DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Mércores, 15 de xuño de 2005 Páx. 10.391

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 30 de maio de 2005 de actualización de datos e identificación de agricultores para a aplicación do réxime do pagamento único.

O réxime de pagamento único recollido no título III do Regulamento (CE) nº 1782/2003, do Consello, do 29 de setembro, preveu unha axuda única por explotación, en función dos importes recibidos polo agricultor nun período de referencia. Ademais, o Regulamento (CE) nº 795/2004, da Comisión, estableceu as disposicións de aplicación do réxime de pagamento único previsto no Regulamento anterior, permitíndolles aos Estados membros, no ano anterior ao primeiro ano de aplicación do réxime (que para España será o un de xaneiro de 2006) proceder á identificación dos agricultores beneficiarios potenciais con dereito á axuda, así como o establecemento provisional dos importes e do número de hectáreas no período de referencia conforme o cálculo establecido nos capítulos 2 e 3 do título III do Regulamento 1782/2003.

A orde APA/1171/2005, do 15 de abril, publicada no BOE nº 104, do 2 de maio, dítase con carácter de normativa básica, co fin de facilitar, antes do un de xaneiro de 2006, un coñecemento actualizado da situación.

Con base na dita normativa comunitaria e seguindo a básica estatal que ten por obxecto actualizar os datos existentes sobre os beneficiarios potenciais do réxime de pagamento único, con anterioridade ao establecemento da normativa para o seu recoñecemento provisional, esta orde desenvolve o procedemento para que os interesados dispoñan dun período no que teñan coñecemento dos datos existentes e acheguen ao Fondo Galego de Garantía Agraria, de ser o caso, as modificacións producidas con respecto a eses datos.

O dito organismo autónomo, adscrito a esta consellería, creado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro, coa denominación actual establecida pola disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, ten atribuídas, entre outras, competencias para a xestión das accións derivadas da política agrícola común (PAC), o que se desprende tamén do disposto no Decreto 128/1996, do 14 de febreiro, que desenvolve a Lei 7/1994, así como no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, de estrutura orgánica da consellería e do organismo.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde regula o procedemento para a actualización dos datos e a identificación dos agricultores que poderán acollerse ao réxime de pagamento único (RPU), segundo o artigo 33 do Regulamento (CE) nº 1782/2003, do Consello, do 29 de setembro, coa finalidade de coñecer

os elementos necesarios para o establecemento provisional dos dereitos de axuda segundo o previsto no artigo 12.2º do Regulamento (CE) 795/2004, da Comisión, do 21 de abril.

2. Esta orde será aplicable aos agricultores con explotacións agrarias situadas en Galicia que se atopen nas situacións previstas nos artigos 3º e 7º desta orde.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos do previsto nesta orde serán aplicables as definicións establecidas nos artigos 2 dos Regulamentos (CE) 1782/2003 e 795/2004.

Artigo 3º.-Agricultores que se van incluír no RPU para a atribución de dereitos de axudas non procedentes da Reserva Nacional.

De acordo co establecido no artigo 33 do Regulamento (CE) 1782/2003, poderán acollerse ao RPU:

1. Os agricultores que, no período de referencia, recibirán pagamentos directos por algún dos réximes de axuda previstos no anexo VI do dito regulamento.

2. Aqueles agricultores que cumprindo os demais requisitos e condicións previstos no RPU, recibisen a explotación ou parte dela dun agricultor dos previstos no punto 1º anterior, nalgunha das seguintes circunstancias:

a) Por herdanza ou herdanza anticipada, nos termos establecidos no artigo 33.1º b) do Regulamento (CE) 1782/2003, e no artigo 13 do Regulamento (CE) 795/2004, podéndose incluír, para os ditos efectos, os pactos sucesorios previstos no capítulo II do título VII da Lei 4/1995, do 24 de maio, do Dereito civil de Galicia, sempre que o titular da explotación a cedese a título gratuíto e por actos inter vivos a persoas que o sucedesen como herdeiros no exercicio da actividade agraria e nos seus dereitos, considerándose incluídos os usufrutuarios.

b) Por producirse un cambio na súa personalidade xurídica ou na súa denominación, nos termos establecidos no artigo 33.2º do Regulamento (CE) 1782/2003 e artigo 14 do Regulamento (CE) 795/2004.

c) Por producirse fusións ou escisións nos termos previstos no artigo 33.3º do Regulamento (CE) 1782/2003, e artigo 15 do Regulamento (CE) 795/2004.

d) Por obter unha explotación ou parte dela por compra-venda con cesión dos dereitos de axuda, nos termos previstos no artigo 17 do Regulamento (CE) 795/2004.

3. Aqueles agricultores nos que a súa produción, durante todo o período de referencia, se vise afectada por dificultades excepcionais, nos termos previstos no artigo 40 do Regulamento (CE) 1782/2003.

Artigo 4º.-Agricultores que se van incluír no RPU para os efectos de atribución de dereitos de axuda da reserva nacional.

De conformidade co previsto no artigo 42, parágrafos 3 a 5, do Regulamento (CE) 1782/2003, para os efectos da atribución de dereitos de axuda procedentes da reserva nacional, teranse en conta os seguintes supostos:

1. Os agricultores que se atopen nunha situación especial das previstas no artigo 42.4º do Regulamento (CE) 1782/2003, en relación cos artigos 18 a 23 bis do Regulamento (CE) 795/2004, que se indican:

a) Os produtores lácteos, na situación prevista no artigo 19 do Regulamento (CE) 795/2004.

b) Os agricultores que reciban terras dun agricultor falecido ou xubilado da actividade agrícola e que as tiña arrendadas a unha terceira persoa no período de referencia, na situación prevista no artigo 20 do Regulamento (CE) 795/2004.

c) Os agricultores que fixesen investimentos ou adquirisen terras, na situación prevista no artigo 21 do Regulamento (CE) 795/2004.

d) Os agricultores que arrendasen ou adquirisen terras arrendadas, na situación prevista no artigo 22 do Regulamento (CE) 795/2004.

e) Os agricultores que participasen en programas nacionais de reorientación da produción, na situación prevista no artigo 23 do Regulamento (CE) 795/2004.

f) Os agricultores lexitimados para recibir dereitos de axudas ou para aumentar o valor dos dereitos existentes en virtude de sentenza firme ou acto administrativo firme, na situación prevista no artigo 23 bis do Regulamento (CE) 795/2004, redactado conforme o artigo 1º, punto 12, do Regulamento (CE) 1974/2004, de modificación do anterior.

2. Os agricultores que iniciaron a súa actividade agraria despois do 31 de decembro de 2002, ou durante o 2002, sempre que non recibisen axudas directas nese ano e continúen, agás casos xustificados de forza maior, exercendo a actividade agraria, conforme o disposto no artigo 42.3º do Regulamento (CE) 1782/2003.

3. Os agricultores en zonas suxeitas a programas de reestruturación ou desenvolvemento relativos a algún tipo de intervención pública co obxecto de evitar o abandono de terras ou compensar desvantaxes específicas para os agricultores das ditas zonas, conforme o disposto no artigo 42.5º do Regulamento (CE) 1782/2003.

Artigo 5º.-Situación dos agricultores que iniciaron a súa actividade durante o período de referencia.

1. Se un agricultor comezou a súa actividade no período de referencia sinalado no artigo 8 desta orde, deberá comunicarlle ao Fondo Galego de Garantía Agraria, polo menos, os datos que constan no anexo I desta orde, na data establecida no artigo 10, co fin de poder determinar o importe de referencia e número de hectáreas, de ser o caso, en función do ano ou anos naturais en que exerceu a actividade no período de referencia. Ademais, a dita comunicación acreditará que exerceu a actividade agraria desde aquela data ata a data da comunicación, agás os casos de forza maior a que se refire o artigo 6.3º desta orde.

2. No caso de que o dito agricultor se atopase, ademais, na circunstancia prevista no artigo 3º.2 a) nalgunha das situacións do artigo 4º, ou en dificultades excepcionais das previstas no artigo 6º desta orde, asignaránselle as hectáreas e importes de referencia conforme o disposto nos artigos 13.4º e 18.2º do Regulamento (CE) 795/2004.

Artigo 6º.-Situación dos agricultores en dificultades excepcionais.

1. No suposto de agricultores cuxa produción, no período de referencia, se vise afectada por casos de forza maior ou circunstancias excepcionais ocorridos con anterioridade ou durante o dito período,

deberán comunicarlle ao Fondo Galego de Garantía Agraria, na data prevista no artigo 10 desta orde, polo menos, os datos que constan no anexo II, co fin de calcular o importe de referencia e o número de hectáreas que lle corresponden en función dos anos daquel período non afectados por aqueles casos ou circunstancias.

Non obstante o anterior, non se terán en conta os casos a) e b) do punto 3 deste artigo, cando se solicitasen e obtivesen axudas da PAC por outro titular, para a mesma explotación e período.

2. O punto 1 anterior aplicaráselles aos agricultores que deixaron de percibir pagamentos directos durante o período de referencia debido a estar suxeitos a compromisos ambientais.

3. Terán a consideración de casos de forza maior ou circunstancias excepcionais, as seguintes:

a) O falecemento do agricultor ou a súa desaparición.

b) Unha incapacidade laboral do agricultor de longa duración.

c) Unha catástrofe natural grave que afectase seriamente as terras agrarias da explotación.

d) A destrución accidental dos locais gandeiros da explotación ou perda accidental dos animais.

e) Unha epizootía que afectase a totalidade ou parte do gando do agricultor.

f) O sacrificio obrigatorio no marco dun programa de erradicación de enfermidades dos animais.

Artigo 7º.-Contratos de compra-venda.

1. Cando nas condicións previstas no artigo 17.1º do Regulamento (CE) 795/2004, exista un contrato de compra-venda con posterioridade ao inicio do período de referencia, o vendedor solicitará o establecemento dos dereitos de axuda conforme o disposto no artigo 17.3º, en relación co artigo 12, do citado regulamento.

Non obstante o anterior o comprador poderá solicitar, a nome do vendedor e coa súa expresa autorización a asignación das hectáreas e importes de referencia correspondentes ao contrato, para o que achegará a solicitude cos documentos que se sinalan no anexo XI desta orde.

Do mesmo xeito anterior actuarase nos casos de compra-venda de unidades de produción por parte de produtores de ovino e cabrún ou de vacas nutrices, para o que se achegará unha solicitude que conteña, polo menos, os datos e documentos que se sinalan no anexo XII desta orde.

2. Sen prexuízo do previsto nos artigos 46.3º e 42.9º do Regulamento (CE) 1782/2003, o establecemento das hectáreas, unidades de produción e importes correspondentes ao período de referencia, respecto dos contratos de compra-venda citados no punto 1 anterior, quedarán condicionados ao establecemento provisional e definitivo dos dereitos de axuda.

Artigo 8º.-Período de referencia.

1. O período de referencia comprenderá os anos naturais 2000 a 2002, coas particularidades que se prevén no anexo VII do Regulamento (CE) 1782/2003.

Non obstante o anterior, con respecto á prima láctea e pagamentos adicionais, utilizarase a cantidade

individual de referencia dispoñible na explotación a 31 de marzo de 2006.

2. No caso dos agricultores en dificultades excepcionais a que se refire o artigo 6º, puntos 1 e 2 desta orde, se a totalidade do período de referencia se vise afectado por casos de forza maior, aplicarase como período de referencia os anos 1997 a 1999.

Artigo 9º.-Comunicación de datos.

1. O Fondo Galego de Garantía Agraria enviaralles unha comunicación informativa aos agricultores sinalados no artigo 3.1º desta orde, cos datos do pagamento único.

2. No suposto de que un agricultor recibise tamén pagamentos polas axudas de anexo VI do Regulamento (CE) 1782/2003, noutra comunidade autónoma, a comunicación dos datos corresponderalle ao Fogga se a suma dos importes de referencia é maior ca correspondente á outra comunidade autónoma.

Artigo 10º.-Comunicacións para a actualización de datos.

1. Para os efectos de que, no seu momento, poidan acollerse ao RPU os agricultores sinalados no artigo 3 desta orde, agás os do punto 1 que non modificasen as súas circunstancias, aqueles deberán comunicarlle ao Fondo Galego de Garantía Agraria nos modelos segundo os casos, dos anexos III a X desta orde, os datos cos xustificantes e documentación que se indican neles, con anterioridade ao 15 de xullo de 2005, sen prexuízo do disposto para os cambios de estatuto xurídico e denominación e para as fusións e escisións, no artigo 33, puntos 2º e 3º, do Regulamento (CE) 1782/2003, e artigo 15.3º do Regulamento (CE) 795/2004, así como para as compra-vendas con dereitos de axuda, no artigo 17.1º deste último regulamento.

Así mesmo, os agricultores sinalados no artigo 3.1º desta orde que apreciasen erros ou inexactitudes nas comunicacións a que se refire o artigo anterior, solicitaranlle ao Fogga a rectificación dos datos erróneos ou inexactos, no mesmo prazo anterior, e no modelo do anexo XIII coa documentación que nel se indica.

2. Para os efectos de calcular os dereitos provisionais dos agricultores a que se refiren os artigos 5 e 6 desta orde, deberanlle comunicar ao Fondo Galego de Garantía Agraria, nos modelos dos anexos I e II, os datos e xustificantes que se indican, con anterioridade ao 15 de xullo de 2005.

3. Os agricultores que consideren estar nalgún dos supostos a que se refire o artigo 4 desta orde, comunicaranlle ao Fondo Galego de Garantía Agraria, no modelo do anexo XIV, os seus datos e circunstancias, co fin da súa identificación e sen prexuízo de solicitar, no seu día, antes da data que se sinale, a asignación dos importes de referencia e dereitos de axuda procedentes da reserva nacional, logo que se adopten as decisións que procedan no RPU.

Artigo 11º.-Verificación dos datos e actualización provisional.

1. O Fondo Galego de Garantía Agraria verificará todas as comunicacións de modificación propostas

a que se refire o artigo anterior, procedendo, de estimalas procedentes, a modificar os datos do pagamento único.

2. A actualización provisional dos datos do pagamento único considerando os datos facilitados e xustificados polos interesados e verificados polo Fogga non terán carácter definitivo polo que non serán susceptibles de recurso administrativo, sen prexuízo de que os interesados poidan solicitar, en calquera momento, a rectificación de datos erróneos ou inexactos, así como de solicitar, no seu día, a asignación dos dereitos de axuda e a axuda de pagamento único que consideren procedente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Fondo Galego de Garantía Agraria, no ámbito das súas competencias, para ditar as instrucións para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2005.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

ÍNDICE

Anexo I. Comunicación de inicio de actividade durante o período de referencia.

Anexo II. Comunicación de causa de forza maior ou circunstancia excepcionais.

Anexo III. Comunicación por herdanza da explotación ou usufruto. Beneficiario único.

Anexo IV. Comunicación por herdanza da explotación ou usufructo. Varios beneficiarios.

Anexo V. Comunicación por cesión a título gratuíto da explotación no caso de herdanza anticipada. Beneficiario único.

Anexo VI. Comunicación por cesión a título gratuíto da parte da explotación no caso de herdanza anticipada. Varios beneficiarios.

Anexo VII. Comunicación por cambio de denominación ou de personalidade xurídica.

Anexo VIII. Comunicación por fusión total de varias personas físicas ou xurídicas nunha persoa xurídica ou agrupación de persoas físicas.

Anexo IX. Comunidación por escisión ou separación dunha persoa xurídica con ou sen continuación da orixinal e aparición dunha ou máis persoas ou xurídicas.

Anexo X. Comunicación por separación ou escisión de dous ou máis agricultores.

Anexo XI. Comunicación por contrato de compra-venda da explotación.

Anexo XII. Comunicación por contrato de compra-venda de unidades de produción en produtores de ovino, cabrún e vacas nutrices.

Anexo XIII. Comunicación de erros ou inexactitude nos datos.

Anexo XIV. Comunicación para os efectos da reserva nacional.

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL