DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Mércores, 15 de xuño de 2005 Páx. 10.420

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 8 de xuño de 2005 pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, dos estatutos do Consorcio Turismo Ribeira Sacra.

As entidades locais poden constituír consorcios locais, entre si, con outras administracións públicas ou con entidades privadas sen ánimo de lucro, dotados de personalidade xurídica propia e de capacidade para o cumprimento dos seus fins específicos, que veñen determinados nos seus estatutos.

Os consorcios aparecen regulados nos artigos 57 e 87 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e os artigos 149 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Este consorcio local nace co obxecto de articular a cooperación das administracións integrantes para o desenvolvemento do Plan de Dinamización Turística da Ribeira Sacra.

Examinado o texto dos estatutos que rexerán o Consorcio Turismo Ribeira Sacra, constátase que a súa aprobación se realizou conforme o disposto nos artigos 150 e seguintes, así como o 137 e seguintes, da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites que a continuación se indican:

Primeiro.-Por acordos plenarios dos concellos de Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Quiroga, Paradela, todos eles da provincia de Lugo, e os concellos da Peroxa, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, Montederramo, Xunqueira de Espadanedo e Esgos, todos eles da provincia de Ourense, iniciáronse as xestións para a creación do Consorcio e designáronse os respectivos representantes para formar parte da Comisión Xestora.

Segundo.-Con data 10 de xaneiro de 2005, a Comisión Xestora aprobou inicialmente o proxecto de estatutos do consorcio.

Terceiro.-Con data do 3 de febreiro, a Asemblea, formada polos concelleiros dos vinte concellos, aprobou provisionalmente o antedito proxecto.

Cuarto.-Os estatutos foron expostos a información pública durante o prazo dun mes, mediante anuncios publicados nos boletíns oficiais das provincias de Lugo (nº 38, do 17 de febreiro de 2005) e Ourense (nº 41, do 21 de febreiro de 2005), e non se formularon alegacións ao respecto.

Quinto.-Con data 5 de abril, a Dirección Xeral de Administración Local emitiu informe sobre o contido dos estatutos, de conformidade co previsto no artigo 140.2º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Sexto.-Deuse cumprimento ao trámite previsto no artigo 140.1º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no que se refire ás deputacións provincias de Ourense e de Lugo.

Sétimo.-Por acordos plenarios dos vinte concellos interesados, aprobáronse definitivamente os estatutos.

Oitavo.-O presidente da Comisión Xestora do Consorcio, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local do 31 de maio de 2005, remite unha copia do texto dos estatutos para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo isto, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local

DISPÓN:

A publicación dos estatutos do Consorcio Turismo Ribeira Sacra no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 141.2º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo desta orde.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2005.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local

Estatutos do Consorcio Turismo Ribeira Sacra

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Composición e denominación do consorcio.

1. Os concellos de Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Quiroga, Paradela, todos eles da provincia de Lugo, e os concellos da Peroxa, Nogueira de Ramuín, Parada do Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, Montederramo, Xunqueira de Espadanedo e Esgos, todos eles da provincia de Ourense, constitúen un consorcio local, sen prexuízo de que no futuro se poidan incorporar outras administracións públicas ou entidades privadas sen ánimo de lucro conforme as previsións estatutarias, de conformidade co establecido nos artigos 37 a 40 do Regulamento de servizos das corporacións locais, aprobado por Decreto do 17-6-1955; artigos 3, 26, 47.3º b), 57, 85 e 87 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; artigos 35, 36 e 110 do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local; artigo 7 da Lei 30/1992,

do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; artigos 2 ao 6, 8, 137 e seguintes, 149 ao 152 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. Recibe a denominación de Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.

3. Os estatutos determinan as particularidades do seu réxime orgánico, funcional e financeiro.

Artigo 2º.-Natureza e principios de actuación.

1. Servirá con obxectividade os intereses públicos, actuando conforme os principios de eficacia e servizo aos cidadáns, descentralización, desconcentración e coordinación, con autonomía propia e sometemento pleno á lei e ao dereito.

2. Conforme os criterios de reciprocidade nas súas relacións con outras administracións públicas, rexerase polos principios de colaboración, cooperación, auxilio e respecto aos respectivos ámbitos de competencias.

3. Na súa calidade de ente público local de base asociativa, goza da condición de entidade local non territorial, con personalidade xurídica propia e plena capacidade xurídica e de obrar para crear, instalar ou xestionar servizos e actividades de interese local e común, para realizar e conseguir as finalidades públicas que constitúen o seu obxecto, entendendo como servizos públicos locais cantos tendan á consecución dos fins sinalados como da competencia das entidades consorciadas.

4. En consecuencia, para o cumprimento do seu obxecto e fins e o ámbito das súas competencias, de acordo coa Constitución e as leis, terá plena capacidade xurídica para adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar ou allear toda clase de bens, formalizar contratos, establecer e explotar obras, servizos ou actividades públicas, obrigarse, interpoñer os recursos establecidos e exercer as accións previstas nas leis.

5. Poderá utilizar calquera das formas de xestión de servizos, directa ou indirecta, previstas na lexislación de réxime local, substituíndo as entidades consorciadas.

6. No ámbito das súas competencias correspóndelle a potestade regulamentaria e de autoorganización, programación e planificación. A potestade tributaria refírese só ao establecemento de taxas, contribucións especiais e prezos públicos; a expropiatoria, só a poderán exercer outras entidades territoriais en beneficio e por instancia do consorcio.

Artigo 3º.-Domicilio.

1. Inicialmente, mentres non dispoña de locais propios, o domicilio do consorcio e os seus servizos xerais estarán no municipio do alcalde que exerza a presidencia, ou en calquera outro que acorde o pleno.

2. Non obstante, o pleno, ou calquera outro órgano complementario, poderá realizar as súas sesións en calquera das sedes das entidades consorciadas ou das instalacións afectas aos servizos que preste.

3. O pleno poderá modificar o domicilio, o cal se lles notificará a todos os entes consorciados, facéndose público no BOP, no Diario Oficial de Galicia, e nun xornal de gran difusión, e comunicaráselle á Administración estatal e autonómica.

4. Os servizos especializados do consorcio poderán instalarse en calquera dos concellos consorciados, segundo acordo do pleno.

Artigo 4º.-Duración.

Establécese con carácter voluntario, e constitúese por un período de tempo indefinido, e mentres subsistan as competencias das entidades consorciadas e o obxecto e fins de interese común e público encomendados.

Artigo 5º.-Obxecto e fins.

1. Constitúeno:

a) Planificar, xestionar, e promocionar o desenvolvendo turístico da zona, desenvolvendo o Plan de Dinamización Turística da Ribeira Sacra coma elemento vertebrador do espazo turístico que constitúe o ámbito do consorcio.

b) Fomentar e desenvolver actuacións e actividades en materia turística coordinado todos os esforzos e iniciativas que se realicen cunha visión de conxunto no ámbito do consorcio.

c) Potenciar a reorganización e modernización das empresas turísticas da zona, así como impulsar a instalación de novas empresas, baixo os estándares de calidade turística.

d) Promover o desenvolvemento, a modernización e a adaptación ao mercado e as innovacións tecnolóxicas das empresas turísticas da zona.

e) Fomentar a promoción turística e as actuacións de posta en valor e de dinamización do sector turístico da zona.

f) Formar e capacitar os recursos humanos dispoñibles e interesados no sector turístico da zona.

g) Mellorar, complementar e aumentar a oferta turística existente na zona, sempre baixo un criterio de calidade e sustentabilidade.

h) Realizar os estudos necesarios para o correcto desenvolvemento dun turismo respectuoso co contorno económico, cultural e natural da Ribeira Sacra, propoñendo cantas normativas de uso e xestión do patrimonio natural e cultural sexan convenientes e que apoien as dinámicas de desenvolvemento baseadas na sustentabilidade do territorio.

i) Obras, xestión e execución de plans, programas ou proxectos de interese público e común para as entidades consorciadas, así como a obtención, xestión e investimento dos correspondentes fondos, en materia de políticas de desenvolvemento rexional, social, agrícola, ambiental, no marco de iniciativas europeas, nacionais, autonómicas ou locais, e doutros entes, institucións ou entidades, públicas ou privadas.

j) Asumir a execución de obras, plans, programas ou proxectos, que as entidades consorciadas ou outras administracións públicas acorden encomendarlle, para a xestión de servizos e actividades de interese público e común, así como a súa instalación e prestación, ben sexa de xeito parcial ou integral.

k) A competencia consorcial poderá estenderse a outras obras, plans, programas ou proxectos para a consecución e prestación de servizos e actividades con finalidades de interese público, que interesen en común á pluralidade dos membros asociados.

l) A competencia consorcial pode abranguer todas as competencias que determinan os artigos 25/28 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e o artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; e máis concretamente as seguintes:

I) Conservación do patrimonio histórico-artístico da Ribeira Sacra.

II) Protección do medio ambiente da Ribeira Sacra.

III) Actividades ou instalacións culturais e deportivas e ocupación do tempo libre.

Artigo 6º.-Réxime xurídico.

1. O consorcio réxese polo dereito administrativo.

2. En materia de procedemento administrativo será aplicable a todas as actuacións do consorcio a lexislación vixente do réxime local e do réxime xurídico das administracións públicas, que se desenvolverá conforme os principios de racionalidade, economía e eficiencia da xestión.

3. Os acordos e resolucións do consorcio serán impugnables en vía administrativa e xurisdicional, de conformidade co establecido na lexislación de réxime local e xeral.

4. A publicación dos acordos e resolucións do consorcio farase nos boletíns e diarios oficiais en que legalmente proceda.

Artigo 7º.-Quórum especial.

Cando, en virtude de disposicións legais ou destes estatutos, se exixa quórum especial de maioría absoluta do número legal de votos asignados aos membros do pleno e do número de representantes das entidades consorciadas, na adopción de acordos polo dito órgano, entenderase que existe aquela cando os votos favorables sumen máis da metade do total de votos asignados ao pleno, así como o voto favorable da metade máis un do número de representantes das entidades consorciadas.

TÍTULO I

Réxime orgánico

Capítulo I

Da organización

Artigo 8º.-Órganos de xestión e goberno.

Rexen o consorcio os seguintes órganos de xestión e goberno:

a) O Consello Reitor.

b) O presidente.

c) O vicepresidente/s.

Artigo 9º.-O Consello Reitor. Composición.

1. O Consello Reitor, supremo órgano de goberno do consorcio, ao que personifica e representa con

carácter de corporación de dereito público, está integrado polos alcaldes ou membros da corporación nos cales deleguen, das entidades locais consorciadas.

2. Asistirán ás xuntanzas do pleno, con voz pero sen voto, o secretario e o interventor do consorcio, así como, cando sexa requirido para iso, o xerente, ou calquera outro persoal especializado na materia que se vaia tratar.

3. A cada entidade consorciada corresponderalle o mesmo número de votos que o número legal de membros da súa corporación.

Na súa aplicación, cada un dos membros consorciados disporá do seguinte número de votos no pleno ou consello de dirección:

MunicipioHabitantes

concelleiros

Porcentaxe

A Pobra do Brollón2.609115.1886

Portomarín2.063115.1886

Taboada4.180115.1886

Chantada9.765136.1320

Carballedo3.173115.1886

O Saviñao4.826115.1886

Pantón3.469115.1886

Sober3.077115.1886

Monforte de Lemos19.870178.0188

Ribas de Sil1.44194.2452

Quiroga4.255115.1886

Paradela2.603115.1886

TOTAL LUGO61.56113865.0934

A Peroxa2.571115.1886

Nogueira de Ramuín2.621115.1886

Parada do Sil89673.3018

A Teixeira57673.3018

Castro Caldelas1.90994.2452

Xunqueira de Espadanedo1.09994.2452

Esgos1.31794.2452

Montederramo1.26694.2452

TOTAL OURENSE12.2557233.9616

TOTAL73.58621099.055

4. Os votos correspondentes ás entidades consorciadas serán actualizados cada vez que varíe o número de membros das corporacións locais.

5. As actualizacións previstas no número anterior non terán a consideración de modificacións estatutarias, e, polo tanto, non se requirirá seguir o procedemento previsto nestes estatutos para a súa modificación.

Artigo 10º.-Duración do mandato.

O mandato de cada representante municipal no consorcio rematará cando deixe de ser membro da corporación que representa, ou ben, cando o Pleno do ente local que lle outorgou a representación proceda a retirárllela ao representante en cuestión, e sexa así notificado ao consorcio, por parte dese ente local. Non obstante, ao finalizar o mandato de catro anos ao que se refire a Lei de réxime local, o representante cesante

continuará nas súas funcións soamente para a administración ordinaria ata a toma de posesión do seu sucesor. No caso de extinguirse o consorcio, extinguirase tamén o mandato.

Artigo 11º.-Elección e cesamento do presidente.

1. O presidente e o vicepresidente serán designados polo Pleno do Consello Reitor, conforme o quórum especial de maioría absoluta establecido polo artigo 7º, polo tempo que queda deste mandato electoral. Logo, no seguinte mandato electoral procederase a elixir novamente este cargo. Cesarán nos seus cargos se se producise algunha das seguintes circunstancias:

a) Cesamento das súas funcións polo pleno, co quórum especial de maioría absoluta do artigo 7º.

b) Renovación da corporación que representan.

c) Perda da condición de membro da corporación que representan.

2. Unha vez que o presidente e o vicepresidente finalicen o seu mandato, continuarán exercendo as súas funcións para a administración ordinaria ata que o pleno designe os que os substitúan.

Artigo 12º.-Competencias do presidente e do vicepresidente.

1. O presidente do Consello Reitor, que será tamén o do consorcio posúe, en todo caso, as seguintes atribucións:

a) Dirixir o goberno e a administración, velando polo cumprimento dos estatutos.

b) A representación legal e a sinatura de cantos documentos públicos ou privados sexan necesarios ou útiles para o cumprimento dos seus fins.

c) Convocar e presidir as sesións do pleno, agás os supostos previstos na lexislación do réxime local, e de calquera outro órgano do consorcio, e decidir os empates con voto de calidade.

d) Dirixir, inspeccionar e impulsar as obras, servizos e actividades, xestionando con entidades públicas e privadas a resolución dos problemas que o afecten, ordenando os informes, estudos e consultas pertinentes.

e) Ditar bandos.

f) O desenvolvemento da xestión económica de acordo co orzamento aprobado, dispoñer gastos dentro dos límites da súa competencia, concertar operacións de crédito, con exclusión das recollidas no artigo 177 do texto refundido da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais; ordenar pagamentos e render contas; todo isto de conformidade co disposto no texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

g) Aprobar a oferta de emprego público de acordo co orzamento e o cadro de persoal aprobados polo pleno, aprobar as bases das probas para a selección do persoal e para os concursos de provisión de postos de traballo e distribuír as retribucións complementarias que non sexan fixas e periódicas.

h) Desempeñar a xefatura superior de todo o persoal e acordar o seu nomeamento e sancións, incluída a separación do servizo do persoal do consorcio e o despedimento do persoal laboral, dando conta ao pleno, nestes dous últimos casos, na primeira sesión que realice. Esta atribución entenderase sen prexuízo do

disposto nos artigos 99.1º e 3º da Lei reguladora das bases de réxime local.

i) O exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa do consorcio nas materias da súa competencia, incluso cando as tivese delegado noutro órgano, e, en caso de urxencia, en materias da competencia do pleno, neste suposto dándolle conta a este na primeira sesión que realice para a súa ratificación.

j) A iniciativa de lle propoñer ao pleno a declaración de lesividade en materias da súa competencia.

k) Adoptar persoalmente, e baixo a súa responsabilidade, en caso de catástrofe ou de infortunios públicos e grave risco destes, as medidas necesarias e axeitadas, dándolle conta inmediata ao pleno.

l) As contratacións e concesións de toda clase cando o seu importe non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento nin, en calquera caso, os 60.000 euros; incluídas as de carácter plurianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de todas as súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referida aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, nin a contía sinalada.

m) A aprobación dos proxectos de obras e de servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e estean previstos no orzamento.

n) A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento nin os 3.000.000 de euros, así como alleamento do patrimonio, para bens inmobles e mobles, sempre que estea previsto no orzamento.

ñ) Ordenar a publicación, execución e facer cumprir os acordos do consorcio.

o) As demais que expresamente lle atribúan as leis e aquelas que a lexislación do Estado ou das comunidades autónomas lles asignen aos consorcios, e non lles atribúan a outros órganos deste.

p) A organización e o control dos servizos administrativos e técnicos do consorcio, así como dirixir, impulsar e inspeccionar todas as obras, servizos e actividades deste.

q) Presentarlle ao pleno os estudos, proxectos e iniciativas de interese para o consorcio, o plan de xestión dos servizos e actividades, así como o estudo, preparación e ditame dos asuntos dos que, por razón da materia, a súa resolución lle incumba ao pleno.

r) O desempeño das tarefas ordinarias do consorcio, así como a aprobación dos actos necesarios para o seu funcionamento.

s) Coordinar as tarefas do consorcio cos servizos municipais directa ou indirectamente relacionados coa competencia consorcial.

t) As funcións que para o desenvolvemento dos servizos lle delegue o pleno.

u) Calquera outra función non atribuída aos demais órganos de goberno e administración do consorcio.

2. En caso de ausencia, enfermidade, incapacidade ou vacante do presidente, serán exercidas as súas funcións polo vicepresidente.

3. O presidente pode delegar no vicepresidente ou no pleno o exercicio das súas atribucións, agás as de convocar e presidir as sesións do pleno, decidir

os empates co voto de calidade, a concertación das operacións de crédito, a xefatura superior de todo o persoal, a separación do servizo deste e o despedimento do persoal laboral, e as enunciadas nas alíneas a), e), i), j), k) e t) do número 1 deste artigo.

4. O presidente poderá, así mesmo, conferir as delegacións especiais para encargos específicos, a favor de calquera membro do consorcio. O acordo de delegación determinará os asuntos que esta comprenda, as potestades que se delegan e as condicións concretas do seu exercicio.

Artigo 13º.-Competencias do pleno do Consello Reitor.

Corresponderanlle ao pleno, para o desenvolvemento e xestión das actividades e servizos determinados polo obxecto e fins do consorcio, as seguintes atribucións:

a) O control e a fiscalización dos demais órganos de goberno.

b) Os acordos relativos á participación en organizacións supramunicipais; alteración do domicilio, dos seus servizos xerais e os especializados; así como cambio da súa denominación.

c) A aprobación do regulamento orgánico e das ordenanzas ou regulamentos ou, de ser o caso, a proposta destas ás entidades consorciadas, así como a creación e regulación de órganos complementarios.

d) A determinación dos recursos propios de carácter tributario; a aprobación e modificación dos orzamentos; a disposición de gastos en materia da súa competencia e a aprobación das contas; todo isto de acordo co disposto no texto refundido da Lei de facendas locais.

e) A aprobación dos plans, programas e proxectos, así como a forma de xestión dos servizos e actividades.

f) A aceptación da delegación de competencias feita por outras administracións públicas.

g) A presentación de conflitos de competencias a outras entidades locais e demais administracións públicas.

h) A aprobación do cadro de persoal e da relación de postos de traballo, a fixación da contía das retribucións do persoal, e o número, características e retribucións do persoal eventual.

i) O exercicio de accións xudiciais e administrativas do consorcio en materias de competencia do pleno ou consello de dirección.

j) Coñecer e resolver as reclamacións que formulen as entidades consorciadas, así como a declaración de lesividade dos actos do consorcio.

k) A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público.

l) A concertación das operacións de crédito a contía acumulada das cales, dentro de cada exercicio económico, exceda do 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento -agás as de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento supere o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior- todo isto de conformidade co disposto no texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

ll) As contratacións e concesións de toda clase cando o seu importe supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento e, en calquera caso, os 60.000 euros, así como os contratos e concesións plurianuais cando a súa duración sexa superior a catro anos e os plurianuais de menor duración cando o importe acumulado de todas as súas anualidades supere a porcentaxe indicada, referida aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio e, en todo caso, cando sexa superior á contía sinalada nesta alínea.

m) A aprobación dos proxectos de obras e servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión, e cando aínda non estean previstos nos orzamentos.

n) A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento e, en todo caso, cando sexa superior a 3.000.000 de euros, así como os alleamentos patrimoniais e gravame de bens e dereitos dos que o consorcio sexa titular.

ñ) A aprobación das directrices e normas de réxime interno, dos plans e programas anuais de goberno, administración e dirección do consorcio.

o) A elección de entre os seus membros, de presidente e vicepresidente do consorcio, e o seu cesamento, así como a determinación dos representantes das entidades consorciadas que, se é o caso, desenvolvan as súas responsabilidades en réxime de dedicación exclusiva ou parcial.

p) A aprobación da modificación dos estatutos, e a proposta de modificación destes ás entidades consorciadas.

q) A aprobación do regulamento dos servizos que preste o consorcio, será remitido aos entes consorciados para o seu coñecemento, así como a adopción da forma concreta de xestión dos servizos da súa competencia.

r) A proposición ás entidades consorciadas das ordenanzas fiscais, elementos tributarios, taxas, prezos públicos e tarifas que fosen procedentes en relación coas finalidades do consorcio.

s) Aprobar o inventario de bens e dereitos e a memoria anual, dando conta diso ás entidades consorciadas.

t) A fixación das contribucións, sexan ordinarias ou extraordinarias, que obrigatoriamente teñan que efectuar as entidades consorciadas para o sostemento do consorcio.

u) Propoñer e aprobar a adhesión ou incorporación ao consorcio de novas entidades locais, doutras administracións públicas ou de entidades privadas sen ánimo de lucro, así como a separación dos que o integran.

v) A proposta de disolución do consorcio.

w) Determinar o número de votos que lle correspondan a cada representante dos entes consorciados de conformidade co disposto no artigo 9º.

x) Aquelas outras que deban corresponder ao pleno ou consello de dirección por exixir a súa aprobación unha maioría especial.

y) Calquera outra que se someta á súa consideración por entender que afectan de modo relevante os intereses comúns, e as demais que expresamente lle confiran as leis.

z) O Pleno pode delegar as súas atribucións no presidente conforme o disposto no artigo 22.4º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Capítulo II

Do persoal

Artigo 14º.-Persoal ao servizo do consorcio.

O persoal será propio ou adscrito, e estará constituído:

a) Secretario, interventor e tesoureiro, nomeados conforme o disposto no artigo seguinte.

b) Xerente.

c) Persoal laboral.

d) De ser o caso, persoal eventual.

Artigo 15º.-Secretario, interventor e tesoureiro.

1. As funcións de secretario e interventor, do consorcio serán exercidas polos habilitados nacionais, de acordo coa normativa que regula os ditos corpos e as competencias delegadas na Xunta de Galicia en relación con eles.

2. As funcións de tesoureiro/a serán exercidas por un membro designado polo Pleno do Consello Reitor, e por maioría absoluta, de entre os membros que representan as entidades locais consorciadas.

Artigo 16º.-O xerente.

1. Por proposta da presidencia, o pleno nomeará un xerente. O dito posto de traballo, sometido á lexislación laboral, terá que ser desempeñado por persoa con formación e titulación axeitada que a capacite para realizar as funcións propias do posto. Acadará este cargo con suxeición aos principios de capacidade, méritos, publicidade e igualdade. Tamén queda aberta a posibilidade de que esta figura non sexa exercida por persoa física, si por persoa xurídica, quedando sometida aos principios da contratación administrativa, a súa contratación.

2. Son funcións do xerente:

a) Velar e facer cumprir os acordos e resolucións dos órganos de goberno do consorcio.

b) Dirixir e coordinar a actuación do consorcio, de conformidade cos regulamentos aprobados e as directrices dos órganos de goberno.

c) Vixiar, fiscalizar, supervisar, impulsar, e inspeccionar as obras, o funcionamento dos servizos, actividades, dependencias e persoal ao seu cargo.

d) Asistir con voz e sen voto, cando sexa requirido para iso, ás sesións do pleno e demais órganos de goberno.

e) Elaborar e propoñer proxectos, plans de actuación de xestión dos servizos e actividades e programas de necesidades do consorcio.

f) Asistencia técnica ao presidente e órganos de goberno.

g) Emitir informe sobre os asuntos que deban tratarse nas sesións dos órganos de goberno, sen prexuízo das funcións asesoras que correspondan á secretaría e intervención do consorcio.

h) Elaborar o anteproxecto do orzamento, e a programación plurianual, así como a memoria anual de rendición de contas.

i) Supervisar a xestión económica e administrativa do consorcio, axustándose ás normas que exixe a súa natureza pública.

j) Promover os expedientes de contratación de toda clase, de obras, servizos, e subministración.

k) Formular as propostas de gastos correntes, así como de contribucións económicas das entidades consorciadas.

l) Elevar anualmente ao pleno unha memoria das actividades do consorcio.

ll) Propoñer as medidas e reformas que considere convenientes para o mellor cumprimento do obxecto e fins do consorcio.

m) Manter un contacto permanente cos responsables executivos e técnicos das institucións e entidades integrantes do consorcio, co fin de garantir a máxima coordinación funcional.

n) As demais que lle sexan encomendadas polos órganos de goberno.

Artigo 17º.-Persoal laboral e eventual.

1. O resto do persoal que precise o consorcio estará sometido ao réxime de dereito laboral. O número de postos de traballo e as funcións atribuídas a cada un deles serán as que se determinen no cadro de persoal e relación de postos de traballo, axustándose a súa selección ao disposto para as corporacións locais.

2. Poderase nomear persoal eventual, na forma establecida polos artigos 104 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e 250 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 18º.-Persoal adscrito.

Integran o persoal adscrito o persoal laboral das entidades consorciadas que presten os seus servizos no consorcio, de acordo coa normativa vixente de aplicación a esta clase de persoal.

TÍTULO II

Réxime funcional

Artigo 19º.-Réxime de funcionamento.

1. O réxime de sesións e acordos do consorcio e, en xeral, o seu funcionamento acomodarase ao disposto na lexislación de réxime local, en canto lle sexa aplicable, para os plenos municipais, sen prexuízo das particularidades derivadas da organización propia do consorcio.

2. Subsidiariamente aplicaranse as disposicións da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 20º.-Sesións do Pleno do Consello Reitor.

1. O pleno realizará reunión ordinaria, como mínimo, unha vez cada dous meses, e extraordinaria cando así o decida o presidente ou o solicite, polo menos, a cuarta parte dos seus membros que representen, polo menos, a cuarta parte dos votos; neste caso, o presidente deberá convocar a reunión solicitada dentro dos catro días seguintes ao da presentación da solicitude, e a súa realización non poderá demorarse por máis de 15 días desde que fose solicitada.

2. O presidente poderá dispoñer que asistan ás sesións os técnicos ou persoal especializado que conveña oír nalgún asunto determinado.

3. O quórum para a válida realización das sesións en primeira convocatoria será a maioría absoluta do número legal de membros e de votos das entidades que integran o consorcio.

4. As sesións realizaranse en segunda convocatoria media hora despois da determinada para a primeira, sempre que se encontren presentes cando menos un terzo do número legal de membros e dispoñan dun terzo do número de votos. Este quórum deberá manterse durante toda a sesión. En todo caso requírese a asistencia do presidente e do secretario ou de quen legalmente os substitúa.

Artigo 21º.-Réxime de acordos.

1. Os acordos do Pleno do Consello Reitor adoptaranse por maioría simple dos votos dos membros presentes. En casos de empate, procederase segundo o disposto pola normativa aplicable de réxime local.

2. Cando, en virtude de disposicións legais ou destes estatutos, se exixa quórum especial de maioría absoluta do número legal de votos asignados aos membros do pleno e do número de representantes das entidades consorciadas, na adopción de acordos polo dito órgano, entenderase que existe aquela cando os votos favorables sumen a metade máis un do total de votos asignados ao pleno, ou metade máis un do número de representantes das entidades consorciadas.

3. Será preciso quórum especial de maioría absoluta do número legal de votos asignados aos membros do pleno ou consello de dirección e do número de representantes das entidades consorciadas, para a validez dos acordos do pleno ou consello de dirección, que se adopten nas materias seguintes:

a) Aprobación e modificación do regulamento orgánico propio do consorcio.

b) Liquidación ou disolución do consorcio.

c) Separación de entidades consorciadas.

d) Adhesión de novos membros.

e) Modificación dos estatutos.

f) Aceptación das delegacións ou encomendas de xestión realizadas por outras administracións.

g) A aprobación do regulamento dos servizos que preste o consorcio.

h) Concesión de bens e servizos por máis de cinco anos, sempre que a súa contía exceda do 20 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento.

i) A actualización dos votos que corresponden a cada un dos membros do consorcio, conforme o previsto no artigo 9º, de existiren variacións no voto ponderado.

j) Aprobación da forma concreta de xestión do servizo correspondente.

k) Aprobacións de operacións financeiras ou de crédito e concesións de quitacións ou esperas, cando o seu importe supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do seu orzamento, así como as operacións de crédito previstas no artigo 177 do R.D.L. 2/2004, polo que se aproba o texto refundido da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais.

l) Imposición e ordenación dos recursos propios de carácter tributario.

ll) Alleamento de bens, cando a súa contía exceda do 20 por 100 dos recursos ordinarios do seu orzamento.

m) Alteración da cualificación xurídica dos bens demaniais.

n) Cesión gratuíta de bens a outras administracións ou institucións públicas.

ñ) As restantes determinadas pola lei.

4. O anterior enténdese sen prexuízo de que se requira outro quórum específico ou cualificado para a adopción de acordos conforme a lexislación xeral de réxime local.

Artigo 22º.-Obrigatoriedade.

As decisións e acordos do consorcio obrigarán por igual a todas as entidades consorciadas.

TÍTULO III

Réxime económico, financeiro e contable

Artigo 23º.-Recursos do consorcio.

1. A facenda do consorcio estará constituída polos seguintes recursos:

a) Ingresos procedentes do seu patrimonio e demais de dereito privado.

b) Subvencións e outros ingresos de dereito público.

c) As subvencións, contribucións, e transferencias de calquera entidade pública ou privada, incluíndo os fondos estruturais, de cohesión, ou calquera outro, procedentes da Unión Europea, tales como Feder, FEOGA, FSE, que coadxuven ao obxecto e fins relacionados no artigo 5º.

d) Subvencións a fondo perdido, que poden ser outorgadas pola Xunta de Galicia, nos termos establecidos polo artigo 252 b) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

e) As contribucións económicas ordinarias ao orzamento por parte das entidades consorciadas.

f) As taxas e prezos públicos que se establezan para a prestación de servizos ou realización de actividades da súa competencia.

g) Contribucións especiais pola execución de obras ou polo establecemento, ampliación ou mellora de servizos da competencia das entidades consorciadas.

h) O produto das operacións de crédito.

i) Outros recursos que a lexislación de facendas locais recoñece a favor das entidades locais.

j) As demais prestacións de dereito público.

2. Tamén constituirán recursos do consorcio as contribucións económicas extraordinarias das entidades consorciadas.

3. Son aplicables aos recursos do consorcio o disposto na Lei de facendas locais, respecto aos recursos dos concellos, coas particularidades propias do seu obxecto e fins.

4. O réxime financeiro do consorcio non alterará o propio dos concellos que o integran.

Artigo 24º.-Xestión, liquidación, inspección e recadación de tributos.

A xestión, liquidación, inspección e recadación dos tributos que estableza o consorcio realizaranse de acordo co previsto na Lei xeral tributaria e nas demais

leis do Estado reguladoras da materia, así como as disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 25º.-Infraccións, sancións e recargas.

Será aplicable aos tributos que estableza o consorcio o réxime de infraccións, sancións e recargas regulado na Lei xeral tributaria e nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 26º.-Contribucións económicas ordinarias.

1. As contribucións económicas ordinarias anuais de cada entidade consorciada calcularanse en función da poboación de cada concello resultante do último padrón aprobado o 31 de decembro, segundo datos oficiais proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística.

2. Para o ano 2005, as porcentaxes provisionais de contribución, correspóndense cos datos achegados polo INE, referidos á poboación de cada un dos concellos o 31-12-2003.

Municipio

Habitantes

Porcentaxe

Orzamento plan

dinamizador/

980.000 euros

A Pobra do Brollón2.6093,5344634.637,75

Portomarín2.0632,7947827.388,91

Taboada4.1805,6627255.494,74

Chantada9.76513,22883129.642,62

Carballedo3.1734,2985242.125,56

O Saviñao4.8266,537864.071,20

Pantón3.4694,6995246.055,33

Sober3.0774,1684740.851,04

Monforte de Lemos19.87026,91828263.799,08

Ribas de Sil1.4410,5974319.131,08

Quiroga4.2555,7643356.490,46

Paradela2.6033,5263334.558,09

TOTAL LUGO61.56183,39790814.245,86

A Peroxa2.5713,4829834.133,25

Nogueira de Ramuín2.6213,5507234.797,06

Parada de Sil8961,2138211.895,52

A Teixeira5760,780317.647,12

Castro Caldelas1.9092,5861625.344,37

Xunqueira de Espadanedo1.0991,4888314.590,60

Esgos1.3171,7841617.484,83

Montederramo1.2661,7150716.807,74

TOTAL OURENSE12.25516,60210162.700,50

TOTAL73.816100,00000976.946,36

3. Para a determinación das porcentaxes e contribucións do ano 2004, e dos sucesivos, procederase ao seu cálculo en función da poboación de cada concello, na forma prevista nas epígrafes anteriores, o que será aprobado polo pleno.

Artigo 27º.-Financiamento dos servizos e das actividades.

Para a execución das obras e a prestación de servizos e actividades redactarase o correspondente proxecto, memoria valorada e informe técnico, determinándose o sistema de financiamento que proceda, en consonancia cos recursos sinalados nestos estatutos.

Artigo 28º.-Aprobación do orzamento.

1. O consorcio aprobará anualmente un orzamento único, comprensivo das obrigas que, como máximo, poderá recoñecer durante o correspondente exercicio económico, e dos dereitos que se prevexan liquidar no mesmo período.

2. O dito orzamento axustarase no seu contido, estrutura, tramitación e aprobación ao establecido pola Lei de facendas locais e disposicións que a desenvolvan.

Artigo 29º.-Previsión dos gastos e ingresos.

1. Todas as contribucións económicas ordinarias, referidas no punto 1 do artigo anterior, serán efectuadas polas entidades consorciadas mediante entregas periódicas, que se ingresarán con anterioridade ao último día de cada trimestre natural, á tesouraría do consorcio, ou en calquera outro prazo fixado por acordo do pleno.

2. En caso de que as entregas referidas no punto anterior non se efectúen nos prazos previstos, co obxecto de regularizar os ingresos das contribucións das entidades consorciadas, estas:

a) Facultan o presidente do consorcio para que, transcorrido o prazo para o ingreso das contribucións das entidades consorciadas, e acreditada a débeda polo seu secretario, logo de informe da tesouraría e da intervención, poida dirixirse á Administración central ou á Comunidade Autónoma para a retención dos fondos ou cotas pendentes con cargo ás cantidades que por calquera concepto fosen liquidadas a favor da entidade consorciada debedora, por igual importe ao das contribucións non satisfeitas trimestralmente, para o seu ingreso na facenda do consorcio.

b) Recoñécenlles ás deputacións provinciais de Lugo e Ourense, a facultade de reter o importe das cantidades debidas con calquera crédito que a favor da entidade consorciada se dispoña na corporación provincial, transferindo as ditas cantidades ao consorcio. Esta retención solicitaraa o presidente do consorcio, sinalando o importe da débeda e data de vencemento, que deberán acreditarse mediante certificación da secretaría, logo dos informes do tesoureiro e interventor, sobre o importe pendente de ingresar.

3. Nos casos previstos no número anterior deste artigo, con carácter previo, darase audiencia á entidade afectada, requiríndolle de pagamento por prazo de dez días.

4. No suposto de que algunha entidade consorciada lle debese ao consorcio dous trimestres da súa contribución, a presidencia procederá a ditar resolución, logo de audiencia ao afectado, pola que se acorde deixar de prestar os servizos e actividades.

5. O mesmo réxime dos puntos anteriores aplicarase ás contribucións económicas extraordinarias, que se terán que ingresar na tesouraría do consorcio no prazo máximo dun mes desde a notificación do pertinente acordo do pleno.

6. As contribucións das entidades consorciadas consideraranse ingresos de carácter público do consorcio para todos os efectos legais.

Artigo 30º.-Demora no ingreso de contribucións.

As cantidades que non fosen ingresadas na tesouraría do consorcio na data de vencemento fixada no artigo anterior, incrementaranse en proporción ao tempo transcorrido ata o seu pagamento efectivo coa cantidade que resulte de aplicar o xuro de demora fixado pola Lei de orzamentos xerais do Estado para o exercicio correspondente.

Artigo 31º.-Xestión orzamentaria.

Será igualmente aplicable o disposto polo texto refundido da Lei de facendas locais, en materia de créditos e as súas modificacións, xestión e liquidación do orzamento, coas peculiaridades propias do consorcio.

Artigo 32º.-Tesouraría do consorcio.

A tesouraría do consorcio rexerase polo disposto no texto refundido da Lei de facendas locais e, en canto lle sexa de aplicación, polas normas do título V da Lei xeral orzamentaria.

Artigo 33º.-Contabilidade.

O consorcio levará a súa contabilidade de conformidade coa instrución de contabilidade para a Administración local ordinaria.

Artigo 34º.-Rendición de contas.

O consorcio, coas peculiaridades derivadas da súa finalidade e estrutura orgánica, elaborará e renderá as contas anuais nos termos sinalados polos artigos 200 e seguintes do texto refundido da Lei de facendas locais.

Artigo 35º.-Fiscalización.

A xestión económica do consorcio será obxecto das fiscalizacións interna e externa reguladas polo texto refundido da Lei de facendas locais.

Artigo 36º.-Dos bens.

1. Os bens do Estado, comunidade autónoma, deputación provincial, mancomunidades, entidades consorciadas, ou calquera outra pública ou privada, adscritos ou que poidan adscribirse ao consorcio para o cumprimento dos seus fins, conservarán a súa cualificación xurídica orixinaria, correspondéndolle tan só ao consorcio a súa utilización, administración, explotación e conservación, de conformidade coas disposicións legais vixentes na materia. As facultades de disposición limitadas que lle poidan recoñecer ao consorcio sobre os bens mencionados serán as que consten nos acordos de cesión correspondentes e limitaranse sempre ás finalidades estatutarias.

2. De tales bens farase un inventario detallado.

3. Os bens adquiridos polo consorcio integraranse no seu patrimonio, ao que lle serán de aplicación as normas reguladoras do patrimonio das entidades locais e da cualificación xurídica dos seus bens.

TÍTULO IV

Modificación e disolución

Artigo 37º.-Modificación dos estatutos e disolución do consorcio.

Para a modificación dos estatutos, así como para a disolución do consorcio, seguiranse as mesmas regras e os mesmos procedementos que o establecido na lexislación estatal básica e polos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 38º.-Adhesión de novos membros.

1. A adhesión ao consorcio de novos membros deberá facerse mediante solicitude que terá que ser aprobada por todas e cada unha das entidades consorciadas, coa conseguinte modificación dos estatutos, as disposicións dos cales serán de obrigatorio cumprimento para os membros incorporados.

2. Só se poderán adherir ao consorcio outras administracións públicas e entidades privadas sen ánimo de lucro que teñan finalidades de interese público concorrentes co obxecto e fins do consorcio.

3. Calquera que sexa o momento no que se adopte o acordo de adhesión ao consorcio dunha nova entidade, esta non producirá efectos ata a entrada en vigor do orzamento do seguinte exercicio económico, agás que dispoña outra cousa o pleno.

Artigo 39º.-Separación de membros do consorcio.

1. A separación voluntaria dunha entidade do consorcio precisará os seguintes requisitos:

a) Aviso previo dun ano dirixido ao presidente.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas e compromisos anteriores respecto do consorcio e garantir o cumprimento e liquidación daquelas e estes.

2. A separación producirá efectos ao finalizar o exercicio económico no que se adoptase o correspondente acordo.

3. A separación non poderá comportar perturbación, prexuízo ou risco evidente para a realización de calquera dos servizos ou actividades do consorcio, nin prexuízo para os intereses públicos a este encomendado.

4. O pleno, co quórum especial do artigo 7º, no suposto de incumprimento de obrigas ou compromisos por algunha das entidades consorciadas, con forma motivada, poderá acordar a súa separación.

5. A separación levará consigo necesariamente a modificación dos estatutos.

Artigo 40º.-Disolución do consorcio.

1. O consorcio poderá disolverse por algunha das causas seguintes:

a) Por transformación do consorcio noutra entidade, mediante acordo do pleno, co quórum establecido no artigo 7º ratificado pola totalidade das entidades locais consorciadas.

b) Polo cumprimento da súa finalidade.

c) Por incumprimento do seu obxecto.

d) Por imposibilidade de continuar o seu funcionamento.

e) Por separación dalgún dos seus membros se con iso devén inoperante.

f) Por mutuo acordo das entidades consorciadas.

2. No caso de disolución, manterá a súa personalidade xurídica, mentres non sexa adoptado polo pleno o acordo de liquidación e distribución do seu patrimonio, que será publicado no BOP e no Diario Oficial de Galicia. Tal acordo determinará a forma pola que se procederá á liquidación dos bens do consorcio e a reversión ás entidades consorciadas das obras, instalacións, e, en xeral, dos bens propios e dos que o consorcio administrase en réxime de cesión de uso, a titularidade dos cales correspondese a outras entidades ou administracións públicas.

3. O coeficiente de participación recollido no artigo 26º, no suposto de disolucións, servirá para a distribución do patrimonio neto.

TÍTULO V

Responsabilidade

Artigo 41º.-Responsabilidade.

As entidades consorciadas responderán subsidiariamente dos actos e acordos do consorcio nas proporcións indicadas no artigo 26 dos estatutos.

Disposicións adicionais

Primeira.-O consorcio, no ámbito determinado para o seu obxecto e finalidades, ten as potestades e prerrogativas que lles corresponden aos entes locais non territoriais.

Segunda.-O custo do persoal adscrito polas entidades consorciadas poderá ser deducido das contribucións económicas ordinarias que lle corresponda aboar á entidade de orixe, na forma que se determine no acordo de adscrición.

Terceira.-Para o cumprimento dos seus fins, o consorcio poderá valerse dos servizos administrativos e técnicos de calquera das entidades locais consorciadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A entrada en vigor destes estatutos producirase, unha vez aprobados definitivamente polas entidades consorciadas, ao día seguinte da publicación do seu texto íntegro no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo da que se realice no BOP.

Segunda.-Comunicaráselle á Administración central do Estado e á Xunta de Galicia, a constitución do consorcio, para os efectos da súa inscrición nos correspondentes rexistros.