17 de xuño, polo que se regula a pesca marítima de recreo, que se publican como anexos III e IV desta orde.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango en canto contradigan ou se opoñan ao disposto na presente orde, en particular o artigo 3.1º 1 da Orde do 13 de agosto de 1999, pola que se desenvolve o Decreto 211/1999, do 17 de xuño, polo que se regula a pesca marítima de recreo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director ou directora xeral de Recursos Mariños para ditar as disposicións nece

sarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 xuño de 2005.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos