DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Luns, 20 de xuño de 2005 Páx. 10.771

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 162/2005, do 16 de xuño, polo que se modifica o Decreto 134/2002, do 4 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

O Decreto 134/2002, do 4 de abril, establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. Posteriormente o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia dispón no seu artigo 12.b).2 que queda adscrito á Consellería de Medio Ambiente o ente público Obras e Servizos Hidráulicos, ata entón dependente desta consellería.

Esta modificación orgánica, unida ás exixencias que en materia urbanística introduciu a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aconsellan levar a cabo unha serie de cambios na estrutura orgánica da consellería, na procura do cumprimento dos principios de racionalidade e eficacia que deben presidir o desenvolvemento do ámbito competencial e de xestión propio desta consellería.

A actual relación de postos de traballo da consellería recolle, como centro de destino dependente da Secretaría Xeral, a unidade de informática. Dado que o Decreto 134/2002, do 4 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, establece no seu artigo 5.4º que a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario se encargará do sistema de informatización e proceso de datos, é preciso recoller esta unidade na estrutura orgánica da consellería. Non obstante, o máis axeitado, vistas as competencias da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario, é recollela, non como centro de destino, senón como xefatura de servizo, concretamente como Servizo de Informática.

A aplicación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, xunto co crecemento de expedientes en materia de ordenación do territorio, xeran a necesidade de reestruturar os servizos da Dirección Xeral de Urbanismo.

Así mesmo, dita lei prevé no seu artigo 232 a creación do Xurado de Expropiación de Galicia, dentro da estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, como órgano colexiado permanente da Comunidade Autónoma de Galicia especializado nos procedementos para a fixación do xusto prezo na expropiación forzosa, cando a Administración expropiante sexa a comunidade

autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial.

Por outra banda, na Dirección Xeral de Obras Públicas para a consecución da racionalidade como principio inspirador da actuación administrativa é preciso levar a cabo unha modificación de distintas unidades administrativas. A realidade do traballo que desenvolven as subdireccións desta dirección xeral, especialmente no referente á planificación en materia de obras públicas e ao crecente aumento da carga de traballo derivada das distintas actuacións administrativas nacidas da xestión de vías de alta capacidade fan preciso abordar este proceso.

Por último, polos motivos expostos no parágrafo anterior, cómpre realizar un cambio na estrutura das delegacións provinciais da consellería, no relativo á materia de obras públicas.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, tras os informes favorables da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 134/2002, do 4 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda de conformidade co disposto nos seguintes puntos:

1. Dáselle unha nova redacción ao artigo 2.2º.2 que queda redactado da seguinte forma:

«Adscríbese, así mesmo, á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda o ente público Portos de Galicia, creado pola Lei 5/1994, do 29 de novembro».

2. Modifícase o artigo 5.4 no sentido de engadirlle un número 3:

«Servizo de Informática».

3. Dáselle unha nova redacción artigo 7 no seguinte sentido:

3.1. Engádeselle ao número 1 un número 4, que queda redactado do seguinte xeito:

«Servizo de Informes Urbanísticos».

3.2. Modifícase o número 2 deste artigo, eliminando a referencia que o número 4 fai ao Servizo de Inspección e Vixilancia Urbanística IV, que queda suprimido, pasando o actual número 5 a ser o número 4.

4. No artigo 8 elimínase o número 3.

5. Introdúcense unha serie de modificacións no artigo 9, nos seus números 1 e 2:

5.1. O número 1 deste artigo queda redactado da seguinte forma:

«"1. Subdirección Xeral de Estradas.

Terá como función o seguimento das actuacións que lle competen á Dirección Xeral de Obras Públicas en materia de planificación, así como en materia de expropiacións e da construción, conservación e explotación das estradas.

Contará cos seguintes servizos:

1.1. Servizo de Supervisión de Proxectos.

1.2. Servizo de Proxectos e Planificación.

1.3. Servizo de Obras.

1.4. Servizo de Conservación e Explotación».

5.2. O número 2 deste artigo queda coa seguinte redacción:

«2. Subdirección Xeral de Xestión.

Terá como función o seguimento das actuacións que lle competan á Dirección Xeral de Obras Públicas en materia de xestión económico-administrativa, xestión orzamentaria e xestión de vías de alta capacidade, así como daqueloutros asuntos xerais que lle sexan encomendados polo seu titular, e a elaboración de informes ou ditames relacionados coas devanditas funcións.

Contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo de Apoio Técnico.

2.2. Servizo de Xestión Económico-Administrativa.

2.3. Servizo de Xestión de Vías de Alta Capacidade».

6. Modifícase o artigo 14, eliminando a referencia que o número 3 fai ao Servizo de Supervisión de Proxectos, que quedan suprimidos, pasando os outros números 4, 5 e 6 a ser os números 3, 4 e 5.

7. Engádese un artigo 16 ao Decreto 134/2002, do 4 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, que se redacta do seguinte xeito:

«Artigo 16º

Adscríbese, con carácter de órgano colexiado permanente, á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda o Xurado de Expropiación de Galicia, creado pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro».

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación das distintas unidades administrativas, se cree ou se suprima algunha das devanditas unidades,

autorízase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, por proposta do secretario xeral, a readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilo con carácter temporal, sempre que non exista posto de igual nivel, a outros de inferior nivel se se trata de postos de provisión por concurso ata que, neste último caso, tales postos sexan cubertos na forma establecida regulamentariamente, sen que, en ningún caso, supoña a readscrición ou adscrición cambio de residencia. Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e na Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuída nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para ditar as normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-As consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda realizarán as modificacións que procedan na relación de postos de traballo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, derivadas da modificación da estrutura orgánica obxecto deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL