DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Martes, 21 de xuño de 2005 Páx. 10.915

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 18 de maio de 2005 para lle outorgar a aprobación definitiva ao proxecto de modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Tomiño (Pontevedra). (Expediente PO-03010).

O Concello de Tomiño conta con Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado definitivamente con data do 29-3-2001.

A documentación remitida consta de expediente administrativo e proxecto técnico do plan e anexo.

Con data do 29 de marzo de 2005, aprobáronse definitivamente, por orde do conselleiro, as modificacións referentes ás ordenanzas 9 Solo rústico de protección forestal e 10 Solo rústico de protección agropecuaria; cualificación de espazo libre de uso público dunha parcela duns 80 m, regulada pola ordenanza 1, no núcleo urbano de Tomiño; e nova ordenanza de telefonía móbil; e suspendeuse a aprobación definitiva en canto á proposta de reclasificación de solo rústico de protección ecolóxica. A documentación agora presentada emenda as observacións sinaladas, e, advertido erro na aprobación definitiva das ordenanzas 9 e 10 eméndase no contido ao entender que a modificación o é no sentido de adaptarse ao disposto pola lexislación urbanística galega.

O obxecto deste documento é a reclasificación dun ámbito de 184 ha de solo de protección ecolóxica en solo de protección forestal e a corrección na modificación das ordenanzas 9-10.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido con data do 9-9-2003, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

Revisado o documento relativo á modificación puntual nº 1 do PXOM e analizados os aspectos sinalados no artigo 85.7º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, procede sinalar:

1. Reclasificación dun ámbito de solo de protección ecolóxica: en primeiro lugar apréciase un erro material ou tipográfico no texto xa que da documentación gráfica existente e proposta, apréciase

que superficie afectada é de aproximadamente 184 ha e non 104 ha; debe corrixirse este erro.

De acordo coas observacións anteriores, clarifícase que o solo pasa a ter a cualificación de solo rústico de protección forestal, na súa totalidade.

Incorpórase o estudo dos valores ecolóxicos, xustificando o mellor uso como utilización dos recursos de monte baixo, actual proposta que impón unha mellor flexibilidade á hora de planificar actuacións sobre este monte que repercuten favorablemente na xestión forestal sustentable.

En todo caso, esta recualificación non exime de solicitar as autorizacións legalmente exixibles para usos e actuacións sobre o solo que establece a lexislación urbanística.

2. Modificación das ordenanzas 9 e 10: o Pleno do Concello do 30 de abril de 2005, aprobou provisionalmente a proposta de nova delimitación de solo de protección forestal e a súa correspondente planimetría así como a adaptación das ordenanzas 9 e 10 de protección forestal e protección agropecuaria, á Lei 9/2002, de ordenación urbanistica coas modificacións derivadas da Lei 15/2004, do 29 de decembro, unha vez que foron cumpridas as directrices da Dirección Xeral de Urbanismo, respecto das citadas modificacións, segundo a Orde do 29 de marzo de 2005.

Estímase procedente a corrección proposta en canto fai referencia á adecuación da normativa destas ordenanzas á regulación actual da Lei 9/2002, segundo a redacción que teñen os preceptos correspondentes trala modificación efectuada pola Lei 15/2004.

3. En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e a proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desta mesma data,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente, nos termos sinalados nos fundamentos anteriormente recollidos, a modificación puntual nº 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Tomiño (Pontevedra), en canto á proposta de recualificación de solo rústico de protección forestal; así como a redacción das ordenanzas 9 e 10, de acordo co disposto na Lei 9/2002, na súa regulación vixente.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde, cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2005.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda