DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 16 de xuño de 2005 Páx. 10.475

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 158/2005, do 2 de xuño, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

A promulgación do Decreto 199/2004, do 29 de xullo (DOG nº 157 do 13 de agosto), polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, supuxo unha importante novidade na regulamentación desta materia na comunidade autónoma, por canto -por primeira vez desde que o Tribunal Constitucional establecera a extensión das competencias autonómicas na execución da Lei de costas- se contou cun texto no cal se concreta o obxecto destas competencias, se definen os procedementos para o seu desempeño e os órganos a que se atribúen, se establecen normas para a coexistencia de diferentes autorizacións para un mesmo obxecto e se concretan formas de colaboración entre as administracións con competencias concorrentes no mesmo espazo físico.

Porén, a súa aplicación práctica nestes últimos meses puxo de manifesto a necesidade de concretar e matizar certos aspectos que, ou ben aparecen tratados de xeito disperso ao longo da normativa aplicable, ou ben non resultan o suficientemente claros como para evitar as dúbidas na súa interpretación, que en ocasións poden dar lugar a solucións prácticas de moi distinto signo.

Un dos elementos que suscita máis dificultades de interpretación e aplicación da Lei de costas é o seu réxime transitorio. Para os terreos que á entrada en vigor da dita norma tivesen o carácter de urbanos, non só a largura da franxa afectada pola servidume de protección se reduce considerablemente (de cen a vinte metros) senón que, baixo determinadas condicións, resultan autorizables usos que con carácter xeral están prohibidos na dita franxa. E por outra banda, poden autorizarse obras de conservación e mellora nas edificacións que resultan contrarias á lei pero foron legalmente construídas antes da súa entrada en vigor.

Outra circunstancia que provoca dúbidas na aplicación da lei e repercute negativamente na seguridade xurídica para os cidadáns é o feito de que aínda hoxe longos tramos de costa estean sen deslindar de xeito definitivo; deste xeito, a liña que define a afección dunha zona polas servidumes legais -particularmente a servidume de protección, na que as competencias de execución da normativa estatal lle corresponden á comunidade autónoma- configúrase só de xeito provisional ou probable. As importantes consecuencias que pode implicar a alteración desta liña no deslindamento definitivo son facilmente comprensibles se temos en conta que pode supoñer a diferenza entre conservar ou estar obrigado a demoler o construído.

En síntese, con esta reforma trátase de clarificar e unificar no posible o réxime da zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, introducindo no Decreto 199/2004 modificacións que basicamente responden a tres obxectivos: en primeiro lugar relaciónanse os usos e actividades susceptibles de autorización de conformidade coa lei e o Regulamento de costas, aclarando as condicións e o alcance das actuacións permisibles; en segundo lugar, precísanse as circunstancias que deben concorrer nun terreo para considerar que era urbano á entrada en vigor da Lei de costas, así como as que permiten considerar acreditada a legalidade das edificacións preexistentes á lei; e en terceiro lugar, no procedemento sancionador e de restitución introdúcense medidas con que se pretende extremar a cautela á hora de considerar que a actuación obxecto da denuncia se atopa efectivamente dentro da zona de servidume, suspendéndose incluso a obriga de restitución ata o momento en que a

delimitación da dita franxa se recolla nun deslinde definitivo.

Finalmente, co fin de facilitar o seu manexo e mellorar a seguridade xurídica dos cidadáns, en lugar de modificar parcialmente o Decreto 199/2004 optouse pola solución de derrogalo incorporando as súas previsións, xunto coas concrecións e especificacións anteditas, a un novo texto normativo.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, de conformidade co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de xuño de dous mil cinco

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto regular a intervención da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre prevista no artigo 23 da Lei de costas, así como a emisión dos informes autonómicos requiridos en execución da normativa en materia de costas.

2. Para os ditos efectos, neste decreto regúlanse:

-A autorización autonómica dos usos permitidos na zona de servidume de protección.

-A concorrencia da dita autorización con outros títulos, en especial coas licenzas municipais.

-O procedemento sancionador por infraccións cometidas na zona de servidume de protección.

-A obriga de restitución das obras non autorizadas na zona de servidume de protección.

-A emisión de informes da Administración autonómica en execución da lexislación de costas referidos ao dominio público marítimo-terrestre ou á súa servidume de protección e tránsito.

Capítulo II

Autorizacións na zona de servidume de protección

do dominio público marítimo-terrestre

Artigo 2º.-Obxecto da autorización.

1. Requirirán autorización autonómica as obras, instalacións e usos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre promovidos por persoas físicas e xurídicas distintas da Comunidade Autónoma galega.

2. Con carácter xeral, e sen prexuízo do disposto noutra normativa sectorial que resulte de aplicación, na zona de servidume de protección do dominio publico marítimo-terrestre só se poderán autorizar, de conformidade co planeamento urbanístico en vigor:

a) As obras, instalacións ou actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización ou presten servizos necesarios ou convenientes para o uso do dominio público marítimo-terrestre, así como as instalacións deportivas descubertas.

b) As obras de reparación e mellora de instalacións, construcións e edificacións erixidas ao abeiro das autorizacións sectoriais exixibles, outorgadas con anterioridade á entrada en vigor da Lei de costas, que non impliquen aumento de volume e sen que o incremento de valor que aquelas comporten poida ser tido en conta para os efectos expropiatorios. En caso de demolición total ou parcial, as novas construcións deberán axustarse integramente ás disposicións da Lei de costas.

Entenderanse incluídas neste punto as obras de conservación, consolidación, restauración e remodelación interior, así como as de recuperación de edificacións ruinosas, sempre que non supoñan variación das características esenciais do edificio, do seu volume nin da súa configuración orixinaria.

No caso de catástrofes naturais, estragos e outros supostos análogos de forza maior suficientemente acreditados, entenderanse incluídas no concepto de reparación e mellora as obras necesarias para a restitución da construción á situación anterior á produción daqueles.

c) Os desmontes e terrapléns debidamente xustificados cunha altura inferior a 3 metros, sempre que non prexudiquen a paisaxe e se realice un axeitado tratamento dos seus noiros con plantacións e recubrimentos. A partir da dita altura, deberá realizarse unha previa avaliación da súa necesidade e a súa incidencia sobre o dominio público marítimo-terrestre e sobre a zona de servidume de protección.

d) A corta de árbores, cando exista autorización previa do órgano competente en materia forestal e non mingüe significativamente as masas arborizadas, debendo recollerse expresamente na autorización a exixencia de reforestación eficaz con especies autóctonas, que non danen a paisaxe e o equilibrio ecolóxico.

e) Os rótulos indicadores de establecementos, sempre que se coloquen na súa fachada e non supoñan unha redución do campo visual.

f) A construción ou modificación de vías de transporte interurbanas, sempre que a súa incidencia sobre a servidume de protección sexa transversal, accidental ou puntual, e as de intensidade de tráfico inferior aos 500 vehículos/día de media anual.

g) Os campamentos de turismo que, reunindo todos os requisitos exixidos pola normativa sectorial aplicable, deixen expedita de instalacións fixas a zona de servidume de protección. Para estes efectos, enténdense por instalacións fixas todas aquelas instalacións destinadas a formar parte do recinto cun carácter permanente, tales como bungalows, aseos, fregadoiros, cafetarías, tendas de alimentación, recepción e demais instalacións de servizo, con independencia de que sexan ou non materialmente desmontables.

h) Os cerrumes, que poderán ser opacos ata unha altura máxima dun metro e obrigatoriamente diáfanos por riba da dita altura con, cando menos, un 80 por 100 de ocos, salvo que se empreguen elementos vexetais vivos. Así mesmo, poderán autorizarse cerrumes vencellados aos de concesións no dominio público marítimo-terrestre coas características que se determinen no título concesional.

i) Os establecementos expendedores de comidas e bebidas ao servizo da praia que, ademais das disposicións que lles sexan aplicables con carácter xeral e as específicas reguladoras da súa actividade, cumpran os seguintes criterios en canto a dimensións, distancias e condicións de instalación:

-As instalacións fixas, salvo en casos excepcionais debidamente xustificados, terán unha ocupación máxima de 150 metros cadrados dos cales 100, como máximo, serán cerrados, e situaranse cunha separación mínima de 200 metros doutras similares, tanto se estas se sitúan no dominio público marítimo-terrestre como se se atopan en zona de servidume de protección.

-As instalacións desmontables terán unha ocupación máxima de 20 metros cadrados e colocaranse cunha separación mínima de 100 metros de calquera outra instalación fixa ou desmontable.

-Todas as súas conducións de servizo terán que ser soterradas.

j) Instalacións de tratamento de augas residuais, que se situarán fóra dos primeiros vinte metros da zona de servidume de protección. Nos primeiros vinte metros desde a ribeira do mar prohibiranse os colectores paralelos.

k) Aqueloutras obras expresamente previstas na lei e no Regulamento de costas.

3. Nos terreos clasificados como urbanos á entrada en vigor da Lei de costas poderán autorizarse, ademais, novos usos e construcións de conformidade cos plans de ordenación en vigor, sempre que se garanta a efectividade da servidume, non se prexudique o dominio público marítimo-terrestre, e se cumpran as condicións establecidas na alínea 3ª da disposición transitoria terceira da Lei de costas.

Para estes efectos, considerarase que un solo era urbano á entrada en vigor da Lei de costas cando

se acredite que naquela data concorría nel algunha das seguintes circunstancias:

a) Que estivese clasificado como tal nos instrumentos de ordenación vixentes.

b) Que, sen estar clasificado expresamente como urbano, reunise todos os requisitos necesarios para a súa clasificación como tal, especificamente:

I. Que contase con acceso rodado, abastecemento de auga, evacuación de augas e subministración de enerxía eléctrica.

II. Que estivese comprendido en áreas consolidadas pola edificación polo menos en dúas terceiras partes da súa superficie.

c) Que estivese declarado como núcleo rural preexistente de carácter tradicional nos instrumentos de ordenación vixentes.

d) Que, sen estar formalmente declarado como tal, reunise todos os requisitos para ser clasificado como núcleo rural preexistente de carácter tradicional de acordo coa Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación da do solo a Galicia, ou ben como núcleo rural de acordo coa Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia ou coa Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

As circunstancias descritas nas alíneas b) e d) deberán ser acreditadas mediante informe da consellería competente en materia de urbanismo.

O réxime previsto no primeiro parágrafo desta alínea 3 será de aplicación así mesmo ao solo que na data de entrada en vigor da Lei de costas estivese clasificado nos instrumentos de ordenación como solo urbanizable programado ou apto para urbanizar, con plan parcial aprobado definitivamente.

Artigo 3º.-Solicitude.

1. As solicitudes de autorización para as actuacións descritas no artigo anterior deberán dirixirse á delegación provincial ou territorial da consellería competente en materia de costas que corresponda por razón da localidade, e presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á solicitude, que deberá axustarse ao modelo que figura como anexo a este decreto, deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade do peticionario.

b) Acreditación da titularidade ou dispoñibilidade dos terreos.

c) Proxecto básico, por triplicado exemplar, das obras ou instalacións, que deberá vir subscrito por técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente; para o caso das obras menores poderá substituírse por memoria explicativa das obras e orzamento destas detallado por partidas, acompañado por planos ou esbozos de planta e alzado.

d) Certificado urbanístico en que se especifique a data de aprobación do planeamento vixente e o seu estado de execución, así como a clasificación

do solo e os usos permitidos conforme o dito planeamento.

e) Plano de deslindamento definitivo ou, se é o caso, plano de definición provisoria da liña de deslindamento a escala 1/1000 efectuado ou autenticado polo órgano correspondente da Administración do Estado, no cal se sinale o predio en que se pretende realizar o uso para o cal se solicita a autorización.

f) Información fotográfica.

g) Nos supostos de solicitude de autorización de obras de reparación ou mellora sobre edificacións existentes, ao abeiro da disposición transitoria cuarta da Lei de costas e décimo terceira do seu regulamento, deberá achegarse documentación acreditativa da legalidade da edificación sobre a cal se pretende obrar.

Para estes efectos, enténdese como documentación acreditativa da legalidade da edificación a seguinte:

1. Con carácter xeral:

I. Licenza municipal, outorgada en data anterior ao día 29 de xullo de 1988.

II. Certificación do Concello acreditativa da inexistencia de expediente sancionador e de reposición da legalidade urbanística respecto das obras executadas.

III. No caso de obras efectuadas na zona de servidume de salvamento definida no artigo 4.2º da Lei 28/1969, do 26 de abril, sobre costas, a autorización ou concesión do órgano da Administración do Estado competente en materia de costas.

2. En defecto das devanditas autorizacións, documentación acreditativa dos extremos seguintes:

I. Que as obras estaban completamente finalizadas en data anterior ao 29 de xullo de 1988,

II. Que non se incoase, dentro do prazo legalmente previsto, ningunha medida dirixida á restauración da legalidade urbanística.

III. Que as obras non se executaron sobre terreos cualificados polo planeamento como zonas verdes ou espazos libres.

Nos supostos a que se refire esta alínea 2, unicamente se autorizarán pequenas reparacións exixidas por razóns de seguridade e hixiene e en ningún caso as de consolidación, aumento de valor ou modernización.

h) Xustificante de pagamento da taxa correspondente.

Artigo 4º.-Emenda da solicitude.

Examinada a solicitude, se faltasen algúns dos documentos previstos por esta norma notificaráselle ao solicitante para que emende as deficiencias observadas no prazo de 10 días contados desde o día seguinte ao da notificación realizada. Se o solicitante non emenda as deficiencias considerarase desistido da súa solicitude, logo de resolución de conformidade co disposto nos artigos 71 e 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Informes.

1. Unha vez completa a documentación solicitarase informe aos seguintes organismos, para o cal se lles remitirá copia do expediente:

a) Ao concello en cuxo termo se pretenda desenvolver o obxecto da autorización.

b) Ao servizo periférico de costas do Estado, en canto á delimitación do límite interior da ribeira do mar, liña de deslindamento, mantemento das servidumes de tránsito e acceso ao mar e incidencia das construcións e das actividades xeradas por estas sobre a integridade do dominio público.

c) Para darlle cumprimento ao disposto no artigo 48.3º do Regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, aprobado polo Real decreto 1471/1989, do 1 de decembro, poderase requirir informe da consellería competente en materia de urbanismo sobre a adecuación do proxecto ás normas e plans urbanísticos aplicables, que o emitirá no prazo de dous meses.

2. Os informes citados nas alíneas a) e b) emitiranse no prazo dun mes. Se transcorrido este prazo non houbese o informe, poderase continuar coa tramitación do expediente.

3. Os informes sinalados nas alíneas b) e c) serán vinculantes no que se refire aos ámbitos e materias indicados para cada caso.

Artigo 6º.-Audiencia ao interesado.

Cando do exame do expediente resultase que as actuacións solicitadas non son autorizables nos termos da solicitude, poráselle de manifesto ao interesado, quen poderá efectuar alegacións ou introducir as modificacións que coide oportunas no proxecto, nun prazo de dez días.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A delegación provincial ou territorial ditará a resolución que poña fin ao procedemento e notificaralla ao interesado.

2. A resolución ditarase e notificaráselle ao interesado nun prazo máximo de seis meses contados a partir da data en que a solicitude tivese entrada no rexistro da delegación provincial ou territorial competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude pode entenderse desestimada.

3. A resolución notificarase, así mesmo, ao concello onde radique a actividade obxecto de autorización e ao servizo periférico de costas do Estado no prazo de dez días desde a súa adopción.

Artigo 8º.-Autorizacións vencelladas á utilización do dominio público marítimo-terrestre.

1. Cando a obra, instalación ou uso para o cal se solicite autorización estea vencellado á utilización do dominio público marítimo-terrestre, será necesario obter previamente a autorización ou concesión que habilite tal utilización, outorgada polo órgano competente.

2. Exceptúanse desta norma as instalacións destinadas á explotación de establecementos de acuicultura ou auxiliares da competencia da comunidade autónoma, que se rexerán pola súa normativa específica.

Artigo 9º.-Incidencia en zona de servidume de tránsito ou de acceso ao mar.

No caso de que as obras, instalacións ou actividades para as cales se solicita autorización incidan sobre a zona de servidume de tránsito ou de acceso ao mar, na resolución que se adopte teranse en conta as observacións formuladas polo servizo periférico de costas do Estado no informe a que se refire o artigo 5º.

Artigo 10º.-Legalizacións.

Para a legalización de obras, usos ou actividades realizadas sen a preceptiva autorización, seguirase o mesmo procedemento establecido neste capítulo para o outorgamento daquela.

Capítulo III

Concorrencia da autorización coas licenzas

municipais para actos de edificación

ou uso do solo

Artigo 11º.-Prelación de autorizacións.

1. Conforme o artigo 196 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre non se poderán outorgar licenzas municipais para actos de edificación e uso do solo e subsolo sen que se acredite o outorgamento previo da autorización autonómica prevista no artigo 2º deste decreto.

2. No caso de que se solicite licenza municipal para os usos descritos e o interesado non xustifique ter obtido a pertinente autorización, o concello poderase dirixir á delegación territorial correspondente da consellería competente en materia de costas para que informe sobre o seu outorgamento, de ser o caso. O dito informe emitirase no prazo máximo de quince días contados desde a recepción da solicitude na delegación provincial ou territorial competente.

Artigo 12º.- Obriga de información.

1. Os concellos da comunidade autónoma elaborarán un informe anual sobre os actos de edificación e uso do solo que se levaron a cabo durante o ano na zona de servidume de protección, do cal darán conta ao órgano autonómico competente en materia de costas.

2. Así mesmo, os concellos porán en coñecemento do órgano da Administración autonómica competente en materia de costas todas aquelas obras ou actividades que se realicen no seu termo municipal na zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre e que non conten coa preceptiva licenza municipal, sen prexuízo da adopción das medidas de policía urbanística que sexan necesarias para garantir a total interrupción da actividade, das cales darán conta, así mesmo, ao órgano autonómico competente.

3. Os concellos da comunidade autónoma deberán responder ás peticións de información sobre os actos de edificación ou uso do solo na zona de servidume de protección que lle dirixa a consellería competente en materia de costas, no prazo máis breve posible.

Capítulo IV

Procedemento sancionador

Artigo 13º.-Obxecto.

1. As infraccións do disposto na lexislación en materia de costas cometidas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre serán sancionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia conforme a vixente lexislación de costas.

2. Sen prexuízo do anterior, os órganos da Administración do Estado poderán exercer a potestade sancionadora nos casos de infraccións que afecten ás servidumes de tránsito e de acceso ao mar, ou cando sexa necesario para asegurar a protección do dominio público e garantir a súa libre utilización.

Artigo 14º.-Tramitación.

1. Os procedementos sancionadores iniciaranse sempre de oficio, por acordo dos delegados provinciais ou territoriais da consellería competente en materia de costas, ben por propia iniciativa ou como consecuencia de orde superior, petición razoada doutros órganos ou denuncia, nos termos previstos no artigo 11 do Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto.

2. Os procedementos tramitaranse de conformidade co establecido no Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e no Regulamento xeral para o desenvolvemento e execución desta (Real decreto 1471/1989, do 1 de decembro), coas especialidades seguintes:

a) Para que a posta en coñecemento de condutas ou feitos que puidesen constituír infracción á lexislación de costas por parte dos órganos administrativos que teñen atribuídas legalmente funcións de inspección, averiguación ou investigación nesta materia dea lugar á incoación de expediente sancionador por parte da consellería competente en materia de costas, a documentación que se achegue deberá conter, como mínimo, as seguintes determinacións:

-Datos identificativos da persoa ou persoas presuntamente responsables.

-Descrición detallada das condutas ou feitos que puidesen constituír infracción administrativa.

-Lugar, data ou datas ou período de tempo continuado en que os feitos se produciron ou se están a producir.

-Localización do lugar dos feitos nun plano de deslindamento do dominio público marítimo-terrestre, con indicación exacta da súa distancia ao límite interior da ribeira do mar.

-Reportaxe fotográfica.

Sen prexuízo do anterior, se se observase a falta dalgún dos datos indicados, o órgano competente para incoar o procedemento sancionador poderá requirir do órgano remitente que complete os necesarios.

b) En tramos de costa sen deslindamento definitivo, cando o interesado alegue motivadamente, en calquera fase do procedemento, a suxeición do terreo obxecto da actuación sancionable ao réxime establecido no parágrafo tres da disposición transitoria terceira da Lei de costas, o órgano instrutor solicitaralle á consellería competente en materia de urbanismo a emisión de informe ao respecto. O dito informe, que será vinculante, deberá emitirse no prazo de dous meses. O prazo para a resolución do procedemento suspendenderase ata que non sexa emitido o devandito informe, por un prazo máximo de tres meses.

c) Así mesmo, cando en calquera fase do procedemento o interesado alegue motivadamente un erro na medición da distancia que hai desde o lugar da localización dos feitos ao límite interior da ribeira do mar, que poida resultar relevante para a súa exclusión da zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, o instrutor solicitaralle a Demarcación de Costas informe ao respecto. O dito informe, que será vinculante, deberá emitirse no prazo dun mes. O prazo para a resolución do procedemento suspendenderase ata que non sexa emitido o devandito informe, por un prazo máximo de tres meses.

Artigo 15º.-Resolución.

1. A resolución do expediente sancionador con imposición de sanción corresponderalles aos seguintes órganos en función da súa contía:

a) Ao delegado provincial ou territorial, ata 100.000 euros.

b) Ao director xeral competente en materia de costas, entre 100.000,01 e 200.000 A.

c) Ao conselleiro, entre 200.000,01 e 500.000 A.

d) Ao Consello da Xunta de Galicia, máis de 500.000 A.

2. Cando a resolución non supoña imposición de sancións, corresponderalle ao delegado provincial ou territorial en todo caso.

3. Para o cálculo da sanción terase en conta, se é o caso, o valor das obras ou instalacións que constitúan o obxecto da infracción situadas en zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Artigo 16º.-Obriga de restitución.

1. Con independencia da sanción administrativa que se impoña, a resolución do expediente sancionador recollerá expresamente a obriga de restituír as cousas e repoñelas ao seu estado anterior á comisión da infracción, sen prexuízo da posibilidade de legalización prevista no artigo 194.13º do Regulamento de costas, nese caso observarase a regulación prevista neste.

2. A imposición desta obriga estenderase unicamente á parte das obras ou instalacións que ocupen terreos comprendidos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, sen prexuízo de que para a súa execución sexa necesario actuar tamén sobre outros terreos non comprendidos na devandita franxa.

3. Con carácter xeral, a orde de restitución implica a autorización da execución de cantas obras sexan precisas, calquera que sexa o seu carácter e alcance, para a reposición das cousas á situación anterior á comisión da infracción.

Cando a obriga de restitución derive do incumprimento dunha resolución autorizatoria en materia de costas, entenderase aquela cumprida coa execución das obras necesarias para a súa estrita adecuación aos termos da autorización.

4. A obriga de restitución que se impoña en ningún caso poderá ser para o infractor máis beneficiosa ca o cumprimento das normas infrinxidas.

5. A efectiva execución da orde de restitución das cousas ao estado anterior á comisión da infracción quedará suxeita, se é o caso, á condición suspensiva da publicación da orde aprobada polo ministerio competente en materia de costas que, consonte o disposto na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, fixe o deslindamento do dominio público marítimo-terrestre do tramo de costa en que se produza a actuación ilegal e ratifique a súa inclusión na zona de servidume de protección.

Artigo 17º.-Relacións entre as administracións.

En aplicación do disposto no artigo 116 da Lei de costas, as delegacións provinciais ou territoriais da consellería competente en materia de costas e os servizos periféricos de costas do Estado comunicaranse respectivamente todas as denuncias recibidas ou interpostas polos seus propios axentes por infraccións da Normativa de costas dentro do ámbito de competencia da outra Administración; así mesmo, comunicaranse todos os expedientes incoados e todas as resolucións recaídas nos expedientes sancionadores que se tramiten.

Capítulo V

Procedemento de restitución

Artigo 18º.-Obxecto.

1. Sen prexuízo da obriga de restituír que se impoña como consecuencia dun procedemento sancionador, regulada no capítulo anterior, serán obxecto de expediente de restitución e reposición ao estado anterior as obras non autorizadas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre nos casos en que non proceda iniciar procedemento sancionador e salvo que se proceda á súa legalización.

2. Para os exclusivos efectos do disposto neste capítulo V, enténdese por zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre a franxa de terreo delimitada como tal nunha orde aprobada polo ministerio competente en materia de

costas que, consonte o disposto na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, fixe o deslindamento do dominio público marítimo-terrestre do tramo de costa en que se produza a actuación ilegal.

3. O expediente referirase unicamente á parte das obras ou instalacións que ocupen terreos comprendidos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

4. Ao expediente de restitución seralle de aplicación o disposto no artigo 16º deste decreto respecto do seu alcance e efectos.

Artigo 19º.-Actuacións preliminares.

Con anterioridade ao inicio do procedemento poderanse realizar actuacións previas para determinar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación e para determinar a identidade das persoas que puidesen resultar responsables. Especialmente, poderase solicitar informe das administracións competentes en materia de costas e de urbanismo.

Artigo 20º.-Tramitación.

1. Iniciado o expediente por resolución do delegado provincial ou territorial, este nomeará instrutor, que lle notificará este nomeamento xunto coa resolución de incoación ao promotor da actividade e ao seu actual titular, outorgándolles un prazo de quince días para formularen as alegacións e achegaren os documentos que coiden convenientes, e, de ser o caso, para propoñer probas, concretando os medios de que pretendan valerse. Para a aceptación ou rexeitamento das probas e para a súa práctica, observarase o disposto no Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto.

2. Recibidas as alegacións ou transcorrido o prazo para facelo, e practicada a proba se é o caso, o instrutor formulará proposta de resolución, que se lles notificará aos interesados outorgándolles novo prazo de quince días para examinaren o expediente e formularen alegacións.

Artigo 21º.-Resolución.

A delegación provincial ou territorial ditará e notificaralles a resolución aos interesados no prazo de seis meses desde a súa incoación. Así mesmo, notificaráselle ao servizo periférico de costas do Estado e ao concello en que estea a obra obxecto do expediente.

Artigo 22º.-Execución.

Para a execución da obriga de restitución e reposición ao seu estado anterior imposta como consecuencia dun procedemento sancionador ou de reposición, observarase o disposto no título V da Lei de costas e concordante do seu regulamento.

Capítulo VI

Informes

Artigo 23º.-Obxecto.

Os informes previstos neste decreto analizarán os actos, proxectos ou propostas que constitúen o seu

obxecto desde o punto de vista da súa adecuación á lexislación estatal en materia de costas, no que se refire ao tratamento que dispoñan para o dominio público marítimo terrestre e as súas zonas de servidume.

Artigo 24º.-Órganos competentes.

1. Correspóndelles ás delegacións provinciais ou territoriais da consellería competente en materia de costas a emisión dos informes autonómicos previstos na Lei de costas para o outorgamento de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre que deban ser resoltas pola Administración xeral do Estado, salvo o previsto no parágrafo 2, alínea c) deste artigo.

2. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de costas:

a) A emisión do informe autonómico nos procedementos de deslindamento do dominio público marítimo-terrestre e as súas modificacións ou revisións, e en xeral en todos aqueles que poidan derivar nunha delimitación ou modificación das liñas de dominio público marítimo-terrestre ou as súas servidumes de protección.

b) A emisión de informe aos plans e normas de ordenación territorial e urbanística, así como as súas modificacións e revisións, cando incidan sobre a servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

c) A emisión de informe nos proxectos de obra promovidos pola Administración xeral do Estado ou Administración autonómica que afecten ao dominio público marítimo-terrestre ou zonas de servidume de protección ou tránsito.

d) A emisión de informe aos proxectos normativos estatais, autonómicos ou locais, que regulen os usos permitidos no dominio público marítimo-terrestre ou servidumes de protección ou tránsito.

e) En xeral, a emisión dos informes autonómicos requiridos en execución da lexislación de costas, cando se refiran ao dominio público marítimo-terrestre ou á súa servidume de protección e tránsito, que non estean previstos expresamente neste decreto, e sempre que non estean atribuídos a outro órgano da Administración autonómica.

Disposición adicional

No caso de que un proxecto de instalación ou modificación de establecemento de acuicultura ou auxiliar, competencia da comunidade autónoma, requira ademais do permiso de actividade autorización para a zona de servidume de protección, ambos procedementos iniciaranse e tramitaranse por separado conforme a súa normativa específica. Non obstante, se a competencia para resolver ambos os procedementos está residenciada na mesma consellería, ditarase unha soa resolución que porá fin a ambos os dous e será competente para ditala o conselleiro correspondente.

A mesma disposición será aplicable aos puntos de venda de especies pesqueiras ou marisqueiras que deban contar con autorización autonómica en materia de pesca e en materia de servidume de protección, cando ambas estean residenciadas na mesma consellería.

Disposicións transitorias

Primeira.-O disposto neste decreto seralles de aplicación aos procedementos de autorización nos cales non recaese resolución na data da súa entrada en vigor.

Segunda.-Os procedementos sancionadores incluídos no ámbito de aplicación deste decreto iniciados con anterioridade á súa entrada en vigor resolveranse de acordo coa normativa anterior, salvo que esta poida resultar máis favorable.

Terceira.-O disposto no artigo 16.5º deste decreto seralles de aplicación aos expedientes sancionadores e de reposición da legalidade nos cales non se teña dado cumprimento á orde de restitución das cousas á situación anterior á comisión da infracción.

Neste suposto, o prazo que sinale a resolución para a efectiva execución da orde de restitución entenderase referido á data de publicación da orde ministerial que, aprobando definitivamente o deslindamento do tramo de costa en cuestión, ratifique a inclusión do lugar da actuación ilegal na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, sempre que na devandita data a resolución sexa firme na vía administrativa, diferíndose a este momento no caso contrario.

Cuarta.-A resolución que se dite nos expedientes de reposición en curso en zonas pendentes de deslindamento definitivo consonte a Lei de costas aterase ao disposto no artigo 18.4º, en relación co 16º deste decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto, e en particular o Decreto 199/2004, do 29 de xullo, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Disposición derradeira

Facúltase o conselleiro competente en materia de costas para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de xuño de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA