DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 17 de xuño de 2005 Páx. 10.580

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 160/2005, do 2 de xuño, polo que se modifica o Decreto 292/2004, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, transfire a competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos, sen prexuízo da competencia estatal sobre seguridade pública, de acordo co artigo 149 da Constitución.

O Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, recolle o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de espectáculos públicos.

Polo Decreto 336/1996, do 13 de setembro, a Comunidade Autónoma asume as funcións e servizos transferidos en materia de espectáculos públicos e procede a asignarlle as ditas funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

O Decreto 292/2004, do 18 de novembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia establece as denominacións e definicións de espectáculos públicos e actividades recreativas propias da Comunidade Autónoma.

A pesar do esforzo da consellería para tratar de recoller a realidade dos espectáculos e das actividades recreativas vixentes na vida social de Galicia, o certo é que determinadas actividades recreativas incluídas na epígrafe de restauración, baseándose nas observacións dos profesionais e usuarios do sector, non tiñan o encaixe preciso no catálogo, sendo o acomodo axeitado o da epígrafe de actividades de ocio e entretemento. As ditas actividades son, en concreto, os tablaos flamencos, café-teatro, café-concerto e café-cantante, con códigos de actividade 2.7.2.1 e 2.7.3.1. Estas actividades teñen en común que ofrecen actuacións en directo, ocio e entretemento e implican unha oferta cultural mediante a celebración de actuacións. A súa inclusión na área de actividades de restauración implica necesariamente o establecemento dun horario e condicións moi distintas ao que foi habitual para os usuarios deste tipo de locais, polo que parece conveniente, estando de acordo todos os sectores

afectados, darlle primacía á actividade de ocio que estes locais ofrecen.

Por outra banda, en relación coas actividades deportivas detectouse que determinados espectácu

los deportivos non se poden incluír en ningunha das categorías establecidas, polo que cómpre darlle cabida a unha nova categoría de establecementos de actividades e espectáculos deportivos.

Por último, fanse correccións puntuais a determinados aspectos do catálogo como son o de incluír a referencia á normativa de drogas nas sesións destinadas a menores; o carácter determinante dos informes dos concellos en relación coas autorizacións de carácter extraordinario; a desaparición da disposición adicional do anterior regulamento debido á publicación das correspondentes ordes de horarios; así como precisar os contidos das categorías de piscinas recreativas, discotecas e locais de restauración con horario especial en función do persoal ao que van dedicados.

En consecuencia, modifícase a normativa en vigor, búscanse solucións ás dificultades xurdidas coa publicación do catálogo e cóbrense as lagoas detectadas coa inclusión das novas actividades recreativas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, de acordo coa reunión mantida cos sectores e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de xuño de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o Decreto 292/2004, do 18 de novembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia nos seguintes termos:

1. O artigo 6º.-Sesións con menores, queda redactado do seguinte xeito:

«Os locais que teñan prohibida a entrada aos menores de 18 anos poderán realizar sesións destinadas ao público en idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos, tras a autorización previa na licenza, condicionada á prohibición de venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco segundo a vixente normativa sobre drogas e condicionada á prohibición da entrada de maiores de idade durante as sesións para menores».

2. O número 3 do artigo 7º, queda redactado do seguinte xeito:

«3. Para a concesión desta autorización será preceptivo o informe do concello respectivo».

3. Elimínase a disposición adicional.

4. Modifícase o anexo que recolle o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como figura no anexo deste decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de xuño de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local

ANEXO

Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos públicos

1. Espectáculos públicos.

Os espectáculos públicos clasifícanse en:

1.1. Espectáculos cinematográficos.

Teñen por obxecto a exhibición e proxección pública nunha pantalla de películas cinematográficas.

Enténdese por película cinematográfica a obra audiovisual consistente en creacións expresadas mediante unha serie de imaxes consecutivamente asociadas, con ou sen sonorización incorporada, independentemente do seu soporte material, que se proxecta sobre unha pantalla nun establecemento público.

As exhibicións realizaranse en:

-1.1.1. Cines tradicionais: establecementos públicos fixos e independentes que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente á celebración de espectáculos cinematográficos e conten cunha soa sala de exhibicións de películas cinematográficas.

-1.1.2. Multicines: establecementos públicos fixos que, independentemente ou agrupados con outros e debidamente autorizados, conten con máis dunha sala de exhibicións de películas e se destinan con carácter permanente á celebración de espectáculos cinematográficos.

-1.1.3. Cines de verán ou ao aire libre: establecementos públicos, fixos e independentes ou eventuais que, con carácter de tempada ou ocasional e, debidamente autorizados, se destinan á celebración de espectáculos cinematográficos ao aire libre nunha ou varias salas de exhibición.

-1.1.4. Autocines: establecementos públicos fixos ou eventuais en recintos pechados e descubertos que, con carácter permanente ou de tempada, se destinan á celebración de espectáculos cinematográficos, e nos cales os espectadores están en automóbiles ade-

cuadamente estacionados e distribuídos dentro do recinto.

1.2. Espectáculos teatrais e musicais.

Espectáculos teatrais: son espectáculos que implican a representación pública de obras escénicas ou de variedades, mediante a utilización, illada ou conxuntamente, da linguaxe, a mímica ou a música, así como títeres e monicreques, a cargo de actores ou executantes, sexan ou non profesionais, en locais pechados ou ao aire libre, debidamente acondicionados e autorizados para isto.

Espectáculo musical: aquel en que se produce a execución ou representación en público de obras ou composicións musicais, operísticas ou de danza, mediante a utilización, illada ou conxuntamente, de instrumentos musicais ou a voz humana a cargo de músicos, cantantes ou artistas, profesionais ou afeccionados, en locais pechados ou ao aire libre, debidamente acondicionados e autorizados para isto.

Os espectáculos teatrais e musicais poden desenvolverse en:

-1.2.1. Teatros: establecementos públicos fixos e independentes que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente á celebración de espectáculos teatrais ou musicais sobre un escenario nunha ou máis salas. Estarán dotados de escenario e camerinos.

-1.2.2. Teatros ao aire libre ou eventuais: establecementos públicos fixos ou eventuais que, independentes ou agrupados con outros e, debidamente autorizados, se destinan, con carácter de tempada ou ocasional, á celebración de espectáculos teatrais ou musicais sobre un escenario.

-1.2.3. Auditorios: establecementos públicos, fixos, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente, de tempada ou ocasional, á celebración de espectáculos musicais ou ao desenvolvemento de actividades recreativas culturais ou sociais.

-1.2.4. Auditorios ao aire libre e eventuais: establecementos públicos fixos ou eventuais, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan con carácter de tempada ou ocasional á celebración de espectáculos musicais ou ao desenvolvemento de actividades recreativas culturais ou sociais ao aire libre.

-1.2.5. Salas de actuacións: establecementos públicos fixos, con servizo de bar, con actuacións musicais e/ou de variedades en directo.

1.3. Espectáculos taurinos.

Son aqueles en que interveñen reses de gando bovino bravo para seren lidadas en prazas de touros con público, por profesionais ou afeccionados, de acordo coa normativa específica. A clasificación e características dos recintos serán os establecidos na normativa que rexe este tipo de espectáculos.

1.4. Espectáculos circenses.

Son espectáculos que se desenvolven en establecementos públicos fixos ou eventuais, con bancadas para espectadores, en que se realizan exercicios físicos de acrobacia que implican habilidade e risco, actuación de pallasos, malabaristas, prestidixitadores, e outras similares, e nos cales poden intervir animais domesticados. No caso de que participen animais débense cumprir as normas de protección de especies e ambientais vixentes no momento das actuacións. No caso da participación de profesionais menores de idade, débense cumprir os requisitos establecidos pola normativa laboral de menores vixente no momento da actuación. Desenvólvense en:

1.4.1. Circos: establecementos públicos fixos ou eventuais, con bancadas para os espectadores, en que se realizan os espectáculos circenses. Contarán con, polo menos, unha pista para a celebración das actividades circenses.

1.5. Espectáculos feirais.

Son espectáculos que se desenvolven en establecementos públicos fixos debidamente autorizados, con grandes espazos para a presentación de produtos naturais ou artificiais, derivados das plantas, animais ou da natureza, que poden dedicarse á celebración de eventos relacionados coa prestación de servizos, e nos cales as actividades realizadas están destinadas á difusión comercial e ao ocio dos visitantes. Desenvólvense en:

1.5.1. Recintos feirais: establecementos públicos fixos en que realizan os espectáculos feirais.

2. Actividades recreativas.

As actividades recreativas clasifícanse en:

2.1. Actividades culturais e sociais.

Son aquelas que se desenvolven en:

-2.1.1. Museos: establecementos públicos fixos e independentes que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente a recoller, adquirir, ordenar e conservar, co fin de estudo e exhibición de forma científica, didáctica e estética, un conxunto de bens mobles de valor cultural, que sexan testemuño da humanidade e do contorno natural, dirixido á investigación, educación, lecer e promoción científica e cultural.

-2.1.2. Bibliotecas: establecementos públicos fixos e independentes que, debidamente autorizados, se destinen con carácter permanente a poñer á disposición dos cidadáns, de maneira presencial ou a través de acceso remoto, un conxunto organizado de libros, publicacións, rexistros sonoros e outros rexistros culturais e da información, con fins de educación, investigación e, en xeral, enriquecemento do ocio.

-2.1.3. Bibliotecas móbiles: vehículos móbiles que, debidamente autorizados, dependendo ou non dunha biblioteca con establecemento fixo, se des

tinan con carácter permanente a poñer á disposición dos cidadáns, de maneira presencial, un conxunto organizado de libros, publicacións, rexistros culturais e da información con fins de educación, investigación e, en xeral, enriquecemento do ocio.

-2.1.4. Ludotecas: establecementos públicos fixos, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente á poboación infantil en idades comprendidas entre os dous e os doce anos e ás súas familias, co obxecto e fins establecidos na normativa que regula este tipo de establecementos como centros de servizos sociais.

-2.1.5. Videotecas: establecementos públicos fixos, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan con caracter permanente a proporcionar ou ofrecer ao público asistente a proxección de películas mediante magnetoscopios, en soporte de cintas videográficas ou de reprodutores de DVD.

-2.1.6. Hemerotecas: establecementos públicos fixos, independentes que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente a poñer á disposición dos cidadáns, de maneira presencial ou a través de acceso remoto, un conxunto organizado de publicacións de prensa escrita mediante calquera soporte.

-2.1.7. Salas de conferencias: establecementos públicos fixos, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente, de tempada ou ocasional, a ofrecer ao público a exposición oral de relatorios e debates mediante a utilización, se é o caso, de sistemas de megafonía, vídeo conferencia ou calquera outro sistema de comunicación falada a tempo real, dispoñendo de asentos fixos.

-2.1.8. Salas de exposicións: establecementos públicos fixos, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan a expoñer ao publico, obras artísticas ou de calquera outra índole e contido de interese cultural, mercantil ou social.

-2.1.9. Salas polivalentes e multiusos: establecementos públicos fixos onde se poden realizar actividades de características distintas pero cun fundamento común como son as reunións sociais, culturais, deportivas ou festivas.

-2.1.10. Salas dedicadas á celebración de cineclubs: establecementos públicos fixos, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan á celebración de espectáculos cinematográficos encadrados en ciclos de autor ou a manifestacións artísticas de cine, así como a celebración de debates durante a mesma sesión unha vez que sexa proxectada a película de que se trate.

-2.1.11. Pazos de exposicións e congresos: establecementos públicos fixos e independentes que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente á celebración, conxunta ou illadamente,

dentro das súas instalacións, dunha ou máis exposicións de contido mercantil, cultural ou social, así como a celebración de congresos de índole cultural, social ou mercantil, en diferentes salas situadas no seu interior.

2.2. Actividades recreativas destinadas aos menores de idade.

O seu obxecto é a posta á disposición dos responsables dos menores de espazos dedicados á integración, relacións e desenvolvemento sociais, así como o divertimento en ambientes adecuados ás necesidades físicas. Realízanse en:

-2.2.1. Centros de ocio infantil: establecementos públicos fixos e permanentes, cubertos ou non, que dispoñen dun espazo para menores entre dous e doce anos, destinado a xogos de tipo físico realizados con pelotas xigantes, esvaradoiros de varios tamaños e formas, redes de corda, túneles, pasos con rolos e calquera xogo de aventura e acción que conte coa debida homologación, e na cal o xogo e as actividades estean dirixidos por responsables adultos con titulación en materia de actividades de tempo libre. Disporán dun servizo de restauración independente, con ofertas axeitadas aos menores e aos seus acompañantes. O servizo de restauración contará con persoal diferenciado dos técnicos con titulación de tempo libre que se ocupan de organizar o xogo dos menores e de atendelos para evitar incidentes que afecten a súa integridade física. Todos os servizos se producirán a cambio dun prezo concertado por cada menor.

-2.2.2. Áreas de xogo en centros comerciais: son espazos fisicamente delimitados dentro dos centros comerciais que dispoñen de xogos destinados a menores de ata doce anos para actividades físicas e de rol como bambáns, casiñas, esvaradoiros e calquera xogo de actividade que non requira mecanismos para a súa posta en funcionamento, nos cales o adulto que acompaña o menor se faise responsable de realizar o uso correcto segundo as indicacións dos elementos de xogo.

-2.2.3. Áreas de xogo con aparellos de uso infantil que imiten movementos de animais, vehículos e similares a cambio dun prezo certo, nos cales o adulto que acompaña ao menor se fai responsable de realizar o uso correcto segundo as indicacións que se achegan coa propia máquina.

2.3. Actividades deportivas.

Consistentes na realización de probas, competicións e a práctica de calquera deporte, ben sexan realizadas por deportistas profesionais, afeccionados, con carácter público ou privado. Realízanse en:

-2.3.1. Estadios deportivos: establecementos públicos fixos, con bancadas para o público, non cubertos ou cubertos parcialmente que, debidamente autorizados, se destinan á práctica dun ou máis deportes.

-2.3.2. Pavillóns deportivos: establecementos públicos fixos e cubertos que, debidamente autorizados, se destinan a actividades físico-deportivas que impliquen a práctica dalgún deporte.

-2.3.3. Recintos deportivos: establecementos públicos fixos e descubertos, acondicionados para realizar prácticas deportivas, sen que a asistencia de público sexa a súa finalidade principal.

-2.3.4. Pistas de patinaxe: establecementos públicos fixos ou eventuais, cunha pista central destinada á práctica de patinaxe sobre xeo ou patíns.

-2.3.5. Ximnasios: establecementos públicos fixos provistos de aparellos axeitados para practicar ximnasia, que conta con salas independentes para a realización de exercicio físico.

-2.3.6. Piscinas de competición: establecementos públicos fixos, con bancadas para o público, que contan cunha ou máis pías de auga para a práctica deportiva.

-2.3.7. Piscinas recreativas de uso colectivo: establecementos públicos fixos, que poden ser utilizadas polo público en xeral.

-2.3.8. Vías públicas usadas para probas deportivas: a utilización de vías públicas nas probas deportivas está suxeita a autorización administrativa ben do concello, da comunidade autónoma ou do Estado, segundo o seu itinerario.

-2.3.9. Establecementos de actividades e espectáculos deportivos: establecementos públicos independentes ou agrupados con outros de actividade económica distinta que, pechados ou ao aire libre, en instalacións fixas ou eventuais e debidamente autorizados, se destinan en exclusiva ou primordialmente a ofrecer o exercicio da cultura física ou a práctica dunha ou varias modalidades deportivas ou a celebración de espectáculos deportivos, con carácter permanente, de tempada ou ocasional.

Esta categoría acollerá toda actividade deportiva diferente ás actividades xa recollidas no catálogo.

2.4. Parques de atraccións e atraccións recreativas.

Actividades de ocio en espazos delimitados nos cales, a cambio dun prezo certo, se pode acceder a calquera tipo de actividade de tempo libre. Realízanse en:

-2.4.1. Parques de atraccións e temáticos: establecementos públicos fixos e independentes ao aire libre que, debidamente autorizados, se destinan ao desenvolvemento de atraccións recreativas de índole diversa e, se é o caso, conxuntamente con estas e en áreas diferenciadas dentro do mesmo recinto, á celebración de espectáculos cinematográficos, teatrais, musicais ou circenses.

-2.4.2. Parques acuáticos: establecementos públicos fixos que, debidamente autorizados, utilizan a auga como elemento activo baixo a forma de saltos, ondas, correntes, fervenzas ou outros elementos de similares características, nos cales se permita a par

ticipación simultánea ou correlativa de máis de 100 persoas/hora, no seu período de rendemento máximo.

2.5. Actividades recreativas e de azar.

Son aquelas en que se arriscan cantidades de cartos ou obxectos avaliables economicamente en función do resultado dun acontecemento futuro e incerto, e sometidos á normativa vixente en materia de xogo e ao disposto neste catálogo. Realízanse, segundo a súa modalidade, en:

-2.5.1. Casinos de xogo.

-2.5.2. Salas de bingo.

-2.5.3. Salóns de xogo de máquinas de azar, tipo A, A especial e tipo B.

-2.5.4. Salóns recreativos de máquinas de azar, tipo A.

-2.5.5. Hipódromos.

-2.5.6. Tómbolas e similares.

-2.5.7. Locais de apostas.

-2.5.8. Puntos de venda de lotaría.

2.6. Actividades de ocio e entretemento.

Consistentes na realización de celebracións, goce do tempo libre, e a práctica de calquera acción que teña como fin o entretemento das persoas. Realízanse en:

-2.6.1. Salas de festas: establecementos públicos fixos e independentes especialmente preparados para ofrecer desde un escenario actuacións de variedades ou musicais fundamentalmente en directo. Disporán de pistas de baile para o público e este seguirá as actuacións desde lugares distribuídos ao redor da pista de baile ou do escenario, podendo ofrecerlles servizo de bar. Dispoñen de roupeiro e camerinos.

-2.6.2. Discotecas: establecementos públicos fixos e independentes especialmente preparados para bailar e ofrecer música fundamentalmente por medios de reprodución mecánicos en que, ademais de servir bebidas, dispoñen dunha ou máis pistas de baile para o público, sen ofrecer actuacións en directo. Dispoñen de roupeiro.

-2.6.3. Salas de baile: establecementos públicos fixos que dispoñen dunha pista de baile e que están dirixidos ao ensino do baile como actividade de lecer. Considérase pista de baile, para os efectos deste catálogo, o espazo especialmente delimitado e destinado a tal fin, desprovisto de obstáculos construtivos ou de mobiliario e de dimensións suficientes para circunscribir un círculo de diámetro mínimo de sete metros.

-2.6.4. Pubs: establecementos públicos fixos e independentes dedicados exclusivamente ao servizo de bebidas. Poden dispoñer de ambientación musical por medios técnicos, pero sen pista de baile.

-2.6.5. Karaoke: establecementos fixos dedicados exclusivamente ao servizo de bebidas que ofrecen a posibilidade de saír a un escenario a cantar e contan cos medios técnicos apropiados para o desenvolvemento da actividade, pero sen pista de baile.

-2.6.6. Cibercafé, salóns ciber e similares: establecementos públicos fixos, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente a proporcionar aos asistentes, de forma gratuíta ou mediante o aboamento de cantidades monetarias, un tempo de uso de ordenadores para o acceso á internet ou a calquera das súas funcións, así como, se é o caso, servizo de bar ou café bar aos usuarios dentro das instalacións. Queda prohibida a entrada aos menores se neles se serven bebidas alcohólicas durante o tempo que exista o devandito servizo. Estará tamén prohibida a entrada a menores de idade a estes locais durante o tempo en que as conexións ás redes informáticas da internet non teñan ningún tipo de limitación referida á idade do usuario.

-2.6.7. De exhibicións especiais: establecementos públicos fixos especialmente preparados para exhibir películas en vídeo ou para realizar actuacións en directo, onde o espectador se sitúa en cabinas individuais ou sistema similar. Queda prohibida a entrada a menores de 18 anos nos casos de actuacións en directo, ou con exhibición de películas de vídeo, que sexan de carácter sexual ou de extrema violencia.

-2.6.8. Tablaos flamencos: establecementos públicos fixos nos cales se desenvolven actuacións de danza e musica flamenca en directo, debendo dispor dun escenario de madeira elevado a unha altura suficiente para que poida ser observado polo público que se atopa nas mesas en que se ofrece servizo de bebidas ou restauración. O local debe dispor de tablao e mesas para as consumicións do público, debendo existir entre o tablao e as mesas do público unha distancia de polo menos tres metros e sempre suficiente para garantir a seguridade dos actores e dos usuarios do local. Carecendo de pista de baile, o tablao ou escenario debe ter unhas medidas mínimas de 20 m de superficie. O local debe contar, cando menos, cun camerino.

-2.6.9. Café-teatro, café-concerto, café-cantante: establecementos en que se desenvolven actividades de ocio consistentes en actuacións teatrais, de variedades ou musicais en directo, sen pista de baile para o público, podendo ou non dispor de escenario e camerinos e nos cales se ofrece servizo de bebidas ou restauración. Está prohibido que nestes locais se celebren bailes.

2.7. Actividades de restauración.

Sen prexuízo do establecido noutras normas sectoriais que regulen outros aspectos, defínense como actividades de restauración, para os efectos deste catálogo, as que teñen por obxecto a prestación de

servizo de bebidas e comida elaborada para o seu consumo no interior dos locais. Realízanse en:

-2.7.1. Restaurantes: son os establecementos así definidos na normativa de turismo. Dispón da seguinte subcategoría:

-2.7.1.1. Salóns de banquetes: restaurantes destinados a servir comidas e bebidas a un público agrupado, mediante prezo concertado, para seren consumidas en data e hora predeterminadas en servizo de mesas no mesmo local. Poden realizar actividades de baile posterior á comida, sempre que reúnan as debidas condicións de seguridade e insonorización.

-2.7.2. Bar, café-bar: son os establecementos así definidos na normativa de turismo.

-2.7.3. Cafetaría: son os establecementos así definidos pola normativa de turismo.

-2.7.4. Locais de restauración con horario especial en función do persoal ao que van dedicados, son aqueles centros de restauración situados en aeroportos, portos, hoteis, polígonos industriais e, en xeral, en zonas delimitadas territorialmente que estean dedicados a satisfacer as necesidades dos usuarios e profesionais das actividades e empresas situadas nese territorio delimitado, sempre que neles se ofreza exclusivamente bebidas e alimentos para o consumo inmediato, sen que en ningún caso poidan dispoñer de espazos para a celebración de bailes, medios de reprodución de música de ningún tipo ou acceso doutras persoas alleas á actividade principal.

2.8. Exhibición de animais.

Atraccións recreativas desenvolvidas en lugares apropiados para o coidado e conservación de especies animais de especial interese por motivos culturais, educativos, e de protección do ambiente. Realízanse en:

-2.8.1. Zoolóxicos: establecementos públicos fixos e permanentes nos cales se manteñen animais vivos de especies silvestres para a súa exposición ao público.

-2.8.2. Acuarios: establecementos públicos fixos ou eventuais onde se exhiben réptiles e fauna acuática, que dispoñen de instalacións con auga.

-2.8.3. Recintos de exhibición cabalar e outras especies: establecementos fixos ou eventuais en que se celebran actuacións de cabalos e outras especies animais para o lecer do público que o contempla.

2.9. Festexos e celebracións populares.

Actividades recreativas tradicionais, de carácter popular:

-2.9.1. Solta de novelos: son festexos taurinos tradicionais consistentes na solta, en zonas pechadas ou na vía pública, de reses para fomento do recreo sen levar aparellada a súa lida.

-2.9.2. Verbenas e festas populares: actividades que se celebran, con motivo das festas patronais ou populares, con actuacións musicais, bailes, fogos de artificio ou actividades de restauración. Inclúe as actividades desenvolvidas en establecementos ou instalacións eventuais, portátiles ou desmontables que, debidamente autorizados, se destinan con carácter ocasional, durante a celebración de festas patronais ou tradicionais da localidade, a proporcionar aos usuarios, mediante prezo, a utilización de estruturas con dispositivos mecánicos ou electrónicos, ou a participación nos xogos de barracas para a obtención de bens mobles de moi escaso valor económico.

-2.9.3. Carrilanas: actividades realizadas con vehículos artesanais sen motor para exhibicións e a competición popular.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA