DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Mércores, 15 de xuño de 2005 Páx. 10.387

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de xuño de 2005 pola que se anuncia o procedemento e os criterios para a concesión de crédito orzamentario destinado á adquisición de material educativo en galego polos centros escolares públicos de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, adscritos á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co fin de fomentar o uso do galego nestes centros.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 14.3º estipula que a Administración educativa de Galicia debe garantir que os alumnos vaian acadando un dominio, oral e escrito, similar dos idiomas galego e castelán, conforme van acabando cada un dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio.

Para conseguir este obxectivo, a mesma lei encoméndalle á Xunta de Galicia a regulamentación do uso desas dúas linguas oficiais en Galicia. No Decreto 247/1995, do 14 de setembro (DOG do 15 de setembro), modificado polo Decreto 66/1997, do 21 de marzo (DOG do 3 de abril), regúlase o uso do galego no ensino.

Para tal fin, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria entende que os materiais que se empreguen nas áreas e materias impartidas en lingua galega estarán escritos normalmente en galego e terán a calidade científica e pedagóxica adecuada, e por iso considera oportuno promover a adquisición de material educativo en galego (bibliográfico, videográfico e adaptado ás novas tecnoloxías da linguaxe), co obxectivo de que o profesorado e os alumnos dos nosos centros públicos conten cos suficientes medios cara ao coñecemento e o uso do idioma.

Por todo isto,

DISPÓN:

Primeiro.-Esta orde está destinada ao anuncio público do procedemento e os criterios para a concesión de crédito orzamentario destinado á adquisición de material educativo en galego polos centros escolares públicos de educación infantil, especial, adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional adscritos á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co fin de fomentar o uso do galego nestes centros.

Segundo.-A finalidade do crédito orzamentario establecido nesta orde é a de satisfacer os gastos de adquisición e/ou elaboración de material didáctico, bibliográfico, fonográfico, videográfico e informático en galego. Queda excluída a adquisición de equipamentos de calquera tipo: ordenadores, impresoras, gravadoras, videocámaras, cámaras dixitais, etc.

Terceiro.-A adquisición de material educativo en galego financiarase con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E.640.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, aprobados pola Lei 13/2004, do 29 de decembro, destinándose unha contía de 1.200.000 A.

Cuarto.

1. O prazo de presentación da comunicación por parte dos centros educativos será o dos 40 días naturais seguintes ao da publicación desta orde no DOG.

2. A comunicación para participar realizarase utilizando o formulario que figura como anexo a esta orde. Irá asinada polo director do centro e mandarase á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente.

3. Canda a comunicación presentarase, como anexo, unha memoria, asinada polo director do centro, na que se especifiquen os materiais que se pretenden adquirir, o importe estimativo destas adquisicións e a finalidade para que están destinadas.

4. De observarse algunha falta ou deficiencia na documentación, requiriranse os comunicantes para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden os posibles erros ou ausencias de documentación. Se, transcorrido este prazo, non se eliminasen as deficiencias observadas, as comunicacións arquivaranse sen máis trámite.

Quinto.-Para o exame e a avaliación das comunicacións constituirase en cada Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha comisión integrada por:

-O delegado provincial, que a presidirá.

-Un representante do Servizo de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega, da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Un/unha representante da Inspección Educativa.

-O/a xefe/a do Gabinete de Normalización Lingüística.

-Un funcionario ou funcionaria da delegación provincial, que actuará de secretario/a.

Sexto.-Unha vez examinadas e avaliadas as comunicacións, as comisións provinciais presentaranlle as propostas de asignación de contías ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de reposición diante do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As comunicacións entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

Sétimo.

1. Para a concesión de crédito orzamentario destinado á adquisición de materiais en galego, terase en conta o número de alumnos, que se valorará en cinco tramos, de maior a menor: A: máis de 600 alumnos; B: de 300 a 600 alumnos; C: de 100 a 299 alumnos; D: de 20 a 99 alumnos; E: menos de 20 alumnos.

2. As contías máximas que se lle poderán conceder a cada centro serán: para os centros do tramo A, 2.000 A; para os centros do tramo B, 1.500 A; para os centros do tramo C, 1.000 A; para os centros do tramo D, 600 A e para os centros do tramo E, 300 A.

3. Excluiranse aquelas comunicacións que non se recibiron dentro de prazo.

Oitavo.-Antes do 31 de outubro de 2005, cada centro terá que lles remitir aos gabinetes de Normalización Lingüística das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a seguinte documentación:

1. Unha relación do material efectivamente adquirido.

2. Facturas orixinais, expedidas a nome do propio centro educativo, correspondentes aos gastos totais deste material.

3. Certificación do director do centro onde conste o compromiso explícito de que todo o material adquirido irá destinado aos fins para os que se solicitou.

4. Certificación orixinal na que consten os datos bancarios do centro, selada e asinada pola entidade financeira correspondente.

En todo caso, na adquisición do material respectarase a normativa de contratos das administracións públicas.

Noveno.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fará o pagamento a través das súas delegacións provinciais, logo da xustificación dos interesados, tal e como se indica na epígrafe 8ª.

2. O importe do crédito adxudicado non será superior ao 100% dos gastos orixinados pola adquisición dos materiais obxecto desta convocatoria.

3. Se o importe xustificado fose inferior ao do crédito asignado, este minorarase porcentualmente.

Décimo.-A comprobación efectiva da adquisición do material levarao a cabo a Inspección Educativa, consonte o disposto no artigo 11 do Decreto 247/1995, do 14 de setembro (DOG do 15 de setembro).

Décimo primeiro.

1. A non entrega das certificacións e dos xustificantes de gasto, aos que fai referencia o artigo 8º, no prazo sinalado, será causa de revogación do crédito asignado e producirá como efecto a denegación deste para o ano seguinte.

2. A contía fixada na resolución poderá ser revisada se houbese alteración das condicións que se tiveran en conta para a súa concesión de acordo cos trámites regulamentarios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria